El Capricho (Gaudí)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
El Capricho
Edificio
EstiloModernista
EnderezoBarrio de Sobrellano, s/n
LocalizaciónComillas España España
Coordenadas43°23′01″N 4°17′34″O / 43.383679, -4.292743Coordenadas: 43°23′01″N 4°17′34″O / 43.383679, -4.292743
Uso(s)Chalé
Construción
Inicio1883
Remate1885
Dimensións
Altura20 m
Superficie720 m²
Plantas3
Equipo
Arquitecto(s)Antoni Gaudí
editar datos en Wikidata ]

A Vila Quijano, popularmente coñecida como El Capricho, é un edificio modernista situado na localidade cántabra de Comillas. Foi proxectado por Antoni Gaudí e construído entre 1883 e 1885 baixo a dirección de Cristóbal Cascante, axudante do arquitecto reusense, por encargo do indiano Máximo Díaz de Quijano. É unha das poucas obras que Gaudí proxectou fóra de Cataluña.

Esta obra pertence á etapa orientalista de Gaudí (1883-1888), período en que o arquitecto realizou unha serie de obras de marcado gusto oriental, inspiradas na arte do Próximo e Extremo Oriente (India, Persia, Xapón), así como na arte islámica hispánica, principalmente o mudéxar e nazarí. Gaudí empregou con gran profusión a decoración en azulexo cerámico así como os arcos mitrais, cartelas de ladrillo visto e remates en forma de templete ou cúpula.[1]

O edificio caeu no abandono trala Guerra Civil, estado no que seguiu a pesar da súa declaración como Ben de Interese Cultural en 1969. En 1977 a última descendente dos López-Díaz de Quijano, Pilar Güell Martos, vendeu a propiedade ao empresario Antonio Díaz quen o restaurou en 1988 e converteu nun restaurante. En 1992 foi comprado polo grupo xaponés Mido Development. Por último, en 2009, o edificio converteuse en museo.

Historia[editar | editar a fonte]

Maqueta do edificio, en Cataluña en Miniatura.

Máximo Díaz de Quijano y Fernández de San Juan (1838-1885) era un indiano enriquecido en Cuba, avogado de profesión, de ideoloxía carlista e afeccionado á música e á botánica.[2][a] Era concuñado do tamén indiano Antonio López y López,[b] marqués de Comillas, sogro do empresario catalán Eusebi Güell, o principal mecenas de Gaudí, motivo polo que entraron en contacto promotor e arquitecto. Gaudí fora axudante de Joan Martorell no palacio de Sobrellano do marqués de Comillas, onde proxectara o mobiliario da capela de palacio. Tamén construíu en Comillas en 1881 un quiosco en forma de templete de aire oriental para celebrar a visita do rei Afonso XII á localidade cántabra.[4] Por iso recibiu o encargo de construír un chalé anexo ao palacio, que debía servir de residencia de verán. O edificio recibiu o nome de Vila Quijano, que pronto foi coñecido como «El Capricho», debido ao seu aspecto exuberante e orixinal.[5]

Gaudí realizou un proxecto de estilo orientalizante, en paralelo á súa obra contemporánea na casa Vicens de Barcelona, con reminiscencias das artes gótico, oriental, mudéxar e nazarí.[6] Posiblemente Gaudí inspirouse nun proxecto para un embarcadoiro que fixera durante os seus estudos universitarios, en 1876.[7]

As obras foron executadas por Cristóbal Cascante, compañeiro de carreira de Gaudí, quen se baseou nunha maqueta realizada polo arquitecto modernista.[8] Os traballos realizáronse entre 1883 e 1885 aínda que, lamentablemente, o seu propietario non puido gozalo moito tempo, xa que morreu uns meses máis tarde de rematarse as obras.[9] Xa que era solteiro, a vila pasou á súa irmá, Benita Díaz de Quijano. O seu fillo, Santiago López y Díaz de Quijano, emprendeu en 1914 unha primeira reforma da casa en que se substituíu o invernadoiro por un bloque de obra de fábrica e cambiáronse tellas cerámicas por placas de fibrocemento.[10]

