Beatriz Galindo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBeatriz Galindo

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento1464 ↔ 1475 Editar o valor em Wikidata
Salamanca (Coroa de Castela) Editar o valor em Wikidata
Morte23 de novembro de 1535 Editar o valor em Wikidata
Madrid (Coroa de Castela) Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaconvento da Concepción Xerónima (–1891) Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeCoroa de Castela Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Salamanca Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritora , médica , humanista do Renascimento (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidad de Salamanca, Instituto de Estudios de la Ciencia y la Tecnología (en) Traducir
Isabel I de Castela Editar o valor em Wikidata
Pseudónimo literariola Latina Editar o valor em Wikidata
LinguaCastelán medio, Renaissance Latin (en) Traducir e lingua grega Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeFrancisco Ramírez de Madrid (1491–1501)
IrmánsGaspar de Gricio Editar o valor em Wikidata

Beatriz Galindo, chamada a Latina, nada en Salamanca posiblemente en 1465 e finada en Madrid o 23 de novembro de 1535, foi unha escritora e humanista española, mestra de latín e gramática da raíña Isabel a Católica e preceptora dos seus fillos.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Natural da cidade de Salamanca, a súa data de nacemento aínda suscita algunhas dúbidas: a maioría de investigadores sitúana en 1465, pero algúns en 1464.

Naceu no seo dunha familia fidalga que fora adiñeirada, pero vinda a menos. Era probablemente irmá de Gaspar de Gricio, que tivo na corte o cargo de secretario do príncipe Xoán e que despois o foi da raíña Isabel. Parece que a súa estirpe era Gricio, liñaxe fidalga do reino de León, e que por algunha parte proviña dos Galindos da cidade de Écija.[1]

Monumento a Beatriz Galindo en Madrid.

Por mor da súa intelixencia e afección ás letras, os seus pais escollérona entre as fillas do matrimonio para destinala ao claustro, e decidiron que tomase clases de gramática nunha das academias da Universidade de Salamanca. Mostrou grandes dotes para o latín: aos quince anos de idade, non só lía e traducía ben os textos clásicos, senón que tamén era capaz de falar e escribir nesa lingua con gran corrección e fluidez. A súa fama estendeuse primeiro por Salamanca e despois por todo o reino e empezou a ser coñecida como a Latina. Tamén dominaba o grego, e gustaba especialmente de Aristóteles. En 1486, cando se estaba preparando para ingresar no convento como monxa, foi chamada pola raíña Isabel a Católica á corte. O cronista Gonzalo Fernández de Oviedo describiu a Beatriz Galindo como:

...moi grande gramática e honesta y virtuosa doncela fidalga; e a Raíña Católica, informada disto e desexando aprender a lingua latina, enviou por ela e ensinou á Raíña latín, e foi ela tal persoa que ningunha mujer lle foi tan aceptada de cantas A Súa Alteza tivo para si.[2]
Gonzalo Fernández de Oviedo, Batallas y quincuagenas

A súa presenza na corte non se limitou unicamente aos seus labores como preceptora, senón que, como narra Lucio Marineo Sículo, a raíña tiña en moi alta estima os seus consellos.

Casada en decembro de 1491 co capitán artilleiro e conselleiro dos Reis Católicos Francisco Ramírez de Madrid, voda para a que os Reis Católicos deron un dote de 500 000 marabedís, tivo dous fillos, Fernán e Nuflo. Enviuvou en 1501, retirándose da corte e asentando a súa residencia en Madrid, no que hoxe é o Palacio de Viana, que está moi remodelado.

Débeselle a fundación do hospital da Latina (1499-1507) e dos conventos ou mosteiros da Concepción Francisca e a Concepción Xerónima (onde foi enterrada), en Madrid. Atribúenselle poesías latinas e uns Comentarios a Aristóteles. Escribía poesía en latín e estudara teoloxía e medicina. Tamén se lle outorga a realización de varios escritos dos cales non se conservou ningún. Estas obras serían poemas escritos e dous documentos: Notas e comentarios sobre Aristóteles e Anotacións sobre escritos clásicos.[3]

Puellae doctae[editar | editar a fonte]

Firma hológrafa de Beatriz Galindo (Selecta, 19 de marzo de 1501).

Beatriz Galindo[4] forma parte do grupo de mulleres educadas dende a súa infancia nas linguas clásicas, latín e grego, e ás que se instruíu con todo o saber do humanismo, exceptuando a retórica, que se supuña propio dos homes xa que preparaba para a política e a guerra.[5] Formaron parte das cortes renacentistas ibéricas[6] durante os séculos XV e primeira metade do século XVI e tiveron como impulsoras principalmente a raíña Isabel e a dona María de Portugal. Isabel ía favorecer a creación da Casa da Raíña, espazo de encontro destas mulleres eruditas. Os libros eran bens moi estimados.[7]

Son unha das varias respostas ibéricas xunto a Isabel de Villena, Teresa de Cartagena e outras á querela das mulleres. Christine de Pisan foi amplamente coñecida no mundo humanista peninsular. Exemplo diso é que a raíña Isabel tiña un exemplar en francés de A cidade das mulleres na súa biblioteca.[8] A lingua xeralmente usada nos seus escritos era o latín.[8]

Escultura xacente de Beatriz Galindo, no Museo de San Isidro. Forma parte do cenotafio que estivo no convento da Concepción Francisca (da rúa Toledo, de Madrid).

