Estrabismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Estrabismo
Clasificación e recursos externos
Persoa que padece estrabismo.
MedlinePlus001004
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

O estrabismo ou heterotropía[1] é a desviación do aliñamento dun ollo en relación ao outro. Isto impide fixar a mirada de ambos ollos no mesmo punto do espazo, o que ocasiona unha visión binocular incorrecta que pode afectar adversamente a percepción da profundidade.

Cando o estrabismo é conxénito ou se desenvolve durante a infancia, pode causar ambliopía, patoloxía na cal non existe un correcto desenvolvemento das estruturas neurolóxicas responsábeis da visión, motivo polo cal, cando se chega á idade adulta e pese corrixirse a patoloxía que deu orixe á ambliopía (estrabismo, vicio de refracción, etc.) a visión co ollo ambliope é insuficiente, e non pudendo ser corrixida con tratamento ningún. A ambliopía é reversíbel durante a infancia e ocasionalmente na adolescencia con medidas terapéuticas adecuadas, que no caso do estrabismo adoitan ser o tratamento con parches e eventualmente o uso de lentes.[2]

Birollo, estrábico, meco, resgo, trusgo e vesgo son as denominacións dunha persoa que padece estrabismo.[3]

Clasificación[editar | editar a fonte]

Distínguense diversos tipos de estrabismo:[1][4]

  • Comitante: cando a desviación é igual, independentemente de cara a onde se dirixa a mirada. Isto indica que os músculos extraoculares funcionan individualmente pero que non se enfocan cara ao mesmo obxecto. Este tipo de estrabismo en nenos de seis anos raramente indica desordes neurolóxicas graves. A cegueira dun ollo normalmente causa que este se desvíe cara a dentro (nun neno) ou cara a fóra (nun adulto).
  • Incomintante: ocorre cando o grao de desviación varía coa dirección da mirada. Isto indica que un ou máis dos músculos extraoculares non funcionan con normalidade.
  • Estrabismo alternante: dáse cando están afectados os dous ollos, de xeito alternativo.
  • Estrabismo absoluto: o que se produce para calquera distancia do punto de fixación.
  • Converxente (ou endotropía): desviación dun ollo cara a dentro, cara á rexión nasal.
  • Diverxente (ou exotropía): desviación dun ollo cara a fóra.
  • Espasmódico: o que se produce pola contracción persistente dos músculos oculares.
  • Latente: debido á insuficiencia ou fatiga dos músculos oculares.
  • Monolateral: aquel en que o ollo desviado é sempre o mesmo.
  • Paralítico: o consecutivo á parálise de un ou varios músculos oculares.
  • Relativo: o que se produce unicamente en determinadas posicións da mirada.
  • Hipertropía ou hipotropía: desviación vertical, cara a arriba ou cara a abaixo respectivamente, dun ollo con respecto ao outro; sempre adoita facer referencia ao ollo que presenta hipermetropía.

Etioloxía[editar | editar a fonte]

Xeralmente non hai unha causa clara. Normalmente un dos ollos adoita ter visión moito máis reducida desde o nacemento (como nunha catarata conxénita) ou os dous ollos poden ter diferentes propiedades ópticas; por exemplo, un ollo pode ser apreciablemente máis miope ou máis astigmático ca o outro, ou pode simplemente ter miopía, hipermetropía ou astigmatismo. Poden tamén existir lesións anatómicas nos nervios ou nos músculos. Tamén, calquera tipo de doenza que ocasione unha diminución de visión nalgún dos ollos pode provocar estrabismo.[5]

O estrabismo padéceo entre o 3 % e o 5 % dos nenos (afecta ambos os sexos por igual) e adoita existir algunha historia familiar.[6]

Diagnóstico[editar | editar a fonte]

Os ollos do paciente con estrabismo deberían examinarse o máis axiña posible. A meta está en impedir a ambliopía ("ollo preguiceiro") e permitir o bo desenvolvemento da visión binocular. Ningún neno é demasiado novo para ser examinado e o coidado temperán pode impedir problemas que máis tarde non se poden corrixir. O tratamento ha ser máis efectivo canto antes se comece. Logo dos sete anos, as probabilidades son máis pobres.

As probas de estrabismo consisten nun exame xeral; probas de reflexión de luz na córnea e probas de cobertura. Nas probas de cobertura tápase cada ollo para detectar cal é o estrábico. Se o ollo examinado é o que padece o estrabismo fixará a ollada cando se cubra o "ollo bo". Se é o "ollo bo", non haberá cambios na fixación, posto que xa está fixo. Os servizos sanitarios de atención primaria teñen protocolos de manexo e detección precoz das anomalías visuais en cativos que deberían ser capaces de detectar o estrabismo en fases precoces, de xeito que se permita abordar un tratamento eficaz no menor prazo posible[7][8].

Tratamento[editar | editar a fonte]

Desinserción dun músculo no tratamento cirúrxico do estrabismo.

