Saltar ao contido

Leirón careto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Leirón careto
Eliomys quercinus
Carl von Linné 1766 Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
Conservación
Especie vulnerable
Clasificación taxonómica
 Categoría taxonómica
 Taxon superior
 Combinación orixinal
ReinoAnimalia
FiloChordata
ClaseMammalia
OrdeRodentia
SubordeSciuromorpha
FamiliaGliridae
XéneroEliomys
EspecieE. quercinus
Datas
 Duración máxima de vida
5.5 a Editar o valor en Wikidata
Códigos e identificadores
Freebase/m/0b438f Editar o valor en Wikidata
ITIS584970 Editar o valor en Wikidata
OTT964576 Editar o valor en Wikidata
UICN7618 Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Wikidata G:Commons C:Commons

O leirón careto (Eliomys quercinus) é unha especie de roedor esciuromorfo da familia Gliridae. É un pequeno roedor que presenta as características morfolóxicas do resto de leiróns.

Características

[editar | editar a fonte]
Eliomys quercinus

É un roedor de tamaño mediano cuxa lonxitude, excluíndo a cola, oscila entre 10 e 17 cm. De complexión reboluda e cunha pelaxe contrastada que presenta unha coloración pardo-avermellada no lombo e branca na parte inferior. Na cabeza destacan dúas orellas prominentes e dúas características manchas negras que se espallan dende os seus grandes ollos cara a atrás, a semellanza dun antiface, e que son a causa do seu nome. Mans con cinco longos dedos, que lle permiten rubir doadamente ás árbores.

Posúe ademais unha longa cola, cuxa lonxitude oscila entre 9 e 13,5 cm, rematada nun penacho de pelos máis longos, o cal pode desprenderse se é collido por un depredador e rexenerarse logo (aínda que non hai posibilidade de renovación do óso, como nas lagartas). Non presenta dimorfismo sexual, fóra das mamas (catro pares) que son visibles nas femias durante a etapa de lactación.

As distintas subespecies presentan distintos pesos, que oscilan de 50 gramos na menor delas, a 150 g na maior.

O lrirón adoita vivir uns tres anos, aínda que excepcionalmente pode acadar os sete.

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Ao rematar o período de hibernación prodúcese o primeiro período de celo no que ten lugar o cortexo e a cópula, xusto antes do verán. A xestación dura aproximadamente de 21 a 23 días, sendo a primeira camada usualmente de 4 ó 5 leiróns.

O segundo período de celo ten lugar desde mediados de xullo ata medidados de setembro, ou despois do período de estivación se o verán é moi seco. Esta segunda camada adoita ter un maior número de leiróns que poden oscilar entre 4 e 7.

O tempo de lactación dura entre 25 e 30 días, transcorridos estes días os pequenos completan por si sós a súa dieta no exterior. O seu crecemento culmina entre os 93 e 146 días, interrompendo o seu crecemento a segunda camada polo letargo do inverno[1].

O lirón vive xeralmente en zonas boscosas típicas da Península Ibérica, rochedos e ata contrucións humanas, tanto na vertente Atlántica como na Mediterránea, polo que pode atoparse tanto en bosques de coníferas como caducifolios, debesas e enciñais etc. É posible atopar exemplares a grande altitude sobre o nivel do mar, por riba dos 2.500 metros.

Distribución

[editar | editar a fonte]

É unha especie que está presente en toda Europa, agás nas illas Británicas e a península de Escandinavia. Pódese atopar nos Urais e o norte de África.

Alimentación e costumes

[editar | editar a fonte]

É unha especie nocturna, aínda que durante o período de apareamiento aproveita as últimas horas do día. É un mamífero eminentemente adaptado á inxesta de vexetais, cunha dentición dotada de moas e uns incisivos adecuados. A súa dieta abarca cereais, froitos secos, bagas pero tamén desenvolveu unha faceta depredadora e inclúe na súa dieta pequenos invertebrados como caracois, cempés, formigas, saltóns e arácnidos. Excepcionalmente pode comer pitos de aves, anfibios, réptiles, ovos ou ata crías doutros roedores.

Ao final do verán e comezo do outono, previamente á hibernación, a súa dieta pasa a compoñerse case exclusivamente de froitos secos, que lle permiten acumular graxas para pasar todo o inverno en estado de letargo. Tamén hai que considerar, polos restos de coellos achados en contidos do seu estómago, que é capaz de predar sobre coellos e lebres de pequeno tamaño.

En catividade comprobouse que captura con suma facilidade ratos de campo e ata pegas. En estado salvaxe tamén pode atacar a esta especie, que na noite se presenta sumamente vulnerable, así como os seus ovos e pitos. Estes ataques poden ir dirixidos ademais de para procurarse o sustento para poder apropiarse do niño que empregará para a súa propia reprodución [1].

Subespecies

[editar | editar a fonte]

Son varias as subespecies catalogadas de leirón careto, catro das cales se distribúen na Península Ibérica e illas adxacentes:

  • E. q. dichrurus, presente en Sicilia.
  • E. q. gymnesicus, propio das illas Baleares de Mallorca e Menorca.
  • E. q. liparensis, de Lipari, pequena illa preto de Sicilia.
  • E. q. lusitanicus, atópase no suroeste da Península Ibérica, de ton avermelado.
  • E. q. quercinus, presente no resto da Península Ibérica, ten unha tonalidade máis escura e de menor tamaño.
  • E. q. ophiusae, que vive en Formentera, co maior tamaño das catro subespecies españolas.
  • E. q. pallidus, que se distribúe pola Península Itálica e Sicilia.
  • E. q. sardus, propio de Sardeña e Córsega.

A subespecie E. q. ophiusae está catalogada como rara e de especial atención dado o reducido da súa área de distribución.

  1. 1 2 Revista Natura nº37, Abril de 1986.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]