Movemento polos dereitos civís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Movemento dos Dereitos Civís é historicamente un período comprendido entre 1954 e 1980, ocorrido de maneiras diversas e marcado por rebelións populares e convulsións na sociedade civil en países de todos os continentes.

O proceso de conseguir a igualdade perante a lei para todas as capas da poboación, independentemente da cor, a raza ou a relixión, foi longo e extenuante en diversos países e a maioría destes movementos non conseguiu atinxir o seu obxectivo. Nos seus últimos días, algúns deles acabaron adoptando un ideario político de esquerda.

Nos Estados Unidos de América[editar | editar a fonte]

Rosa Parks, con Martin Luther King ao fondo. c. 1955

O máis coñecido e famoso deles a través da historia foi o Movemento dos Dereitos Civís para os Negros Norte-Americanos, entre 1955 e 1968, que perseguía a consecución de reformas nos Estados Unidos encamiñadas a abolir a discriminación e a segregación racial no país. Coa aparición de movementos negros como o Black Power e os Panteras Negras no medio dos anos 60, o clamor da sociedade negra pola igualdade racial acabou aumentando a súa loita pola dignidade racial, a igualdade económica, a autosuficiencia política e a liberación da autoridade branca do país, eclipsando a razón inicial do movemento.

O inicio[editar | editar a fonte]

O marco inicial deste movemento deuse no sur eminentemente racista do país, na cidade de Montgomery, estado do Alabama, o 1 de decembro de 1955, cando a costureira negra Rosa Parks ( “A Nai dos Dereitos Civís”) entrou nun autobús de volta para casa tras un día de traballo e, cansa, sentou nun dos bancos dianteiros do autobús, prohibidos aos negros polas leis segregacionistas do estado. Obrigada a ceder o seu posto a un pasaxeiro branco e sentar no fondo do vehículo, negouse, e foi presa, xulgada e condenada. O seu acto e o seu encerro orixinaron unha vaga de manifestacións de apoio e revolta, alén do boicot da poboación aos transportes urbanos, dando inicio, de forma práctica, á loita da sociedade negra pola igualdade coa sociedade branca perante as leis americanas.

Convocado polos líderes negros da cidade e co apoio dalgúns brancos, o boicot aos transportes públicos durou 386 días, case levando á bancarrota ao sistema urbano de transportes (a maioría dos pasaxeiros eran negros pobres) e acabando soamente cando a lexislación que separaba brancos e negros nos autobuses de Montgomery foi abolida.

Marcos históricos[editar | editar a fonte]

Outros momentos importantes na loita pola igualdade civil nos Estados Unidos foron:

  • 1957: a Desegregación en Little Rock. Nove estudantes negros conseguiron nas cortes federais o dereito de estudaren no Ximnasio Central de Little Rock, pequena cidade de Arcansas, onde as escolas eran até entón segregadas. No primeiro día de clase, entre os insultos e as ameazas feitas polos estudantes e pola poboación branca á chegada á escola, foron forzados a retornaren as súas casas, por unha orde do gobernador á Garda Nacional do estado, oposta á decisión da xustiza federal. O entón presidente Dwight Eisenhower disolveu a Garda Nacional de Arcansas e enviou tropas de paracaidistas do exército para garantir e protexer a entrada e o estudo dos nove alumnos, cumprindo a decisión da corte federal. Cando o ano lectivo terminou, os integrantes do sistema público de ensino de Little Rock preferiron pechar a escola, decisión que foi imitada por outras escolas do estado e do sur do país.
  • 1961: a protesta de Greensboro. Estudantes negros e brancos da cidade de Greensboro, Carolina do Norte, comezaron a sentar en grupos no chan de restaurantes, tendas, museos, prazas, teatros e demais estabelecementos da cidade en protesta pola segregación aos negros nestes locais. Centos deles foron detidos e soltos, moitas veces con violencia policial. O exemplo comezou a ser seguido en diversos estados durante todo o comezo dos anos 60.
  • 1962: o Caso James Meredith. O 20 de setembro de 1963, no inicio do ano lectivo americano, o estudante James Meredith, tras ter gañado unha causa nas cortes federais polo dereito de ingreso na Universidade do Mississippi, o estado máis racialmente conservador de todo o país, impedíuselle entrar no campus dúas veces, por interferencia persoal do propio gobernador do estado, que declarou que ningunha escola do Mississippi seria integrada mentres el gobernase o estado. Tras apelar á corte federal, que instituíu unha multa diaria de 10.000 dólares por cada día que pasase sen clase, Meredith conseguiu entrar escoltado por axentes federais o 30 de setembro.

Civís e estudantes brancos comezaron unha gran loita na universidade que acabou coa morte de dúas persoas e feridas de bala a 28 axentes federais e máis de 160 feridos entre a poboación. Ao día seguinte, o Presidente John F. Kennedy enviou ao exército para garantir a entrada e a permanencia de Meredith na universidade e dominar os tumultos na cidade.

