Historia da escritura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar para a navegação Saltar para a pesquisa
Marcas similares á escritura debuxadas sobre cunchas de tartaruga, descubertos na moderna Jiahu (China), datados cara ao 6000 a. C..

A historia da escritura comprende os distintos sistemas de escritura que xurdiron desde a Idade de bronce (finais do IV milenio a. C.).

Protoescritura[editar | editar a fonte]

Signario da Escritura Lineal Paleolítica (ELPA), compilado tras vinte anos de catalogación dos rexistros de arte rupestre e grafismos usados durante o Paleolítico superior.

Os primeiros sistemas da escritura a finais do IV milenio a. C. non se consideran unha invención espontánea, pois fundaméntanse en vellas tradicións de sistemas simbólicos que non se poden clasificar como escritura en si mesmas, pero que si comparten moitas características que lembran a aquela. Estes sistemas pódense describir como protoescritura e utilizaban símbolos ideográficos ou mnemónicos que podían transmitir información, aínda que estaban desprovistos de contido lingüístico directo. Estes sistemas apareceron ao principio do período neolítico, xa no VII milenio a. C. se non antes (Kamyana Mohyla), en pleno Paleolítico Superior. Investigacións que veñen realizándose desde principios da década do noventa do pasado século, permitiron a compilación dun signario nuclear básico duns oitenta e oito signos lineais que foron usados para grafiar ou escribir secuencias ordenadas que combinan e articulan signos como en calquera escritura de signos lineais e xeométricos, o que permitiu o desenvolvemento dunha hipótese sobre o uso dunha Escritura Lineal Paleolítica (ELPA) logofonográfica ou glotográfica durante o Paleolitico Superior, ao parecer xa desde tempos do Auriñaciense, ou con maior probabilidade desde o Solutrense.[1] Observouse o uso de tales signos lineais dunha posible escritura lineal paleolítica non só na zona astur-cántabro-aquitana ou franco-cantábrica, senón tamén en covas do sur da península, concretamente nas covas da Pileta e Nerja en Málaga.[2]

Destacan a escritura vinča, que mostra unha evolución gradual a partir de símbolos sinxelos desde o VII milenio, aumentando en complexidade durante o VI milenio e culminando nas Táboas de Tartaria (Romanía) do V milenio, cunhas filas de símbolos coidadosamente aliñados que evocan a impresión dun «texto». A Táboa de Dispilio, de finais do VI milenio, é similar. As escrituras xeroglíficas do antigo Oriente medio (exipcia, protocuneiforme sumeria e cretense) nacen naturalmente daqueles sistemas simbólicos, de maneira que resulta difícil dicir ―sobre todo porque pouco se coñece sobre o significado dos símbolos― en que momento preciso a escritura nace da protoescritura.

En 2005 descubríronse en China uns símbolos da escritura Jiahu gravados sobre cunchas de tartaruga que se dataron mediante radiocarbono no VI milenio a. C. As cunchas atopábanse enterradas xunto a restos humanos en 24 tumbas neolíticas escavadas en Jiahu, provincia de Henan, ao norte de China. Segundo algúns arqueólogos, a escritura das cunchas presentaba similitudes coa escritura sobre ósos oraculares do II milenio a. C. Outros, con todo, rexeitan esta afirmación por non estar suficientemente probada, argumentando que uns simples deseños xeométricos, como os que atopamos nas cunchas de Jiahu, non se poden relacionar coa primeira escritura.[3][4]

A escritura do Indo, do II milenio a. C. pode, de igual maneira, constituír unha protoescritura, quizais xa influenciada polo nacemento da escritura en Mesopotamia.

As «runas eslavas» mencionadas por algúns autores medievais tamén poden ser un sistema de protoescritura. Un exemplo histórico é o sistema de pictogramas inventado por Uyaquk antes de desenvolver o silabario de.

Invención da escritura[editar | editar a fonte]

Paleta de Narmer en Hieracómpolis (antigo Exipto), ca. 3100 a. C.

Por definición, a Historia comeza cos rexistros escritos. Os restos da cultura humana sen a escritura constitúe o ámbito da Prehistoria (véxase A escritura e a historicidade máis abaixo). Con todo, a «orixe da escritura deixou de ser un misterio».[5]

A evolución da escritura foi un proceso orixinado pola práctica económica e a necesidade no antigo Oriente Próximo.[5] A arqueóloga Denise Schmandt-Besserat determinou a conexión entre as «fichas» de arxila sen categorizar previamente e a primeira escritura coñecida, o protocuneiforme.[5][6] As fichas de arxila utilizábanse para representar bens e mesmo poida que unidades de tempo empregado no traballo, facéndose o seu número e tipos cada vez máis complexos segundo avanzaba a civilización. Alcanzouse un alto grao de complexidade cando se tivo que manexar máis de cen tipos distintos de fichas, e estaban envolvidas con arxila, con marcas que indicaban o tipo de fichas do interior. Estas marcas pronto substituíron ás fichas en si, e os envoltorios de arxila constituíronse, como pode demostrarse, no prototipo das taboíñas de escritura sobre arxila.[6]

