Jacques Cartier

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Jacques Cartier
Jacques Cartier
Jacques Cartier, retrato de Théophile Hamel (1817-1870)
Nacemento: 31 de decembro de 1491
Saint-Malo Flag of France.svg Francia
Falecemento: 1 de setembro de 1557
Saint-Malo Flag of France.svg Francia
Ocupación: Navegante e explorador.
Cónxuxe(s): Mary Catherine des Granches
Sinatura: Jacques Cartier Signature.svg

Jacques Cartier, nado en Saint-Malo, Bretaña (Francia) o 31 de decembro de 1491 e finado o 1 de setembro de 1557 no mesmo lugar, foi un explorador francés.[1] Fíxose coñecido polas súas tres viaxes ao Canadá, nas que buscou o Paso do Noroeste, que permitiría unha ruta entre o Océano Atlántico e o Océano Pacífico polo norte de América. Nestas viaxes converteuse no primeiro explorador do Golfo de San Lourenzo (1534) e descubridor do Río San Lourenzo (1534), cartografando esa costa e denominándoa por primeira vez como Canadá.[1][2]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Jamet Cartier e Josselin Jansart, non se coñece moito sobre a súa infancia. Casou o 2 de maio de 1520 con Catherine, filla do condestábel de Saint-Malo, Jacques des Granches, matrimonio que mellorou notablemente a súa posición social.[3]

Algúns historiadores cren que antes das súas coñecidas viaxes ao actual Canadá Cartier xa tiña unha ampla experiencia como mariño, participando en expedicións á illa de Terranova, zona coñecida por pescadores vascos e bretóns, e á costa de Brasil en expedicións da frota normanda que partirían de Dieppe. Estas crenzas baséanse en varios indicios, como as constantes comparacións que fai entre os nativos de Nova Francia e os do Brasil, ademais do seu coñecemento do portugués. O bispo de Saint-Malo, Jean Le Veneur, tamén fai referencia a estas viaxes de Cartier ao presentalo ao Rei de Francia Francisco I en 1532, trala unión formal entre o Ducado da Bretaña e Francia.

Por outro lado tamén se cre que en 1524 participou na expedición que por encargo de Francisco I, dirixiu o mariño italiano Giovanni da Verrazzano; esta sería a primeira misión europea que explorou a costa atlántica de América do Norte dende Carolina do Sur ata Nova Escocia e Terranova.

Primeira viaxe (1534)[editar | editar a fonte]

No ano 1534 o rei de Francia encoméndalle o mando dunha expedición co propósito de atopar o Paso do Noroeste, que permitiría navegar entre o Océano Atlántico e o Pacífico polo norte de América e establecer unha ruta comercial con Asia. Partiu de Saint-Malo o 20 de abril de 1534 ao mando de dous barcos e tardou vinte días en chegar a Terranova.

O 10 de maio fondeou nas costas de Terranova e bordeou a illa en dirección norte atopando o Estreito de Belle Isle polo que accedeu ao Golfo de San Lourenzo e seguiu bordeando a illa, agora a súa costa occidental, descubrindo as Illas de la Madeleine e a Illa do Principe Eduardo. Seguindo despois a costa do Golfo chegou ata a desembocadura do río San Lourenzo, a illa de l'Assomption e a península de Gaspésie, onde tivo o primeiro encontro cos nativos do Canadá. O 24 de xullo tomou posesión do territorio en nome da coroa francesa. Con agasallos atraeu os fillos do xefe nativo Donnacona, Domagaya e Taignoagny, reténdoos conta a súa vontade e levándoos como reféns no seu regreso a Francia. Volveu a Saint-Malo o 5 de setembro de 1534.

Segunda viaxe (1535/36)[editar | editar a fonte]

Ruta da segunda viaxe de Cartier.

A súa segunda expedición tivo comezo en 19 de maio de 1535 e constaba de tres navíos, o La Grande Hermine (120 toneladas) baixo o seu mando directo, o Petite Hermine (60 toneladas) ao mando do seu cuñado Macé Jallobert e o L'Émérillon (40 toneladas), e levando consigo de volta os dous nativos que levara cautivos á volta da primeira viaxe.

O traxecto oceánico ata chegar ao continente americano transcorreu coma a vez anterior salvo polo feito de que os barcos foron separados polas tormentas, reuníndose outra vez as tres naves no Estreito de Belle Isle. Co consello dos dous nativos conseguiron chegar á desembocadura do Río San Lourenzo, e remontandoo chegaron ata a aldea iroquesa de Stadacona, onde Cartier se reuniu de novo co xefe Donnacona, liberando os seus fillos.

Cartier deixou os dous barcos maiores nun porto natural do río e seguiu remontándoo con corenta homes a bordo do L'Émérillion; a pesar de non seguir máis alá do lago Saint-Pierre a causa do caudal e os rápidos que presentaba o río nesa zona, bautizou esa zona como Lachine, ao pensar que ese río era o Paso do Noroeste e que os rápidos eran o único que o separaba de China. No traxecto, o 2 de outubro de 1535, chegou a un gran asentamento nativo, Hochelaga, aos pes do monte Royal, que co tempo sería o emprazamento da cidade de Montreal.

