Gregory House
Gregory House | |
---|---|
Hugh Laurie, intérprete de Gregory House. | |
Información | |
Alcume | Greg |
Raza | Branco |
Sexo | Masculino |
Nacemento | 15 de maio / 11 de xuño de 1959[1][2] |
Título | Doutor en medicina; especialista en nefroloxía e doenzas infecciosas |
Familia | Blythe House (nai) John House (pai) |
Cónxuxe | Dominika Petrova |
Fillos | Non ten |
Residencia | Princeton, Nova Jersey |
Nacionalidade | Estadounidense |
Gregory House é o personaxe protagonista da serie House (2004-2012), interpretado polo actor británico Hugh Laurie. Médico de profesión, especializado en doenzas infecciosas e nefroloxía, o personaxe lidera un equipo de diagnóstico no ficticio Hospital Universitario Princeton-Plainsboro e é descrito como amargado, sarcástico, cínico, maníaco nalgunhas ocasións, misántropo, narcisista e rabudo.
Os métodos pouco ortodoxos que House utiliza para diagnosticar, as terapias alternativas e a racionalidade incondicional dan como resultado varios conflitos cos seus colegas de profesión.[3] House a miúdo é retratado como unha persoa carente de simpatía e compaixón cara aos seus pacientes, unha práctica que lle permite resolver os enigmas patolóxicos. O personaxe está inspirado en Sherlock Holmes.[4][5] Un exemplo diso é que aínda que o detective era adicto á cocaína, o médico é adicto á vicodina para controlar a dor da súa perna, derivado dun infarto nun músculo.
Tom Shales, do The Washington Post, dixo que é «o personaxe máis impactante que fose un éxito televisivo en anos» e en 2008 foi votado como o segundo doutor máis sexy de todos os tempos, por detrás do doutor Doug Ross (George Clooney) da serie ER.[6] Hugh Laurie gañou varios premios pola súa interpretación, incluídos dous Globos de ouro ao mellor actor en series dramáticas, e estivo nomeado aos Emmy en 2005, 2007, 2008, 2009 e 2010. TV Overmind nomeou o personaxe como o «mellor personaxe de televisión da última década» e dentro da lista dos 100 mellores personaxes, TV Guide considérao o mellor de todos os tempos.
Vida do personaxe
[editar | editar a fonte]Infancia e mocidade
[editar | editar a fonte]Gregory House é fillo de John e Blythe House. O seu pai era un piloto militar (coronel) que foi transferido a varios lugares do mundo.[7] Un dos países onde viviu a familia foi Exipto, onde House ficou fascinado pola arqueoloxía, a alquimia e os tesouros, o cal permanece até a súa madurez.[8] Outro dos sitios de residencia foi o arquipélago do Xapón, onde, aos catorce anos de idade, House descubriu a súa vocación pola medicina cando presenciou o respecto do que gozaba un médico pertencente á baixa clase social dos buraku ao que acudían diversos doutores cando non sabían como curar ao seu paciente. House quere á súa nai pero odia ao seu pai, a quen denomina «compás moral demente», e deliberadamente intenta evitar a ambos os proxenitores. Nun episodio, House relata unha historia dos seus pais deixándoo a cargo da súa avoa, cuxos castigos constituían abuso infantil. Máis tarde confesa que era o seu pai quen o maltrataba. Na quinta tempada, cando o seu pai falece, House sospeita que o defunto non era o seu pai biolóxico. Moi pouco iñantes do enterro, o médico decide extraerlle un fragmento de orella ao cadáver e realizar unha proba de ADN: finalmente, a proba demostra que John House non era o seu pai verdadeiro.
Gregory House doutorouse, con especialidade en enfermidades infecciosas, na Universidade Johns Hopkins. Durante o tempo que pasou na universidade, foi sorprendido copiando nun exame por un compañeiro chamado Philip Weber, quen en última instancia logrou a súa expulsión. Por mor disto, House continuou os seus estudos na Universidade de Míchigan e alí coñeceu a Lisa Cuddy, con quen tivo unha relación amorosa dunha noite e que se convertería posteriormente na súa xefa.
