Saltar ao contido

Embolia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Trombos coronarios atopados nunha operación de corazón. Cada frecha indica un trombo.

Chámase embolia ou embolismo a unha obstrución brusca producida nun vaso sanguíneo polo desprazamento dun corpo estraño, orgánico ou non, que circula no torrente sanguíneo, procedente doutra parte do corpo ou introducido desde o exterior. Os síntomas son dor, palidez, ausencia de pulso, parálise e alteracións da sensibilidade.

O corpo estraño, denominado émbolo pode ser de distinta natureza e orixe:

  • Un coágulo de sangue ou trombo, e neste caso fálase dunha tromboembolia.
  • Unha acumulación graxa, normalmente procedente dunha fractura ósea grave (embolia graxa).
  • Aire, introducido mediante inxección intravenosa ou nunha transfusión, en operacións a corazón aberto, por irrigacións vaxinais etc. Denomínase embolia gasosa.
    • Unha forma particular deste proceso é o representado polas embolias a consecuencia dunha descompresión rápida tras unha inmersión subacuática.
  • Líquido amniótico, no transcurso dun parto complicado ou unha cesárea.

Segundo o órgano que afecte recibe diferentes nomes: embolia cerebral, pulmonar, coronaria etc.

Dependendo de onde teña lugar, varían os cadros e as manifestacións clínicas. Cando o émbolo para nunha arteríola, a circulación colateral adoita restablece o fluxo sanguíneo; se a arteria é dun calibre importante, ou a rexión efectúa funcións esenciais, a doenza pode resultar mortal.

Por veces recórrese a provocar unha embolia nunha área concreta para evitar unha hemorraxia excesiva durante unha intervención cirúrxica, como sería o caso da extirpación dun tumor. A esta técnica denomínase embolización terapéutica e consiste na introdución dun émbolo artificial na arteria que irriga o tumor.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Artigo embolia na EGU.