Hochschule für Gestaltung

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Edificio da HfG de Ulm deseñado por Max Bill e terminado en 1955.
Foto da escola en 1955
Maqueta para o estudo da forma continua do taller de Tomás Maldonado.

A Hochschule für Gestaltung (polas siglas en alemán HfG, coñecida en inglés como School of Ulm) foi unha escola universitaria de deseño con sede en Ulm, Alemaña (Escola de Ulm, Escola de Proxectos de Ulm, Escola de Proxectación ou Escola de Deseño de Ulm).

Foi fundada en 1953, entre outros, por Inge Aicher-Scholl, Otl Aicher e Max Bill, este último, primeiro reitor da escola. A HfG gañou rapidamente o recoñecemento internacional. Durante o seu funcionamento foron investigados e postos en práctica novos enfoques no deseño, dentro dos departamentos de Comunicación Visual, Deseño Industrial, Construción, Informática, e, máis tarde, de Cinematografía.

O edificio HfG foi deseñado por Max Bill e segue sendo un edificio importante e funcional no campus da Universidade de Ulm. HfG foi unha das institucións de ensino de deseño e deseño ambiental máis progresistas dos anos 50 e 60, pioneira nos estudos e no perfil profesional do deseñador actual.

A historia da HfG formouse por medio da innovación e o cambio, en consonancia coa propia imaxe de si mesma de escola como unha institución experimental. Isto deu lugar a innumerables modificacións no contido, a organización das clases, e aos continuos conflitos internos que influíron na decisión final do peche da HfG en 1968.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Contexto histórico político e primeiros anos[editar | editar a fonte]

Os anos de posguerra, entre 1945 e 1952 en Alemaña Occidental estiveron caracterizados por fortes plans de reestruturación e financiamiento, como o Plan Marshall.

Póster da HfG deseñado por Margarete Kögler na clase de Otl Aicher.

As orixes da HfG remóntanse a unha iniciativa por parte da "Fundación Irmáns Scholl". A fundación foi creada en 1950 por Inge e Grete Scholl en memoria dos seus irmáns Sophie e Hans Scholl, membros do grupo de resistencia "Rosa Branca", executados en 1943 polo réxime nazi.

En 1946, Inge Scholl, xunto con Otl Aicher e un grupo de mozos intelectuais, expón crear unha institución de ensino e investigación que vinculase a actividade creativa coa vida cotiá e que tivese como obxectivo colaborar na reconstrución cultural dunha sociedade moralmente destruída polo nazismo e a segunda guerra mundial. O proxecto financiouse cun millón de marcos achegados por John McCloy, que Scholl conseguira para a fundación a través dos contactos que posuía con Max Bill, Walter Gropius e os Estados Unidos; ademais recibiu o apoio financeiro por parte do Goberno Federal, local, de contribucións privadas e das industrias.[2]

Reloxo deseñado por Max Bill durante o seu paso pola HfG.

O 1 de abril de 1953 comezou a funcionar a nova institución universitaria con Max Bill, exalumno da Bauhaus, como reitor. O 3 de agosto dese mesmo ano comezou a funcionar no edificio da escola secundaria pública de Ulm cun corpo docente integrado por Hans Gugelot, Otl Aicher, Tomás Maldonado, Friedrich Vordemberge-Gildewart e Walter Zeischegg.[2] Entre os profesores atopábanse Walter Peterhans, Johannes Itten, e Helene Nonné-Schmidt.

O ensino estaba baseado nun plan de estudos de catro anos. O primeiro estaba dedicado ao curso básico e logo elixíase unha especialidade entre Deseño de produto, Comunicación visual, Construción, Información (que durou até 1962) e Cinematografía, que até 1961 pertenceu ao departamento de Comunicación visual e desde 1962 independizouse.

En 1953 comezou a construírse o edificio, deseñado por Max Bill, cuxa inauguración se produciu o 2 de outubro de 1955. O edificio da HfG foi un dos primeiros en Alemaña, construídos en formigón con estrutura reforzada, con talleres espazosos, dormitorios para estudantes e unha cafetaría. Os interiores e o mobiliario podíanse adaptar aos distintos usos da universidade. Hoxe, as instalacións seguen sendo parte da facultade de Medicina da Universidade de Ulm.

Conflitos internos[editar | editar a fonte]

Banqueta deseñada por Max Bill. Este versátil mobiliario de deseño funcional foi usado para múltiples propósitos nos talleres da HfG de Ulm.

