Comunicación visual

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Elementos de comunicación visual nun letreiro en Francia, cunha serie de prohibicións e petición de respecto pola natureza
Indicativo de polígono industrial
As obras de arte son elementos de comunicación visual

A comunicación visual é a transmisión de ideas e información en formas que se poden percibir total ou parcialmente coa vista. A comunicación visual adóitase presentar ou expresar en imaxes bidimensionais ou tridimensionais, ou como sucesión de imaxes (animacións, vídeo...), e inclúe: carteis, tipografía, debuxo, deseño gráfico, ilustración, deseño industrial, publicidade, animación, cor, recursos electrónicos. Contempla tamén a idea de que un texto cando vai acompañado dunha mensaxe visual ten un maior poder para informar ou persuadir a unha persoa ou audiencia, ou serve de apoio para a comprensión e divulgación da Ciencia, como a ilustración científica ou a visualización dos datos.

A comunicación audiovisual é un tipo de transmisión de ideas e mensaxes relacionada, na que ademais dos compoñentes visuais (signos, imaxes, deseños, gráficos etc.) utilízanse conxuntamente (de forma sincrónica ou sucesiva) elementos sonoros (voz, música, ruído, efectos sonoros etc.), ou sexa, todo o que pode ser ao mesmo tempo visto e ouvido.

Concepto[editar | editar a fonte]

Aceno comunicativo intercultural
Exemplo de comunicación visual, mediante representación gráfica de datos, neste caso sobre a utilización media relativa de IPv4

A comunicación visual refírese ao conxunto de elementos gramaticais e sintácticos que operan en calquera imaxe visual. Do mesmo xeito, pódese definir como un sistema de comunicación que utiliza as imaxes como medio de expresión, é dicir, transmite mensaxes visuais.

Ademais das imaxes producidas con fins comunicativas, hai unha serie de aspectos vinculados á "comunicación non verbal corporal", relativa aos distintos signos visuais como a expresión facial, a kinésica ou expresión corporal, a proxemia ou proxémica etc.

Linguaxe visual[editar | editar a fonte]

Poderiamos entender por linguaxe visual, ao sistema de comunicación que utiliza como medio de expresión as imaxes e que poden ser de gran utilidade a quen as produce.

Tipos de linguaxe visual[editar | editar a fonte]

Segundo a finalidade que se pretenda ao transmitir a mensaxe podemos distinguir tres clases distintas de linguaxes visuais:

O apoio da comunicación non verbal corporal pode reforzar ou contradicir a mensaxe verbal, ou ser un elemento da linguaxe visual que transmite unha mensaxe por si mesma. Neste caso pretendería ser linguaxe mensaxe visual obxectiva, porén non todos os xestos nin os códigos da linguaxe visual son universais.

Aínda que o código de cores para a temperatura é bastante universal, o descoñecemento pode levar a pensar que son meros adornos, como neste caso nos baños dunha estación de bus
Infograma do Metro de Washington
Publicidade no exterior dun tranvía
Debuxo técnico asistido por ordenador. A imaxe dunha vivenda pode ter varias funcións (descritiva en canto a ser un plano, metalingüística en canto a que precisa dun código, exhortativa cando pretende ser vendida etc.

Características da comunicación visual[editar | editar a fonte]

A linguaxe visual posúe as súas propias características:

  • É de carácter universal (ou cando menos aspira a selo) pois o seu código é directo e de fácil interpretación, a súa mensaxe traspasa fronteiras de aí a súa importancia nun mundo cada vez máis globalizado.
  • Pode ser intencional se é emitido polo home. Por exemplo: as bandeiras de cores que cualifican o estado do mar nas praias.
  • Pode ser casual se está fóra do receptor humano. Por exemplo: a imaxe no horizonte dun tornado achegándose

Elementos[editar | editar a fonte]

Cando falamos de comunicación visual non podemos limitarnos a un só tema, xa que o concepto de comunicación visual pode tratarse desde varias perspectivas. Neste proceso interveñen os seguintes conceptos clave:

  • Emisor: Quen emite a mensaxe.
  • Receptor: Quen recibe a mensaxe.
  • Mensaxe: O que se transmite.
  • Código: Conxunto de normas e procedementos que relacionan significantes[1] con significados.[2]
  • Canle: Soporte a través do cal se transmite a mensaxe (xornais, tv, cine e máis etc.).

Funcións da comunicación visual[editar | editar a fonte]

  • Función expresiva ou emotiva: Teñen como obxectivo transmitir emocións. Trátase de imaxes utilizadas con finalidade sentimental.
  • Función cognitiva, apelativa ou exhortativa: É aquela relacionada coa persuasión, cuxo obxectivo é convencer. As mensaxes publicitarias son os usuarios por excelencia desta función.
  • Función referencial ou informativa: Son imaxes cuxo obxectivo é informar. A súa función é ilustrar un texto ou unha noticia. O seu uso é acusado en libros de texto ou prensa, así como tamén en sinais de tráfico.
  • Función poética ou estética: Consiste naquela imaxe que busca a beleza con sentido artístico, estético. Son imaxes que valen en si mesmas.
  • Función fática: Trátase daquela que ten como obxectivo chamar a atención. É moi frecuente no uso de contrastes, nos tamaños e do mesmo xeito que a cognitiva é moi utilizada nas mensaxes publicitarias.
  • Función metalingüística: É aquela función que se refire ao código, hase de coñecer o código para outorgarlle un significado.
  • Función descritiva: Ofrece información detallada e obxectiva sobre aquilo que representa (debuxos científicos, mapas).

