Saltar ao contido

Historia de Frankfurt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A historia urbana de Frankfurt comeza coa asentamento romano no século I nas terras baixas e pantanosas á beira do río Main, onde o único lugar elevado era o Domhügel (o outeiro da futura catedral), unha illa entre brazos do río unicamente accesible polo oeste e estratexicamente situada xunto a un vao (furt, ao leste) do curso principal.

Forte romano

[editar | editar a fonte]

Seica dende o neolítico houbo poboamento e tamén cos celtas, pero as únicas probas dun asentamento datan da época romana. No actual barrio de Heddernheim, ao noroeste do centro, os romanos fundaran arredor do ano 70 o posto de fronteira (limes) de Nida (Civitas Taunensium[1] e no 83, na illa do vao do Main, erixiron un campamento defensivo e outras construcións.[2]

Coa progresiva retirada do limes romano ao oeste do Rhin ante o avance das tribos xermánicas, despois do 260 tanto Nida coma o campamento desapareceron progresivamente.

O vao dos francos

[editar | editar a fonte]
Desenvolvemento histórico da catedral

Seica os francos restableceron un asentamento no lugar, posiblemente no século VI. O seguro é que de época merovinxia (século VII) apareceu unha tumba dunha princesa no que debeu ser unha primeira capela palatina no soar da actual catedral. E para o 793 hai textos que sinalan a importancia da poboación alí asentada co nome de Frankfurt (o vao dos francos).

Xustamente ao ano seguinte Carlomagno constrúe unha residencia imperial onde puidera estar previamente a merovinxia e amplía a capela[3]. Os seus sucesores seguiron a tarefa de ampliación do conxunto palaciano[4] arrodeando a cidade cunha primeira muralla no 838. Despois do 843 Frankfurt convértese na cidade principal do leste do Imperio Carolinxio e, de feito, na capital da Francia Oriental. Constrúese a basílica do Salvador no 852, no lugar da capela palatina e nela ten lugar no 855 a primeira elección real, precedente que marcará o futuro da cidade.

Os séculos IX e X foron de perda de influencia coa ruína progresiva do complexo palatino, xa que os emperadores deixaron de residir alí. A proximidade da cidade episcopal de Maguncia impedira a sede de Frankfurt nunha época de forte poder dos bispos. A cidade creceu cara ao oeste en paralelo ao río.

Cidade imperial

[editar | editar a fonte]
expansión 1343-século XVI

No 1147 Conrado III Hohenstaufen, antes de partir á segunda cruzada, elixiu en Frankfurt ao seu herdeiro e novamente, antes de morrer en 1152 na basílica do Salvador, ao futuro emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, Frederico I Barbarroxa. Este feito marcará o destino da cidade coma sede da elección imperial, abrindo unha época de esplendor e crecemento. Xa Conrado III decidira construír un novo complexo palatino na beira do Main, ao suroeste do Domhügel, o Saalhof, xunto a nova muralla (Staufenmauer) que en 1180 arrodeará toda a cidade incluíndo a grande expansión do século XII cara ao norte (Altstadt).

Cos Hohenstaufen a cidade ten mercado e ponte no lugar do antigo vao (1220). Na outra beira crece o barrio de Sachsenhausen. Para 1240 concédeselle a celebración dunha feira (de moita sona ata hoxe) e no 1245 privilexios de cidade imperial baixo a tutela directa do emperador, sen corte aristocrática nin bispo. O crecemento fixo que xa sobrepasase a Maguncia en importancia comercial e unha nova expansión consegue o permiso imperial en 1333. As obras do terceiro cinto de murallas iniciáronse en 1343 e prolongáronse durante todo o século XV, triplicando a área da cidade. Con esta puxanza unha nova clase de ricos burgueses reclamaban a autonomía municipal.

No que fora o límite occidental do Domhügel, o chamado Römerberg, tíñase creado un espazo aberto nas traseiras dos dous sucesivos palatinos (o carolinxio e o Saalhof, coa igrexa deste, a Nikolaikirche) e que era utilizado coma mercado. En 1405 o burgo adquire casas privadas (unha co nome de Haus zum Römer, casa dos romanos, nomeará o lugar) para sede do concello. Alí terían lugar as cerimonias vinculadas á elección e coroación dos emperadores. A praza do Römerberg converterase no centro representativo da cidade.

Römerberg e San Bartolomeu na Altstadt; enriba a rúa Zeil e Rossmarkt na Neustadt

Polo outro lado, o oriental, a basílica do Salvador engrandeceuse con novos coros góticos (1239 e 1345), naves (1270) e gran transepto (1369), adscribíndose ao padroado de San Bartolomeu. No 1415 o inicio dunha gran torre pechando a fachada do oeste daba imaxe ao orgullo cidadán, sinalando o seu centro simbólico.

