Conversa:Metabolito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Metabolito ou metabólito?[editar a fonte]

Aínda que o dicionario da RAG non inclúe este termo, na miña modesta opinión a súa pronuncia, de acordo coas normas de adaptación de cultismos de orixe grega, debe ser metabólito, aínda que o elemento ´-ito non derive de λίθος (lítos, "pedra") que, daquela, xa non habría dúbidas (Cf. aerólto). Deriva do neogrego científico μεταβολίτης metabolítēs, "que se pode transformar", "que pode cambiar"; do grego μεταβολή (metabolé, "cambio", "transformación" —que tamén está na orixe de metabolismo—, e do elemento −ίτης (-ítēs). Dado que o i de -ites é breve, o acento tónico do composto debe recaer na sílaba anterior, polo que o vocábulo será proparoxítono, como vemos nos idiomas que respectan as normas de adeptación de cultismos, por exemplo:

  • inglés: metabólit
  • catalán: metabólit
  • portugués: metabólito (tamén admite metabolito)
  • italiano: metabólita (en inglés e italiano poño o acento gráfico para indicar a pronuncia).

En realidade, o italiano é o único idioma romance que adapta o termo de forma rigorosa xa que os cultismos tirados de voces gregas rematadas en -της (-tēs) pasan para o galego (e o castelán, o portugués e o italiano) a través de formas latinas acabadas en -ta, todas de xénero masculino (pese a acabaren en -a), como podemos ver nos exemplos seguintes:

Grego Latín
(ou lat. científico)
Galego
αθλητής athlēta atleta
αισθητής esthēta esteta
εξηγητής exegēta exexeta (ou esexeta)
κoμήτης comēta cometa
εύ-καρυoτής eucariōta eucariota
πρό + καρύov + -τής procariōta procariota
πλαvήτης planēta planeta
θεραπευτής therapeuta terapeuta

Polo que, como dixen, só en italiano se fai a adaptación axeitadamente.

Porén hai algunhas excepcións:

  • Non sempre o neoloxismo é masculino; por exemplo, do grego πυρίτης (pyrítēs), "do fogo" ou "no fogo", temos en galego pirita, en castelán pirita, en catalán pirita, en portugués pirtita (tamén se admite pirite, talvez por influencia do francés) e en italiano, curiosamente, pirite, todos substantivos femininos.
  • No caso de metabolito ou metabólito, a terminación en -o en todos os idioams romances (agás o francés, que para estes efectos non conta, e o italiano) quizais se deba a influencia doutros termos da linguaxe físico-química, como electrólito (aínda que neste caso o segundo elemento é ´-lito (do grego λύσις lýsis, "disolución") ou nos numerosos nomes formados co segundo elemento ´-lito, pero derivado de λίθος líthos "pedra": aerólito, batólito, siderólito, etc.

--XoioÉche o que hai 29 de maio de 2014 ás 16:40 (UTC)


A túa exposición paréceme interesante e seguramente tes razón, e eu non son un experto en filoloxía, pero hai que ter en conta tamén outras cousas. O feito de que non apareza no DRAG e tampouco no Vocabulario de medicina de 2008 ([1]), onde si aparece metabolismo, pode indicar que quizais están dubidando, e con frecuencia introducen excepcións. En calquera caso non habería referencias oficiais que poñer para inclinarse por un ou por outro (que eu coñeza). No propio portugués admiten as dúas formas metabolito e metabólito, o cal vai na liña da miña argumentación. Como ti indicas a terminación en o xa é de seu unha excepción admitida en moitos idiomas, polo que igual se acaban admitindo excepcións tamén na pronuncia. Polo momento creo que o máis prudente é poñer no cabezallo metabólito como nome alternativo e facer unha redirección, pero sen cambiarlle polo momento o nome á páxina. Ademais, engadín dúas referencias a favor de metabolito da Enciclopedia Galega Universal e do Vocabulario de Química da Universidade de Santiago. Porén, se tes unha referencia que diga (ou se non futuro a hai) que está "establecido" como normativo que se di metabólito entón habería que cambiarlle o nome á páxina e cambiar centos de mencións a ese termo en moitísimas páxinas, ao cal non me opoño en absoluto (e se está establecido non habería xa discusión). Aínda así, se es tan ousado e queres cambiarlle o nome ti xa agora, pois adiante, pero non quero ser eu quen teña a responsabilidade de facelo. Hai máis palabras con acento dubidoso: triptófano/triptofano, leucocito/leucócito, sinapomorfia/sinapomorfía, microscopia/microscopía, etc. Por último, en inglés dise metabolite, pronunciado metábolait (aproximadamente).--Miguelferig (conversa) 29 de maio de 2014 ás 19:41 (UTC)


