Kazimierz Stronczyński
Nome orixinal | Kazimierz Jakub Stronczynski |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 24 de xullo de 1809 Piotrkowie Trybunalskim, voivodato de Lódz. |
Morte | 10 de novembro de 1896 Piotrkowie Trybunalskim, voivodato de Lódz. |
Lugar de sepultura | Cemiterio católico romano de Piotrków Trybunalski. |
País de nacionalidade | Polaco. |
Educación | Universidade de Varsovia. |
Actividade | |
Campo de traballo | Numismática, historiografía, paleografía, sixilografía. |
Ocupación | historiador, sigillographer (en) , heraldista, numismático, naturalista, paleógrafo, coleccionista |
Membro de | Academia das Artes e as Ciencias de Cracovia |
Familia | |
Cónxuxe | Klementyna Bentkowskil (1834). |
Pai | Wincenty Stronczynski. |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Kazimierz Jakub Stronczyński, nado en Piotrków Trybunalski, voivodato de Łódź, o 14 de xullo de 1809 e finado na mesma cidade o 10 de novembro de 1896, foi un numismático, paleógrafo, historiador, académico e político polaco, que sentou as bases do coñecemento da moeda polaca durante a Idade Media.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e formación
[editar | editar a fonte]Kazimierz Stronczyński naceu en 1809 na vila polaca de Piotrków —posteriormente chamada Piotrków Trybunalski—,[1] fillo de Wincenty Stronczyński (1778-1869), soldado do exército napoleónico e que tamén foi xuíz de paz do distrito de Piotrków.[2][3]
Cursou a súa educación primaria en Pajęczno, e logo a educación secundaria en Piotrków, entre 1817 e 1823, nunha escola da orde dos Escolapios, cunha pausa dun ano na que asistiu a unha escola en Wieluń.[4] En 1825 complementou a súa formación noutro colexio escolapio, xa en Varsovia, e ese mesmo ano comezou os seus estudos superiores no departamento de Ciencias Naturais da Universidade de Varsovia,[5] dos que se graduou en 1828.[6]
A numismática e outros intereses
[editar | editar a fonte]No mesmo ano da súa graduación comezou a exercer como profesor de Química e de Ciencias Naturais na Escola de Pedagoxía Práctica do Voivodato de Varsovia, e tres anos máis tarde, en marzo de 1831, comezou a traballar no Banco de Polonia, onde exerceu o seu labor profesional paralelamente aos seus intereses culturais e científicos.[7]
Desta época datan as primeiras mostras do interese de Stronczyński pola numismática, xa que consta unha procura levada a cabo por el nos Rexistros Públicos do Reino de Polonia centrada en documentos relacionados coa historia da moeda polaca.[7]
En 1836 ingresou na Oficina de Heráldica do Reino de Polonia, adscrita ao Segundo Consello de Estado, e alí dedicouse á análise de probas documentais para establecer ou confirmar status. Este labor abriu o interese de Stronczyński cara á paleografía, que o levou á publicación en 1839 dun estudo que contiña debuxos de diversos documentos e selos de 1228 a 1536.[7][8]
A partir de aquí, Stronczyński focalizou o seu interese na historia da arte e, sinaladamente, na numismática, influído por Félix Bentkowski —o pai da súa esposa Klementyna, con quen casou en 1834—, creador do Gabinete Numismático da Universidade de Varsovia e autor dun catálogo dos seus fondos.[9] En 1847 Stronczyński publicou a súa primeira e máis salientable obra sobre numismática: Pieniadze Piastów od czasów najdawniejszych do roku 1300 ("As moedas dos Piastas desde os inicios ata 1300"),[10] na que inicialmente presenta o estado da investigación e as publicacións sobre a moeda polaca, e logo aborda a análise e a clasificación do contido dos 32 achados monetarios coñecidos por el.[11]
Logo da súa xubilación en 1867, Stronczyński propúxose decididamente a actualización, a mellora e a ampliación do seu traballo de 1847 sobre a moeda polaca. Para as ilustracións desta nova obra ampliada, contaba coa colaboración do fotógrafo e numismático Karol Beyer, que se viu truncada polo falecemento deste en 1877. Nunha misiva do 15 de setembro de 1872 ao seu amigo o xurista Romuald Hube falaba dos avances no seu traballo:[13]
