Hans Krása

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Hans Krása
Hans Krása 1927.jpg
O compositor checo-alemán Hans Krása
en 1927
Nacemento30 de novembro de 1899 e 30 de outubro de 1899
 Prague CoA CZ.svg Praga
República Checa República Checa
Falecemento17 de outubro de 1944 (44 anos)
 Auschwitz-Birkenau
Polonia Polonia
NacionalidadeChecoslovaquia e Reich Alemão
EtniaPobo xudeu
Instrumento(s)Violín e piano
Composicións destacadasÓpera infantil Brundibár
Parella/sEliška Kleinová
editar datos en Wikidata ]

Hans Krása, nado o 30 de novembro de 1899 en Praga, República Checa, e finado o 17 de outubro de 1944 nunha cámara de gas en Auschwitz, Polonia, foi un compositor musical checo-alemán.[1][2]

Xunto con outros compositores xudeus, como Viktor Ullmann e Pavel Haas, contribuíu a dinamizar a vida cultural do campo de concentración de Theresienstadt, antes de ser trasladado a Auschwitz.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Krása naceu nunha familia social e economicamente acomodada, fillo dun avogado checo e dunha nai de orixe alemá, que o incentivou e apoiou na súa dedicación á música. O seu pai mesmo contratou conxuntos instrumentais para que Hans escoitase as súas composicións.

Estudou violín, piano e composición en Praga, isto último con Alexander von Zamlisky, e ao remate dos seus estudos seguiu a súa formación en Berlín, onde traballou durante un tempo na Kroll Oper. Logo dalgunhas estadías en París con Albert Roussel a finais dos anos 20, onde aprendeu a admirar, entre outras, as obras de Igor Stravinskii, regresou a Praga para traballar no Neues Deutsches Theater.[4]

Krása tivo algunhas presentacións nos Estados Unidos e en Francia na década de 1920, e varias das súas composicións foron publicadas en Viena e en París. En 1921 celebrou o seu primeiro éxito como compositor cos seus catro lieds para orquestra con textos do poeta alemán Christian Morgenstern. A súa sinfonía estreouse en Boston en 1923 baixo a dirección de Serge Koussevitzky. Compuxo ademais numerosas obras de cámara e vocais, así como música incidental.[5]

Placa conmemorativa dos compositores asasinados en acmpos de concentración, no cemiterio xudeu de Olšany, en Praga

O 10 de agosto de 1942, Hans Krása foi deportado ao campo de concentración de Theresienstadt, onde a súa obra máis característica, Brundibár, tivo máis de medio cento de representacións.[6] No documental propagandístico nazi Theresienstadt amósase, entre outras cousas, unha representación desta ópera.[7] Durante a súa estadía no campo de concentración estivo casado durante algúns meses coa pianista checa Eliška Kleinová, para evitar a súa deportación como muller solteira.

Na noite do 16 de outubro de 1944, Hans Krása foi introducido nun vagón de tren con destino a Auschwitz-Birkenau, onde foi asasinado na cámara de gas.[8]

Estilo[editar | editar a fonte]

Aínda que a calidade melódica é evidente en toda a música de Krása, no seu traballo houbo desde un principio unha tendencia distintiva cara ao grotesco e unha especie de enxeño inclasificable. Isto reflíctese non só na súa elección dos textos das súas obras orquestrais, senón tamén no seu don excepcional para a instrumentación, onde a sonoridade do conxunto, as combinacións infrecuentes de instrumentos, o uso de percusión e a súas composicións para instrumentos solistas crean e melloran as texturas imaxinativas e coloridas máis presentes ata os anos 20.

Como exemplo da súa orixinalidade, pódense analizar as críticas da súa sinfonía escrita en 1923, representada en Europa e nos Estados Unidos. Tras a actuación da Orquestra Sinfónica de Boston, Paul Rosenfeld caracterizou o compositor no Boston Globe como un músico de notable individualidade e habilidade.[9]

A música de Krása está escrita nunha linguaxe moderna, orixinal e persoal pero non forzada. A súa singularidade percíbese aínda máis hoxe en día, xa que as súas composicións se fixeron coñecidas nos últimos anos a través de numerosas actuacións e gravacións e polas publicacións das súas partituras. De todas elas, a máis coñecida e a máis interpretada é Brundibar.

