Coreano (peixe)
Glyptocephalus cynoglossus Coreano, mendo | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Glyptocephalus cynoglossus (Linnaeus, 1758) [1] |
O coreano,[2][3] ou mendo[3], Glyptocephalus cynoglossus, é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos, familia dos pleuronéctidos e subfamilia dos pleuronectinos, unha das tres recoñecidas actualmente no xénero Glyptocephalus,[1].
Trátase dunha especie de importancia comercial, que se captura ao longo das costas do Atlántico norte.[4]
Taxonomía
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1758 polo naturalista sueco Linneo, na 10ª edición so seu Systema Naturae, baixo o nome de Pleuronectes cynoglossus.[1]
Sinónimos
[editar | editar a fonte]Ademais de polo seu nome actualmente válido, e polo orixinario de Linneo, a especie foi coñecida ao longo do tempo polos sinónimos:[1]
- Glyptocephalus acadianus Gill, 1873-74
- Platessa elongata Yarrell, 1839
- Pleuronectes nigromanus Nilsson, 1829
- Pleuronectes saxicola Faber, 1828
Nota sobre os nomes vulgares galegos
[editar | editar a fonte]A bibliografía galega dispoñíbel pode dar lugar a confusións cos nomes vulgares das especies Microstomus kitt e Glyptocephalus cynoglossus.
Rodríguez Solórzano el at. denominan a Microstomus kitt como mendo, e Lahuerta e Vázquez, como mendo limón. Porén, estes últimos autores dan o sinónimo mendo a Glyptocephalus cynoglossus,[3] mentres que ambas autoridades designan a esta especie como coreano.[2][3]
Por outra parte cómpre dicir que no Gran dicionario Xerais da lingua, na súa edición de 2009, define MENDO2 como "peixe pleuronectiforme (Glyptocephalus cynoglossus) de corpo longo, con pintas circulares máis pardas có resto da pel polo lombo e a aleta pectoral negra"; e o Diccionario Cumio da lingia galega, de 1999, tamén define mendo, na súa segunda acepción, como "peixe mariño malacopterixio (Glyptocephalus cynoglossus) de forma plana semellante ao linguado", definición que se repite no Gran dicionario Cumio da lingua galega, de 2004, e máis no Gran dicionario século 21 da lingua galega, de 2006, coeditado este último con Galaxia.
Ningún dos dicionarios destas editoriais define coreano co significado de peixe.
Descrición
[editar | editar a fonte]Esta especie é un peixe plano cos dous ollos situados no lado dereito do seu corpo ovalado, que pode acadar unha lonxitude de 60 cm e chegar aos 2,5 kg de peso, aínda que a maioría dos espécimes capturados raramente supera os 40 cm.[5][6][7]
A cara superior, pigmentada, está cuberta por escamas ásperas, e é de cor parda agrisada, en xeral uniforme, pero ás veces con bandas transversais escuras; a membrana da aleta pectoral dereita tende á unha coloracion moi escura, case negra; esta aleta é mais curta que a lonxitude da cabeza.[8] O flanco esquerdo (lado cego) é de cor branca agrisada, salferida de pequenas manchas escuras.
Pode alcanzar unha lonxitude máxima de 53 cm nos machos e de até os 70 cm nas femias. O tamaño medio dos espécimes capturados é de 42,5 cm. O peso máximo rexistrado foi de 3,7 kg .[9]
A cabeza é pequena, e a liña lateral é completamente recta.[7]
A aleta dosal presenta de 95 a 120 raios, e a anal de 85 a 102.[8]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Lámina de Le règne animal distribué d'après son organisation, de G. Cuvier, 2ª ed., 1828, que representa a Pleuronectes cynoglossus.
-
lámina de Cynoglossus cynoglossus na obra Oceanic Ichthyology, de G. Brown Goode e Tarleton H. Bean, publicada en 1896.
-
Cynoglossus cynoglossus nun mercado.
-
Detalle da cabeza de Cynoglossus cynoglossus.
