Saltar ao contido

Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde
Ficha técnica
DirectorZaza Ceballos
ProdutorTelevisión de Galicia / Zénit Televisión, S.A.
coa axuda de: Agadic / Consellería de Cultura (Xunta de Galicia)
GuiónPuri Seixido
IntérpretesCasilda Alfaro, César Cambeiro, Susana Dans, Albert Forner, Balbino Lacosta, Manuel Lourenzo, Manuel Millán Vázquez, Mabel Rivera, Manolo Solo, Antonio Durán "Morris"
Estrea28 de setembro de 2011
Duración96 min
OrixeGalicia Galicia
XéneroLongametraxe para televisión
Na rede
IMDB: tt2266186 Filmaffinity: 559216 Editar o valor en Wikidata

Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde é unha longametraxe galega para televisión, producida en 2011 con dirección de Zaza Ceballos. É unha biografía sobre Emilia Pardo Bazán, e foi estreada o 28 de setembro de 2011 no Teatro Rosalía da Coruña.

Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851 - Madrid, 1921) autora de obras tan emblemáticas da literatura galega en lingua castelá como Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza, estivo chea de "escándalos e polémicas". Gozou da amizade de Victor Hugo, Benito Pérez Galdós, Miguel de Unamuno e de Clarín, entre outros soados escritores.

Pioneira en moitas facetas, foi a primeira muller en España que desenvolveu unha cátedra universitaria, a primeira xornalista profesional da península, ideóloga do feminismo do século XIX e autora de novelas, libros de viaxes, biografías e preto de mil ensaios, artigos e crónicas na prensa española e internacional.

A trama arranca tras a publicación da novela La Tribuna e o volume La cuestión palpitante, cando a polémica explota nos círculos conservadores. É nese momento cando Emilia Pardo Bazán decide dedicar a súa vida á literatura.

Produción

[editar | editar a fonte]

A directora do filme, Zaza Ceballos, explicou que tres personaxes fundamentais do século XIX, que "casualmente eran tres mulleres galegas e coetáneas", Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro e Concepción Arenal, fixérona idear unha especie de triloxía que inaugura a autora coruñesa. O obxectivo último do filme é recoller todos os elementos que conformaron a vida e a obra de Pardo Bazán, intentando ser o máis fiel posíbel á realidade.

O contorno que pisou a escritora recréase en distintos espazos con gran realismo: a Casa-Museo, sede da Real Academia Galega, onde rodaron algunhas escenas da súa xuventude; o mosteiro de Poio (Pontevedra) recrea unha librería presente en toda a película e onde a autora debatía co libreiro e a súa filla; tamén se utilizaron lugares como os xardíns do Pazo de Meirás, o Ateneo de Madrid ou a Fábrica de Tabacos da Coruña, que inspirara a Pardo Bazán para escribir La Tribuna.

No proceso de documentación da película colaboraron especialistas como Darío Villanueva, secretario da Real Academia Española, Xosé Ramón Barreiro, experto pardobazanista, Ángeles Quesada ou Julia Santiso, conservadora da Casa Museo de Emilia Pardo Bazán.

Intérpretes

[editar | editar a fonte]
"Morris" en 2012.
Mabel Ribera en 2013.
Manuel Lourenzo en 2010.

Interpretar a unha muller tan contundente, intensa e emblemática como Pardo Bazán requiría doutra muller con forza e personalidade na pantalla. A elixida foi a galega Susana Dans. Traballar co personaxe foi un traballo fondo, debido "á gran cantidade de material".

A interpretación susténtase tamén con actores e actrices, tanto galegos como do resto do territorio español. Mabel Rivera, Antonio Durán "Morris", Manuel Lourenzo ou Casilda Alfaro representan "as voces críticas ou de aceptación da escritora no contorno da sociedade onde viviu", segundo a directora.

Presenza feminina

[editar | editar a fonte]

O filme foi, na súa maioría, realizado por mulleres, desde a dirección, o guión, a produción, o maquillaxe ou o estilismo. Este trazo concorda co afán de mostrar as contribucións de Pardo Bazán na consecución da igualdade entre homes e mulleres, un trazo latente en toda a obra. Ademais, a directora destacou a grande axuda da Secretaría Xeral da Muller e da Consellería de Educación e Cultura.

Outros datos

[editar | editar a fonte]

A presentación da longametraxe tivo lugar no Instituto coruñés de Ensinanza Secundaria Eusebio da Guarda ante centenares de estudantes, porque a Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, apoiarase na figura da escritora para editar diverso material didáctico que afonde nos valores da igualdade, dos que a Pardo Bazán foi unha pioneira defensora. A directora de TVG, Rosa Vilas, destacou na presentación que a película quere contribuír á recuperación da biografía da coruñesa, "comprometida coa súa obra na loita feminista" e no recoñecemento de valores fundamentais como a igualdade entre os sexos na creación literaria. "É unha película para o gran público, para rescatar unha figura que fixo de todo a pesar de ser muller, sen deixar de ser muller e reivindicando a súa condición de muller", puntualizou Vilas. Pola súa parte, a secretaria xeral de Igualdade, Marta González Vázquez, engadiu que a película salda unha "débeda histórica" con Pardo Bazán pola loita que desempeñou a favor das mulleres en tempos de adversidade.

Emitiuse na TVG o 10 de abril de 2012, ás 22:35 horas. A produción contou coa colaboración de varias televisións autonómicas, e proximamente será emitida por Telemadrid, Canal Sur, ETB e Canal 9.

O proxecto completarase con outras producións europeas para facer unha colección fílmica de mulleres importantes na historia.

Galardóns e nomeamentos

[editar | editar a fonte]
Ano Categoría Receptor Resultado
2011 Mellor filme para televisión Zenit Televisión e TVG Nomeado
Mellor actriz Susana Dans Gañadora
Mellor maquillaxe e peiteado Mara Collazo e Chicha Blanco Gañadoras
Mellor deseño de vestiario María Gil Gañadora

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]