O edificio caeu no abandono trala Guerra civil estado no que seguiu a pesar da súa declaración como Ben de Interese Cultural en 1969. En 1975 o concello de Reus, localidade natal de Gaudí, suxeriu trasladar o edificio a esa poboación, aínda que o proxecto foi desestimado.[10] Pouco máis tarde, en 1977, a última descendente dos López-Díaz de Quijano, Pilar Güell Martos, vendeu a propiedade ao empresario Antonio Díaz por 16 millóns de pesetas.[11] Os seus fillos, Antonio e Ernesto, fixéronse cargo do inmoble que foi inaugurado como restaurante co nome de «El Capricho de Gaudí» en 1988 tras unhas obras de rehabilitación que custaron 300 millóns de pesetas.[10] En 1992 foi comprado polo grupo xaponés «Mido Development» por 800 millóns de pesetas.[12] Debido á crise económica, o restaurante viuse obrigado a pechar.[13] Por último, o edificio converteuse en museo e abriu as súas portas ao público en xullo de 2010; desde entón recibiu preto de 500 000 visitantes.[14]

Descrición[editar | editar a fonte]

Exterior[editar | editar a fonte]

Torre-minarete.

A casa atópase nun terreo en pendente, que antigamente albergaba un bosque de castiñeiros, nun val cuxas ladeiras descenden cara ao mar, exposto ao norte. O arquitecto debeu ter en conta todos estes aspectos, que resolveu cun proxecto de volumetría horizontal, orientando a fachada das zonas destinadas ao día cara ao norte. A nivelación do terreo obtívoa mediante un baleirado parcial das terras da leira contendo a pendente cun muro no xardín traseiro.[5] Gaudí incorporou á súa obra dúas construcións anteriores que había no terreo, un invernadoiro e un templete, que transformou no corpo central do edificio e na base da torre-minarete, respectivamente. Doutra banda, xunto ao edificio deseñou tamén os xardíns da leira, nos que incluíu unha gruta artificial.[15]

O edificio ten planta alargada en forma de «U», cunha superficie de 720 m² e unha planta de 15 x 36 metros. Contén semisoto, planta nobre e faiado, comunicados por dúas escaleiras de caracol, e cunha torre cilíndrica en forma de minarete persa, revestida completamente de cerámica. Na súa construción empregáronse diversos materiais, como a pedra, o ladrillo, o azulexo, o ferro e a tella, combinados en diferentes tonalidades, o que outorga unha gran riqueza cromática ao conxunto.[16]

Fachada principal.

A fachada principal está estruturada sobre a base dunha serie de franxas horizontais de perpiaños de ton amarelo-ocre con franxas de verde decoradas con flores amarelas de xirasol. Os muros son de ladrillo visto sobre un zócolo de pedra de forma almofadillada, e rematados por unha cornixa de cartelas de cores; o tellado, de dúas augas, está revestido de tellas cerámicas.[9] Na súa planimetría destaca a liña curva, con diversos corpos semicirculares superpostos que destacan do conxunto, e mesmo as esquinas teñen forma de curvas cóncavas.[17] Os balcóns presentan un orixinal deseño, xa que a varanda de ferro forxado convértese na súa parte central nun asento, mentres que na súa parte superior presentan un deseño a modo de pérgola.[18]

O acceso principal da casa atópase no lado norte, nun monumental pórtico sobre o que se ergue a torre-minarete, con catro columnas e arcos a nivel, con capiteis decorados con paxaros e follas de palmito, como na casa Vicens.[19] A xanela da porta principal presenta unha forma con chanzos, e está revestida de azulexos de cor verde no intradorso e en forma de xirasois na imposta.[20]

Fachada de poñente.

A horizontalidade do corpo central do edificio queda contrastada pola verticalidade da torre, de 20 metros de altura, semellante a un minarete islámico, que actúa de miradoiro, xa que desde a súa altura pódese ver o mar Cantábrico. Ten planta cilíndrica e está formada por tres partes: unha terraza situada sobre o pórtico de entrada, ao nivel da cornixa do edificio; o corpo central, revestido de azulexos verdes e de xirasois, dispostos en forma axadrezada; e o miradoiro, cunha plataforma con varanda de ferro forxado con motivos musicais —concretamente claves de sol—, rematada cun templete de formas xeométricas sustentado sobre catro columnas de ferro.[21]

Fachada de levante.

