Quilo (aparato dixestivo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Quilo
Quilo drenado dun paciente con quilotórax, mostrando o seu característico aspecto de líquido leitoso.
Sistema sistema linfático
Precursor Formado no intestino delgado
MeSH Chyle D002913 Chyle

O quilo (do grego antigo χυλός chylos, 'zume',[1]) é un fluído corporal de aparencia leitosa que os vasos linfáticos (quiliferos) das vilosidades intestinais toman do intestino delgado despois da dixestión completa de comida rica en graxas.[2][3] Unha vez nos vasos linfáticos, o quilo consiste en linfa e graxas emulsionadas ou ácidos graxos libres. Os lípidos do quilo no sistema linfático están suspendidos coliodalmente en quilomicrons. O quilo é levado ata o conduto torácico linfático e desemboca nas veas subclavia e xugular, polo que acaba mesturándose co sangue.

Importancia clínica[editar | editar a fonte]

Unha fístula de quilo ocorre cando certos defectos nos vaos linfáticos teñen como resultado a filtración do fluído linfático, que normalmente se acumula nas cavidades torácica (pleural) ou abdominal (peritoneal),[4] o que orixina unha efusión pleural quilosa (quilotórax) ou unha ascite quilosa, respectivamente.

A diagnose dunha fístula de quilo pode ser realizada pola análise do fluído pleural/peritoneal. A identificación da fonte (localización do defecto linfático) adoita ser complicada, pero pode realizarse por linfoanxiografía, a cal ás veces está asociada a un efecto terapéutico casual (resolución da filtración), que se cre é secundaria a un efecto esclerosante do contraste da linfoanxiografía.

Debido á extrema fraxilidade dos vasos linfáticos, a reparación directa dos defectos é imposible. Por tanto, o tratamento das fístulas de quilo depende da diminución da produción de fluído linfático para permitir que curen os defectos do vaso linfático ou unha desviación permanente do fluído linfático no vaso defectuoso. A diminución da produción de fluído linfático pode realizarse pola restrición dietética (ou substitución completa da inxestión oral por medio de nutrición parenteral total), así como pola medicación con octreotide (un análogo sintético da hormona somatostatina)[5] e orlistat (un inhibidor da lipase que diminúe a absorción de graxas da dieta). A desviación permanente do fluído linfático pode practicarse pola embolización do conduto torácico (un procedemento baseado no uso dunha agulla que oclúe o conduto depositando nel un material pegañento/embólico) ou pola ligadura do conduto torácico (un procedemento de cirurxía aberta para ocluír o conduto suturándoo fortemente todo arredor).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mosby’s Medical, Nursing and Allied Health Dictionary, Fourth Edition, Mosby-Year Book Inc., 1994, p. 335
  2. Diccionario Galego de Termos Médicos. Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Páxina 658. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Santiago de Compostela 2020.
  3. Diccionario Terminológico de Ciencias Médicas. 13ª edición. Editorial Masson. Páxina 1036. ISBN 84-458-0095-7 .
  4. Tessier, Deron J, MD, Chyle fistula eMedicine; 10 de xaneiro de 2008; consultado en febreiro de 2008
  5. Mincher, L; Evans, J; Jenner, MW; Varney, VA (2005). "The successful treatment of chylous effusions in malignant disease with octreotide". Clinical Oncology 17 (2): 118–21. PMID 15830574. doi:10.1016/j.clon.2004.06.016. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]