Relación con Stacy Warner
[editar | editar a fonte]Case dez anos iñantes do comezo da serie, nos anos 1990, o doutor House coñeceu a unha avogada chamada Stacy Warner (Sela Ward) nun partido de paintball onde competían avogados contra médicos e iniciaron unha relación. Cinco anos despois, durante un partido de golf, o médico sufriu un infarto no cuadríceps da súa perna dereita e non foi correctamente diagnosticado durante os tres primeiros días, por mor das preocupacións dos doutores polo seu comportamento como adicto ás drogas. Ao final, House diagnosticouse a si mesmo: un aneurisma na súa coxa coagulárase, levando a un infarto e causando que o músculo ficase inmóbil. House someteuse a un bypass na súa perna para restaurar a circulación sanguínea, arriscándose a que os seus órganos fallasen e a un paro cardíaco. Logo, House foi posto en estado de coma, para durmir sen sufrir dor, pero Stacy actuou contra a súa vontade e autorizou unha cirurxía máis segura entre a amputación e un bypass, extirpando o músculo morto. Como resultado, House perdeu parcialmente o uso da súa perna e a dor ficou en estado crónico, debendo camiñar con bastón; toma vicodina con moita frecuencia para evitar a dor. House non puido perdoar a Stacy por tomar semellante decisión, e entón ela deixouno.
Ao comezo da terceira tempada, House temporalmente volve ter a habilidade de camiñar e correr logo dun tratamento especializado. Porén, a dor crónica na súa perna regresa, polo que House volve á vicodina e ao bastón.
Cando Stacy fai a súa primeira aparición na serie, está casada cun conselleiro escolar chamado Mark Warner. Aínda que House e Stacy volven pasar tempo xuntos e reúnense brevemente durante a segunda tempada, House dille á súa ex noiva que regrese co seu marido, o cal a deixa asolada.
Médico no Princeton-Plainsboro
[editar | editar a fonte]O doutor Gregory House traballa no Hospital Universitario Princeton-Plainsboro de Princeton (Nova Jersey), ás ordes da directora Lisa Cuddy (Lisa Edelstein) e como xefe dun equipo de diagnóstico. O seu mellor e único amigo é o doutor James Wilson (Robert Sean Leonard), quen é xefe do departamento de oncoloxía.
Os médicos do equipo de House son, durante as tres primeiras tempadas da serie, o doutor Eric Foreman (Omar Epps), a doutora Allison Cameron (Jennifer Morrison) e o doutor Robert Chase (Jesse Spencer). Ao final da terceira tempada, o equipo disolveuse.
Durante a cuarta tempada, House pouco a pouco seleccionou a tres novos membros: a Dra. Remy «Trece» Hadley (Olivia Wilde), o Dr. Chris Taub (Peter Jacobson), e o Dr. Lawrence Kutner (Kal Penn). Durante a quinta tempada, Kutner suicidase cun disparo na cabeza, deixando moi tristes aos demais membros do equipo.
Relación con Lisa Cuddy
[editar | editar a fonte]Por mor dos métodos pouco convencionais que House emprega cos seus pacientes e ás súas controvertidas perspicacias, habitualmente adoita discutir coa súa xefa. No entanto, mesmo a pesar das demandas que acumula o equipo de House, Cuddy négase a despedilo e considérao como un dos mellores médicos do hospital. Durante a quinta tempada, aínda que parece que o médico e a súa xefa teñen unha relación amorosa, House descobre que se trata de imaxinacións súas provocadas polo uso excesivo da vicodina. Por iso, decide ingresar voluntariamente no Hospital Psiquiátrico Mayfield e dáse conta de algo: o único que controla a dor da súa perna é resolver os enigmas médicos. De novo no Princeton-Plainsboro, House recoñece que está namorado da súa xefa e decide conquistala. Porén, os seus esforzos non lle serven de nada: ela ten unha relación con Lucas Douglas (Michael Weston), un detective que House contratou no pasado para que espiase a Wilson.
