Henri Longuet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaHenri Longuet

Henri Longuet

Biografía
Nacemento7 de agosto de 1887
Morte22 de marzo de 1963 (75 anos)
Mulhouse, Alto Rin.
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Francesa.
EducaciónPrytanée de la Flèche.
Escola de Medicina de Angers.
Escola de Sanidade Militar de Lión.
Coñecido porPresidente da Sociedade Francesa de Numismática.
Actividade
Campo de traballoMedicina e numismática.
Membro de
Familia
CónxuxeLucie Steinbach (1913).
Premios
Cruz de Guerra (1914-1918).
Cruz de Guerra (1939-1945).
Cabaleiro da Lexión de Honra (1918).
Comendador da Lexión de Honra (1947).Membro de Honra da Universidade de Viena.


Henri Longuet (ás veces escrito Henry), nado en Grandville, Aube o 7 de agosto de 1887 e finado en Mulhouse, Alto Rin, o 22 de marzo de 1963, foi un médico militar e numismático francés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e formación[editar | editar a fonte]

Henri Longuet naceu o 7 de agosto de 1887, fillo de Lucie Émilie Claire Camus e do oficial Antoine Longuet,[1][2] que estaba destinado en Grandville, Aube.[3]

Henri quedou orfo de pai sendo un neno, e a súa nai enviouno a cursar o ensino secundario no liceo militar de La Flèche (Prytanée de la Flèche), nos Países do Loira, para se formar para a carreira militar, seguindo os pasos do seu pai.[3] Posteriormente cursou estudos superiores de Medicina na Escola de Medicina de Angers, onde se introduciu na Oftalmoloxía, e tamén na Escola de Sanidade Militar de Lión,[1][2] onde se graduou en 1910.[4]

Médico civil e militar[editar | editar a fonte]

Logo dun período formativo dun ano no hospital Val-de-Grâce, de París, en 1913 foi nomeado axudante maior do 8º Rexemento de Artillaría de Nancy, como médico auxiliar, e ese mesmo ano contraeu matrimonio.[4]

Na primeira guerra mundial, combateu entre 1914 e 1918 no corpo de Infantaría. O seu servizo fíxoo acredor da Cruz de Guerra, con cinco condecoracións,[4] e tamén foi nomeado Cabaleiro da Lexión de Honra. Logo do armisticio de 1918 foi destinado á misión militar francesa en Berlín.[1][5]

En 1921, Longuet pasou á reserva do exército e estableceuse como oftalmólogo en Mulhouse, na Alsacia, a cidade natal da súa muller.[1][2][5]

Co estoupido da segunda guerra mundial foi mobilizado en 1939, co grao de tenente coronel, e foi prisioneiro dos alemáns entre xuño de 1940 e xaneiro de 1941.[1] Tras a súa liberación non puido volver á Alsacia, xa que estaba en poder dos Nazis, e trasladouse a París, onde traballou como xefe do Departamento de Oftalmoloxía do hospital Val-de-Grâce. A súa participación na segunda contenda mundial valeulle novamente a concesión da Cruz de Guerra.[5]

En 1945 volveu ao servizo activo nas forzas armadas como xefe da sección médica da Comisión Militar Interaliada de Control, na capital Austríaca.[2] Alí os seus servizos foron recoñecidos coa concesión do título de membro honorario da Universidade de Viena.[5]

Finalizada a guerra, en 1947 foi desmobilizado e volveu á súa residencia familiar de Mulhouse, onde retomou a súa carreira como oftalmólogo civil. Ese mesmo ano concedéuselle o grao de Comendador da Lexión de Honra.[5]

Numismático[editar | editar a fonte]

Longuet foi un recoñecido coleccionista de moedas antigas e un erudito numismático. As súas investigacións deron lugar á publicación de numerosos artigos en revistas especializadas de Francia e doutros países, sinaladamente no Bulletin de la Société industrielle de Mulhouse, en Revue numismatique, en Cahiers d'Archéologie et D'histoire d'Alsace, en Numismatische Zeitschrift e en Revue belge de numismatique.[6] En 1961 publicou en Londres o seu único traballo monográfico sobre tema numismático, titulada Introduction a la numismatique byzantine,[1][7][8] cuxa redacción comezara xa durante a súa etapa militar en Viena.[9]

En Mulhouse, Longuet reactivou o preexistente Círculo Numismático da Alsacia. Tamén foi un membro destacado da Sociedade Francesa de Numismática,[10] entidade que presidiu durante tres períodos:[1][11] de 1946 a 1947, de 1948 a 1949 e de 1951 a 1953.[12][13]

A súa colección numismática, especializada na moeda do Imperio Bizantino foi vendida nunha poxa pública celebrada en París en 1970 pola casa de poxas PLATT.[14]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Henri Longuet casou o 24 de xuño de 1913 con Lucie Steinbach. A súa muller pertencía a unha antiga familia de Mulhouse, cidade onde o matrimonio se estableceu e onde naceron as súas tres fillas.[1][4]

En Mulhouse, Longuet exerceu como membro da corporación municipal desde 1948 ata a súa morte, aos 75 anos, o 22 de marzo de 1963.[1][11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 Oberlé, R. "Longuet, Henri". En Nouveau dictionnaire de biographie alsacienne. Federation des Sociétés d'Histoire & d'Archeologie d'Alsace (Alsace-histoire.org).
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Simon, R. (1963). Páxina 147.
  3. 3,0 3,1 Zuber, P-R. (1964). Páxina 9.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Zuber, P-R. (1964). Páxina 10.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Zuber, P-R. (1964). Páxina 11.
  6. "Bibliographie". En Zuber, P-R. (1964). Páxina 12.
  7. Longuet, H. (1961). Introduction a la numismatique byzantine. Spink and Son, Londres
  8. Recensión do libro, por Cécile Morrison. En Revue Numismatique. 1963. 5. Páxinas 186-187.
  9. Simon, R. (1963). Páxina 148.
  10. Simon, R. (1963). Páxina 147.
  11. 11,0 11,1 Zuber, P-R. (1964). Páxina 12.
  12. Le Rider, G. et al. "La Société française de numismatique : 1865-1965". En Revue Numismatique. 1965. Páxina 24.
  13. "Les présidents de la SFN". Société française de numismatique.
  14. "Longuet, Henri (1887-1963; Mulhouse, Alsace)". En Grierson, P. (1999). Catalogue of the Byzantine Coins in the Dumbarton Oaks Collection and in the Whittemore Collection. Volume Five. Michael VIII to Constantine XI, 1258-1453. Part II. Dumbarton Oaks Research Library and Collection, Washington. Páxina 292. ISBN 0-88402-261-7

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • "Longuet, Henri ( -1963)". En Mitteilungen der Osterreichischen Numismatischen Gesellschaft. Vol. 13. Nº 3. 1963. Páxina 24
  • Simon, R. (1963). "Le Docteur Henri Longuet 1887-1963". En Cahiers Alsaciens d'Archeologie d'Art er d'Histoire. VII. Estrasburgo. Páxinas 147-148.
  • Zuber, P-R. (1964). "Hommage au Dr Longuet". En Bulletin du Musée historique de Mulhouse. Tomo LXXII. Páxinas 9-12.
Predecesor:
Pierre le Gentilhomme
M. Baille
Pierre Prieur
Presidente da
Sociedade Francesa de Numismática

1946-1947
1948-1949
1951-1953
Sucesor:
M. Baille
Pierre Prieur
Jean Mazard