“ | A alteración e a complementación do meu traballo anterior sobre as cuñaxes dos Piastas está hoxe case á orde do día e moi avanzado. Mesmo podería estar completado hai moito tempo se non fose polo capricho que me levou a incluír A sixilografía e a tratar tamén en breve outras partes da nosa arqueoloxía [...] O conxunto será moito máis amplo e chegará ata o ano 1506, é dicir, ata a reforma completa da moeda no reinado de Sexismundo I. | ” |
Finalmente, esta segunda gran obra numismática de Stronczyński publicouse en tres volumes entre 1883 e 1885 baixo o título xenérico de Dawne monety polskie dynastyi Piastów i Jagiellonów ("Moedas antigas polacas das dinastías Piasta e Xaguelónica"), que abranguen as emisións ata 1586.[13]
Á marxe da súa dedicación principal á numismática, Stronczyński encabezou tamén en 1844 unha delegación encargada de realizar un inventario exhaustivo dos monumentos do Reino de Polonia. Durante nove anos, a delegación describiu e ilustrou os monumentos de 386 localidades polacas. O resultado son os coñecidos como álbums Stronczyński, compostos por cinco volumes de texto, acompañados por sete álbums con 417 acuarelas e gouaches elaborados por diversos ilustradores. Este traballo constitúe unha fonte de grande importancia para a historia da arquitectura e dos monumentos polacos.[14][15]
Do mesmo xeito, cultivou tamén os seus estudos no campo da zooloxía, e en 1835 publicou Rozrywki entomologiczne dla młodzieży ("Diversións entomolóxicas para adolescentes").[16][17] Nos anos seguintes, Stronczyński publicou unha nova obra sobre mamíferos e fixo tamén unha reedición dun manual polaco de 1584 sobre a caza de aves.[7]
Kazimierz Stronczyński foi membro da Academia das Artes e as Ciencias de Cracovia.
Carreira pública
[editar | editar a fonte]En tanto que seguía a cultivar os seus intereses culturais e científicos, Stronczyński desempeñou tamén diversos cargos oficiais. En 1862 accedeu á dirección administrativa do Ministerio de Confesións Relixiosas e Educación Pública de Polonia, e en 1864 foi nomeado membro dos Departamentos de Varsovia do Senado do Goberno Ruso,[18] equivalente ao Tribunal Supremo para o Reino do Congreso, posto que ocupou ata a súa xubilación en 1867, co rango de senador,[19] o que lle permitiu retirarse na súa vila natal, Piotrków, e dedicarse integramente á numismática, á heráldica e ao coleccionismo nos anos posteriores, ata o seu falecemento o 10 de novembro de 1896.[20][21][22]
Publicacións
[editar | editar a fonte]Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis salientables publicados por Kazimierz Stronczyński ao longo da súa traxectoria:[23]
Numismática
[editar | editar a fonte]- (1847). Pieniądze Piastów od czasów najdawniejszych do roku 1300: rozbiorem źródeł współczesnych i wykopalisk, oraz porównaniem typów menniczych objaśnione ["As moedas dos Piastas desde os inicios ata 1300: análise das fontes e escavacións contemporáneas, e comparación dos tipos de ceca explicados"]. Varsovia.
- (1883-1885). Dawne monety polskie dynastyi Piastów i Jagiellonów ["Moedas antigas polacas das dinastías Piasta e Xaguelónica"]. Piotrków
- (1883). Tomo I: Monety pierwszych czterech wieków rozbiorem wykopalisk objaśnione ["Moedas dos catro primeiros séculos explicadas por escavacións"].
- (1884). Tomo II: Monety pierwszych czterech wieków w porządek chronologiczny ułożone i opisane ["Moedas dos catro primeiros séculos ordenadas e descritas en orde cronolóxica"].
- (1885). Tomo III: Monety XIV, XV i XVI wieku uporządkowane i objaśnione ["Moedas dos séculos XIV, XV e XVI organizadas e explicadas"].
Paleografía
[editar | editar a fonte]- (1839). Wzory pism dawnych w przerysach wystawione, i objaśnione drukowanem ich wyczytaniem. Obejmująca pismo dyplomatów od roku 1228 do 1536 ["Presentación de copias de mostras de escritos antigos e explicación con lecturas impresas. Abrangue os escritos dos diplomáticos de 1228 a 1536"]. Varsovia.
Sixilografía
[editar | editar a fonte]- (1881). Pobieżny przegląd pieczęci Piastów polskich ["Revisión superficial dos selos da dinastía Piasta polaca"]. Varsovia.
- (1888). Pomniki książęce Piastów, lenników dawnej Polski w pieczęciach, budowlach, grobowcach i innych starożytnościach, zebrane i objaśnione ["Monumentos dos príncipes piastas, vasalos da antiga Polonia, en selos, edificios, tumbas e outras antigüidades, compilados e explicados"]. Piotrków.
