Darrell Armstrong

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Darrell Armstrong
Posición Base
Dorsal 10, 3, 24
Altura 1,83 m (6 ft 0 in)
Peso oficial 77 kg (170 lb)
Nacemento 22 de xuño de 1968 (50 anos)
Flag of North Carolina.svg Gastonia, Carolina do Norte
Carreira
Universidade Fayetteville State
Tempadas 19912008
Equipo(s)
Estatísticas (NBA)
Puntos     7 712 (9,2 pp)
Asistencias     3 394 (2,7 pp)
Rebotes     2 269 (2,7 pp)
Stats @ Basketball-Reference.com
Premios

Darrell Eugene Armstrong, nado en Gastonia (Carolina do Norte) o 22 de xuño de 1968, é un antigo xogador profesional americano de baloncesto. Actualmente é adestrador asistente nos Dallas Mavericks da National Basketball Association (NBA).

Traxectoria profesional[editar | editar a fonte]

Tras deixar a Universidade de Fayetteville State, Armstrong presentouse ó Draft da NBA de 1991, mais non foi seleccionado. Comezou a súa carreira profesional nos Atlanta Eagles da United States Basketball League (USBL). Alí foi incluído tres tempadas consecutivas no mellor equipo defensivo da liga, de 1992 a 1994, no segundo mellor equipo da USBL en 1992, e no mellor equipo da liga en 1993 e 1994.

En outubro de 1992, Armstrong asinou cos Capital Region Pontiacs da Continental Basketball Association (CBA), e máis tarde xogou para os South Georgia Blues da Global Basketball Association. En 1993, os Blues desfixéronse e Armstrong regresou á súa cidade natal, onde exerceu de adestrador asistente do Ashbrook High School.

Europa[editar | editar a fonte]

En 1993, Armstrong fichou polo AEK Larnaca da primeira división chipriota. Alí acadou 32 puntos e 8 asistencias por partido, números que lle fixeron gañar o premio ó mellor xogador da tempada.

Na tempada 1994-95, fichou polo Coren Ourense da Liga ACB. Baixo o mando de Randy Knowles, Armstrong chegou a Ourense coa intención de facer esquecer a Andre Turner, que tras dúas tempadas no equipo, fichou polo CAI Zaragoza. Na súa única tempada no Ourense, Armstrong acadou 24.6 puntos en 39 minutos xogador por encontro, cunha porcentaxe dun 42% en triplas anotadas. A súa gran tempada en Ourense chamou a atención de equipos da NBA, e nada máis rematar a tempada, os Orlando Magic fixéronse cos seus servizos.[1]

NBA[editar | editar a fonte]

Armstrong asinou coma axente libre cos Magic ó final da tempada 1994-95, chegando a xogar en tres partidos da tempada regular, onde fixo 10 puntos en 8 minutos xogados por partido. Na tempada seguinte, tan só xogou 13 partidos, e estivo inactivo dende febreiro.

A tempada 1997-98 foi a primeira na que Armstrong estivo a tempada enteira no equipo. Participou en 67 partidos, e fixo 6 puntos por encontro en 15 minutos por partido saíndo dende o banco. Na tempada 1998-99, fixo historia ó converterse no primeiro xogador na historia da NBA en conseguir ó mesmo tempo os premios de Sexto Home do Ano da NBA e Xogador Máis Mellorado da NBA. Durante as súas 9 tempadas en Orlando, o equipo xogou os playoffs en sete ocasións, e nunca rematou con récord negativo.

Durante a postempada de 2003, Armstrong fichou coma axente libre polos New Orleans Hornets. O 3 de decembro de 2004, os Hornets traspasaron a Armstrong ós Dallas Mavericks a cambio de Dan Dickau e unha elección da segunda rolda do Draft. Na tempada 2005-06, Armstrong disputou ás Finais da NBA cos Mavericks, onde caeron derrotados por 4-2 contra os Miami Heat. En xullo de 2006, foi traspasado ós Indiana Pacers a cambio de Anthony Johnson.

O 1 de outubro de 2007, Armstrong foi cortado polos Pacers, e fichou polos New Jersey Nets.[2] Na súa derradeira tempada na NBA, xogou en 50 partidos, onde fixo 2.5 puntos por partidos en 11.0 minutos de xogo por encontro.

Adestrador[editar | editar a fonte]

O 26 de xaneiro de 2009 os Dallas Mavericks contrataron a Armstrong coma adestrador asistente para o desenvolvemento de xogadores.[3] Na tempada 2010-11, conseguiu cos Mavericks a vitoria nas Finais da NBA tras derrotar ós Miami Heat por 4-2.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Darrell Armstrong: Vuelo espacial de Ourense a la NBA". Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2014. Consultado o 29 de marzo de 2014. 
  2. Point guard Armstrong picks Nets, 4 de outubro de 2007
  3. Sefko, Eddie (27 de xaneiro de 2009). "Armstrong to join Dallas Mavericks' coaching staff". Dallas Morning News. Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2009. Consultado o 29 de marzo de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]