Activistas negros e brancos marchan en Washington polos dereitos civís.
  • 1963: a Marcha sobre Washington. En agosto de 1963, un cuarto de millón de manifestantes, negros e brancos, vidos de toda parte da nación, reuníronse na capital do país para celebrar unha xornada de discursos, protestas e cantos a favor da igualdade dos dereitos civís para todos os cidadáns, organizada entre outros por Martin Luther King, Bayard Rustin e Phillip Randolph, na maior aglomeración pacífica realizada nos Estados Unidos con propósitos de integración racial, dereito á unha vivenda digna, ao pleno emprego, ao voto e á educación integrada.
  • 1964: o Verán da Liberdade. Durante os meses de verán de 1964, vacacións escolares nos Estados Unidos, un grupo de máis de cen estudantes voluntarios polos dereitos civís do norte do país, brancos e negros, dirixíronse ao sur para iniciar unha campaña polo dereito do voto negro e para a formación dun partido pola liberdade do Mississippi.
Lyndon Johnson asina a Lei dos Dereitos Civís o 2 de xullo de 1964

Tres deles acabaron asasinados polo Ku Klux Klan en connivencia con autoridades policiais da cidade de Filadelfia, Missisipi, e os seus corpos, perforados a tiros, encontrados tras máis dun mes de dilixencias do FBI, enviado ao local polo Presidente Lyndon Johnson para asumir as investigacións. Acompañado diariamente pola prensa en rede nacional de televisión e polos máis influentes xornais do país, a indignación que o caso provocou na opinión pública americana axudou ao Presidente Johnson a aprobar xunto ao Congreso a Lei dos Dereitos Civís, o 2 de xullo de 1964.

  • 1964: Premio Nobel. A fin de ano, Martin Luther King recibiu o Premio Nobel da Paz polos seus esforzos pacíficos polo fin da segregación racial e polos dereitos civís dos negros nos Estados Unidos.
  • 1965: Selma e o Dereito de Voto. Martin Luther King liderou marchas e manifestacións na cidade de Selma, en Alabama, en prol do dereito de cidadáns negros a se rexistrar como votantes, en oposición ao xefe de policía da cidade, Jim Clark. El e centos de manifestantes foron presos, mais as manifestacións continuaron e acabaron en violencia por toda a cidade, coa morte dunha manifestante a mans da policía. Nos días que seguiron, enfrontamentos entre civís brancos locais, policías a cabalo e manifestantes negros resultaron en tumultos xeneralizados con mortos e feridos, transmitidos pola televisión a todo o país. As escenas causaron a mesma indignación que os feitos ocorridos no Mississippi no ano anterior e permitiron ao Presidente Johnson conseguir aprobar a Lei do Dereito de Voto en 1965. Esta decisión provocou a famosa lamentación de Lyndon Johnson de que “con esa sinatura acabo de perder os votos do sur nas próximas eleccións”.
Malcolm X, un dos ideólogos do movemento Black Power e dos Panteras Negras.
  • 1966-1975: o Black Power e os Panteras Negras . En contraste coa política de integración a través da non-violencia de Martin Luther King, xurdiu en 1966 un grupo de homes liderados por Stokely Carmichael, pregoando a necesidade dos negros de se defenderen dos ataques sufridos polo Ku Klux Klan no sur do país. A partir dos seus discursos, os negros suristas, en número moito maior que o da organización racista, pasaron a enfrontarse con armas aos ataques dos brancos racistas da rexión, facendo que o Klan desistise de aterrorizar os habitantes negros da rexión. A este movemento déuselle o nome de Black Power.

O movemento polos dereitos civís comezaba a se enfrontar á violencia a través da violencia. Os novos integrantes do Black Power pasaron a mostrar seu orgullo de pertencer á raza negra gañando maior identidade cultural, exteriorizando os seus sentimentos, usando indumentarias coloridas e cabelos no que chamaban estilo afro.

O sentimento de combater o racismo, a inxustiza e a violencia branca coa mesma moeda, cada vez máis crecente, acabou desembocando na organización coñecida como “Panteras Negras”, un pequeno partido político creado en Oakland (California), disposto a conseguir a igualdade racial e política “por calquera medio”, seguidores ideolóxicos do falecido activista Malcolm X. A súa indumentaria pasou a formar parte da paisaxe política e policial americana xunto co seu saúdo de puño levantado, até mediados dos anos 70. Todos os seus máis coñecidos líderes, como Huey Newton, Bobby Seale e Angela Davis acabaron presos e relegados á escuridade, a medida que as novas medidas contra a desigualdade racial comezaron a se incorporar á vida cotiá dos Estados Unidos.

En Irlanda do Norte[editar | editar a fonte]

A Asociación dos Dereitos Civís de Irlanda do Norte -The Northern Ireland Civil Rights Association (NICRA)- actuou polos dereitos civís da minoría católica ao fin da década de 60 e comezo dos anos 70. Desde a concepción do Estado, os católicos sufriron unha forte discriminación baixo o goberno unionista protestante, e a NICRA balizou as súas actividades e campañas polo movemento dos dereitos civís nos Estados Unidos.

As súas cinco principais esixencias eran:

  • Un home, un voto.
  • Fin para a discriminación en materia de vivenda.
  • Fin para a discriminación en gobernos locais.
  • Fin para a influencia ilegal dos protestantes nas eleccións, feitas nos límites dos distritos, que limitaban os efectos do voto católico.
  • O desmantelamento dos B-Specials, unha sectaria policía protestante da reserva.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]