Saltar ao contido

Lingua córnica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Córnico
Kernewek
Pronuncia:[kəɾˈnuːək]
Falado en: Reino Unido (Cornualla)
Rexións: Europa
Total de falantes: 300-400 (2015)[1][2]
Segunda lingua: 325–625 (est.)[3]
Familia: Indoeuropea
 Linguas célticas
  Linguas britónicas
   Córnico
Status oficial
Lingua oficial de: Non é lingua oficial pero está recoñecida como lingua minoritaria no Reino Unido
Regulado por: Cornish Language Partnership
Códigos de lingua
ISO 639-1: kw
ISO 639-2: cor
ISO 639-3: cor
SIL: CRN
Mapa

Retroceso da lingua córnica ao longo do tempo.

Porcentaxe de falantes do córnico en Cornualla segundo datos do 2011.
Status

O córnico está clasificado como en perigo crítico polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[4]
Unha falante de lingua córnica.

A lingua córnica[5][6] (en córnico: Kernewek ou Kernowek)[7] é unha lingua que pertence ao grupo das linguas britónicas dentro das linguas celtas (o britónico tamén inclúe o galés, bretón, o extinguido cúmbrico e quizais o ivérnico). O gaélico escocés, irlandés e manx pertencen ao grupo Goidélico. O córnico comparte o 80% do seu vocabulario básico co bretón. O córnico empregouse como lingua falada ata finais do século XVIII sendo a súa derradeira falante nativa Dolly Pentreath, e foi revivida outra vez no século XX. No 2006 estimouse que había 3.500 falantes de córnico nun nivel básico, e aproximadamente uns 500 que o falan de maneira fluída.

Clasificación

[editar | editar a fonte]

O córnico é unha lingua britónica, un grupo das linguas insulares da familia lingüística céltica. As linguas britónicas tamén inclúen ao galés, ao bretón e ao cúmbrico.

Texto en córnico.

O córnico apareceu cara ao 600 d. C. como resultado do desenvolvemento independente do dialecto suroccidental britónico tardío. Tradicionalmente divídese a historia do córnico en catro fases:

  • Córnico primitivo (600 - 800); non hai rexistros escritos.
  • Córnico antigo (800 - 1200); Vocabularium Cornicum.
  • Córnico medio (1200 - 1575); a maior parte da literatura tradicional córnica provén da segunda metade deste período.
  • Córnico tardío (1575 - 1800), tamén chamado córnico moderno, por analoxía co inglés moderno, francés moderno etc.

Desapareceu como idioma de uso habitual no século XVIII, substituído progresivamente pola lingua inglesa, e crese que Dolly Pentreath, finada en 1777, foi a última falante nativa monolingüe, se ben houbo falantes nativos posteriores non monolingües. Se ben ao parecer as súas últimas palabras foron Me ne vidn cewsel sawznek! (Non quero falar inglés!), Dolly coñecía algo deste idioma, polo que se supón que a última falante puramente monolingüe puido ser Chesten Marchant, finada en 1676.

Con todo, durante o século XIX había aínda falantes. Matthias Wallis, de St Buryan, certificou en 1859 que a súa avoa, Ann Wallis, finada en 1844, falaba córnico, afirmando tamén que Jane Barnicoate, finada cara a 1857, era tamén falante da lingua.[8] En 1875 había canto menos seis falantes de córnico.[9] O labrego John Davey, finado en 1891 en Boswednack (Zennor), puido ser a última persoa con coñecementos tradicionais de córnico antes da resurrección da lingua a comezos do século XX.[10] É posible que algúns elementos da linguaxe sobrevivisen máis alá do uso da lingua completa.[11]

Existen evidencias de que durante o século XIX e comezos do XX o córnico sobreviviu como lingua de ámbito doméstico no seo dalgunhas familias.[12][13][14][15]

A pesar de desaparecer como lingua común a partir do século XVIII, desde o primeiro cuarto do século XX houbo intentos de recuperación, o que se conseguiu de forma notable. O rexurdimento iniciouse en 1904, cando Henry Jenner publicou Handbook of the Cornish Language. Durante os seguintes sesenta anos recuperouse o uso escrito e, nun ámbito moi reducido, o uso oral, debido sobre todo á falta de comunicación e á dificultade dos falantes para reunirse. Non obstante, a mellora dos medios de comunicación e de transporte ao longo do século XX facilitaron a comunicación entre falantes: hai casos de pais e nais que comezaron a falar en córnico cos seus fillos e fillas, o que creou falantes nativos despois de moito tempo.

