Textos das Pirámides
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Os Textos das Pirámides son os textos funerarios do Antigo Exipto máis antigos que se coñecen e datan de finais do Imperio Antigo. Son os textos relixiosos máis antigos do Antigo Exipto.[1][2] Escritos en exipcio antigo, os textos das pirámides foron gravados nos muros subterráneos e nos sarcófagos das pirámides de Saqqara dende o final da Quinta Dinastía de Exipto, e ao longo da Sexta Dinastía do Imperio Antigo, e na Oitava Dinastía do Primeiro Período Intermedio.[3][4] Os textos máis antigos datan de c. 2400–2300 a.C.[5]
Son un repertorio de esconxuros, encantamentos e súplicas, gravados nas pasaxes, antecámaras e cámaras sepulcrais nas pirámides do Imperio Antigo co propósito de axudar ao faraón na Duat (o «Alén») e asegurar a súa resurrección e a vida eterna. Son unha recompilación de textos, sen orde aparente, de crenzas relixiosas e cosmolóxicas moi antigas, que deberon empregarse durante a cerimonia funeraria. Algúns textos xa aparecen en estelas e mastabas das dúas primeiras dinastías.

Os textos xa debían existir en papiros polo menos nos tempos de Unas, o último faraón da dinastía V, isto é, hai máis de 4 500 anos, e desde aquí copiáronse aos muros e teitos da súa pirámide, denominada polos exipcios «Perfectos son os lugares de Unas». Por tanto, a súa pirámide é o primeiro lugar no que se escribiron os Textos das Pirámides nun soporte duradeiro, polo menos que se conservou. Os textos están compostos por 228 declaracións. Posteriormente converteuse en práctica habitual inscribilos no interior das pirámides dos faraóns do Imperio Antigo, chegando a 759 esconxuros (compilados por Raymond O. Faulkner).
Contido
[editar | editar a fonte]Non é un relato ou narración ordenada, senón extractos de teorías da creación, fragmentos das loitas entre Horus e Seth, de lendas e, fundamentalmente, fórmulas para permitir ao faraón a resurrección, ascensión e identificación do faraón cos deuses.
Nestes textos aprécianse dúas teorías cosmolóxicas: a primeira con mitos solares, contemporáneos dos faraóns que ordenaron gravalos, onde o rei é conducido cara ao deus solar Ra, e a segunda cunha mitoloxía estelar moito máis antiga, onde o camiño se dirixe ás estrelas circumpolares, aquelas que eran consideradas inmortais por permaneceren sempre visíbeis no ceo nocturno.
Contén, xunto con rituais de incensación, ofrendas de comida, bebida e vestiario, as fórmulas para que o faraón puidese transformarse no aj máis importante de todos os aj que residían na Duat, sortilexios para conseguir eludir os animais malignos e os perigos topográficos. Tamén para que puidese ascender ao «Alén», como unha estrela, e transfigurarse nun ser divino.
Evolución de crenzas e textos
[editar | editar a fonte]
A súa evolución dará lugar aos Textos dos Sarcófagos, que durante o Primeiro período intermedio de Exipto comezaron a escribirse nos sarcófagos dos nobres e potentados. No Imperio Medio son de dous tipos: biográficos, narrando tamén a vida do defunto, ou xurídicos, describindo o legado dos seus bens. A partir desta época a inmortalidade deixou de ser un privilexio exclusivo do faraón, sendo xa posíbel para as clases máis altas.
Durante o Imperio Novo, empezaron a escribilos en papiros que se depositaban dentro do sarcófago, alcanzando gran difusión e dando orixe ao denominado Libro dos Mortos, no que se describe que deberá facer o espírito do defunto para obter a inmortalidade. Este texto experimentará posteriores evolucións até a dinastía XXVI. A inmortalidade xa alcanzan a gozala aqueles "exipcios xustos" que puidesen recitar na Duat as fórmulas do Libro dos Mortos e custearse os rituais de embalsamamento e enterro, para preservar o seu ba.
