Irmás de Santa Dorotea
As Irmás de Santa Dorotea de Paola Frassinetti, tamén chamadas simplemente doroteas, son unha institución relixiosa feminina, orientada fundamentalmente á educación, e que foi fundada pola freira Paola Frassinetti en 1835. É unha institución do dereito pontificio: as participantes desta congregación completan o nome coas siglas dos institutos de perfección católica S.S.D. (do latín Sorores Sanctae Dorotheae).
Historia[editar | editar a fonte]
Paola Frassinetti reunira en Quinto al Mare, unha vila nos arrabaldes de Xénova, unha pequena comunidade de mulleres que tiñan como misión educaren as nenas, principalmente orfas e pobres, da vila. Esa comunidade reuníase nunha igrexa inicialmente, e despois nunha casa alugada[1]. Ese pequeno grupo de mulleres chamouse as Fillas da Santa Fe.
Pero en 1835 o sacerdote Luca Passi, que xa tiña un proxecto en Bérgamo de escola para mozas chamado Irmás de Santa Dorotea, encargoulle a Frassinetti que o levase ela, coas súas compañeiras, e que lle dese outra dimensión, pero na cidade de Xénova. Aí empeza a congregación como tal, que pasa a chamarse Irmás de Santa Dorotea. Axiña virá a expansión das escolas doroteas, que empezan por abrir novos centros en Xénova e chegan en 1841 a Roma. É precisamente en Roma, á Igrexa de Santo Onofre (a menos dun quilómetro do Vaticano), onde establece Frassinetti a sé xeral da congregación seguindo o mandado do papa Pío IX, e onde falecerá ela mesma en 1882.
Expansión[editar | editar a fonte]
En 1866 as Irmás de Santa Dorotea abriron casas en Portugal e no Brasil; en 1911 en Malta, España (en Tui), Suíza e os Estados Unidos, e en 1934 en Angola; na década de 1960 estenderon o seu radio de acción ao Perú, Mozambique e Inglaterra. Nos últimos anos do século XX abriron casas en Taiwán, Arxentina, Albania, San Tomé, Camerún e Filipinas.
En 2016 a congregación contaba con 837 relixiosas entre todas as 123 casas que tiña, o que supuxo unha redución do 20% en pouco máis dunha década[2].
Ademais das casas relixiosas, onde viven freiras doroteas, tamén existen centros de ensino vinculados á orde, ben porque as monxas sexan as docentes, ben porque o fosen no pasado.
En Galicia e España[editar | editar a fonte]
A Galicia as Irmás de Santa Dorotea chegaron en 1911 fuxindo da expulsión que se decretara contra delas en Portugal logo da Revolución de outubro de 1910 e a proclamación da I República.
Tui[editar | editar a fonte]
A primeira freira foi a superiora provincial Maria Augusta Alves, que chegou a Tui o 21 de xaneiro de 1911[3], e a superiora foi seguida de diversas freiras que se instalaron na vila tudense. A construción do primeiro convento en Tui iniciouse en 1926 e rematouse en 1928, sendo superiora a portuguesa Eugénia Monfalim. Na época de maior esplendor en Tui as doroteas chegaron a ter seis casas, contando o convento da rúa Martínez Padín, situadas nas rúas Ordóñez, Seijas, Cuenca, Colón e no Paseo da Corredoira, onde agora se acha o cuartel da Garda Civil.
Aínda antes de empezaren as obras do convento, a comunidade das relixiosas doroteas de Tui recibiu en 1925 a Lúcia dos Santos, a irmá Lucía das aparicións de Fátima. Instalouse en Pontevedra ata 1926, volveu a Tui onde se ordenou como monxa dorotea e permaneceu ata 1934, regresou a Pontevedra durante tres anos, onde tivo unha aparición mariana, e en 1937 partiu para Tui. Quedou alí vivindo nove anos, ata que regresou a Vila Nova da Gaia (Portugal)[4].
En 1943 a casa tudense foi recoñecida como escola de primaria, e tamén como residencia para mozas da bisbarra que estudaban no Instituto de Tui. O ensino oficial de ensino infantil de Tui permaneceu ata 1990. Logo foi unicamente convento, e na actualidade[5] acolle 20 freiras.
Pontevedra[editar | editar a fonte]
A construción da primeira residencia de Pontevedra fíxose sobre todo para acoller estudantes internas que facían Maxisterio na cidade. A primeira sede foi na rúa de Santa Clara[6] e nunhas casiñas da praza da Leña[7], e de aí trasladáronse, en 1918[7], á daquela chamada travesa de Isabel II e hoxe precisamente rúa de sor Lucía, dado que alí teñen lugar as aparicións de Pontevedra de Lúcia dos Santos. En 1957 mudáronse á rúa Afonso XIII, onde constrúen un colexio (o Colexio Doroteas), un internado e unha residencia para freiras. En 1972 péchase o internado e as monxas trasládanse a Vila Paula, un edificio anexo que, na actualidade, é unha escola de infantil. Tamén nesa década o colexio deixa de ser só feminino e pasa a ser mixto.
Outras casas[editar | editar a fonte]
Ademais, as monxas doroteas teñen desde 1994[8] unha casa en Vilanova de Arousa, na parroquia de San Cibrán, á que están adscritas.
Na provincia da Coruña, teñen unha residencia en Santiago de Compostela. Precisamente foi nesa residencia compostelá onde se hospedaba Rosario Linares-Rivas, que pasaba alí as súas vacacións estivais cando viña de Madrid. Rosario Linares-Rivas era filla do antigo alcalde coruñés Maximiliano Linares Rivas, e en gratitude ás monxas cedeulles, ao non ter máis herdeiros[9], primeiro en uso, e despois en titulariedade, un pazo familiar en Galegos (Frades). Nese pazo, o Pazo de Galegos, puxeron clase as monxas durante décadas, e chegaron a ter máis dun cento de alumnos, mais en 2021 vivían xa unicamente tres freiras[10].
Resto de España[editar | editar a fonte]
Ademais das casas galegas neste momento en España as Irmás de Santa Dorotea teñen casas en Almería, Avilés, Guadix, Leganés, Madrid, Villafranco de Guadalhorce (Alhaurín el Grande) e Venta de Baños.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ Chini, Riccarda. Paula Frassinetti: Un don de Dios.
- ↑ Annuario Pontificio. Libreria Editrice Vaticana. 2017. ISBN 978-88-209-9975-9.
- ↑ González, Eva (2011-09-23). "Cien años de las Doroteas en Tui". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-08-26.
- ↑ "Colégio do Sardão". Facebook (en portugués). Consultado o 2021-08-26.
- ↑ "Vida Consagrada". DIOCESE TUI-VIGO (en castelán). Consultado o 2021-08-26.
- ↑ "Nuestra historia". Colegio Doroteas Pontevedra. Arquivado dende o orixinal o 26/08/2021. Consultado o 26/08/2021.
- ↑ 7,0 7,1 "Doroteas: un siglo de enseñanza". Faro de Vigo (en castelán). 2018-04-25. Consultado o 2021-08-26.
- ↑ "Vilanova despide a la religiosa Teresa Couso ante su marcha a Inglaterra". Faro de Vigo (en castelán). 2020-12-16. Consultado o 2021-08-26.
- ↑ Irimia, Asociación Irimia de Crentes Galegos (2017-09-02). "Crónica: Homenaxe á comunidade de monxas doroteas de Galegos (Frades)". Irimia. Consultado o 2021-08-26.
- ↑ "Las religiosas que cambiaron Galegos, con dezanas al frente en la actualidad". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-06-27. Consultado o 2021-08-26.