Foi gravado nos estudios Kirios, (Madrid) baixo a produción de Phil Manzanera para Sound & Management (Zürich, Suíza), sendo o enxeñeiro de son e mesturas Keith Bessey. Foi mesturado en Metropolis Studios (Londres, Inglaterra).
Moitas das cancións que aparecen neste disco xa as viñan a tocar na súa xira anterior; "Entre dos tierras" era xa un tema que non debía faltar no repertorio da banda.
O grupo considerou este o mellor disco da súa carreira, e onde a crítica comezou a apoiarlles máis. Era un disco completamente introspectivo e moi acorde á época, facendo unha fusión de sons entre o Rock Gótico, o Pop, e o Hard Rock. As maiores influencias serían The Mission e New Model Army.
Trátase dun disco onde non se preocuparon moito pola composición dos temas, só a darlles un arranxo ás composicións, varias cancións xa estaban presentes e coma se menciona con anterioridade, xa se tocaban nas súas presentacións.
As letras comezan a seren máis fondas, aquí explótanse máis a fondo os sentimentos, a ira, a frustración, a tristura, a melancolía; e os efectos causados polas drogas amósanse de maneira explícita, coma o é o tema "Hechizo".
Todos estes sentimentos e sensacións fanse presentes en tódalas cancións, "Entre dos tierras", "Maldito duende", "La carta", "Malas intenciones", "Oración", "Despertar", "Con nombre de guerra".
Foi o seu primeiro número un en España e o primeiro álbum que entrou nas listas de vendas en Alemaña.