As fachadas laterais do edificio presentan unha planimetría distinta: a de poñente é a que contén, xunto á fachada principal, o pórtico e a torre, e estaba pensada para recibir ás visitas xa que se atopa fronte ao camiño de acceso e manobra das carruaxes. Está na parte máis alta do terreo polo que o zócolo do edificio ten aquí tan só unha altura de 80 cm.[22] Pola súa banda, a fachada de levante atópase sobre a parte máis baixa do terreo, polo que o zócolo ten neste lado unha altura de 3,5 metros. Nesta parte atópase o dormitorio principal así como unha sala de xogos, que servía en ocasións como dormitorio auxiliar. Baixo a terraza do dormitorio principal áchase a cocheira que, debido á inclinación do terreo, queda situada no semisoto.[23]

En canto á fachada posterior, situada ao mediodía, correspóndese co pórtico acristalado do anterior invernadoiro, derrubado en 1914 e reconstruído en 1988.[24] Esta fachada, na cara interna da U que forma o edificio, supuña a área privada da casa, destinada ás principais afeccións do propietario, a música e a botánica, actividade esta última que cumpriría o invernadoiro, que actuaba tamén como regulador térmico e como eixo distribuidor da casa.[25] Detrás do invernadoiro áchase un patio situado entre a fachada posterior e o xardín, de 130 m², pechado na parte do xardín por un muro de ladrillo cun banco corrido de azulexos brancos.[26]

Os xardíns da leira teñen unha superficie de 2500 m², e foron deseñados polo propio Gaudí. Esta zona non sufriu apenas modificacións, polo que conservan practicamente o seu deseño orixinal. O arquitecto mostrou como noutras das súas obras un gran respecto pola contorna, utilizando para o seu proxecto materiais autóctonos. A principal modificación do terreo foi debida ao seu desnivel, o que lle levou a extraer pedras da zona máis elevada, que utilizou para construír camiños, muros e escaleiras. Do xardín destaca a gruta, situada no extremo occidental, elaborada con bloques de pedra sen desbastar, cunha porta de entrada e unha xanela a nivel, e no interior un banco corrido de pedra. Doutra banda, nun banco situado fronte á fachada traseira áchase unha estatua sedente en bronce de Gaudí, obra de Marco Ferreiros (1989).[27]

Interior[editar | editar a fonte]

Salón principal.

O deseño interior da casa responde principalmente ao feito de estar proxectada para unha persoa solteira e cunha finalidade recreativa xa que se trataba dun edificio pensado para o descanso e as vacacións.[28] O interior está distribuído en tres plantas: no semisoto atopábanse a cociña, as despensas e os rochos, na planta nobre a residencia, e o faiado estaba destinado ao servizo. A planta principal ten cinco estancias, o vestíbulo e o cuarto de baño, unidos por un amplo distribuidor paralelo ao invernadoiro.[5] Gaudí distribuíu o espazo en base ao percorrido do sol, situando as dependencias de actividades matutinas cara ao sur, e as vespertinas a poñente, mentres que as estivais quedaban cara ao norte.[29][30]

A decoración da vivenda levouse a cabo con toda clase de luxos ornamentais e os mellores materiais como vidreiras, cerámicas e madeiras talladas. A maioría dos motivos decorativos son de carácter xeométrico e vexetal como flores e follas, pero tamén algún animal, principalmente ornitolóxico.[31]

O vestíbulo, que está situado tralo pórtico de entrada ao pé da torre-minarete, ten 12 m², planta hexagonal e actúa de distribuidor entre as tres plantas. O pavimento está composto por laxas de mármore de forma circular mentres que o teito presenta un artesoado de madeira cunha franxa de cinco vigas no centro e dous grupos de sete vigas que percorren transversalmente a estancia. Esta sala ten unha vidreira con reberetes de formas xeométricas e motivos ornamentais vexetais.[32]

Cuarto de baño.

