Ferreiriño subeliño

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ferreiriño subeliño ou ferreiriño rabilongo
Aegithalos caudatus
Aegithalos caudatus. Subespecie escandinava.
Aegithalos caudatus. Subespecie escandinava.

Son do ferreiriño subeliño.
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Suborde: Passeri
Infraorde: Passerida
Superfamilia: Sylvioidea
Familia: Aegithalidae
Xénero: Aegithalos
Especie: A. caudatus
Nome binomial
Aegithalos caudatus
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
  • Parus caudatus Linnaeus, 1758
    (basónimo)

O ferreiriño subeliño ou ferreiriño rabilongo,[2] [3] Aegithalos caudatus, é unha ave da orde dos paseriformes, suborde dos páseros, infraorde dos paséridos, superfamilia dos silvioideos e familia dos exitálidos (Aegithalidae), pertencente ao xénero Aegithalos.[4]

É un pequeno paxaro de distribución paleártica, que non chega ao extremo norte da rexión,[3] moi característico pola súa longa cola.

Características[editar | editar a fonte]

As principais características desta especie son:[5] [6]

  • Son paxaros duns 14 cm de lonxitude, dos que de 7,5 cm corresponden á cola, moi longa con relación á totalidade do corpo.
  • Pesan de 6 a 10 g.
  • A súa coloración é basicamente negra e parda na parte superior do corpo e abrancazada na inferior, cos flancos avermellados, pero amosan diferenzas de coloración segundo as subespecies.
    • Así a forma do norte de Europa (A. c. caudatus) ten a cabeza e os flancos completamente brancos,
    • A subespecie británica (A. c. rosaceus), así como as subespecies da Europa occidental e meridional (A. c. europaeus) teñen a cabeza branca, cunha marcada e ancha franxa superciliar (cella) case negra.
    • En Centroeuropa hai poboacións mixtas das dúas subespecies da Europa continental citadas anteriormente.
  • As ás e a cola son negras, coas rectrices externas de cor branca pura.
  • As patas son de cor parda.
  • O bico é moi pequeno.
  • Os individuos inmaturos teñen as meixelas, a caluga e as partes superiores pardas, e non amosan a coloración avermellada dos adultos na zona dos ombreiros.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Niño de Aegithalos caudatus con ovos.

Distribución e hábitat[editar | editar a fonte]

Distribución[editar | editar a fonte]

Viven nunha boa parte de Eurasia, incluíndo as illas Británicas, o norte de Europa (agás Islandia, o norte de Escandinavia e o norte de Siberia), toda a Europa central e meridional e a Siberia temperada.[5] Está ausente ao norte dos mares Caspio e de Aral, pero sí existe ao sur destes mares. Na península Ibérica habita en calquera parte que teña o hábitat axeitado; nesta península aparece vencellado á vexetación arbórea, especialmente ás fragas caducifolias, e mostran preferencia polas ribeiras fluviais ou por lugares onde haxa algún curso de auga nas proximidades.[3]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Crían en bosques caducifolios ou mixtos (con especies perennes e caducifolias), soutos frondosos, parques e xardíns.[5] [6]

Nutrición[editar | editar a fonte]

No verán os ferreiriños subeliños aliméntanse principalmente de insectos (especielmente coleópteros dípteros e himenópteros), arácnidos e vermes, pero comen tamén ocasionalmente froitos e abrochos de plantas.[5] A base da súa alimentación invernal son as sementes de diferentes tipos.[Cómpre referencia]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Constrúen niños en forma de bolsas entretecidas, moi traballados, de forma esférica ou ovoidal e cunha entrada lateral, pendurados de árbores ou arbustos, ou situados na galla dunha árbore (carballo, piñeiro, ciprés, ameneiros, freixos, etc.), en silveiras ou en hedras, a de 1 a 6 m de altura sobre o solo, entre a follaxe mesta, a miúdo preto de cursos de auga.[3] [5] [6] Os materiais típicos de construción son musgos, liques, pelos de mamífero, plumas de aves e anacos de plantas, que tecen con teas de araña.[Cómpre referencia]

As femias poñen entre 6 e 10 ovos brancos con pencas rosadas, que chocan entre 12 e 14 días. Os polos tardan entre 14 e 18 días en poder voaren. Adoitan facer dúas postas por ano.[3] [5] E corrente que os adultos que perderon a niñada fornezan ocasionalmente con alimento os polos doutras parellas.[Cómpre referencia]

Outros aspectos da conduta[editar | editar a fonte]

Son paxaros moi sociais, que en inverno adoitan formar bandos, mesturados con exemplares doutras especies.[Cómpre referencia]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Descrición[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1758 polo naturalista sueco Carolus Linnaeus (Linneo), na 10ª edición do seu Systema Naturae, co nome de Parus caudatus.