Hábitat, bioloxía e usos
[editar | editar a fonte]É un peixe mariño, demersal, oceanódromo,[10] que vive en fondos de entre os 18 e os 1.5t0 m de profundidade,[11] aínda que usualmente entre os 45 e os 366 m,[12] nas costas do océano Atlántico, entre os 74 °N e os 35° N, e entre os 79 °W e os 26 ° E,[4] desde o norte de España até o norte de Noruega, no leste, e desde o golfo de San Lourenzo, no Canadá, até as costas de Carolina do Norte, nos Estrados unidos, no oeste.[13]
A desova, en Europa, prodúcese entre marzo e setembro, a profundidades de entre os 50 e os 150 m. Os ovos son peláxicos, e miden algo menos de 1 mm de diámetro. Eclosionan ao cabo dunha semana, dando lugar a larva, igualmente peláxicas, de entre 4 e 5 mm de lonxitude, que se desprazan até os fondos cando alcanzan os 4 cm de longo. Adquiren a madureza sexual entre os 4 e os 7 anos, cando alcanzan unha lonxitude de 25 a 36 cm de lonxitude.[7] Os adultos son bentónicos, e habitan en fondos brandos en augas bastante profundas, alimentándose de crustáceos, moluscos bivalvos, vermes poliquetos e outros invertebrados (como ofiúras), e de pequenos peixes.[4][7]
É unha especie comestíbel, que se captura mediante artes de arrastre e, como pesca adicional, nas pesquerías de cigalas e gambas,[7] nas áreas de pesca 21 e 27 (Atlántico noroeste e nordeste, respectivamente).[3] As capturas anuais en Europa acadan unha media dunhas 20 000 t.[7]
Comercialízase en fresco ou conxelado, e consómese cocido ao vapor, frito, asado no forno, en forno microondas e guisado.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Glyptocephalus cynoglossus (Linnaeus, 1758) no WoRMS.
- ↑ 2,0 2,1 Rodríguez Solórzano, Manuel; Sergio Devesa Regueiro e Lidia Soutullo Garrido (1983): Guía dos peixes de Galicia. Vigo: Galaxia. ISBN 84-7154-433-4, p. 201-202.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Lahuerta e Vázquez (2000), p. 81.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Glyptocephalus cynoglossus (Linnaeus, 1758) en FishBase.
- ↑ Nielsen, J. G. (1986): "Pleuronectidae". En P. J. P. Whitehead, M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen and E. Tortonese (eds.): Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean, pp. 1299-1307. Paris: UNESCO, Vol. 3.
- ↑ Muus, B. J. and J. G. Nielsen (1999): Sea fish. Scandinavian Fishing Year Book, Hedehusene, Denmark.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Muust, Bret J. el al. (1998), p. 270.
- ↑ 8,0 8,1 Whitehead, P. J. P.; M.-L. Bauchot, J.-C. Hureau, J. Nielsen and E. Tortonese, eds., (1986): Fishes of the North-eastern Atlantic and the Mediterranean. Paris: UNESCO, Vols. I-III.
- ↑ Fadeev, N. S. (2005): Guide to biology and fisheries of fishes of the North Pacific Ocean. Vladivostok, TINRO-Center.
- ↑ Riede, K. (2004): Global register of migratory species - from global to regional scales. Final Report of the R&D-Projekt 808 05 081. Federal Agency for Nature Conservation, Bonn, Germany.
- ↑ Scott, W. B. and M. G. Scott (1988): "Atlantic fishes of Canada". Can. Bull. Fish. Aquat. Sci. 219: 731.
- ↑ Bowering, W. R. and W. B. Brodie (1991): "Distribution of commercial flatfishes in the Newfoundland-Labrador region of the Canadian Northwest Atlantic and changes in certain biological parameters since exploitation". Neth. J. Sea Res. 27 (3/4): 407-422.
- ↑ Robins, C. R. and G. C. Ray (1986): A field guide to Atlantic coast fishes of North America. Houghton Mifflin Company, Boston, U.S.A.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Coreano |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cooper, J. A. & F. Chapleau (1998): "Monophyly and intrarelationships of the family Pleuronectidae (Pleuronectiformes), with a revised classification". Fish. Bull. 96 (4): 686-726.
- Lahuerta Mouriño, F. e Vázquez Álvarez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8.
- Muus, Bent J.; Jørgen G. Nielsen; Preben Dahlstrøm e Bente O. Nyström (1998): Peces de mar del Atlántico y del Mediterráneo. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-1161-2.
- Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Glyptocephalus cynoglossus na Encyclopedia of Life. Con informacións sobre a especie, imaxes e mapa de distribución (en inglés)
- Glyptocephalus cynoglossus en ADW.