No último capítulo da sexta tempada, House acode a un edificio derrubado por un guindastre. Alí, baixo os cascallos, atópase cunha moza chamada Hanna que necesita ser atendida: ten a perna baixo os restos do edificio. House, que acaba estabelecendo unha relación de amizade con ela, négase a amputarlle a perna, pero ao final non ten máis remedio. O que o médico non imaxina é que a moza morra por un embolismo graxo causado pola devandita amputación e iso déixalle frustrado. Xa na súa casa, House decide volver tomar vicodina e, xusto nese intre, chega Cuddy. Dille que deixou a Lucas e que en realidade está namorada del.
Durante a primeira metade da sétima tempada, House enfróntase á nai de Cuddy e descobre que ela e a súa filla non se levan moi ben. Ademais, aínda que nun principio cre que Rachel (a nena pequena que adoptou Cuddy) é parva, finalmente acaba encariñándose con ela. Pero todo cambia cando Cuddy enferma e House recae na vicodina por toda a ansiedade que sofre. Ela decide romper con el, xa que quería estar cunha persoa que realmente puidese sentir e compartir a súa dor. A ruptura provoca que House faga cousas arriscadas ou estúpidas, só para distraerse da súa amargura: lánzase a unha piscina dende o balcón dun hotel ou casa cunha muller ucraína chamada Dominika (Karolyna Widra) para que consiga a residencia nos Estados Unidos.
Porén, o máis grave é que House rouba un medicamento experimental, probado unicamente en ratas, que ten por obxectivo restaurar nervios e músculos danados. No entanto, cando descobre que este medicamento causa tumores malignos nas áreas afectadas, el descobre que ten tres na perna. Pouco despois, pola noite intenta extirpalos na bañeira do seu cuarto de baño, pero ao non conseguilo, chama de emerxencia a todos os seus coñecidos de confianza e a única que responde á súa chamada é a súa ex parella, Cuddy. Ela trasládao ao hospital, onde é atendido de emerxencia e asegúrase, a petición de House, de que non lle amputen a perna de non ser estritamente necesario. Xa pola mañá House esperta no hospital medianamente recuperado e fala con Wilson. Este pídelle que deixe de facer parvadas e comece efectivamente a enfrontar a súa dor. House fala con Cuddy e dille o frustrado e ferido que se sente.
Cando House decide aceptar a súa ruptura, a modo de simbolismo, decide devolverlle a Cuddy un cepillo do pelo. Cando chega a casa da doutora e ve que ten unha cita, tolea e estampa o seu coche contra o salón da súa xefa. Ela decide deixar o hospital e el, malia escapar dos Estados Unidos, é detido e ingresa en prisión.
Derradeira tempada
[editar | editar a fonte]Na oitava e derradeira tempada da serie, House, despois dun tempo no cárcere, volve ao Hospital Princeton-Plainsboro a petición do novo xefe, que non é outro que o seu antigo subordinado Eric Foreman. No novo equipo seguirán traballando Chase e Taub, aos que se unirán as doutoras Chi Park (Charlyne Yi) e Jessica Adams (Odette Annable). Na recta final da tempada, o seu mellor amigo, Wilson, confésalle que ten cancro e que lle fica pouco tempo de vida. House, despois de facer colapsar accidentalmente os canos do hospital e destruír parte da infraestrutura, é acusado de vandalismo pola policía, polo cal corre o risco de volver de novo ao cárcere e non poder acompañar a Wilson nos seus derradeiros meses de vida; aínda así, House segue traballando e atopa un paciente con problemas de adicción ás drogas co que se sente inmediatamente identificado.
No derradeiro capítulo da serie, finalmente, House desaparece do hospital para evitar ser arrestado. O médico espértase nun edificio en chamas, despois de consumir heroína co seu paciente drogadicto, que acaba falecendo por sobredose. No medio da desesperación, House experimenta alucinacións con dúas persoas do seu pasado (a doutora Amber Volakis e o doutor Lawrence Kutner) que o axudarán a resolver o enigma de como chegou á súa situación actual e que o levarán a reflexionar sobre os seus problemas e a decidir se seguir vivindo ou deixarse morrer. Aparentemente, House non logra saír vivo do sitio en chamas.