O sistema de escritura mesopotámica orixinal (ca. 3500 a. C.) deriva deste método de conservar operacións, e para finais do IV milenio a.[5] C., xa se transformou no uso dun punzón de forma triangular que se presionaba sobre arxila flexible (escritura cuneiforme).[7] Así, a invención dos primeiros sistemas de escritura é máis ou menos contemporánea co principio da Idade de Bronce na última metade do IV milenio a. C. en Sumeria.

As primeiras formas de escritura eran logográficas en natureza, baseadas en elementos pictográficos e ideográficos.[8] Non obstante, a metade do III milenio a. C., os sumerios desenvolveran un anexo silábico para a súa escritura, reflectindo a fonoloxía e a sintaxe do idioma sumerio falado. Esta escritura logo-silábica foi pronto adoptada polos falantes acadios e eblaítas para os seus propios idiomas, e posteriormente polos hititas e os ugaríticos.

Aínda que é posíbel que a escritura exipcia sexa un exemplo de difusionismo (arqueoloxía) transcultural dos seus contemporáneos comerciais de Mesopotamia, os exipcios non tomaron prestados os símbolos escritos mesopotámicos. No seu lugar, utilizaron a súa propia iconografía artística. Hai mostras de xeroglíficos exipcios arcaicos na Paleta de Narmer do 3100 a. C., e aínda maior grao de elaboración pódese ver nos Textos das Pirámides do III milenio a. C. No sur de Exipto, Günter Dreyer descubriu rexistros de entregas de liño e aceite que, segundo a proba do carbono, foron datados entre o 3300 e o 3200 a. C., anteriores, pois, ao período dinástico. Este achado cuestiona a crenza estendida de que os primeiros pobos en escribir foron os sumerios de Mesopotamia (actual Iraq) nalgún momento anterior ao 3000 a. C.[9]

Tamén xurdiu nesta época unha escritura protoelamita logográfica aínda por descifrar, que evolucionou a un elamita lineal cara a finais do III milenio, que á súa vez foi substituído pola escritura cuneiforme tomada do acadio.

A escritura do Indo apareceu cara ao 2600 a. C. e sobreviviu ao declive da cultura do val do Indo sobre o 1700 a. C. Con todo, todos os rexistros son extremadamente breves e non está claro que fose realmente un sistema de escritura.[10]

A escritura chinesa, que data aproximadamente do século XII a. C. (finais da dinastía shang), era graficamente independente das escrituras do Oriente Medio, aínda que, como no caso do exipcio, poida que o difusionismo transcultural teña algún papel relevante.

As escrituras precolombinas, que datan do século III a. C. aproximadamente en Mesoamérica, das cales se sabe que só a maia foi unha escritura real, tiveron unhas orixes independentes das do Vello Mundo. Se o rongorongo da Illa de Pascua foi tamén unha escritura real, tivo tamén un desenvolvemento independente.

Practicamente, todos os sistemas de escritura utilizados no mundo actual descenden en última instancia da escritura chinesa ou dos alfabetos semíticos.

Escritura da Idade de Bronce[editar | editar a fonte]

A escritura xurdiu nunha variedade de culturas diferentes na Idade de bronce.

Escritura cuneiforme[editar | editar a fonte]

Tableta legal de Alalah no seu envoltorio en babilonio medio.
Láminas de Pirgi estratificado de ouro que representa un tratado nos idiomas etruscos e fenicios no Museo Nacional Etrusco, século IX a. C. O comezo da escritura con alfabeto latino.

O sistema de escritura sumerio orixinal deriva dun sistema de fichas de arxila que se utilizaban para representar bens. A finais do IV milenio a. C., xa evolucionara cara a un método de contabilidade no que se utilizaba un punzón redondeado que se imprimía sobre arxila flexíbel con ángulos variábeis para gravar números. A este sistema incorporouse unha escritura pictográfica utilizando un punzón afiado para indicar o que se estaba contando. A escritura con punzón redondeado e punzón afiado foi aos poucos substituída cara ao 2700-2500 a. C. por un punzón en forma de cuña (de aí o termo cuneiforme). Finalmente, a escritura cuneiforme converteuse nun sistema de escritura de propósito xeral para os logogramas, as sílabas e os números. A partir do século XXVI a. C., esta escritura adaptouse ao idioma acadio e máis tarde a outros como o hurrita e o hitita. Outras escrituras similares en aparencia a este sistema son o ugarítico e o antigo persa.