Época de elaboración
[editar | editar a fonte]
O primeiro rei que fixo figurar os textos na súa pirámide foi Unas, no século XXIV. As fórmulas que figuran non foron seguramente redactadas especialmente para el. As gravuras proveñen dun fondo preexistente, obtido dunha biblioteca relixiosa anexa a un templo. Esta hipótese apóiase sobre un cartucho real situado na pasaxe que leva da cámara funeraria á antecámara. Alí, no canto de atopar, como por todas as partes o nome de Unas, aparece a palabra «rei». Suponse que, ao copiar do papiro modelo, non se substituíu por esquezo a palabra «rei». Por outra parte, a linguaxe empregada durante a VI dinastía na tumba de Unas parece máis ben corresponder, segundo o exiptólogo americano James Peter Allen, á da V dinastía.
Hai outras evidencias no mesmo sentido. Segundo os achados arqueolóxicos, a pirámide de Unas mostra prácticas que xa non eran correntes nos tempos de Unas, como a construción da tumba en ladrillo, a inhumación en plena terra ou o canibalismo (capítulo 273-274)).
Gravura e relectura
[editar | editar a fonte]Antes de seren gravados sobre as paredes, os xeróglifos dispostos en columnas verticais deseñábanse primeiro con pintura negra. Parece que o texto de base fose un orixinal sobre papiro en escrita hierática horizontal. Esta suposición baséase na existencia de símbolos xeróglifos que son manifestamente erros de interpretación resultantes da pasaxe da escrita hierática á escrita xeroglífica. Outra proba é a pasaxe do caso xeral ao caso particular. Con efecto, substituíuse a palabra «nesou» («rei») polo nome propio do rei. Así, na pirámide Unas pódese observar que o cartucho de Unas foi repasado en dúas ocasións sobre a palabra «nesou» nunha frase situada sobre as parede norte da pasaxe que separa a cámara funeraria da antecámara.
Unha vez que o texto xeroglífico estaba gravado, un escriba procedía a unha relectura do texto. Sinaláballes os erros aos escultores inscribindo as modificacións que debían facer usando pintura negra ou vermella. Os textos da pirámide de Unas presentan 163 modificacións, das cales 74 están na cámara funeraria e 79 na antecámara. Estas modificacións van dun único símbolo xeroglífico a pasaxes enteiras mais, por neglixencia, dúas correccións en tinta non se tiveron en conta. Estas 163 modificacións son moi diversas. Procedeuse á corrección, á inversión, á supresión ou á inserción dun símbolo xeroglífico; á inserción ou á supresión dunha palabra ou dunha frase ou á substitución dunha palabra por outra.
Ás veces, as modificacións non consisten en máis que simples insercións dun símbolo esquecido. Porén, cando si facía falta cambiar o texto, os xeróglifos anteriores escondéronse con pasta e o novo texto foi gravado por riba. Unha vez realizadas estas correccións, os xeroglíficos pintáronse de azul escuro (Unas) ou verde (pirámides de Pepi I e de Mrenré). Esta última práctica está ausente totalmente da de Teti.
Programa decorativo do rei Unas
[editar | editar a fonte]O rei Unas, da 5ª dinastía, foi o primeiro soberano exipcio que fixo decorar as paredes dos subterráneos da súa pirámide con textos en escrita xeroglífica. No corredor, a continuación das grades, na antecámara e na cámara funeraria aparecen gravadas, sobre un recebo de pedra calcaria, os exemplos máis antigos dos Textos das pirámides. Os xeróglifos, dispostos en sucesións de columnas verticais, foron realizados con moita delicadeza e realzados en azul: 227 fórmulas arrodean os restos reais como un recitado silencioso mais permanente.