No seu funeral, Wilson pronuncia un discurso no que encomia (e tamén critica) ao seu mellor amigo. Nese intre, recibe no seu teléfono móbil unha reveladora mensaxe que di: «Cala, idiota!». É House, que finxiu a súa morte para non volver a prisión e poder gozar con Wilson dos seus derradeiros cinco meses de vida. Despois disto, Wilson reúnese con House, quen lle explica como finxiu a súa morte. Wilson dille a House que está a arruinar a súa vida, que despois de que el morra xa non poderá volver practicar a medicina e que pasará anos no cárcere. House contéstalle: «Estou morto, Wilson. Como queres pasar os teus derradeiros meses de vida?». Por mor de que House marchase do Princeton-Plainsboro, o doutor Robert Chase convértese no novo xefe do departamento de diagnóstico.
Na seguinte secuencia aparecen House e Wilson na ponte dunha estrada coas súas motocicletas. Wilson empeza a declarar en voz alta: «Cando o cancro se empece a pór moi mal...», pero House interrómpeo: «O cancro é aburrido», sentenza. Acto seguido, os dous soben ás motocicletas e afástanse pola estrada.
Personalidade
[editar | editar a fonte]O personaxe de House frecuentemente amosa o seu enxeño astuto e incisivo de maneiras excéntricas. Goza separando ás persoas e a miúdo búrlase das súas debilidades.[9] House precisamente descifra as historias da xente baseándose no seu aspecto ou na súa personalidade. O Dr. James Wilson di que «namentres algúns médicos teñen o complexo de Mesías, House ten o complexo do "Cubo de Rubik"; necesita resolver o enigma».[10] House xeralmente espera o maior tempo posíbel iñantes de coñecer aos seus pacientes, aínda que prefire non facelo. Cando os ve, amosa métodos pouco ortodoxos e usa tratamentos non convencionais. Porén, sorpréndeos con diagnósticos rápidos e acertados, logo de parecer que non estaba a prestar atención. Esta habilidade demóstrase nunha escena na que House diagnostica a unha sala de espera completa en menos dun minuto, namentres sae do hospital.[11]
O seu carácter atribúeselle polo xeral á dor crónica na súa perna (como resultado dun infarto) polo cal necesita un bastón. Segundo Stacy Warner, a súa ex noiva, era parecido iñantes do infarto, namentres que a súa xefa Lisa Cuddy declarou que iñantes da cirurxía era un «molesto egocéntrico e narcisista, ao igual que na actualidade».[12][13] Pola dor crónica na perna, House toma vicodina todos os días, e como resultado desenvolveu unha adicción á droga. Acepta que ten unha adicción, pero di que a mesma non é un problema porque non interfere co seu traballo nin coa súa vida.
House presenta altas capacidades intelectuais, cun coeficiente intelectual que se estima en 158, segundo moitos fans.[14] Como políglota, House fala inglés, francés, castelán, portugués, hindi, mandarín e ruso. Escoita jazz e rock, toca o piano e a guitarra (do mesmo xeito que Hugh Laurie) e ten un interese nas guitarras eléctricas vintage. House é un entusiasta xogador de videoxogos, gústalle asistir a espectáculos de monster trucks con Wilson, e é un fan dos Philadelphia Phillies e os Philadelphia Flyers. Tamén é (do mesmo xeito que Laurie) un motociclista: manexa unha Fonda CBR1000RR Repsol Edition, con placa E91, que é vista en «Swan Song», «Help Me», «Deception» e «Post Mortem»; ademais, tamén manexa un sedán Dodge Dynasty.