Ciencias naturais
[editar | editar a fonte]- (1835). Rozrywki entomologiczne dla młodzieży. Pisemko zawierające w sobie opisy pospolitszych owadów krajowych ["Diversións entomolóxicas para adolescentes. Revista que contén descricións dos insectos domésticos máis comúns"]. Varsovia.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Czyżewski. B. (2019).
- ↑ Sądownictwo w Królestwie Polskiem, magistratury sądowe, ich skład i etat pracy, dla użytku urzędowego w roku 1853 ["Poder xudicial no Reino de Polonia, maxistrados de tribunais, a súa composición e ética de traballo, para uso oficial no ano 1853"]. 1854. Páxina 73.
- ↑ Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxina 43.
- ↑ Stronczyński, K. (1884). “Wspomnienia szkół piotrkowskich z czasu od 1817 do 1823 r., przez Kazimierza Stronczyńskiego, b. wychowańca tychże szkół” ["Lembranzas das escolas de Piotrków de 1817 a 1823, por Kazimierz Stronczyński, antigo alumno destas escolas"]. En Kański, J. (ed.), Szkoły piotrkowskie. Piotrków. Páxinas 208-241.
- ↑ Bieliński, J. (1912). Królewski Uniwersytet Warszawski (1816-1831) ["Real Universidade de Varsovia (1816-1831)"]. Vol. III. Varsovia e Cracovia.
- ↑ Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 43-44.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxina 44.
- ↑ Véxase "(1839)" en "Publicacións".
- ↑ Bentkowski, F. (1830). Spis medalów polskich lub z dziejami krainy polskiéj stycznych, w Gabinecie Król. Alex. Uniwersytetu w Warszawie znajdujących się, tudzież ze zbiorów i pism rozmaitych lub podań zebrany i porządkiem lat ułożony ["Relación de medallas polacas ou relacionadas coa historia da terra polaca, na ... Universidade de Varsovia..."]. Varsovia.
- ↑ Véxase "(1847)" en "Publicacións".
- ↑ Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 44-46.
- ↑ "Kazimierz Stronczynski". En Klosy. 1889, Tomo 49. Nº 1257. Páxinas 65-66.
- ↑ 13,0 13,1 Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxina 47.
- ↑ Os resultados destes traballos foron publicados en varios volumes entre 2009 e 2014 polo Ministerio de Cultura e Patrimonio NAcional de Polonia, baixo o título de Kazimierza Stronczyńskiego opisy i widoki zabytków w Królestwie Polskim (1844-1855) ["Descricións e vistas de monumentos do Reino de Polonia, de Kazimierz Stronczyński (1844-1855)"],
- ↑ Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 44-45.
- ↑ Véxase "(1835)" en "Publicacións".
- ↑ "History of the Museum and Institute of Zoology". Muzeum i Instytut Zoologii Polskiej Akademii Nauk (Miiz.waw.pl).
- ↑ Suchodolski , S. (2005). Páxina 5.
- ↑ Kuczyński , S. K. (2006). Páxina 368.
- ↑ Esquela polo falecemento de Stronczyński. Jagiellońska Biblioteka Cyfrowa (JBC.bj.uj.edu.pl).
- ↑ Czyżewski. B. (2019). Páxina 184.
- ↑ Chabrzyk, Piotr. (2021). Páxinas 46-47.
- ↑ "Kazimierz Stronczynski". Polona.pl
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Kazimierz Stronczyński |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chabrzyk, Piotr. (2021). "Kazimierz Stronczyński (1809-1896)". En Compte Rendu, 68. International Numismatic Council. Páxinas 43-49.
- Czyżewski. B. (2019). "Tajemnica narodzin i śmierci Kazimierza Stronczyńskiego rozwiązana". En Wiadomości Numizmatyczne. LXIII. Páxinas 179-187.
- Delimat, H. (1973). Kazimierz Stronczyński: życie i działalność (1809-1896). PWN.
- Kuczyński , S. K. (2006). “Stronczyński Jakub Kazimierz (1809-1896)”. En Polski słownik biograficzny. Vol. 44. Parte 3.
- Suchodolski, S. et al. (1983). Kazimierz Stronczyński. Numizmatyk, sfragistyk i inwentaryzator zabytków. Polskie Towarzystwo Archeologiczne, Lódz. 1983.
- Suchodolski , S. (2005). "Kazimierz Stronczyński i jego dokonania numizmatyczne". En Kazimierz S. (2005). Dawne monety polskie dynastyi Piastów i Jagiellonów, Część 1. Monety pierwszych czterech wieków rozbiorem wykopalisk objaśnione. Varsovia. Páxinas 4-5.