Coa nova expansión (Neustadt) conformouse basicamente o organismo urbano burgués (Innenstadt) que chegará ata o século XIX. Unha grande arteria (a rúa Zeil) corre adxacente polo norte as murallas da Altstadt medieval, desembocando no Rossmarkt, antiga praza de mercado. Só se engadirán bastións defensivos no século XVII. A partir de 1592 os emperadores son coroados tamén na urbe, que acada o cénit da súa prosperidade económica converténdose ademais nun incipiente centro financeiro (a Bolsa de Frankfurt é de 1585). Residencias das familias patricias (Rothschild, Goldsmith), pazos de nobres forasteiros (Thurn und Taxi) e ricas casas gremiais adornan as súas rúas. E da man do comercio, convértese tamén nun centro das artes e a cultura que, no século das luces, vería nacer e formarse ao seu fillo máis ilustre Johann Wolfgang von Goethe.

Século XIX

[editar | editar a fonte]

A súa preeminencia quedou ratificada no tránsito entre o mundo antigo representado polo Sacro Imperio Romano Xermánico e a progresiva configuración de Alemaña como nación ao ser elixida primeiro por Napoleón coma capital da Confederación do Rin (1806-1813), e despois sede do Bundestag da Confederación Xermánica ata 1866.

A breve ocupación francesa supuxo, porén, o derrubamento das murallas e a súa progresiva substitución por un anel de avenidas interiores e paseos (Promenadenring) cun cinto verde no lugar dos bastións.[5][6]

Xa baixo o Imperio Alemán, en 1871, a cidade perdeu a súa centralidade política en favor de Berlín, pero compensouno con puxanza económica: a liberdade de comercio de 1864 impulsou a industrialización da cidade e a consecuente urbanización do territorio fora da Innenstadt. Primeiro cara ao noroeste (Westend, barrio residencial de clases altas) e oeste (barrio da estación, residencial popular de alta densidade); despois o Nordend e o Ostend no leste.[7]

Experiencias urbanas de vangarda

[editar | editar a fonte]

Ata 1910 a municipalidade duplicou a súa superficie e poboación mediante anexións e, dende 1891, todo ese crecemento efectuouse de acordo cun plan de zonificación impulsado polo alcalde F. Adickes, pioneiro do urbanismo moderno: establécense usos e densidades e o concello é propietario da metade do solo (así resérvase unha gran zona na beira do Main ao leste da cidade antiga para o gran complexo portuario-industrial de Frankfurt); todo implementado con técnicas de xestión urbanística que inda hoxe arbitran o crecemento das nosas vilas (imposto de contribución; reparcelación e compensación nas actuacións).

A continuación foi o esforzo por facer unha nova idea de cidade (Neues Frankfurt) aplicando as experiencias do movemento moderno (celebrou en Frankfurt o seu segundo congreso CIAM, en 1929) que foi levado a cabo polo arquitecto Ernst May entre 1925 e 1930 nunha coroa de conxuntos residenciais autosuficientes (siedlungen) e separados do centro por zonas verdes.[8][9]

Capital financeira da Unión Europea

[editar | editar a fonte]

Despois de ser destruída polos bombardeos da segunda guerra mundial e posteriormente reconstruída, estivo a piques de ser capital da República Federal Alemá. De todos os xeitos o seu ascendente coma centro económico, comercial, industrial e financeiro; a feira e o seu aeroporto, primeiro de Alemaña e un dos máis importantes do mundo, terminaron por lle conceder o recoñecemento da sede do Banco Central Europeo en 1998.

A opción contemporánea da cidade cara ao futuro foi o modelo norteamericano de centro de negocios en altura. Toda unha serie de rañaceos foron crecendo no Westend, a carón da feira (Messe, enriba da estación[10]) configurando a súa actual imaxe distintiva.


Frankfurt (2008)

Frankfurt (2008)


  1. Plano da cidade romana.
  2. Trazas Arquivado 10 de xuño de 2007 en Wayback Machine. arqueolóxicas na cidade romana.
  3. Reconstrución hipotética da capela.
  4. Situación Arquivado 10 de xuño de 2007 en Wayback Machine. de capela e pazo primitivos.
  5. Plano da cidade extramuros tras o derrubamento das murallas.
  6. Detalle do Promenadenring sobre a traza das antigas murallas.
  7. Crecemento da cidade industrial.
  8. "Plan de zonificación". Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2012. Consultado o 29 de xullo de 2012. 
  9. [1], [2], [3] Diferentes vistas das siedlungen.
  10. [4][5] Centro financeiro.