A cámara funeraria e a antecámara están recubertas por unha bóveda decorada cun ceo nocturno sementado de estrelas. O sarcófago, en grauvaque, carece de inscricións e está colocado diante da parede occidental da cámara funeraria. Os muros do fondo da cámara evocan a fachada dun palacio. Están exentos de inscricións, a excepción do alto do gablete, no que aparecen fórmulas para repeler as serpes. A parede norte está recuberta dunha serie moi longa de fórmulas destinadas ao poder do rei en diversas ofrendas de viño, aves, leite ou de cereais (capítulos 23 a 212 sobre tres rexistros de cincuenta e cinco columnas de textos cada unha. Esta serie continúa sobre a parede norte da pasaxe que leva á antecámara. Sobre a parede sur aparecen fórmulas de glorificación para integrar eternamente o rei na marcha do cosmos co sol e as estrelas (capítulos 213 a 219 de corenta e tres columnas). Esta serie de fórmulas continúa (capítulos 219 a 224) sobre a parede oriental, onde se sitúa a entrada da cámara funeraria, así como sobre a parede sur da pasaxe.
Os textos gravados sobre todas as paredes da antecámara están consagradas á ascensión do rei e á súa viaxe a través do ceo (capítulos 247 a 312). Após ter sido presentado aos deuses, é colocado á súa fronte porque é máis poderoso que eles. Contrariamente ás outras dúas cámaras, a peza cos tres nichos carece absolutamente de inscricións e o seu teito é plano.
O programa decorativo de Unas foi retomado a seguir polos seus sucesores da 6ª dinastía. Algúns chegarían ás 759 fórmulas. As pirámides de Pepi I e de Pepi II son as que dispoñen das superficies textuais máis grandes.
Historia arqueolóxica
[editar | editar a fonte]Escavacións
[editar | editar a fonte]Auguste Mariette foi sempre da opinión de que, o mesmo que as pirámides de Giza, as pirámides estiveron sempre desprovistas de inscricións. Pola contra, Gaston Maspero estaba convencido da súa presenza e, en 1881, descubriu textos na pirámide de Unas.
As escavacións e traballos exipcíacos sobre a pirámide de Pepi I realizadas pola misión arqueolóxica francesa de Saqqara permitiron traer á luz versións novas dos textos xa coñecidos, así como capítulos novos. O mesmo aconteceu coas pirámides de Teti e de Merenré.
Desde 2002, o estudo da pirámide de Ankhesenpepi II permitiu actualizar uns 1100 fragmentos que conformaban as cerca de 300 fórmulas, algunhas delas descoñecidas.
Filoloxía e traducións
[editar | editar a fonte]O exiptólogo alemán Kurt Heinrich Sethe recolleu por vez primeira os textos inscritos nas pirámides na súa Pyramidentexte. No entanto, os textos das pirámides son un corpus aberto porque son moitas as fontes descoñecidas. Toda avaliación definitiva da súa extensión é, polo tanto, case imposíbel. Ademais, os antigos exipcios non consideraban estes textos como inmutábeis. Nos Textos dos sarcófagos e no Libro dos Mortos aparecen transposicións e adaptacións.
Cando o exiptólogo holandés Adriaan de Buck recompilou e recolleu os Textos dos sarcófagos, tomou a decisión de non incluír os capítulos que xa figuraban nos Textos das pirámides. Porén, este importante traballo filolóxico converteuse na referencia exipcíaca en materia de literaria do Imperio Medio. Agora considérase unha distorsión involuntaria na percepción do uso dos Textos das pirámides. A tradición dos Textos das pirámides non remata co Imperio Antigo, senón que continúa até a fin do Imperio Antigo (ocupación romana). Os Textos das pirámides acompañaron, pois, os finados exipcios durante vinte e cinco séculos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Malek 2003, p. 102.
- ↑ Allen 2005, p. 1.
- ↑ Verner 2001a, p. 92.
- ↑ Allen 2001, p. 95.
- ↑ Allen 2005.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Textos das Pirámides |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Allen, James P. (2000). Middle Egyptian: An Introduction to the Language and Culture of Hieroglyphs. Cambridge, UK: Cambridge University Press. ISBN 0-521-77483-7.
