Feísmo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Feísmo en Vigo.

O feísmo, tamén coñecido coma maltrato da paisaxe[1], é un termo acuñado en Galiza para referirse a unha problemática específica galega, xa que os expertos sosteñen que o fenómeno remata nas fronteiras con Portugal, Asturias e Castela e León[2][3]. O concepto serve para designar un estilo arquitectónico ou urbanístico de trazos esteticamente discutíbeis. Trátase de construcións humanas que degradan o contorno e que chocan de fronte cos canons estéticos propios do lugar, e foi definido coma "un desleixo xeneralizado que impera en boa parte das construcións do país e que se fai especialmente patente no medio rural e naquelas zonas que sofren os estragos da especulación urbanística".[4]

En 2011, o colectivo Ergosfera comeza o proxecto Eu si quero feísmo na miña paisaxe![5], unha liña de investigación sobre as calidades detectadas en moitas das arquitecturas e procesos urbanos asociados ao feísmo.

En 2015, os arquitectos Pablo Ramil Regoe e Javier Ferreiro da Costa confeccionaron unha clasificación con 34 tipos de construcións dentro do feísmo[6], após unha análise da paisaxe galega e os seus principais elementos.[7]

En 2020, Xosé Manuel Santos Solla e María de los Ángeles Piñeiro Antelo cuestionaron a súa existencia.[8]

Rúa Florencio Delgado Gurriarán en Córgomo.

Historia do feísmo[editar | editar a fonte]

Unha das primeiras mostras da existencia da problemática do feísmo foi sinalada polos intelectuais galeguistas na Asemblea Nacionalista de Lugo de 1918.[9] Non obstante, o termo feísmo é de aplicación recente no que se refire á problemática galega da paisaxe. No ano 1994 formouse unha oficina de rehabilitación na que ata 48 arquitectos tentaron explicar as bondades dos materiais tradicionais.[3] No ano 2002 publicouse un libro que contiña explicitamente a palabra feísmo no título (Territorio maltratado: mais aló do feísmo de Pedro Llano Cabado). Outro libro de sona neste ámbito foi Feísmo? Destruír un país (varios autores).[10]

No ano 2003 o feísmo xa era a maior causa de denuncias ante o Valedor do Pobo[11] e un ano máis tarde tivo lugar o primeiro Foro contra o feísmo en Ourense, que tería a súa continuación no ano 2007 na mesma cidade.[12]

Causas[editar | editar a fonte]

As causas do feísmo, e nisto consiste a súa peculiaridade, non deben buscarse na pobreza, na necesidade, ou na crise económica, senón máis ben ao contrario. Algúns exemplos do feísmo son construcións de gran custo económico. De feito, o feísmo comezou a estenderse coa engalaxe industrial galega dos anos sesenta. Na realidade obedece, segundo os expertos, a unha confluencia peculiar de factores, que se sintetizan nos seguintes elementos:

  • Unha taxa de dispersión demográfica elevada, unida a un elevado número de poboacións (Galicia ten un 50 % dos entes de poboación de España, ocupando so o 5,8 % da súa superficie)[Cómpre referencia] e a un destacado peso do asentamento rural. Todo isto dificulta o control urbanístico eficaz, ao que se suma a tradición galega da autopromoción construtiva, a construción sen plano e a edificación por tempada.[Cómpre referencia]
  • Unha lexislación urbanística imprecisa e errática, que ademais non se cumpre, pois, como sinala o arquitecto Carlos Quintáns Eirasas alcaldías renuncian a impoñer unha disciplina que podería comprometer o futuro electoral”.[13]
  • A longa serie de ciclos migratorios galegos, que nos últimos cincuenta anos se dirixiron a Europa e a propia Península ibérica. Calcúlase sobre unha poboación residente de 2,8 millóns de galegos, que máis de dous millóns de galegos viven fóra de Galiza.[14] O retorno dalgúns emigrantes supón a introdución de modelos arquitectónicos foráneos. Por outro lado, o asentamento definitivo doutros emigrantes no estranxeiro supón o abandono de edificacións xa existentes, e incluso de poboacións enteiras. Diversas circunstancias sociolóxicas explican a ostentosidade de certas construcións (nacidas da figura do indiano enriquecido) e o exótico das súas ornamentacións e acabados, que se sitúan xunto a edificacións antigas e abandonadas.[15]
  • Unha forte especulación urbanística e do solo, propia non xa de Galicia senón de toda España. Se ben a construción en España rexistra taxas esaxeradamente altas (no ano 2006 superaron as 800.000 vivendas construídas, máis que Alemaña, Italia e Francia xuntas[16] ; véxase Burbulla inmobiliaria na crise de 2008-2013), o ritmo construtivo galego é desmesurado, tendo en conta que a súa poboación diminúe tódolos anos. Aínda así, o arquitecto Carlos Quintáns Eiras[13] estima que de 750.000 vivendas en 1970 pasouse, en Galicia, a 1 130 000 no ano 2000, unha cifra que contrasta co feito de que ese período foi de recesión demográfica.
  • Unha estendida falta de interese pola arquitectura tradicional galega, percibida como anticuada por algúns sectores da poboación, o que redunda na introdución de solucións arquitectónicas foráneas ou simplemente inadaptadas ao contorno, que contrasta coa política urbanística europea, segundo a cal “constrúese case exclusivamente un único tipo de vivenda illada no medio rural con lixeiras variacións de tamaño, cor ou acabados, de tal maneira que case pode falarse dun modelo nacional ou rexional que case todos respectan”.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Segundo a clasificación de Ramil e Ferreiro en 2015, existen 34 tipos de exemplos "feístas":[6]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "O termo feísmo [...], con coñecemento técnico pola miña profesión e pola experiencia persoal, bauticeino con dous nomes que eu mesmo deseñei: Canibalismo urbanístico primeiro e Maltrato da Paisaxe máis tarde." Carlos Henrique Fernández Coto, arquitecto galego experto en "feísmo", definiu así este termo nunha entrevista en Praza Pública.
  2. Entrevista a Carlos Coto, a partir do minuto 16:00
  3. 3,0 3,1 "Veinte años de lucha contra el feísmo en la arquitectura". Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2014. Consultado o 19 de novembro de 2014. 
  4. O problema do feísmo
  5. "Eu si quero feísmo na miña paisaxe!". Consultado o 1 de setembro de 2021. 
  6. 6,0 6,1 Ramil Regoe, Pablo. Horreum, ed. "Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega.". Consultado o 3 de maio de 2016. 
  7. Gómez Orellana et al. 2005-2006; Martínez Sánchez et al. 2010, 2011; Ramil-Rego 2007, 2009a,b; Ramil-Rego et al. 2001, 2009, 2013
  8. "“O feísmo galego non existe, é un debate culpabilizador e interesado que xorde dun medio de comunicación”". Galicia Confidencial. Consultado o 2020-10-21. 
  9. Soberanía estética: O primeiro plan contra o 'feísmo' fai 96 anos
  10. Gaia, a Cidade da Cultura, e a deconstrución
  11. El feísmo urbanístico y las listas de espera coparon las denuncias al Valedor en 2003 (en castelán)
  12. "Ourense repite como sede para un novo foro sobre o feísmo". Arquivado dende o orixinal o 29 de novembro de 2014. Consultado o 19 de novembro de 2014. 
  13. 13,0 13,1 "La Voz de Galicia". Arquivado dende o orixinal o 21 de maio de 2006. Consultado o 20 de novembro de 2014. 
  14. "As relacións da Comunidade Autónoma de Galicia coa Arxentina". 2002-07-09. Consultado o 2023-02-20. 
  15. La casa indiana se desmorona (en castelán)
  16. http://www.abc.es/informacion/agenda2007/index/espana04.asp

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]