Covas de Valdavara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°51′11″N 7°08′09″O / 42.8529241325, -7.1357613956386 As covas de Valdavara (Vadevara 1, Valdevara 2 e Valdavara 3) son simas situadas no concello de Becerreá, que se achan no carso da marxe dereita do río Cruzul, un dos afluentes pola esquerda do río Navia, entre os 120 e os 220 m sobre a corrente do río. Forman parte dun sistema de covas en formacións de pedra calcaria denominada Calcarias de Vegadeo, do cámbrico inferior-medio.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira das covas (Valdavara 1) foi descuberta na década de 1950 por Carmelo Alonso, veciño de Becerreá. O achado non foi coñecido publicamente até que a súa filla, Susana Alonso, estudante da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona, mostrou os materiais atopados polo seu pai a Eudald Carbonell, profesor da universidade e codirector das escavacións de Atapuerca.[1]

Entre 2007 e 2013 leváronse a cabo escavacións arqueolóxicas, traballándose en tres lugares con diferentes secuencias e achados de restos: Valdavara 1, que é a cavidade orixinal, Valdavara 1-2, que corresponde ao lado exterior, e Valdavara 2, outra pequena cavidade situada a 6 m por debaixo de Valdavara 1.[2]

Os traballos nas covas de Valdavara iniciáronse en 2007, enmarcándose nun proxecto de investigación conxunto da Universidade de Santiago de Compostela e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES). As escavaciones leváronse a cabo grazas ao apoio do concello de Becerreá, e estiveron dirixidas por Manuel Vaquero e Susana Alonso, esta última colaboradora do IPHES. En 2013 realizouse a sétima campaña de escavacións, que se iniciou o 1 de xullo e rematou o día 27. Participaron oito investigadores procedentes de diversas institucións.[3][4]

En Valdavara 1 apareceron ferramentas, datadas no paleolítico superior, de óso, pedra, puntas de proxectís de hastas de cervo e doas realizadas sobre cunchas de Dentalium (moluscos de orixe mariña) que serían parte dun colar ou outro tipo de adorno. Outros restos apuntan ao plistoceno (antes da última glaciación) e ao holoceno, que coincide coas derradeiras sociedades de cazadores-recolectores. Tamén se atoparon útiles do mesolítico e, nunha fenda próxima á cova, apareceron restos de tres nenos dun período moi posterior, cara ao 1 500 da nosa Era. Nas escavacións realizadas no ano 2010 acháronse artefactos do mesolítico que pertencen a un tipo moi concreto de industria lítica da que até o de agora non se coñecían mostras en Galicia. Corresponden ao que se coñece como mesolítico macrolítico, unha técnica que se caracteriza pola fabricación de pezas de notábel tamaño con tallas menos complexas cás utilizadas no paleolítico superior. Se neste período usaban o sílex, que tiñan que buscar moi lonxe do asentamento, no caso do mesolítico empregaban o cuarzo, un material abundante na contorna da cova.[1]

Nunha canteira da empresa Campesa, preto de Valdavara (Valdavara 3), puxéronse ao descuberto fósiles de fauna e pezas do paleolítico que se suman aos materiais atopados con anterioridade. Xa se identificaron un dente de rinoceronte, a queixada dun bóvido e unha vértebra doutro animal de gran tamaño, posibelmente un herbívoro. Os fósiles corresponden a un período comprendido entre finais do plistoceno medio e comezos do superior, cunha antigüidade que pode oscilar entre os 100 000 e os 200 000 anos; de feito, os investigadores conseguiron atribuír unha idade concreta ao depósito de fauna descuberto no ano 2009, as datacións radiométricas determinan que o nivel máis recente do achado ten uns 103 000 anos. O sitio arqueolóxico foi descuberto por unha voadura con dinamita o que, se ben propiciou sacar á luz os achados, tamén destruíu parte da gruta. Na campaña do ano 2012, os arqueólogos atoparon, entre outros materiais, un óso, posiblemente de paxaro, gravado con incisións con múltiplos de sete para medir as fases da lúa, datado no magdaleniano (entre os 18 000 e os 8 000 anos a.C.). Tamén un dente humano, duns 17 000 anos de antigüidade, foi dado a coñecer en xullo de 2013, o que o converte no fósil humano máis antigo atopado en Galicia, pertencente a un individuo duns dez anos de idade e que sería uns sete mil anos máis antigo que os restos humanos aparecidos na serra do Courel, datados en torno ao 10 000 a.C.[1][5][6]

Unidades estratigráficas[editar | editar a fonte]

Valdavara 1 consta de dúas unidades estratigráficas principais. A unidade superior corresponde á prehistoria recente (final do neolítico-calcolítico). A unidade inferior corresponde ao final do paleolítico superior, cando parece que a cueva foi ocupada en diversas ocasións entre 16 800 e 18 700 anos BP. En Valdavara 1-2, nun nivel superior que foi alterado por procesos postdeposicionais, apareceu unha unidade máis consistente (nivel C) con artefactos líticos de sílex e cuarzo. Contamos cunha liña temporal do holoceno para este nivel. Esta datación, xunto coas características do conxunto lítico, é coherente coa atribución deste nivel ao mesolítico. Debaixo desta unidade, identificouse outro nivel (nivel D), caracterizado pola presenza de escamas de cuarcita. En Valdavara 1 encontráronse, na parte superior, restos de polo menos tres individuos infantís, cuxa datación os sitúa no contexto cronolóxico da idade de bronce medio. Outra unidade estratigráfica apareceu por debaixo deste nivel cun rexistro fósil que se caracteriza pola presenza dun gran número de restos de carnívoros, pero sen evidencia de presenza humana.[2]

Entre 2009 e 2011 levouse a cabo unha escavación de rescate nunha cavidade exposta debido ás consecuencias da voadura da canteira antedita, a 100 m da cova de Valdavara, e que foi denominada Valdavara 3. A gran variedade de fauna que se encontrou nese sitio (leóns, leopardos, hienas, rinocerontes, bisontes, osos, raposos, lobos, rebezos, cervos, corzos, xabarís, porcos), as características da microfauna e os primeiros datos radiométricos indican unha cronoloxía desde o principio do plistoceno superior (entre hai 100 000 e 120 000 anos). Aínda que é principalmente unha colección paleontolóxica, o descubrimento in situ de industria lítica estratigraficamente asociada á fauna confirma a presenza humana no establecemento. Pese a que a cronoloxía do sitio aínda non foi verificada, sitúa a Valdavara 3 como unha referencia en relación cos asentamentos máis antigos de Galicia.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]