Monumentos funerarios[editar | editar a fonte]

A propia Beatriz Galindo encargou varios monumentos funerarios en memoria do seu esposo e dela mesma, que foron realizados ao estilo renacentista plateresco, no ano 1531. Eses cenotafios, ou sepulcros baleiros, foron instalados nos dous mosteiros que fundou, a Concepción Francisca e a Concepción Xerónima.

Retrato de Beatriz Galindo no seu monumento funerario do ano 1531. Este cenotafio consérvase na igrexa do cuarto Mosteiro da Concepción Xerónima, en Madrid.

Trala súa morte en 1535, foi enterrada na igrexa do primeiro Mosteiro da Concepción Xerónima, pero non nese sepulcro, senón baixo o altar do coro alto.[9] En 1891 trasladáronse os seus restos ao novo convento da rúa de Lista, e de alí pasaron á cripta da igrexa do cuarto mosteiro da Concepción Xerónima, no Goloso. Tanto os seus restos como eses cenotafios foron acompañando a comunidade relixiosa nas súas sucesivas sedes.

En cambio, os outros cenotafios do antigo convento da Concepción Francisca, atópanse no Museo de San Isidro ou das orixes de Madrid. Estes sepulcros teñen motivos diferentes, aínda que son do mesmo estilo renacentista plateresco. Destaca a escultura xacente de Beatriz Galindo, en alabastro.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Cartel do Metro da estación de La Latina, na rúa Toledo, de Madrid.

Madrid honra de varias maneiras a memoria da veciña e benefactora da vila: co hodónimo da rúa de Beatriz Galindo, nos xardíns de Las Vistillas, e cos topónimos de dúas divisións do municipio, que aluden a ela polo seu alcume. O barrio de La Latina, no centro histórico, debe o seu nome tradicional aos antigos hospital e convento fundados por Beatriz Galindo xunto á praza da Cebada. E ademais, en 1971 o concello deu o nome de Latina, a un dos distritos resultantes de dividir en tres o de Carabanchel, xurdido en 1948 pola anexión dos municipios de Carabanchel Alto e Baixo. O distrito de Latina, diferente do barrio de igual nome, que non é contiguo, erixiu en 1999 un monumento a Beatriz Galindo na praza da Porta do Anxo: unha estatua colosal de bronce, obra do escultor José Luis Parés, que a representa sentada ante o seu escritorio.

Diversos centros de ensino levan o seu nome en España; así, ao terminar a guerra civil española, en 1940, fundouse o Instituto de Ensino Secundario Beatriz Galindo, no Palacio Villapadierna da rúa de Goya, 10 de Madrid.[10] Outros centros de ensino atópanse en Motril, Marbella, Alcalá de Henares (onde tamén ten unha rúa), Bollullos de la Mitación, Salamanca, e no barrio de Aluche de Madrid.

Un Airbus 340-313x da frota Iberia, matrícula EC-GUQ, leva tamén o seu nome.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Luis de Salazar y Castro, Advertencias históricas... (Madrid, 1688), páx. 138-139; Gonzalo Fernández de Oviedo, Batallas y quinquagenas, vol. II (Madrid, RAH, 2000), páx. 187-188.
  2. Orixinal en castelán: "...muy grande gramática y honesta y virtuosa doncella hijadalgo; y la Reina Católica, informada d'esto y deseando aprender la lengua latina, envío por ella y enseñó a la Reina latín, y fue ella tal persona que ninguna mujer le fue tan acepta de cuantas Su Alteza tuvo para sí."
  3. Caso, Ángeles (2005). Las olvidadas (en castelán). Editorial Planeta. 
  4. Segura Graiño, Cristina (2011). "Beatriz Galindo: ejemplo de humanista laica". Miscelánea Comillas 69 (134). Consultado o 4 de decembro de 2017. 
  5. Caballé, Anna. Por mi alma os digo: de la Edad Media a la Ilustración. Círculo de lectores. p. 106. ISBN 84-226-9863-3. 
  6. Borreguero Beltrán, Cristina (2011). "Puellae Doctae en las cortes peninsulares". Dossiers feministes Universitat Jaume I (en castelán). ISSN 1139-1219. Consultado o 4 de decembro de 2017. 
  7. Alvárez, María Teresa (2005). Ellas mismas. La esfera de los libros. p. 82. ISBN 9788497341158. 
  8. 8,0 8,1 Rivera Garretas, María Milagros (1996). "La querella de las mujeres: una interpretación desde la diferencia sexual". Política y Cultura [en linea] (en castelán): 28-30. ISSN 0188-7742. Consultado o 4 de decembro de 2017. 
  9. Almudena de Arteaga (2007). Beatriz Galindo, la Latina: maestra de reinas. Madrid: Algaba, páx. 194. ISBN 978-84-96107-89-2.
  10. "Página del I.E.S. Beatriz Galindo". Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2017. Consultado o 29 de agosto de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]