É ateo e antiteísta, polo que se burla abertamente dos colegas ou pacientes que mostran algún nivel de crenza en calquera aspecto relixioso. Prefire non crer na vida despois da morte, porque convertería á vida «nunha proba». House frecuentemente di «todo o mundo mente», pero, de broma, remarcou que estaba a mentir cando dixera iso no último episodio da primeira tempada. House critica o protocolo social pola súa carencia dun propósito racional e a súa pouca utilidade. Nun episodio, explica canto envexaba a un paciente autista porque a sociedade permitíalle ao paciente esquecer os refinamentos que el debía sufrir. Máis tarde no mesmo episodio, o Dr. Wilson suxire que House padece a síndrome de Asperger, a cal se caracteriza por un número de síntomas presentes en House, tales como a dificultade de aceptar as regras sociais, a súa soberbia e a súa resistencia ao cambio, etc. House frecuentemente contrata o servizo de prostitutas, unha actividade da que o Dr. Wilson frecuentemente repréndelle. Probou todo tipo de drogas, chegando mesmo a consumir LSD para curarse unha hemicrania e até realizou experimentos e operacións na súa propia persoa para probar algunha teoría, como cando intentou «medio matarse» para comprobar se en realidade existía o ceo ou o inferno. House é un forte inconformista e dálle moi pouca importancia á opinión que poidan concibir as demais persoas sobre el. Ao longo da serie, mostra un desprezo sardónico cara ás figuras de autoridade. House amosa unha indiferenza constante perante a súa propia aparencia, tendo unha barba permanente e vestíndose de maneira informal, con pantalóns vaqueiros e unha camiseta. Evita vestir a tradicional bata branca para evitar que os pacientes o recoñezan como médico. House non ten unha vida social moi activa, e o seu único amigo é o Dr. James Wilson. Wilson coñeceu a House iñantes do infarto e coidouno cando a relación de House con Stacy terminou. O feito de que o Dr. Wilson se mude ao apartamento de House logo do seu matrimonio marrado simboliza o refuxio emocional que atopa no seu amigo. Aínda que frecuentemente se analizan e critican o un ao outro, Wilson arriscou a súa carreira para protexer a House. Este admitiu silenciosamente, en varias instancias, que aprecia a presenza de Wilson, mesmo nomeándoo como o seu mellor amigo. Cando Wilson renuncia ao seu emprego e á súa amizade con House e se muda de Nova Jersey na quinta tempada, House desespérase para recuperar ao seu amigo, contratando a un detective privado para perseguilo. Finalmente, reconcílianse no funeral do pai de House.
Unha mostra máis disto lévase a cabo na sexta tempada, na cal Wilson, ao verse comprometido cun paciente, decide doarlle parte do seu fígado e pide a presenza de House no momento da operación, ao que nun principio négase argumentando que se o perde estará realmente só.
Os tons de House no teléfono móbil son «MMMBop» do grupo Hanson para chamadas do seu equipo de diagnóstico, e «Dancing Queen» de ABBA para o seu único amigo, James Wilson.
Concepto e creación
[editar | editar a fonte]Hugh Laurie describe a House como un personaxe que se nega a «ter a piedade usual da vida moderna» e espera atopar un diagnóstico raro cando trata aos seus pacientes. Como protagonista, moitos aspectos da súa personalidade son a antítese do que podería esperarse dun médico. A produtora Katie Jacobs ve a House como un personaxe fixo, que está afeito vivir na desdicha. Jacobs dixo que o Dr. Wilson, o seu único amigo na serie, e House evitan relacións serias, o cal os achega máis ao un co outro. Robert Sean Leonard, pola súa banda, dixo que o Dr. Wilson é un dos poucos que mantén voluntariamente unha relación con House, porque o seu personaxe é ceibe para criticalo.
Malia a súa personalidade sardónica, Lisa Edelstein dixo que House é un personaxe no que non se pode confiar. Edelstein di que esta característica demóstrase en varias ocasións durante a terceira tempada, durante a cal a carreira como médico de House vese en xogo por mor de investigacións realizadas polo detective Michael Tritter (David Morse), quen o arresta por posuír drogas. O conflito legal de House termina cando o personaxe de Edelstein, Lisa Cuddy, comete perxurio durante a súa declaración.
Adoptar un acento estadounidense para o seu papel foi difícil para Laurie, quen di que palabras tales como «arteria coronaria» son particularmente difíciles de pronunciar. Os trucos co bastón que se ven no transcurso da serie foron creados polo mesmo Laurie. No episodio piloto, House sostén o seu bastón do mesmo lado que a perna magoada, o cal foi explicado polo creador da serie, David Shore: «Algunhas persoas séntense máis cómodas levando o bastón no brazo dominante, e iso é aceptábel».
