Hilary Putnam

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Hilary Putnam.

Hilary Whitehall Putnam nado en Chicago o 31 de xullo de 1926, é un filósofo analítico que propuxo un realismo alternativo fronte ao realismo tradicional. Fixo importantes achegas á filosofía da mente, a filosofía da linguaxe e á filosofía da ciencia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Seu pai estivo vencellado ao Partido Comunista de Estados Unidos, e súa nai era xudía. Estudou na Universidade de Pensilvnia, na Universidade de Harvard e na Universidade de California onde recibiu o seu doutoramento en filosofía. Un dos seus profesores foi Rudolf Carnap, artífice do positivismo lóxico que Putman sempre rexeitou.

Putnam militou contra o antisemitismo, apoio o Movemento polos Dereitos Civís, declarouse en contra da guerra do Vietnam e foi membro do Partido Laboral Progresista. Convertiuse ao xudaísmo.

É membro da Academia Estadounidense das Artes e das Ciencias, da Academia Británica e da Academia de Ciencias Morais e Políticas de Francia. É profesor emérito da universidade de Harvard.

Pensamento[editar | editar a fonte]

Putnam tenta responder á pregunta de en que medida somos quen de coñecer o mundo real. Rexeita o que denomina o realismo metafísico ou realismo externo que mantén que se pode chegar a unha descrición auténtica e global de como o mundo é. Para Putnam a verdade é un xeito de coherencia entre as nosas crenzas entre si e coas nosas experiencias. Pero experiencias que son internas ao noso sistema de crenzas.

Marca tamén distancias co relativismo pois unha cousa é non poder chegar a unha descrición incontaminada do real e outra que calquera esquema conceptual poida ser válido. Nunca un enunciado e a súa negación poden ter o mesmo valor de verdade, e ha de estar subordinado á nosa práctica (amosando unha clara influencia de William James). Seguindo unha certa evolución no seu pensameno chega a afirmar que as nosas experiencias son, de entrada, encontros directos coa realidade.

Putnam sostén que é posible unha fundamentación racional para a ética e se amosa a prol dunha ética universal e insiste en non confundir pluralismo con relativismo. Unha verdade merecedora de tal nome ten que estar no mundo e someterse á discusión pública. Non todo vale pero a democracia é unha condición irrenunciable para o debate sobre a verdade. Defende, xa que logo, un pragmatismo que marca distancias co escepticismo moral e co dogmatismo.

Putman é célebre pola formulación de ideas como a realizabilidade múltiple, o isomorfismo funcional, o experimento da terra xemelga, o argumento da indispensabilidade, o cerebro na cubeta...

Obras[editar | editar a fonte]

  • Reason Truth and History. Cambridge, 1981
  • Realism with a human face. Cambridge, 1990
  • Renewing filosophy. Cambridge, 1994
  • Pragmatism: an open questión. Oxford 1995
  • Ethics without ontology. Cambridge 2004