Entre o vestíbulo e o salón principal áchase a sala de visitas, de 16 m². Esta estancia cumpría unha dobre función: a de recibidor nun contexto máis formal e a de acceso ao resto da vivenda nun plano máis informal xa que conecta coa galería de distribución que comunica todas as estancias a través do invernadoiro, onde en principio só accedían familiares e amigos. O principal material empregado nesta estancia é a madeira que recobre chan, teito, zócolos, portas e xanelas así como a cheminea. A maioría de motivos ornamentais son de carácter xeométrico.[33]

O salón principal ten 35 m² e presenta unha dobre altura que chega até a cuberta do edificio dividindo o faiado en dúas partes. Como está situado na coxía norte é o contrapunto do invernadoiro, orientado ao sur. É un salón acolledor e luminoso pero de certa sobriedade, tal e como quería o propietario. O teito ten forma de nave invertida, posiblemente pensado para conter unha cuberta acristalada, como era a moda na época, que con todo non chegou a construírse. Na estancia destaca unha ampla ventá con xanelas de guillotina dotadas dun sistema de corredeiras que se moven con contrapesos. Igualmente, na zona interior hai catro xanelas en forma de arcos en chanzos que dan ao corredor e permiten a entrada da luz de mediodía. Doutra banda, corresponden a este salón os dous balcóns en forma de banco-varanda elaborados en ferro forxado que dan ao exterior. Xunto a este salón atópase o comedor, de dimensións modestas, colocado xunto á escaleira de servizo que conduce á cociña, no semisoto.[34]

Xunto ao salón principal está a sala de xogos, unha estancia de 37 m² orientada cara a poñente. Era unha sala polivalente destinada a finalidades lúdicas pero que tamén podía servir de dormitorio secundario. Inclúe unha galería semicircular de 6 m² como ambiente adicional destinado principalmente a fumadeiro, de inspiración árabe. O chan deste salón é de parqué, que sintoniza co teito de artesoado de madeira, decorado con flores talladas igualmente en madeira. A decoración, a máis rica da casa, está realizada en madeira, cerámica e ferro, con motivos vexetais e animais.[35]

Invernadoiro.

Na fachada de levante áchase o dormitorio principal, que cos seus 42 m² é a estancia máis grande despois do invernadoiro, maior mesmo que o salón principal, o que pon de relevo a importancia concedida polo seu propietario á súa vida privada. Debido ao seu tamaño, na reforma de 1914 foi dividido en dúas habitacións. É unha estancia luminosa, con ventás que dan a levante e mediodía, así como unha porta de acceso á terraza de 26 m² que se sitúa sobre o teito da cocheira. Da estancia destaca o artesoado do teito, o máis elaborado de toda a casa, cunhas vigas transversais cruzadas por unha rede de viguetas en diagonal, con remates decorativos de motivos vexetais nas interseccións.[36] Xunto ao dormitorio atópase o cuarto de baño, de 14 m², con chan de mármore, azulexos para a zona de ducha, zócolos de madeira e mármore e teito de artesoado de madeira. As xanelas teñen vidreiras de cores con motivos vexetais e ornitolóxicos, posiblemente un modelo para as demais estancias que finalmente non se realizou.[37]

Detalle do faiado.

Na parte sur da casa, no interior da "U" que forma o edificio, atópase o invernadoiro construído sobre unha edificación anterior que cumpría o mesmo uso; destruído na reforma da casa efectuada en 1914, foi reconstruído en 1988 baseándose no deseño orixinal. Esta estancia respondía a unha das afeccións do propietario, a botánica, aínda que debido á súa prematura morte non chegou a cumprir o seu obxectivo. Ten 72 m² de superficie, 6 metros de altura e presenta planta de estadio e cuberta a dúas augas. Construíuse cunha estrutura de madeira de cor branca e acristalada. Esta estancia cumpre a función de regulador térmico da casa, absorbendo calor durante o día e desprendéndoo ao resto das estancias pola noite. O invernadoiro forma, xunto ao muro interior da casa, o corredor que serve de distribución da planta nobre.[38]