Eu tampouco non son un experto en filoloxía (nin sequera son filólogo). Son un simple home de ciencias afeizoado ás letras e, especialmente, a adaptación correcta dos tecnicismos grecolatinos ao galego, porque no curso dos últimos anos da miña vida académica —nos qwue era obrigatorio dar as clases de ciencias da natureza de secundaria en galego (e para min, sobre todo, unha obriga moral)— encontreime con moitos despropósitos nos libros de texto por mor de calcar directamente estes termos do castelán que, entre os idiomas romances, é o que peor adapta estes vocábulos (hai que ter en conta que os ceintíficos españois deixaron de saber latín e grego desde o século XVIII, o que explica que haxa termos coa mesma etimoloxía e dúas formas, unha "antiga" (correcta) e outra "moderna· (incorrercta), como elipse / elipsis ou diastasa / diástasis. Claro que en galego aida é peor, xa que me encontrei, entre oputas perlas, cun estraño xulio (calco do castelán "de andar por casa" julio, por joule).
E, desde logo, por moita razó que cre ter, non son tan ousado para cambiarlle o título a ningún artigo (ademais de non ter a capacidade física de facer tal cousa). Confórmome, nas conversas, a dar a miña opinión e, de haber consenso, os que poden actuar, que actúen.
Canto aos exemplos que dis de acentuación dubidosa:

  • leucocito: mentres a RAG non cambie de criterio, non temos ningunha dúbida. Eu xa lle notifiquei á Academia a miña opinión sobre os termos cuxo segundo compoñente é -cito (do grego κύτος kýtos, "cavidade", aqui no sentido de "célula"). Pero aúnda non me contestaron (se cadra, hai razóns para prefirir leucocito a leucócito). Este segundo compoñente ten moito rendemento, porque ademais do glóbulo branco, temos astrócito, eritrócito, trombócito e moitos máis.
  • micoscopia/microscopía: aquí tampoco hai dúbida. O Diccionario galego de termos médicos establece, correctamente, na miña modesta opinión, microscopia, que define como «exame ou investigación por medio do microscopio», do mesmo xeito que temos endoscopia, radioscopia, etc. *Microscopía é un castelanismo.
  • triptófano/triptofano: non denbería haber díubidas. O termo componse dos elementos tripto- (do grego τρύω trýō, "fregar", "consumir", "arruinar") e -fano (do grego φαίνω phaínō, "alumear", "dar luz", "facer visíbel"), segundo compoñente que vemos en palabras como diáfano ou quirófano. E tamén, claro que si, en triptófano.
  • sinapomorfía/sinapomorfia: non teño estudado este caso, nin dos outros termos formados co segundo elemento -morfía. En castelán (e non só na wiki neste idioma) e na Galipedia úsanse as dúas formas, aínda que parece que, nesta última, prefírese sinapomorfía. Tendo en conta que o elemento -morfía (ou -morfia) se constrúe coa palabra grega μορφή morphé, "forma", e a terminación -ία -ía, -ía, parece razonábel que sexa sinapormorfía (con acento no i), como en portugués (sinapomorfia) e en italiano (sinapomrofia), seguindo o modelo de cardiopatía, miopía, serigrafía, etc. --XoioÉche o que hai 30 de maio de 2014 ás 20:24 (UTC)


Grazas polas túas aclaracións. Xa ves que mentres non haxa un ditame oficial cada un avoga polas súas preferencias. O DRAG non di nada sobre microscopía/microscopia nin nun sentido nin outro e iso pasa con outros termos, o que nos deixa desamparados cando temos que utilizar eses termos. Vémonos obrigados a elixir e ás veces podemos non acertar. Na terminación ía hai tamén a súa discusión porque hai tamén palabras como atrofia, autotrofia (DRAG), etc. que son sen acento (e ademais podería aplicarse o mesmo a microscopía que a sinapomorfía). A páxina de sinapomorfía fíxena eu, pero aínda agora non sei se atinei ou non. En canto a termos usados nos libros, eu tamén son da profesión docente e tamén teño atopado algunhas cousas, pero os peores erros non estaban, na miña opinión, nos termos grecolatinos senón en termos normais. Por exemplo "pedra de gra" (un tipo de granito) nalgúns libros utilizábase co significado de "arenito" (rocha sedimentaria). Nun caso vin un libro cunha ilustración das capas da Terra na que o Moho (descontinuidade de Mohorovicic) era traducida por "mofo" (como se traduciran do castelán o fungo moho por mofo), e iso é porque as traducións dos libros as fan tradutores de galego (xeralmente pouco expertos, mal pagados e dándolles présa) e non de ciencias.--Miguelferig (conversa) 30 de maio de 2014 ás 20:59 (UTC)