Sobre o seu estilo musical, Krása escribiu:[3]

Son o suficientemente ousado, como compositor moderno, para escribir música melódica. Isto reflicte toda a miña actitude cara á música, xa sexa chamada moderna ou de calquera outra maneira. A miña música baséase estritamente no concepto de carácter melódico accesible

Escolma de obras[editar | editar a fonte]

Estas son algunhas das obras máis representativas de Hans Krása:[10][11]

  • (1920) 4 Orchesterlieder. Op. 1. Texto de Christian Morgenstern.
  • (1921) Cuarteto de corda. Op. 2.
  • (1923) Symphonie für kleines Orchester.
  • (1925) 5 Lieder. Op. 4. Texto de Rilke, Catullus e Morgenstern.
  • (1928-1930) Verlobung im Traum. Ópera en tres actos.[12]
  • (1931) Die Erde ist des Herrn. Cantata para solista, coro e orquestra.
  • (1936) Kammermusik. Para clavicémbalo e sete instrumentos.
  • (1936) Theme and Variations. Para cuarteto de corda.
  • (1938) Brundibár.
  • (1943) Drie liederen. Para barírono, viola e violoncello. Texto de Arthur Rimbaud.
  • (1943) Overture. Para pequena orquestra.
  • (1944) Tanec. Baile para trío de corda.
  • (1944) Passacaglia en Fugue. Para trío de corda.

A ópera Brundibár[editar | editar a fonte]

Cartel en acuarela da representación de Brundibár no campo de concentración de Theresienstadt

Brundibár é unha ópera infantil en dous actos composta en 1938, baseada nunha obra de Aristófanes, cun libreto en checo de Adolf Hoffmeister. Foi estreada en 1941 no asilo xudeu de Praga, en segredo e sen a presenza do autor, que daquela xa fora deportado a Theresienstadt, onde tivo que volver escribir a partitura, xa que non puidera levala consigo. No campo de concentración, entre 1942 e 1944, a ópera foi representada unhas 55 veces, conseguindo transmitir unha sensación de normalidade aos nenos deportados.[13]

Fotografía dunha das primeiras representacións de Brundibár en Praga (1942-1943)

A redescuberta da historia desta ópera infantil, esquecida durante decenios, comezou a finais dos anos 70, cando unha monxa beneditina, indagando na historia da súa familia, deu de xeito casual co tema da ópera e reconstruíu unha versión de Brondibár grazas a unha partitura para piano en idiomas checo e hebreo, a partir da cal se puido realizar en 1985 a primeira representación en Alemaña.

Tamén en Israel se deu a coñecer esta ópera grazas a unha produción do Teatro do Land de Mecklenburgo con sede en Schwerin. En 1997, alumnos dunha escola de música de Schwerin, que montaran a obra na súa escola, foron invitados a representala en Israel, onde tomaron contacto cos testemuños da época, entre os cales estaba Zvi Cohen, un dos nenos que facían música no campo de concentración de Theresienstadt.

Malia ser a obra máis representada dos compositores xudeus mortos durante a Shoah, esta ópera non ten moitas representacións; nas estatísticas de Operabase aparece como a número 237 das óperas representadas entre 2005 e 2010, e é a número 32 en Alemaña e a primeira de Hans Krása, con 10 representacións nese período.

Brundibár adoita ser representada sobre todo en contextos educativos, onde o seu uso variou con respecto ás primeiras representacións: se ao comezo se usaba para reivindicar uns dereitos e un afán de liberdade dun pobo reprimido, hoxe interprétase como acto memorial ou para tratar cos nenos o tema do Holocausto.[14]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Krása, Hans (Johann)". Grove Music Online.
  2. "Hans Krasa - Czech Composer". Czech Music Information Center.
  3. 3,0 3,1 "Hans Krássa (1899-1944)". En Naxos Records.
  4. "Hans Krása: Biographie". En Lexikon verfolgter Musiker und Musikerinnen der NS-Zeit.
  5. Svatos, T. "Hans Krasa: Early Years". The OREL Foundation.
  6. "KRASA: Brundibar". En Naxos Records.
  7. Representación de Brundibár en Theresienstadtn. Vídeo en Youtube.
  8. Svatos, T. "Hans Krasa: Mature Years". The OREL Foundation.
  9. "Hans Krása". Music and the Holocaust.
  10. "Hans Krasa: Works". The OREL Foundation.
  11. "Hans Krása: Werke". En Lexikon verfolgter Musiker und Musikerinnen der NS-Zeit.
  12. "Wiederendeckter Komponist Hans Krása. Mit Grandezza und leichter Hand". En Taz.
  13. "Krása, Hans: Die Kinderoper Brundibár Arquivado 25 de maio de 2018 en Wayback Machine.". En www.ghetto-theresienstadt.info.
  14. Svatos, T. "Brundibár and Terezín". The OREL Foundation.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ĉervinková, Blanka. Hans Krása: život a dílo skladatele. Tempo. Praga. 2003. ISBN 80-9013-760-1
  • Červinková,Blanka. Hans Krása Leben und Werk. PFAU-Verlag Verdrängte Musik, 19. 2005. ISBN 3-89727-305-5
  • Karas, Joža. Music in Terezin: 1941-1945. Beaufort Books. Nova York. 1985. ISBN 0-8253-0287-0
  • Schultz, Ingo. “Hans Krása”. En The New Grove Dictionary of Music and Musicians. 2ª ed. Maxmillan Publisher Limited. Londres. 2001. ISBN 978-0333608005

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]