Etimoloxías[editar | editar a fonte]

Xénero[editar | editar a fonte]

O nome científico Aegithalus está tirado do grego antigo αιγίθαλλος ou αιγίθαλος aigíthallos, aigíthālos, nome dun paxaro do familia dos páridos.[7] [8]

Este nome grego foi citado por Aristóteles, que describe na súa obra Historia dos animais ou Investigacións sobre os animais (en grego Περὶ Τὰ Ζῷα Ἱστορίαι, en latín Historia animalium) varios paxaros con este nome.[9]

Especie[editar | editar a fonte]

O epítreto específico, caudatus é o nominativo masculino singular do adxectivo caudatus, -a, -um, "con cola", derivado do substantivo cauda, -ae, "cola", en alusión á longa cola desta especie.

Subespecies[editar | editar a fonte]

Segundo o ITIS, recoñécense as 17 subespecies seguintes:[10]

  • Aegithalos caudatus alpinus (Hablizl, 1783)
  • Aegithalos caudatus aremoricus Whistler, 1929
  • Aegithalos caudatus caudatus (Linnaeus, 1758)
  • Aegithalos caudatus europaeus (Hermann, 1804)
  • Aegithalos caudatus irbii (Sharpe & Dresser, 1871)
  • Aegithalos caudatus italiae Jourdain, 1910
  • Aegithalos caudatus kiusiuensis Kuroda, 1923
  • Aegithalos caudatus macedonicus (Salvadori & Dresser, 1892)
  • Aegithalos caudatus magnus (A. H. Clark, 1907)
  • Aegithalos caudatus major (Radde, 1884)
  • Aegithalos caudatus passekii (Zarudny, 1904)
  • Aegithalos caudatus rosaceus Mathews, 1938
  • Aegithalos caudatus siculus (Whitaker, 1901)
  • Aegithalos caudatus taiti Ingram, 1913
  • Aegithalos caudatus tauricus (Menzbier, 1903)
  • Aegithalos caudatus tephronotus (Gunther, 1865)
  • Aegithalos caudatus trivirgatus (Temminck & Schlegel, 1848)

Diferenzas taxonómicas[editar | editar a fonte]

Pero algúns autores recoñecen ata 23 subespecies de ferreiriño rabilongo:[Cómpre referencia]

  • A. c. caudatus
  • A. c. alpinus
  • A. c. aremoricus
  • A. c. europaeus
  • A. c. glaucogularis
  • A. c. ibericus
  • A. c. irbii (ferreiriño rabilongo dos Pireneos)
  • A. c. italiae
  • A. c. japonicus
  • A. c. kiusiuensis
  • A. c. macedonicus
  • A. c. magnus
  • A. c. major
  • A. c. pallidulombo
  • A. c. passekii
  • A. c. rosaceus (ferreiriño rabilongo rosado)
  • A. c. sibiricus
  • A. c. siculus
  • A. c. taiti
  • A. c. tauricus
  • A. c. tephronotus (ferreiriño rabilongo dos Balcáns)
  • A. c. trivirgatus (ferreiriño rabilongo do sur do Xapón)
  • A. c. vinaceous.

Algunhas destas subespecies foron consideradas no pasado como especies separadas:[Cómpre referencia]

  • A. c. rosaceus, que vive no extremo oeste da súa área de distribución (Francia, Gran Bretaña), caracterízase pola presenza dunha mancha negra na cabeza.
  • A. c. trivirgatus , da illa xaponesa de Hokkaido.
  • A. c. irbii, dos Pireneos e Italia.
  • A. c. ibericus, do Cáucaso, considerábase subespecie deste co nome de A. i. caucasica).
  • Acredula atronuchalis, da China.
  • A. c. tephronotus, unha variedade balcánica moi pequena e de lombo gris.
  • A. c. glaucogularis, do leste de Asia.

En Galicia[editar | editar a fonte]

Dado que o hábitat do ferreiriño subeliño é moi frecuente en Galicia, a especie distribúese ben por todo o territorio galaico, onde é común e sedentaria, escaseando máis nas proximidades do litoral.[3] [5]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BirdLife International, asesores (2016): Aegithalos caudatus na Lista vermella da UICN. Versión: 2016-3. Consultada o 13 de abril de 2017.
  2. "Rabolongos e subeliños", en Nomes de plantas e animais, blog de Miguel A. Conde Teria.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Penas Patiño, X. M. en CCG / SGHN (1995).
  4. Aegithalos en Biolib.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Penas Patiño, Xosé M. et al. (1991).
  6. 6,0 6,1 6,2 Peterson, Roger et al. (1973).
  7. Aegithalos no Merriam-Webster Dictionary.
  8. Aegithalos no Dictionarium Etymologicum Latinum (etc.) Or, a Dictionarie Declaring the Etymologies, the Originall and Derivation of All Words Used in Any Latine Authors, de Francis Holyoake, Kingston, 1639.
  9. Geoffrey Arnott, W (2007): Birds in the Ancient World from A to Z. Abingdon-on-Thames, Oxfordshire, UK: Routledge. ISBN 978-0-415-75838-3.
  10. Aegithalos caudatus (Linnaeus, 1758) no ITIS.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]