Guerra de Borgoña
Guerra de Borgoña ou Guerras de Borgoña | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Estado borgoñón Ducado de Savoia |
Reino de Francia Antiga Confederación Suíza Ducado de Lorena | ||||||
Líderes | |||||||
Carlos o Temerario † | Lois XI de Francia René II, duque de Lorena | ||||||
Baixas | |||||||
sobre 22.000 | sobre 1.000 |
A guerra de Borgoña (ou guerras de Borgoña) foi un conflito entre o ducado de Borgoña e o seu aliado o ducado de Savoia contra o reino de Francia e o ducado de Lorena, no que tamén interveu a Antiga Confederación Suíza, que desempeñaría un papel decisivo.
A guerra aberta desatouse en 1474 e, nos anos seguintes, o duque de Borgoña, Carlos o Temerario, sería derrotado máis tres veces nos campos de batalla e morto na batalla de Nancy (1477).
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Os duques de Borgoña conseguiran durante cen anos formar unha poderosa forza de combate entre Francia e o Sacro Imperio Romano Xermánico. As súas posesións incluían, ademais dos seus territorios orixinais do ducado de Borgoña e o Franco Condado, e entre outras, as rexións dos condados de Flandres, Luxemburgo e Brabante, de grande importancia económica.
Os duques de Borgoña seguían políticas de expansión, especialmente en Alsacia e Lorena, buscando unir xeograficamente as súas posesións do norte e do sur.
Entrando previamente en conflito co rei francés (Borgoña puxérase do lado dos ingleses na guerra dos Cen Anos), os avances de Carlos o Temerario ao longo do Rin provocaron un conflito cos Habsburgo, e especialmente co emperador Frederico III.
O conflito
[editar | editar a fonte]En 1469, o arquiduque Sexismundo de Austria empeñou as súas posesións en Alsacia a Carlos o Temerario, duque de Borgoña, como feudo, para que as protexese contra a expansión da Antiga Confederación Suíza.
A intervención de Carlos ao oeste do Rin non lle dera ningunha razón para atacar os confederados, como quería Sexismundo, pero o seu embargo político ás cidades de Basilea, Estrasburgo e Mulhouse, dirixidas por Peter von Hagenbach, fixo que estas cidades acudisen a Berna en busca de axuda.
A estratexia expansionista de Carlos sufriu unha primeira derrota cando fracasou no ataque ao arcebispado de Colonia, tras o errado sitio de Neuss (1473–1474).
Nunha segunda fase, Sexismundo buscaba un acordo de paz coa Confederación Suíza, que acabou conseguindo en Constanza en 1474, coa mediación do rei Lois XI de Francia. Quería comprar outra vez as súas posesións alsacianas, agora en poder de Carlos, oferta que este último declinou.
Pouco despois, von Hagenbach foi capturado e decapitado en Alsacia, e os suízos, aliados das cidades alsacianas e con Sexismundo de Austria nunha "liga antiborgoñoa", conquistaron parte do Xura borgoñón (o Franco Condado) tras gañar a batalla de Héricourt en novembro de 1474.
Ao ano seguinte, as forzas bernesas ocuparon e arrasaron o Vaud, que pertencía ao duque de Savoia, que era aliado de Carlos o Temerario. No Valais, a república independente dos Sieben Zenden, xunto cos berneses e outras tropas confederadas, expulsaron os de Savoia do baixo Valais tras vencer na batalla de Planta en novembro de 1475.
En 1476 Carlos contraatacou e marchou contra Grandson, que pertencía a Pierre de Romont de Savoia, e a súa gornición sería afogada no lago a pesar de ter capitulado.
Cando as forzas confederadas chegaron uns días máis tarde, o exército de Carlos sufriu unha derrota enorme na batalla de Grandson, e foi forzado a abandonar o campo, deixando a súa artillaría e moitas provisións.
Tras recrutar un novo exército, foi novamente vencido na batalla de Morat.
Finalmente, Carlos caeu morto na batalla de Nancy en 1477, na que os suízos loitaron xunto a un exército de René II de Lorena.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]Como consecuencia, o ducado de Borgoña e moitas outras posesións borgoñoas pasarían a Francia, mentres que as terras de Borgoña nos Países Baixos e o condado de Borgoña (o Franco Condado) serían herdados pola filla de Carlos, María de Borgoña, e pasaron finalmente á Casa de Habsburgo.
Tras a morte de Carlos o Temerario, a dinastía dos Valois-Borgoña extinguiuse. Os territorios de Flandres dos Borgoña pasaron a ser posesión dos Habsburgo, cando o arquiduque Maximiliano I de Habsburgo, que máis tarde sería emperador do Sacro Imperio, casou coa única filla de Carlos, María de Borgoña.
O ducado de Borgoña pasou a ser parte de Francia baixo o control do rei Lois XI.
O Franco Condado pasou inicialmente a mans francesas, pero máis tarde foi cedido (en 1493) ao fillo de Maximiliano I, Filipe o Fermoso polo rei francés Carlos VIII no tratado de Senlis, nun intento por manter o emperador neutral durante a invasión de Italia, que Carlos planeara.
As vitorias dos Confederados sobre unha das potencias europeas máis poderosas militarmente déronlle unha gran reputación de invincibilidade, e a guerra de Borgoña marcou o principio do emprego dos mercenarios suízos nos campos de batalla de Europa.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bertrand Schnerb (2005): L'État bourguignon. Perrin. ISBN 978-2-262-02360-7.
- Émile Toutey (1902): Charles le Téméraire et la ligue de Constance
- Jean Richard (dir.) (1978): Histoire de la Bourgogne. Éditions Privat. ISBN 978-2-7089-1680-7.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Guerras de Borgoña no Dicionario histórico de Suíza. (en alemán), (en francés), (en italiano).
- Franco Condado no Dicionario histórico de Suíza. (en alemán), (en francés), (en italiano).