Héroes del Silencio Tour 2007

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Héroes del Silencio Tour 2007 é o título xenérico da xira que, durante os meses de setembro e outubro de 2007, levou a cabo o grupo español de rock Héroes del Silencio.

Esta xira, que significaba a despedida do grupo, incluíu as cidades de Cidade de Guatemala (Guatemala), Buenos Aires (Arxentina) , Monterrey e México DF (México), Os Ánxeles (Estados Unidos), e Zaragoza, Sevilla e Valencia (España). A novidade supúxoa a presenza do guitarrista Gonzalo Valdivia, que fixo de segundo guitarra durante a xira, e que nunca tocara antes con Héroes.

Tras a xira, o grupo sacou o álbum Tour 2007, en formato de CD e DVD, que recollía momentos da mesma.

O grupo[editar | editar a fonte]

Héroes del Silencio foi un grupo formado na década de 1980 por Enrique Bunbury, Pedro Andreu, Joaquín Cardiel e Juan Valdivia. Na década de 1990 experimentaron un grande éxito en España e Latinoamérica, así como en varios países europeos, incluíndo Alemaña, Bélxica, Suíza e Francia, converténdose nun dos máis exitosos grupos na historia do rock en español. Logo de doce anos e numerosos álbums, a banda separouse no ano 1996.[1] Diferenzas persoais e cansazo foron os motivos expostos para a súa disolución. Trala mesma, Enrique Bunbury iniciou a súa carreira en solitario.

A xira[editar | editar a fonte]

Un momento da interpretación de "Avalancha", nun dos concertos de México.

Aos dez anos da súa separación, suscitouse a posibilidade de realizar unha xira de despedida como homenaxe aos seus seguidores, e como forma de pechar brillantemente a traxectoria do grupo. Para levar a cabo esta xira, contouse co patrocinio de empresas tanto públicas como privadas, entre as que se incluíu a Expo Zaragoza 2008, o Real Zaragoza e o Concello de Zaragoza, a cidade do grupo, onde se planificaron dúas actuacións.

Tras algúns meses de ensaios levados a cabo en relativo segredo, acordouse a participación de Gonzalo Valdivia, irmán do guitarrista Juan Valdivia, como segundo guitarra durante a xira, ao atoparse Juan aínda renqueante dunha operación na man.[2] Nun principio pensouse que sería Alan Boguslavsky, que foi compoñente da banda de 1993 a 1996 quen desempeñaría o posto.

En febreiro de 2007, o grupo fixo público un comunicado oficial no que informou das cidades e datas onde se levarían a cabo os concertos.[3]

Héroes del Silencio posan coa bandeira de México, a súa chegada ao país, o 13 de setembro de 2007.

As entradas puxéronse á venda con meses de antelación para evitar problemas de derradeira hora, a través de caixeiros automáticos e tendas de discos, pero a súa demanda desbordou todas as previsións. Para os concertos de Sevilla, Zaragoza e México DF vendéronse en tempo récord. En menos de 23 horas desde a súa posta á venda vendéronse todas, aínda que xurdiu un turbio negocio de reventa. As entradas para o concerto do 12 de outubro en Zaragoza, que se puxeron á venda o 1 de marzo dese mesmo ano ás 00:00 h, esgotáronse en tan só 3 horas. Houbo xente ás portas das tendas 24 horas antes, e tamén produciuse o colapso dos caixeiros de Ibercaja e na web, onde tamén se vendían.[4]

Para este tour, contouse cun impresionante despregue de luz e son, ademais dun escenario de enormes dimensións cunha pasarela que culminaba noutra máis pequena onde se desenvolvía unha parte dos concertos. O megaescenario, de 22 metros de altura, incluía dúas pantallas xigantes aos lados e dous telares onde tamén se exhibían imaxes, cunha potencia de 550.000 vatios de luz e 300.000 de son.[5] O dispositivo humano para toda a montaxe dos concertos constaba dunhas 800 persoas.