Semellanzas con Sherlock Holmes
[editar | editar a fonte]O personaxe de Gregory House está parcialmente inspirado polo detective ficticio Sherlock Holmes.[4] O apelido «House» é un xogo de palabras con «Holmes» (un homófono de «homes»).[15] Leonard dixo que House e o seu personaxe, orixinalmente, ían interpretar os papeis de Sherlock Holmes e o Dr. Watson na serie, inda que cre que o equipo de House é quen asumiu a personalidade de Watson.[16] House é adicto á vicodina e experimenta outras drogas, namentres que Holmes ten o hábito da cocaína e regularmente fuma en pipa. Ambos os personaxes son músicos (House toca o piano e a guitarra; Holmes o violín) e ambos teñen o talento de describir as intencións e as historias das persoas con exactitude, baseándose en aspectos físicos e das súas personalidades. A primeira paciente de House na serie chámase Rebecca Adler (como Irene Adler, «A muller», o personaxe feminino que máis fascina a Holmes). Tanto Holmes coma House viven no 221 B de Baker Street. O apelido do home que lle dispara a House no episodio «No Reason», Jack Moriarty, coincide co do adversario de Sherlock Holmes, o profesor James Moriarty.[5][17] Ademais no capítulo «Joy to the World» revélase que Wilson deulle a House un libro de medicina escrito por Joseph Bell, o médico que inspirou a Arthur Conan Doyle para crear a Sherlock Holmes.
Audicións
[editar | editar a fonte]Iñantes de que Hugh Laurie audicionase para o papel de Gregory House, estaba a filmar a película Flight of the Phoenix en Namibia. Laurie planeou audicionar para os papeis de James Wilson e para o de Gregory House. Cando leu que Wilson era un personaxe «atractivo», decidiu simplemente intentar sorte con House. Logo de ver varias versións do episodio piloto, Bryan Singer comezou a sentir frustración e negouse a considerar a máis actores británicos para o papel por mor dos seus pobres desempeños falando con acento estadounidense. Porén, cando viu a cinta da audición de Hugh Laurie, sen saber quen era, sorprendeuse do seu acento estadounidense. Creu que era estadounidense e eloxiouno como exemplo dun verdadeiro actor estadounidense. Laurie inicialmente cría que James Wilson sería o protagonista da serie logo de ler unha breve descrición do personaxe, e non se deu conta de que House tiña o papel principal ata que leu o libreto completo do episodio piloto. Iñantes da emisión da serie, aos produtores preocupáballes o feito de que House carecía de sex appeal para os espectadores. Aínda que o salario orixinal de Laurie non foi confirmado, en 2008 Erin Fox de TV Guide revelou que House recibiría catrocentos mil dólares por episodio ao comezo da quinta tempada da serie.[18][19]
Recepción
[editar | editar a fonte]Ao longo das oito tempadas da serie, o personaxe recibiu críticas positivas. Tom Shales de The Washington Post chamou a House "o personaxe máis electrizante que apareceu en televisión en anos". House apareceu en varias listas dos mellores. En 2008, BuddyTV votou a House como o segundo médico televisivo máis sexy de todos os tempos, detrás do Dr. Doug Ross (George Clooney) de ER. TV Overmind nomeou a House como o mellor personaxe televisivo da última década. En xuño de 2010, Entertainment Weekly tamén o nomeou un dos 100 personaxes máis importantes dos últimos 20 anos. Tamén apareceu en "30 grandes médicos e enfermeiras de televisión" de Entertainment Weekly. Foi elixido o médico masculino máis atractivo da televisión por enriba de Doug Ross de ER nunha enquisa realizada por Zap2it. Fox News colocou ao personaxe entre os mellores médicos de televisión para cirurxián xeral.