- Allen, James (2001). "Pyramid Texts". En Redford, Donald B. The Oxford Encyclopedia of Ancient Egypt, Volume 3. Oxford: Oxford University Press. pp. 95–98. ISBN 978-0-19-510234-5.
- Allen, James (2005). Der Manuelian, Peter, ed. The Ancient Egyptian Pyramid Texts. Writings from the Ancient World, Number 23. Atlanta: Society of Biblical Literature. ISBN 978-1-58983-182-7.
- Allen, James P. (2015). The Ancient Egyptian Pyramid Texts. Atlanta, Georgia: Society of Biblical Literature. ISBN 978-1-62837-114-7.
- Allen, James; Allen, Susan; Anderson, Julie; et al. (1999). Egyptian Art in the Age of the Pyramids. New York: The Metropolitan Museum of Art. ISBN 978-0-8109-6543-0. OCLC 41431623.
- Chauvet, Violaine (2001). "Saqqara". En Redford, Donald B. The Oxford Encyclopedia of Ancient Egypt, Volume 3. Oxford University Press. pp. 176–179. ISBN 978-0-19-510234-5.
- Clayton, Peter A. (1994). Chronicle of the Pharaohs. London: Thames & Hudson. ISBN 0-500-05074-0.
- Dassow, Eva Von, ed. (2015). The Egyptian book of the dead : the book of going forth by day : being the papyrus of Ani (royal scribe of the divine offerings) : including the balance of chapters of the books of the dead known as the Theban Recension compiled from ancient texts, dating back to the roots of Egyptian civilization / written and illustrated circa 1250 B.C.E., by scribes and artists unknown. Traducido por Faulkner, Raymond O.; Goelet, Ogden. Supervised by Renouf P. Le Page and Budge E.A. Wallis; Foreword by James Wasserman; Scholarship survey by Gunther J. Daniel; Preface by Carol Andrews (20th Anniversary ed.). San Francisco: Chronicle Books. ISBN 978-1452144382.
- Dodson, Aidan (2016). The Royal Tombs of Ancient Egypt. Barnsley, South Yorkshire: Pen & Sword Archaeology. ISBN 978-1-47382-159-0.
- Faulkner, Raymond O. (2004). The Ancient Egyptian Coffin Texts. Oxford: Oxbow Books. ISBN 9780856687549.
- Grimal, Nicolas (1992). A History of Ancient Egypt. Translated by Ian Shaw. Oxford: Blackwell publishing. ISBN 978-0-631-19396-8.
- Hays, Harold M (2012). The Organization of the Pyramid Texts : Typology and Disposition (Volume 1). Probleme de Ägyptologie. Band 31. Leiden, Boston: Brill. ISBN 978-90-04-22749-1. ISSN 0169-9601.
- Hornung, Erik (1997). The Ancient Egyptian Book of the Afterlife. Ithaca and London: Cornell University Press.
- Lehner, Mark (2008). The Complete Pyramids. New York: Thames & Hudson. ISBN 978-0-500-28547-3.
- Lichtheim, Miriam (1975). Ancient Egyptian Literature 1. London, England: University of California Press. ISBN 0-520-02899-6.
- Malek, Jaromir (2003). "The Old Kingdom (c.2160-2055 BC)". En Shaw, Ian. The Oxford History of Ancient Egypt. Oxford University Press. pp. 83–107. ISBN 978-0-19-815034-3.
- Mercer, Samuel A. B. (1956). Literary Criticism of the Pyramid Texts. London: Luzac & Compant LTD. OCLC 36229800.
- Smith, Mark (2017). Following Osiris: Perspectives on the Osirian Afterlife from Four Millennia. Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-958222-8.
- Verner, Miroslav (2001a). "Pyramid". En Redford, Donald B. The Oxford Encyclopedia of Ancient Egypt, Volume 3. Oxford: Oxford University Press. pp. 87–95. ISBN 978-0-19-510234-5.
- Verner, Miroslav (2001b). The Pyramids: The Mystery, Culture and Science of Egypt's Great Monuments. New York: Grove Press. ISBN 978-0-8021-1703-8.