En 1933 celebrouse a primeira misa en córnico; durante os seguintes corenta anos houbo unha media de tres cada ano. En 1997 o bispo de Truro Bill Ind comezou a aprender o idioma e pasou a formar parte do comité para coordinar a tradución da Biblia.

No século XXI a lingua estúdase en diversas escolas, institutos e universidades. En 2010 inaugurouse a primeira escola na que o córnico é a lingua principal de ensinanza.[16] Existen diversas asociacións de protección da lingua, como Kesva an Taves Kernewek, e existe un programa de radio semanal bilingüe de quince minutos en Radio Cornwall. Un estudo realizado por Kenneth MacKinnon en 2000 estimaba en 300 o número de falantes.[17][18] En 2006 estimouse que unhas 500 persoas o dominan con fluidez, e unhas 3500 posúen certos coñecementos, ou poden entendelo cun nivel básico, pero non o falan decote. O Cornish Language Strategy project estimou en 2008 cara a 2000 o número de persoas capaces de falalo de forma fluída.[19]

Gramática

[editar | editar a fonte]

O vocabulario procede, nun 80 %, do céltico, se ben recibidiu notable influencia doutras linguas ao longo dos séculos, como o inglés ou o latín, da cal proceden termos como eglos, 'ecclesia' (igrexa), eur 'hora' (hora), korf 'corpus' (corpo), Krist 'Christus' (Cristo), spyrys 'spiritus' (espírito) ou termyn 'terminus' (termo).

Hai dous xéneros gramaticais, masculino e feminino, e certas terminacións que se corresponden co xénero: por exemplo, os abstractos en -yeth, os nomes de lugar en -va/-ek e os nomes formados engadindo -en a un plural colectivo son femininos; os nomes abstractos en -ans, -der/-ter, os nomes de lugar en -jy/-ty e todos os nomes verbais son masculinos.

Existen doce marcadores de plural, como lu 'exército', (luyow); bron 'outeiro' (bronyon); pren 'árbore', (prenyer). Algúns plurais fórmanse por flexión interna, como dans/dyns ('dente'). Non existe sistema de declinación: as relacións sintácticas indícanse mediante preposicións ou aposición.

A numeración do 1 ao 10 é: 1 onen/un; 2, deu; 3, try; 4, peswar; 5, pymp; 6, whegh; 7, seyth; 8, eth; 9, naw; 10,dek; 11, unnek; 12, deudhek; 20, ugans, 30, dek warn ugans; 40, deugans; 60, try ugans; 100, cans. Os números deu, try e peswar teñen formas femininas: dyw, tyr e peder.

Os verbos teñen tres modos: indicativo, imperativo e subxuntivo. O indicativo consta de presente/futuro, pretérito, copretérito e antepretérito; o subxuntivo, de presente/futuro e copretérito.

Os pronomes persoais son: my (eu), ty (ti), ef (el), hy (ela), ny (nós), why (vós) e y (eles/elas).

O pronome relativo é, en singular, hemma/homma 'isto'; en plural, an rema; en singular, henna/honna 'iso'; en plural, an rena. O interrogativo é pyu 'quen?'; 'que?' exprésase de varias formas coa base py, como py lever 'que libro?'.

A tipoloxía lingüística da orde da frase é SVO (suxeito, verbo, obxecto) en cláusulas nominais; VSO (verbo, suxeito e obxecto) en cláusulas verbais, e obrigado en cláusulas subordinadas; tamén é posible a orde de OSV (complemento, suxeito e verbo) para salientar.

Escritura

[editar | editar a fonte]

Durante moito tempo non houbo unha estandarización do córnico escrito, polo que se escribía de diferentes xeitos. Por exemplo, seguindo a tradición ortográfica do inglés (o uso de "oo" para representar o son do "u") ou ben usando sistemas de escritura usados por celtistas. Non obstante, en 1929 Robert Morton Nance normalizou a escrita co sistema Kernewek Unnyes (córnico unificado), baseado no córnico dos escritos medievais. Moita xente, especialmente do campo da lingüística, pensou que non se podía revivir un idioma moderno a partir de como se falaba catrocentos anos atrás.