Uso da escritura cuneiforme[editar | editar a fonte]

Os signos cuneiformes eran escritos por escribas mediante cuñas, sobre taboíñas case sempre de arxila (moi escasamente gravados en metal), que logo se gardaban nunha sorte de primitivas bibliotecas, escrupulosamente organizadas, que servían para a aprendizaxe de futuros escribas. Estas bibliotecas pertencían á escola de cada cidade ou, ás veces, a coleccións particulares.

As taboíñas estaban escritas en columnas (en número variábel), que indicaban:

  • a serie e o número da taboíña nesa serie, para a súa correcta catalogación.
  • o texto.
  • o colofón, que contén á súa vez a primeira liña da seguinte taboíña, o propietario da taboíña, o ano de reinado do soberano correspondente, en ocasións os títulos do mesmo, a cidade da escola e o nome do escriba e raramente, o autor.

Xeroglíficos exipcios[editar | editar a fonte]

A escritura foi moi importante para manter a cohesión do Estado exipcio. A alfabetización concentrábase nunha elite educada de escribas. Ser escriba era a aspiración de calquera exipcio de ascendencia humilde. O sistema xeroglífico foi sempre difícil de aprender, e no transcurso dos séculos complicouse aínda máis ao aumentar o número de signos xeroglíficos.

Escritura chinesa[editar | editar a fonte]

En China, os historiadores acharon moita información sobre as primeiras dinastías chinesas a partir dos documentos escritos que perduraron. A maior parte dos escritos da dinastía shang chegaron a nós en forma de ósos ou accesorios de bronce. As amósegas sobre cunchas de tartaruga ou jiaguwen foron datadas por medio da proba do carbono cara ao 1500 a. C. Os historiadores déronse conta de que o tipo de medio utilizado tiña un efecto sobre o que se quería documentar e o modo en que se empregaba.

Houbo recentemente descubrimentos de amósegas sobre cunchas de tartaruga do 6000 a. C., como a escritura de Jiahu e a escritura de Banpo, pero existe polémica sobre se estas amósegas posúen suficiente complexidade como para seren consideradas un sistema de escritura.[3] Se se afirma que é un idioma escrito, a escritura en China antecedería á escritura cuneiforme mesopotámica, a cal hai tempo que se recoñece como a primeira aparición da escritura, nuns 2000 anos. Con todo, parece máis probábel que as inscricións sexan máis ben unha forma de protoescritura similar á escritura Vinča contemporánea en Europa. As mostras irrefutábeis de escritura en China son de ao redor do 1600 a. C.

Escrituras elamitas[editar | editar a fonte]

A escritura protoelamita aínda non descifrada xorde cara ao 3200 a. C. e evoluciona a un elamita lineal cara ao III milenio, sendo máis tarde substituído polo elamita cuneiforme tomado do acadio.[cita requirida]

Xeroglíficos anatolios[editar | editar a fonte]

Os xeroglíficos anatolios son unha escritura xeroglífica aborixe propia de Anatolia occidental que aparece por vez primeira nos selos reais dos luvitas ao redor do século XX a. C., que se usaban para rexistrar o idioma xeroglífico de Luvia.

Escrituras cretenses[editar | editar a fonte]

Os xeroglíficos cretenses atópanse en obxectos da Creta minoica (de principios a mediados do II milenio a. C.). A escritura lineal B xa foi descifrada, ao contrario do que ocorre coa lineal A.

Primeiros alfabetos semíticos[editar | editar a fonte]

Os primeiros alfabetos puros (máis propiamente "abjads", que emparellan un único símbolo a cada fonema, pero non necesariamente un só fonema a un único símbolo) xurdiron cara ao 1800 a. C. no antigo Exipto como unha representación do idioma desenvolvido polos obreiros semíticos de Exipto, pero xa por entón había unha lixeira probabilidade de que os principios do alfabeto se incorporasen aos xeroglíficos exipcios. Estes primeiros abjads tiveron pouca importancia durante varios séculos e soamente a finais da Idade de Bronce a escritura protosinaítica se divide no alfabeto protocananeo (cara ao 1400 a. C.), o silabario de Biblos e o alfabeto ugarítico (cara ao 1300 a. C.).

Escritura de India[editar | editar a fonte]

Secuencia de dez signos indos descubertos preto da porta norte do sitio arqueolóxico indo de Dholavira.

A escritura do Indo da Idade de Bronce Media, que data realmente do principio da fase de Harappa cara ao 3000 a. C., aínda non foi descifrada.[11] Non está claro se debería de considerarse como un exemplo de protoescritura (un sistema de símbolos ou algo parecido) ou se é realmente unha escritura de tipo logográfico-silábico doutros sistemas de escritura da Idade de Bronce.