Guatemala[editar | editar a fonte]

O 15 de setembro de 2007, Héroes del Silencio volvían a un escenario logo de 11 anos. Foi na Cidade de Guatemala, e o escenario o Estadio do Exército.

Ante 24.000 espectadores, vidos de toda Centroamérica, o show comezou con "Song to the siren", para iniciar a actuación con "El estanque", tras a que chegaron "Deshacer el mundo", "Mar adentro", "La carta" e "La sirena varada".[6] O saúdo de Bunbury foi conciso:

«Moi boas noites Guatemala, tiñamos ganas de vervo-las caras»

Durante o concerto producíronse algunhas deficiencias no son, polas que Enrique pediu desculpas. A actuación durou unhas dúas horas e media e culminou cun espectáculo de fogos artificiais.

Bos Aires[editar | editar a fonte]

O segundo concerto celebrouse en Buenos Aires, o 21 de setembro, ante 30.000 persoas, no Estadio de Obras, e estaba programado dentro dos actos do macrofestival Pepsi Music, no que tamén actuaban bandas como Molotov, Black Eyed Peas e Marilyn Manson.

O concerto, que durou unhas dúas horas, iniciouse de novo con "El estanque", "Deshacer el mundo" e "Mar dentro", sendo os temas clásicos da banda coma "Entre dos tierras", "Nuestros nombres" ou "Avalancha" os máis aclamados, ata un total de 25 cancións. Malia que se volveron rexistrar problemas de son, a actuación foi considerada un grande éxito.

Monterrey[editar | editar a fonte]

O 25 de setembro Héroes del Silencio volveron a México, o país onde máis éxito tiveron logo de España, tras máis de once anos. Foi na cidade de Monterrey, e o escenario o Parque Fundidora, onde se reuniron 15.000 persoas.

Cun recibimento apoteósico, o concerto comezou ás 21.30 h, unha vez máis tralos acordes de "El estanque", que deu inicio á actuación. Bunbury presentouse así:

"Monterrey, moi boas noites. Que bo é estar en Monterrey, velos de novo após tanto tempo, que bo é estar en Fundidora. Falta alguén, chegaron tarde, xa podemos empezar".

Ás 23.50 h., e tras interpretar unha veintena de cancións, Héroes despedíronse do seu público.[7]

Os Ánxeles[editar | editar a fonte]

Tres días máis tarde, o 28 de setembro, celebrouse o único concerto da xira que Héroes ofreceron nos Estados Unidos; foi na cidade dos Ánxeles, concretamente no The Home Depot Center de Carson.

A maioría dos asistentes a este concerto, que encheu as 27.000 prazas de que dispón o estadio, máis as habilitadas dentro da cancha, eran latinoamericanos con bandeiras dos seus países, aos que, nun momento do espectáculo, foi mencionando Bunbury case un por un.

Tras unhas dúas horas dunha actuación na que "Entre dos tierras" e "Avalancha" foron os temas máis populares, o grupo despediuse co habitual espectáculo de fogos artificiais.[8]

México DF[editar | editar a fonte]

A demanda de entradas fixo que o único concerto que inicialmente estaba previsto en México DF ampliásese a dous. Así, os días 4 e 6 de outubro o grupo deu o seu recital no Foro Sol, enchendo en ámbolos dous as 50.000 localidades de que dispuña o seu aforamento para estes eventos.

O primeiro deles tivo lugar o día 4. Ás 22.10 h. apareceu sobre as pantallas xigantes a figura de Bunbury interpretando os primeiros acordes de "El estanque". Non faltaron temas como "Bendecida", "Opio", e sobre todo "Avalancha", o tema que máis coreou o público. "Malas intenciones" e "En brazos de la fiebre" foron os temas cos que se despediron.[9]

O día 6, de novo co auditorio ao completo, o grupo cambiou algo o seu repertorio. Sobre as 21.00 h. comezou, unha vez máis con "El estanque", e puidéronse escoitar temas coma "La carta", "Tesoro" e "Tumbas de sal". Outra vez foi "Avalancha" o tema que máis alterou aos asistentes. Cunha emotiva despedida, os Héroes abandonaron a parte americana da xira.