Tras algún día en Hochelaga, Cartier volveu a Stadacona o 11 de outubro preparándose para pasar o inverno alí. O campamento que se levantou para tal efecto sería a orixe da cidade de Quebec. Salvo algún desacordo as relacións cos nativos foron boas e non desembocaron en actos violentos. Nese inverno Cartier confeccionou unha especie de dicionario xeográfico e etnográfico da zona. Pese aos preparativos foi un inverno duro, xa que tanto iroqueses coma franceses sufriron o escorbuto, mais un tratamento nativo permitiu a 85 dos 110 europeos sobrevivir á enfermidade.

O 6 de maio puxo rumbo a Francia, tras capturar o xefe Donnacona, os seus dous fillos e outros sete iroqueses para que contaran na corte francesa as historias que circulaban sobre terras ricas en ouro e outros tesouros. Porén Cartier tivo que deixar atras a Petite Hermine, ao non ter xa tripulación para ela, e saíndo esta vez polo sur de Terranova, chegaron a Saint-Malo o 15 de xullo de 1536.

Terceira viaxe (1541/42)[editar | editar a fonte]

Durante a súa estancia en París o xefe Donnacona difundiu información sobre o suposto reino de Saguenay, ben para confundir aos colonos franceses ou ben realmente por confusión ou en referencia a lendas sobre o asentamento viquingo de Vinland. Estas historias de grandes xacementos de ouro e xemas aumentaron o interese da coroa francesa no novo continente, accedendo o rei Francisco I a organizar unha terceira expedición. Porén, desta non formarían parte ningún dos iroqueses tomados como reféns: Donnacona morreu en 1539, ao igual que varios iroqueses e outros casaron pero ningún volveu á súa terra.

Aínda que nun primeiro momento se lle encomendou a Cartier comandar unha terceira expedición cara a desembocadura do Río San Lourenzo con dous obxectivos unha vez esquecido o paso do Noroeste, colonizar a zona e difundir a fe católica, o 15 de xaneiro de 1541 foi substituído por Jean-François de la Rocque de Roberval, amigo persoal do rei que foi nomeado Tenente Xeral do Canadá. Cartier si que formaría parte da expedición pero baixo as ordes deste último.

Jean-François de la Roque de Roberval.

A expedición dividiuse en dous grupos, Cartier partiría primeiro con cinco barcos mentres Jean-François de la Rocque armaba o resto da frota. Así Cartier partiu de Saint-Malo o 23 de maio, chegando a Stadacona en agosto. Pese a que o recibimento foi cálido as relacións cos nativos deterioráronse, polo que decidiu instalar o asentamento río arriba, na confluencia do río San Lourenzo co río Cap-Rouge, na actualidade Cap-Rouge (Quebec). Os colonos, na súa maior parte reos liberados para tal fin, asentáronse, fortificando a colonia e construíndo outro forte nun acantilado próximo. O asentamento bautizaríase coma Charlesbourg-Royal.

O inverno comezou sen que chegase o resto da frota e despois de organizar o asentamento Cartier partiu o 7 de setembro nunha expedición de recoñecemento na busca do Reino de Saguenay, porén non puido pasar de Hochelaga a causa do mal tempo. Durante este tempo foi acumulando o que el cría que era mineral de ouro e diamantes a través do comercio cos huron e dous dos barcos foron enviados con estes minerais a Francia para que os analizaran, pero resultaron ser só pirita e cuarzo.

A situación na colonia volveuse insostíbel, non só xa non se realizaban intercambios comerciais cos nativos senón que segundo varias fonte eran hostís, chegando a matar 35 colonos. A pesar de que se combateu con éxito o escorbuto Cartier decidiu volver a Francia a comezos de xuño de 1942 ao considerar que non tiña homes suficientes nin para protexer a colonia nin para buscar o reino de Saguenay. Na viaxe de volta cruzouse con Roberval ao longo da costa de Terranova. Porén, este non conseguiu convencelo de que volvese a Charlesbourg-Royal. Roberval tomou o mando da colonia pero abandonouna en 1543 a causa das enfermidades, o mal tempo e a hostilidade dos nativos.

Retiro[editar | editar a fonte]

Unha vez fracasada a súa empresa retirouse á súa residencia preto de Saint-Malo, onde morreu en 1557 a causa da peste.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Biografía de Jacques Cartier". Dictionary of Canadian Biography (en inglés e francés). Consultado o 26 de decembro do 2015. 
  2. Jacques Cartier pensaba que estaba en Asia. A palabra «canada» deriva da voz «Kanata», un termo iroqués que se usaba na rexión para designar a aldea iroquesa de Stadacona, e que significaría na súa lingua «grupo de chozas», «pobo» ou «aldea».
  3. Cita libro|autor=Alan Axelrod |url=https://books.google.fr/books?id=Cdu0uWIe9rMC&pg=PA30 |título=A Savage Empire: Trappers, Traders, Tribes, and the Wars That Made America |páxinas= 30 |ano=2011 |lingua=en}}

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Jacques Cartier

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]