Escritura precolombina[editar | editar a fonte]

No continente americano desenvolvéronse varios sistemas de escritura para as linguas indíxenas de América mesmo antes da chegada dos europeos. Aínda que frecuentemente se dixo que estas escrituras tiñan un carácter pictográfico ou nemotécnico, desciframientos realizados na segunda metade do século XX probaron que varias das escrituras precolombinas eran sistemas fonolóxicos completos para representar un idioma arbitrariamente a partir da súa pronuncia. En especial en Mesoamérica, as inscricións epiolmecas, ao parecer escritas nun idioma mixe-zoque, foron reelaboradas para dar lugar indirectamente á escritura maia e aos sistemas de notación dos códices aztecas.

Outras escrituras[editar | editar a fonte]

Existen outras zonas do planeta onde había escritura. Na illa de Pascua atopáronse escritura en rongorongo, que é un sistema de escritura indescifrado que ten unha orixe independente do resto de escrituras do planeta, xa que foi desenvolvido autoctonamente.

A Idade de Ferro e o auxe da escritura alfabética[editar | editar a fonte]

O alfabeto fenicio é simplemente o alfabeto protocananeo na forma en que se prolongou até a Idade de Ferro (tomada convencionalmente como sobre o limiar 1050 a. C.). Este alfabeto deu orixe ao alfabeto arameo e ao alfabeto grego, así como, probablemente por transmisión grega, a distintos alfabetos anatolios e protoitálicos (incluíndo o alfabeto latino, inspirado no alfabeto etrusco) no século VIII a. C. O alfabeto grego é o que introduce por primeira vez signos vocálicos. Estes deron o último paso, pois separaron vogais de consonantes e escribíronas por separado. A familia bráhmica de India probabelmente tivo a súa orixe a través dos contactos arameos desde o século V a. C. Os alfabetos latino e grego a principios da Era Común deron pé a distintas escrituras europeas, como as runas, o alfabeto gótico e o alfabeto cirílico, mentres que o alfabeto arameo orixinou os abjads hebreo, sirio e árabe, e o alfabeto sudarábigo orixinou o alfabeto ge'ez.

Escritura e historia[editar | editar a fonte]

Os historiadores fan unha distinción entre a prehistoria e a historia, sendo esta última definida pola presenza de fontes escritas autóctonas. A aparición da escritura nun lugar determinado vén a miúdo seguido de varios séculos de inscricións fragmentadas que non poden quedar incluídas no período "histórico", e soamente a presenza de textos coherentes marca a "historicidade". Nas primeiras sociedades alfabetizadas pasaron non menos de 600 anos desde as primeiras inscricións até as primeiras fontes textuais coherentes (aproximadamente do 3200 ao 2600 a. C.). No caso de Italia, pasaron uns 500 anos desde o primeiro alfabeto protoitálico até Plauto (do 750 ao 250 a. C.), e no caso dos pobos xermánicos existe un lapso de tempo similar desde as primeiras inscricións do Elder Futhark até os primeiros textos como o Abrogans (do 200 ao 750 aproximadamente).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. ¿La Escritura Nació en Occidente?
  2. Científicos avanzan que en la Cueva de Nerja ya se usaba la escritura hace más de 10.000 años
  3. 3,0 3,1 «Archaeologists rewrite history» (‘los arqueólogos reescriben la historia’, en inglés), artículo en China Daily, del 12 de junio de 2003.
  4. Véxase unha análise de ambas as opinións en Stephen D. Houston: The first writing: script invention as History and process (‘la primera escritura: la invención de la escritura como historia y proceso’, en inglés), Cambridge University Press, 2004, pp. 245-246.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Schmandt-Besserat, Denise (Jan-Feb 2002). "Signs of Life (signos de vida, en inglés)" (PDF). Archaeology Odyssey: 6–7, 63. 
  6. 6,0 6,1 Rudgley, Richard (2000). The Lost Civilizations of the Stone Age (Las civilizaciones perdidas de la Edad de la Piedra, en inglés). Nova York: Simon & Schuster. pp. 48–57. 
  7. Kramer, Samuel Noah: «The origin and development of the cuneiform system of writing» (‘origen y desarrollo del sistema de escritura cuneiforme’, en inglés), en Thirty Nine Firsts In Recorded History (treinta y nueve principios en los registros históricos, en inglés), págs. 381-383.
  8. La mayoría de los sistemas de escritura se pueden dividir ampliamente en tres categorías: «logográficos», «silábicos» y «alfabéticos» (o «segmentales»); sin embargo, los tres se pueden encontrar en un sistema de escritura dado en proporciones variables, dificultando a menudo la categorización única del sistema.
  9. «Were egyptians the first scribes?» (‘¿fueron los egipcios los primeros escribas?’, en inglés), artículo en el sitio web BBC News del 15 de diciembre de 1998.
  10. Writing indus.
  11. Whitehouse, David (en inglés).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]