Pola súa interpretación, Hugh Laurie gañou varios premios, incluídos dous Globos de Ouro ao mellor actor nunha serie de televisión - drama, dous Premios do Screen Actors Guild ao mellor actor dunha serie dramática, dous Premios Satellite ao mellor actor nunha serie de televisión - drama e dous premios TCA por logros individuais en drama. Laurie tamén obtivo un total de seis nomeamentos ao premio Primetime Emmy como actor principal destacado nunha serie dramática en 2005, 2007, 2008, 2009, 2010 e 2011.[20][21][22]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ No episodio 22 da tempada 7, un frasco de medicinas amosa que a súa data de nacemento foi o 15/05/1959.
- ↑ "No Reason". Internet Movie Database. Consultado o 9 de xaneiro de 2009. Segundo o seu número de seguridade social (295-13-7865) do brazalete de identificación do hospital. O nome completo de House lístase na táboa cando xace na cama no hospital. O brazalete tamén amosa que a súa data de nacemento foi o 11/06/1959.
- ↑ Kristine, Diane (23 de abril de 2005). "Ending Season Three With a Bang? An Interview with House Writer Lawrence Kaplow". Blog Critics. Arquivado dende o orixinal o 4 de febreiro de 2009. Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ 4,0 4,1 O'Hare, Kate (5 de xaneiro de 2005). "Building 'House' Is Hard Work". Zap2It. Arquivado dende o orixinal o 5 de maio de 2007. Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ 5,0 5,1 "House and Holmes parallels - Radio Times, xaneiro de 2006" (Radio Times ed.). Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2010. Consultado o 16 de decembro de 2021.
- ↑ Diaz, Glen L. (11 de agosto de 2008). "Move over Clooney, 'House' is Here". BuddyTV. Arquivado dende o orixinal o 3 de maio de 2014. Consultado o 23 de maio de 2017.
- ↑ "Daddy's Boy". House M.D. Guide. Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ "Clueless". TV.com. Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2009. Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ Poniewozik, James (22 de novembro de 2004). "Scorn is the Best Medicine" (Time Inc. ed.). Arquivado dende o orixinal o 17 de agosto de 2013.
- ↑ Burnett, Barbara (30 de outubro de 2007). "Dr. Gregory House: Romantic Hero". Blogcritics. Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2009. Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ "Sports Medicine". Internet Movie Database. Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ "Honeymoon" (House MD ed.). Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ "Need to Know". Wapa.com. Arquivado dende o orixinal o 16 de decembro de 2008. Consultado o 9 de xaneiro de 2009.
- ↑ Estrada, Manuel (2020). "Cuáles son los cocientes intelectuales de algunos personales ficticios". Consultado o 03-09-2023.
- ↑ Wittler, Wendell (18 de abril de 2005). "Living in a ‘House’ built for one". Fox’s new hit medical drama is the anti-‘E.R.’ (MSNBC). Consultado o 7 de novembro de 2008.
- ↑ Ryan, Maureen (1 de maio de 2006). "'House'-a-palooza, part 2: Robert Sean Leonard" (Chicago Tribune ed.). Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2006. Consultado o 7 de novembro de 2008.
- ↑ Kristine, Diane (24 de maio de 2006). "TV Review: House Season Finale - "No Reason"". Blog Critics. Arquivado dende o orixinal o 6 de decembro de 2008. Consultado o 7 de novembro de 2008.
- ↑ Fox, Erin (12 de setembro de 2008). "House’s Hugh Laurie Gets Huge Raise". TV Guide. Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2008. Consultado o 7 de novembro de 2008.
- ↑ Waldman, Allison (12 de setembro de 2008). "Hugh Laurie gets a big raise". TV Squad. Consultado o 4 de outubro de 2008.
- ↑ "60th Primetime Emmy Awards". Academy of Television Arts & Sciences. 17 de xullo de 2008. Arquivado dende o orixinal o 8 de setembro de 2009. Consultado o 25 de xullo de 2008.
- ↑ "59th Primetime Emmy Awards". Academy of Television Arts & Sciences. Arquivado dende o orixinal o 15 de maio de 2008. Consultado o 2 de marzo de 2008.
- ↑ "61st Primetime Emmy Awards". Academy of Television Arts & Sciences. 16 de xullo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 18 de xullo de 2009. Consultado o 16 de xullo de 2009.