Claro que cada un ten (temos) as súas (nosas) preferencias. Pero o Diccionario galego de termos médicos, obra da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, que recibiu un bo puñado de euros como subvención por parte de Xunta de Galicia para a súa redacción (en realidade, tradución moi resumida, resumidísima, do Diccionario terminológico de ciencias médicas de Masson-Salvat), é considerado por varios galipedistas como fonte autorizada, seguramente porque está publicado pola propia Xunta (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística) con prólogos de Manuel Fraga Iribarne, Celso Currás Fernández e Constantino García e que, sobre todo, conta coa revisión lingüística do Seminario de Lexicografía da RAG. (Na miña, sempre modesta, opinión, a única fonte autorizada deberia ser a Academia pero, desgrazadamente, e por moitas causas —sobre todo económicas—, aínda non foi quen de facer un Gran dicionario da lingua que todos necesitamos).
En canto ao coidado e preocupación da Xunta de Galicia polo galego, só indicar catro casos:

  • Nos primeiros anos de funcionamento de DOG lin nun número, na sección de Anuncios, un no que se solicitaba a presentación de presupostos para a adquisición dunha serie de equipos informáticos, que estes deberían ter, entre outras características, a de que o seu sistema operativo fose o MS-DOUS.
  • Nunnha láminas subministrada pola Consellería de Educación ao profesorado de galego, cando comezaron a impartirse clases deste idioma, para familarizar aos alumnos os nomes das diferentes partes do corpo humano, sinalábanse entre outras partes, «as tetas, a cona, o carallo e os collóns».
  • Nun oficio que a Delegación Provincial de Educación me dirixiu para que eu concorrera, se quería, a un trámite de audiencia para xustificar as faltas a tres horas de clase, nas 12 liñas do seu texto contei até 14 faltas, entre as de morfoloxía, ortografía, vacilacións e lusismos.
  • Con ocasión das primeiras oposicións para o profesorado de ensino medio que convocou a Xunta, para as que fun nomeado presidente dun dos tribunias (nomeamento do que me enterei ao ler o DOG), tive que aclararlles aos opositores que superaran as probas, no acto de Elección de provincia, que no impreso que debarían relacionar as provicias por orde de preferencia, onde dicía «poderán incluír todas, agás A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (...)» debían ler «só poderán relacionar A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra». --XoioÉche o que hai 31 de maio de 2014 ás 00:48 (UTC)
Si, hai moitas anécdotas (os portugueses dirían anecdotas) desas que contar. De todos modos, as Academias da Lingua non adoitan facer dicionarios de termos técnicos ou científicos e só incorporan ao dicionario xeral os termos máis comúns e de uso xeral, polo que sempre serán necesarios dicionarios específicos. O "Diccionario" de Termos Médicos e o Vocabulario de Química non están actualizados porque son de 2002 (antes da última reforma), e tampouco está moi traballado porque ás veces na entrada de cada termo pon unha cousa e despois por dentro, nas definicións doutros termos, pode aparecer ese termo escrito diferente. Outras veces non coincide co DRAG actual. Non sei a que esperan para actualizalos e amplialos. De todos modos, son referencias de termos usados en galego científico e avalados polas autoridades lingüísticas e científicas. Dito sexa de paso, a min paréceme que o vocabulario científico en castelán é tamén un desastre, con moitos termos que se usan na literatura de varias formas ou que foron tendo varias formas ao longo do tempo, problemas á hora de traducir os termos ingleses máis recentes (iso pásalle a todas as linguas), que non teñen unha tradución asentada ou moitas veces se usan en inglés directamente (cada vez con máis frecuencia), tampouco se ve que haxa unha avaliación etimolóxica ou filolóxica antes de introducir o termo (xeralmente teñen que introducilos os propios científicos "a salto de mata" conforme o novo termo aparece e non sempre acertan, nin saben filoloxía). Non sei se manexaches a 8ª edición do Strassburger de Botánica, onde a terminoloxía é totalmente distinta da máis habitual, pero probablemente mellor filoloxicamente (citocroma, gámeta, conyugación, mitocondrio, bacterio, etc.), e despois dise Cretácico ou Cretáceo segundo a facultade na que se estude (xeoloxía, enxeñaría), e moitísimos exemplos máis. E as escollas que fan os arxentinos ou mexicanos non sempre coinciden coas que fan en España ou noutros países. O da denominación da unidade "julio" que tanto se usa en España, creo que os arxentinos non a usan e din joule. Hai significados que se usan só en España e no resto do mundo non, por exemplo holoproteína é distinto de holoprotein (é diametralmente o contrario); en cambio, holoenzima e holoenzyme coinciden.--Miguelferig (conversa) 31 de maio de 2014 ás 09:53 (UTC)

Claro que manexo o Strasburger na 8ª edición de 1994, de Omenga, con tradución de M. J. Fortes, e tamén a edición de Marín, de 1964, traducida por Oriol de Bolós. Ambos os tradutores son cataláns, e seguen a escola de Pío Font Quer que, na súa introdución ao seu famoso Diccionario de botánica (Ed. Labor), ilustra perfectamente os criterios de adaptación de cultismos. Por iso son partidario (fóra da Galipedia) de bacterio, eritrócito ou gámeta, entre outros. --XoioÉche o que hai 31 de maio de 2014 ás 18:58 (UTC)