Zaragoza[editar | editar a fonte]

O regreso de Héroes do Silencio á súa cidade para dar dous únicos concertos levantara unha grande expectación, e as entradas esgotáronse horas logo de poñérense á venda. Os concertos coincidiron coas Festas do Pilar, o que deu maior realce ao acontecemento. O escenario elixido foi o estadio de La Romareda, cuxas 40.000 prazas foron ocupadas para as actuacións.

O 10 de outubro celebrouse a primeira delas; tras un día frío e chuvioso, sobre as 21.20 h. o grupo saíu ao escenario baixo unha enorme ovación. O repertorio non variou moito con respecto aos anteriores concertos do Tour, incluíndo "La sirena varada", "Héroe de leyenda", "No más lágrimas", "Avalancha", "Bendecida", "Opio" o "La herida".

O 12 de outubro Héroes volveron encher La Romareda para ofreceren o segundo concerto na súa cidade. Ás 21.00 h. comezou a soar "Song to the siren" como preludio da saída do grupo. Tralo primeiro bloque de cancións, a voz de Bunbury comezou a empeorar e este pediu desculpas, tralo que se tomou un pequeno respiro e regresou ante o aplauso do público para culminar a actuación. O repertorio foi practicamente o mesmo de dous días antes, coa inclusión de "Agosto" coma única novidade. Unhas dúas horas de actuación tralas que o grupo se despediu emotivamente da súa cidade.

Sevilla[editar | editar a fonte]

O baixista Joaquín Cardiel, durante o concerto de Sevilla.

Após once anos, Héroes volveron a Sevilla para o seu concerto do 20 de outubro, no Estadio Olímpico de La Cartuja.

70.000 espectadores asistiron ao concerto, a maior cifra rexistrada ata entón no tour, onde así se presentou Bunbury:

"Sevilla, boas noites, un pracer estar con vostedes, querémosvos dar as grazas polo grande que se ve isto..."

Tras un inicio con temas máis melódicos, a banda tocou na segunda parte a súa repertorio máis movido, o que acendeu ao público con temas como "La sirena varada", "La herida", "Mar dentro", "Nuestros nombres" e "Avalancha". A sorpresa da noite produciuse cando o ex-produtor do grupo, Phil Manzanera, subiu ao escenario e interpretou dous temas á guitarra.[10]

Valencia[editar | editar a fonte]

O último concerto da xira de despedida de Héroes del Silencio tivo lugar nas proximidades da cidade de Valencia, no Circuíto Ricardo Tormo de Cheste, o día 27 de outubro.

A asistencia masiva ao concerto (80.000 persoas), e a falta de previsión da organización, orixinaron un caos circulatorio durante máis de catro horas, ademais de 20 quilómetros de retencións que imposibilitaron o acceso a miles de seguidores. A situación chegou a ser tan caótica que moitos fans decidiron abandonar os seus vehículos en plena autovía A-3, que quedou colapsada.[11]

O concerto en si foi o máis emotivo de toda a xira. Comezou co típico "El estanque" e culminou coa tamén cotián "En brazos de la fiebre", tras un repaso aos seus temas máis coñecidos de máis de dúas horas, con momentos como a interpretación de "La chispa adecuada" coa única iluminación dos chisqueiros e teléfonos móbiles do público. Ata tres veces volveron ao escenario para culminaren o show, cuxo punto final puxeron os habituais fogos artificiais. Entre as frases que Bunbury dedicou ao entregado público:

"Hai 24 anos que empezamos nisto e vostedes fixeron posible o que parecía imposible. Vostedes fixéronnos grandes e témosllo que agradecer."[12]

As súas derradeiras verbas sobre un escenario como membro do grupo foron:

"Moitísimas grazas, foi un verdadeiro pracer estar con todos vostedes. Nós somos Héroes del Silencio, non se esquezan. Ata sempre."[13]
Panorámica da chegada do público ao concerto do 6 de outubro no Foro Sol de México DF.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]