O estrabismo pódese tratar con cirurxía, lentes ou prismas ópticos, oclusións con parches ou exercicios oculares. Os obxectivos cos nenos son lograr un aspecto normal nos ollos, pero cunha boa visión en cada ollo (con ou sen a corrección óptica), unha boa visión binocular e percepción de profundidade. Se un adulto ten un estrabismo desde a infancia que non se tratou, diminúe (pero non se elimina) a porcentaxe de éxito na recuperación da ambliopía e da estereopse. Para un adulto, a meta pode ser simplemente estética.[9]

O tratamento consiste en accións tendentes á mellora da visión (intentar combater a ambliopía) e mediante lentes e oclusións e, ás veces, cirurxía sobre os músculos do ollo.

As lentes, con ou sen oclusión, son adoito o primeiro tratamento, maiormente para as esotropías acomodativas, onde a acomodación xoga un papel decisivo. Se despois disto aínda existe unha desviación dos ollos residual, cumprirá recorrer á cirurxía. As lentes afectan a posición ao cambiar a reacción da persoa ao enfoque. Os prismas cambian a dirección da luz e, xa que logo, as imaxes, o que provoca o cambio na posición do ollo.

Tratamento do estrabismo por oclusión, mediante un parche.

A oclusión é a terapia máis importante para os nenos que teñen unha diminución da visión (ambliopía). Ponse un parche sobre o ollo normal ("bo"), para forzar o uso do torto ("pobre" ou ambliope) co obxecto de que a súa visión mellore e se igualen. Xeralmente, a cirurxía para o aliñamento demórase ata que a visión do ollo ambliope se restableza e se estabilice.

A cirurxía úsase para acurtar, alongar ou cambiar a posición de un ou máis músculos do ollo con eficacia, permitindo o aliñamento correcto de ambos os ollos. A cirurxía para o estrabismo tende ao fortalecemento dalgúns músculos do ollo e á debilitación de outros, para cambiar a súa forza efectiva sobre o globo ocular e lograr o aliñamento. Ás veces, un efecto de debilitación pode realizarse sen a cirurxía convencional, mediante a inxección dunha medicación composta por toxina botulínica que paraliza o músculo.[10]

A cirurxía de estrabismo é un procedemento relativamente seguro, pero pode ter algúns riscos, como calquera cirurxía e anestesia. Con frecuencia cómpre máis dunha intervención para obter o mellor aliñamento dos ollos, e normalmente hai que seguir levando lentes.

O tratamento precoz do estrabismo na infancia pode reducir as posibilidades de desenvolver ambliopía e problemas de percepción da profundidade. As lentes prismáticas utilízanse para evitar que se produza a visión dobre (diplopía). Así e todo, isto non cura a doenza.

En adultos con aliñamento visual normal, o comezo do estrabismo normalmente provoca diplopía. É recomendable realizar unha visita ao oftalmólogo para revisar a saúde ocular e ao optometrista (especialista da visión) para revisar a saúde visual, durante o primeiro ano de vida e outra entre os tres e os seis anos de idade[11]. Nun estrabismo, a vixilancia e o control débense estender ata a adolescencia, aínda que a situación estética sexa normal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Dicionario Galego de Termos Médicos. Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. Santiago de Compostela, 2002. [ISBN 84-453-3371-2]
  2. "Defectos y enfermedades Visuales: Estrabismo". Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2015. Consultado o 1 de agosto de 2015. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para birollo.
  4. "Tipos de estrabismo". Clínica GMA. Consultado o 1 de agosto de 2015. 
  5. Causas del Estrabismo. American Academy of Ophthalmology. Setembro de 2013. (en castelán)
  6. Elizabeth C. Engle. Genetic Basis of Congenital Strabismus. En JAMA Ophtalmology. Febreiro de 2007. [En inglés]
  7. Martín Martín, R.; Bilbao Sustacha, J.; Collado Cucò, A. Cribado visual en Atención Primaria, ¿cómo se realiza?. En Revista Pediatría Atención Primaria. 2013. (en castelán)
  8. Farràs Cubells O. Screening oftalmológico en consulta de Atención Primaria Arquivado 01 de novembro de 2012 en Wayback Machine.Congreso SEPEAP, Granada, 2006. (en castelán)
  9. Korah, S.; et al. (2014). "Strabismus surgery before versus after completion of amblyopia therapy in children". Cochrane Database Syst Rev. (en inglés) 15 (10): CD009272. PMID 25315969. doi:10.1002/14651858.CD009272.pub2.  En Cochrane Library
  10. Marilyn B. Mets. Binocularity Following Surgical Correction of Strabismus in Adults. En Trans Am Ophthalmol Soc. Vol 101. 2003. (en inglés)
  11. Weinreb, M. Strabismus: What to Tell Parents and When to Consider Surgery. En Consultant Live. 2009.(en inglés)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]