Co descubrimento das Homilías de Tregear e a obra teatral "A creación do mundo", o coñecemento do córnico aumentou e xurdiu outro sistema de escritura, o Carnoack, baseado nos últimos escritos encontrados e que se desenvolveu a principios da década de 1980. Nesa época o doutor Ken George comezou a estudar o idioma a partir de criterios fonolóxicos: pasou un ano na Bretaña e creou o que en principio sería un sistema para unir o Kernewek Unnyes e o Carnoack, o chamado Kernewek Kemmyn (córnico común). En 1987 a Kesva an Taves Kernewek aceptou as súas propostas e oficializou ese sistema, se ben os dous anteriores continúan a ser usados por certas correntes.

Comparacións lingüísticas

[editar | editar a fonte]
Córnico Galés Bretón Galego
Kernewek Cernyweg Kernewveureg Córnico
gwenenen gwenynen gwenanenn abella
kador cadair kador cadeira
keus caws keus queixo
yn-mes y ffordd allan/mas er-maes saída
koedha cwympo kouezhañ caer
gaver gafr gavr cabra
chi ti casa
gweus gwefus gweus beizo
aber aber, genau aber boca (río)
niver rhif, nifer niver nome
perenn gellygen, peren perenn pera
skol ysgol skol escola
megi mygu mogediñ fumar
sterenn seren steredenn estrela
hedhyw heddiw hiziw hoxe
hwibana chwibanu c'hwibanad asubiar

Frases comúns

[editar | editar a fonte]
Córnico IPA Galego
Myttin da 'mitten dah' "bos días"
Dydh da 'dith dah' "bo día"
Fatla genes? 'fat lah genez' "que tal?"
Yn poynt da, meur ras 'in point dah, murr raz' "ben , grazas"
Py eur yw hi? 'pee urr you hee' "Que hora é?"
Ple'ma Rysrudh, mar pleg? 'play mah rizrooth, marr plek' "Por favor, onde está Redruth?"
Yma Rysrudh ogas dhe Gambron, heb mar! 'ima rizrooth ogas the Gambron hep marr' "Claro!, Redruth atópase preto de Camborne"
  1. Harley, Nicola (5 de novembro de 2015). The Daily Telegraph, ed. "Council splashes out £180,000 to try to stop the Cornish language dying out" (en inglés). Consultado o 1 de xullo de 2017. 
  2. "Cornish language no longer extinct, says UN". www.bbc.com. 7 de decembro de 2010. 
  3. "Language in England and Wales: 2011". ons.gov.uk. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2014. Consultado o 24 de novembro de 2017. 
  4. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  5. "córnico". TERGAL. Consultado o 29/05/2019. 
  6. Definición de córnico, -ca no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
  7. "Gerlyver Kernewek |". www.cornishdictionary.org.uk (en córnico). Consultado o 17 de outubro de 2019. 
  8. Alan M. Kent, Tim Saunders, Looking at the Mermaid: a Reader in Cornish Literature 900-1900, Francis Boutle, 2000
  9. Lach-Szyrma, W. S. (1875) "The Numerals in Old Cornish". En: Academy, Londres, 20 de marzo de 1875 (citado en Ellis, P. B. (1974) The Cornish Language, p. 127)
  10. The Cornish Language and Its Literature: a History, by Peter Berresford Ellis
  11. "Independent Study on Cornish Language" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de novembro de 2019. Consultado o 04 de xullo de 2019. 
  12. The Celtic Languages in Contact, Hildegard L. C. Tristram, 2007
  13. Cornish Comments BBC
  14. First Cornish-speaking creche is inspired by example set in Wales
  15. "Andrew George". Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2012. Consultado o 04 de xullo de 2019. 
  16. "Have a good dy: Cornish language is taught in nursery - Times Online, 15 de enero de 2010". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2010. Consultado o 04 de xullo de 2019. 
  17. "First Cornish-speaking creche is inspired by example set in Wales". WalesOnline website (Welsh Media Ltd). 16 de enero de 2010. Consultado o 18 de enero de 2010. 
  18. "Mode of use". Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2008. Consultado o 26 de xuño de 2008. 
  19. "'South West:TeachingEnglish:British Council:BBC". BBC/British Council website (BBC). 2010. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2010. Consultado o 9 de febreiro de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]