Na planta superior atópase o faiado, dividido en dous polo salón principal xa que a súa altura chega até o teito do edificio, con acceso por dúas escaleiras de caracol. Ten unha superficie total de 140 m², con cuberta a dúas augas cunha estrutura de vigas de madeira con diversos ángulos de abertura, máis pechados canto máis cerca están do centro da coxía. O faiado cumpría tamén o obxectivo de regulador térmico, illando a planta nobre das temperaturas exteriores. Neste espazo achábanse as habitacións do servizo e as dúas ás estaban conectadas por un corredor exterior, paralelo á cuberta do invernadoiro. Unha das habitacións conta cunha terraza semicircular que está sobre a galería da sala de xogos. Tamén hai un acceso á terraza inferior da torre-minarete.[39]

Cabe resaltar que numerosas solucións estruturais e ornamentais da casa responden á afección do propietario pola música, por exemplo: os reberetes no exterior da casa imitan un pentagrama, as varandas da torre teñen forma de clave de sol e de semicorchea, nas xanelas do salón principal usáronse contrapesos para o sistema de corredeiras, que eran campás tubulares con diferentes densidades e tamaños para poder obter notas musicais diferentes ao abrirse e pecharse; por último, no cuarto de baño atópanse dúas vidreiras con debuxos dunha abella tocando a guitarra e un paxaro tocando o órgano.[40]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Compuxo varias zarzuelas, con letra do escritor cántabro José María de Pereda.[3]
  2. A irmá de Máximo, Benita, casou con Claudio López, irmán de Antonio.[3]

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. Bergós i Massó 1999, p. 52.
  2. Regàs 2009, p. 21.
  3. 3,0 3,1 Giordano et al. 2012, p. 18.
  4. Giordano et al. 2012, p. 20.
  5. 5,0 5,1 5,2 Crippa 2007, p. 15.
  6. Giordano et al. 2012, p. 27.
  7. Bassegoda i Nonell 2002, p. 109.
  8. Giralt-Miracle 2012, p. 112.
  9. 9,0 9,1 Regàs 2009, p. 22.
  10. 10,0 10,1 10,2 Giordano et al. 2012, p. 23.
  11. Á., M. (25 de marzo de 2010). "El edificio, que siempre ha sido privado, ha tenido una docena de dueños". El Diario Montañés (Santander). Consultado o 29 de agosto de 2016. 
  12. Delgado, Jesús (3 de xaneiro de 1991). "Un grupo japonés compra el palacete El Capricho, de Gaudí, por 800 millones". Consultado o 29 de agosto de 2016. 
  13. Ferrandis, Margarita (25 de marzo de 2010). "El Capricho de Gaudí cierra". El Diario Montañés. Consultado o 29 de agosto de 2016. 
  14. Vallejo, Magdalena (25 de xuño de 2015). "El Capricho de Gaudí, una de sus obras más antiguas, rejuvenece con 130 años". Consultado o 29 de agosto de 2016. 
  15. Giralt-Miracle 2012, p. 112-113.
  16. Regàs 2009, p. 25.
  17. Estévez 2011, p. 44.
  18. Estévez 2011, p. 45.
  19. Bassegoda i Nonell 2002, p. 110.
  20. Giordano et al. 2012, p. 47.
  21. Giordano et al. 2012, p. 48-49.
  22. Giordano et al. 2012, p. 52.
  23. Giordano et al. 2012, p. 61.
  24. Regàs 2009, p. 23.
  25. Giordano et al. 2012, p. 32.
  26. Giordano et al. 2012, p. 57.
  27. Giordano et al. 2012, p. 64-65.
  28. Giordano et al. 2012, p. 69.
  29. Regàs 2009, p. 26.
  30. Giordano et al. 2012, p. 38.
  31. Giordano et al. 2012, p. 71.
  32. Giordano et al. 2012, p. 72.
  33. Giordano et al. 2012, p. 81.
  34. Giordano et al. 2012, p. 82-83.
  35. Giordano et al. 2012, p. 76-77.
  36. Giordano et al. 2012, p. 88.
  37. Giordano et al. 2012, p. 91.
  38. Giordano et al. 2012, p. 86-87.
  39. Giordano et al. 2012, p. 94-95.
  40. Sama 2014, p. 131-133.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]