Outros elementos[editar | editar a fonte]

Os debuxos das patentes cumpren unha función basicamente descritiva
Deseño da imaxe corporativa da Lufthansa, na Hochschule für Gestaltung de Ulm

O resto dos elementos que inflúen neste proceso comunicativo son o campo comunicativo, a marca, o signo e o símbolo.

Os movementos que facemos co noso corpo e cos sentidos producen unha expresión consciente e inconsciente, capaces de descifrar a mensaxe que queremos dar, cada movemento leva a unha imaxe que sinala á persoa coa que queremos comunicarnos, indiferenza, rabia, felicidade, angustia, tristeza etc. sen necesidade de expresalo en palabras. Algúns movementos clave son a posición das mans, as pernas, os ollos e as cellas, a boca e especialmente a posición do noso corpo.

O campo[editar | editar a fonte]

O campo da comunicación visual é aquel que abarca este tipo de comunicación, poderemos agrupalo en varias seccións temáticas:

Os campos poden, e de feito están, entrelazados. En internet atopamos exemplos de comunicación audiovisual con elementos de deseño urbanístico e moda, ou danza e deseño publicitario etc.

A marca[editar | editar a fonte]

A marca é un trazo distintivo que forma parte dunha mensaxe visual de afirmación, de aviso ou de diferenciación. Exemplos de marcas son a pegadas, tatuaxes, piercings e outros adornos corporais ou de vestir, uniformes deportivos ou doutro tipo, sinaturas, selos, marcas comerciais etc, son signos de identidade.

O signo[editar | editar a fonte]

Pictogramas nun teclado

Os signos son as imaxes que transmiten unha indicación, unha orde ou unha prohibición. A forma destes signos de imaxe ou pictogramas debe ser sinxela e clara, porque o seu propósito é transmitir información o máis rápido posible. Exemplos:

  • Os xestos do noso rostro (tristeza, felicidade, desengano...).
  • Unha man levantada en xesto ameazante.
  • Un dedo nos beizos para indicar silencio.
  • A linguaxe dos xordos.
  • Os pictogramas indicativos: aeroporto, transporte público, sinais.
  • Os signos-letras de cada escritura.

A semioloxía ou semiótica é o estudo do signo, tamén coma neste caso do signo visual. Inclúe o estudo de como se constrúe e comprende o significado.

O símbolo[editar | editar a fonte]

Por último, o símbolo, que designa a imaxe que representa unha idea, un recordo ou un sentimento. Cada cultura utiliza imaxes diversas ás que outorga valor de símbolo, e define estes valores segundo as súas crenzas, gustos e costumes. Exemplos:

  • O crucifixo cristián, a media lúa musulmá, e a estrela de David xudía como símbolo relixioso; Unha cruz vermella como símbolo de ambulancia, axuda médica, nos países árabes é unha media e en Israel a estrela de David.
  • O significado das cores: negro=loito, amarelo=ánimo... Non son unívocos, hai países onde o branco é a cor do loito, ou profesións que asocian o amarelo á mala sorte (polo contratempo de Molière)
  • As bandeiras de cada país que os identifica como comunidades. Algunhas son coincidentes, como a de Mónaco e Indonesia, Andorra e Moldavia, ou unha bandeira galega do século XIX con dúas bandas (a aspa de cruz de San Andrés) que era igual á da mariña de Rusia. Normalmente as cores levan un significado particular asignado a cada cor, que poden variar (p. ex. o azul pode significar ceo, ou mar, ou xustiza etc.).
  • Pomba- paz (a raíz da pomba co ramiño de oliveira, que anunciou a terra firme a Noé, e a reinterpretacións posteriores como as de Picasso).
  • Monumentos-símbolos: os monumentos de batallas como arcos de triunfo, obeliscos, homenaxe a doantes de sangue, monumentos conmemorativos a vítimas... etc.

Metodoloxía de traballo[editar | editar a fonte]

Existen diversas ocasións nas que o contido visual ten unha semántica específica para unha poboación obxectivo, polo que é necesario realizar un estudo para poder determinar os significados presentes nesa cultura ou grupo poboacional, e transmitir de maneira adecuada a mensaxe desexada.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O termo significante utilízase en lingüística estrutural e na semiótica para denominar aquel compoñente material ou case material do signo lingüístico e que ten a función de apuntar cara ao significado.
  2. O significado é o concepto ou idea que se asocia ao signo en todo tipo de comunicación, como é o contido mental. Este depende de cada persoa, xa que cada unha asígnalle un valor mental ao significado, pero por convención este significado debe ser igual para realizar unha comunicación óptima.
  3. Minervi. A. (2005). Revista Latina de comunicación social. La infografía como recurso didáctico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Vilches, L. (1984): La lectura de la imagen. Prensa, cine televisión, Barcelona, Paidós.
  • Villafañe, Justo. (1985): Introducción a la teoría de la imagen. Madrid, Pirámide, 1992.
  • Llovet, Jordi. (1981): Ideoloxía e metodoloxía do deseño. Barcelona, Gustavo Gili.
  • Sanz, Juan Carlos. (1996): O libro da imaxe. Madrid, Alianza. ISBN 9788420608044
  • Müller-Brockmann. (1988): Historia da comunicación visual. Barcelona, Gustavo Gili.

Outros artigos[editar | editar a fonte]