En 1955 Max Bill dimitiu como reitor debido a cambios no seu corpo de desenvolvemento académico e diverxencias na concepción didáctica da escola. Finalmente en 1957 abandonou a escola e Tomás Maldonado ocupou o seu lugar. Max Bill favoreceu unha ensinanza baseada na continuación do modelo da Bauhaus, baseado á súa vez no modelo de Arts and Crafts, no que o artista-deseñador tomaba un papel importante no desenvolvemento do produto como dador de forma (literamente en alemán Gestaltung, de Gestalt). Outros profesores, especialmente os dos cursos teóricos, trataron de enfatizar a tecnoloxía dos materiais, a teoría e os métodos de produción.

Entre estes atopábase Tomás Maldonado, quen consideraba o deseño como un proceso que se pode sistematizar de maneira científica e non intuitiva. Consideraba que o deseño non é unha arte e o deseñador non é necesariamente un artista. As consideracións estéticas xa non eran a base conceptual do deseño. O profesional deseñador sería entón un "Coordinador", coa responsabilidade de coordinar cun gran número de especialistas, os requirimentos máis variados de fabricación e do uso de produtos.[3] Baixo a condución de Maldonado, a escola abandonou as directrices de Max Bill e propuxo unha nova filosofía da educación a partir dos fundamentos dun "operacionalismo científico".

Deseño da identidade corporativa para Lufthansa.
Tren elevado en Hamburgo

A marcha de Max Bill anunciou unha nova fase: a creación de "grupos de desenvolvemento" que foron creados especificamente para crear vínculos coa industria. Moitos dos deseños resultantes entraron en produción de inmediato, entre os máis exitosos estaban os equipos de audio para a compañía Braun, a identidade corporativa da compañía aérea Lufthansa e os trens elevados para o ferrocarril de Hamburgo. Estas comisións industriais trouxeron unha gran experiencia docente e influíron decisivamente na escola e na súa reputación.

No outono de 1958 celebrouse unha gran exposición na HfG. Cinco anos despois da súa inauguración, a HfG presentouse ao público en xeral, por primeira vez, mostrando tanto as creacións realizadas nos talleres como o labor dos profesores. Ese mesmo ano tamén se publicou o primeiro número da revista "ulm" da HfG, publicada en alemán e inglés, até o peche da escola.

O ensino académico seguiu evolucionando durante a década de 1960. Docentes como o matemático Horst Rittel, o sociólogo Hanno Kesting, e o deseñador industrial Bruce Archer manifestáronse a favor dunha metodoloxía baseada estritamente nas operacións matemáticas e estudos analíticos, por exemplo, sobre a ergonomía ou a análise de negocio. Este cambio de dirección produciu conflitos internos. Otl Aicher, Hans Gugelot, Walter Zeischegg, e Tomás Maldonado resistíronse a este desenvolvemento e alegaron en cambio que o deseño tiña que ser algo máis que un «método de análise».

Xerra que formou parte dunha vaixela apilábel para hoteis deseñada por Hans Nick Roericht para o seu traballo de tese durante 1958 e 1959.

A consecuencia deste debate foi unha grande exposición itinerante, mostrada inicialmente en Ulm e Stuttgart en 1963, e máis tarde na Neue Sammlung de Múnic e no Stedelijk Museum de Ámsterdam. A mostra tiña o obxectivo de presentar os resultados do traballo creativo realizado nas clases da HfG. Ademais das consecuencias fundamentais do debate, introducíronse cambios na constitución e a reintroducción dun só reitor en substitución da xunta de gobernantes que dirixía a HfG desde a saída de Max Bill.

Peche da HfG[editar | editar a fonte]

As disputas internas sobre a dirección dos currículos levaron a unha operación de prensa en 1963 para atacar a HfG. O parlamento de Baden-Wurtemberg debateu varias veces se a escola merecía as subvencións. Os problemas eran cada vez máis frecuentes. Tras a afiliación do HfG á escola de enxeñaría, precursora da universidade, abolíronse as subvencións federais e a situación financeira volveuse insostíbel.

Ao cesar as subvencións, a fundación Irmáns Scholl comezou a endebedarse. Durante 1968 algúns profesores foron despedidos debido á difícil situación financeira e o número de clases viuse reducido. En novembro, o parlamento rexional votou a favor de retirar todo o financiamento, en consecuencia, a escola foi pechada no medio de protestas a finais dese mesmo ano.

Plan de estudos[editar | editar a fonte]

Vehículo deseñado por Klaus Krippendorff para o proxecto final de graduación en Deseño de Produto.

O currículo durou 4 anos. O primeiro dos anos dedicouse ao curso básico ( Vorkurs ) destinado a compensar o déficit de educación primaria e secundaria en termos de actividades de proxecto e creatividade.

Os 2 anos seguintes destinábanse á especialización electiva: Deseño industrial (Produktform e máis tarde Produktgestaltung), Industrialización construtiva (chamada Architektur ao principio), Comunicación visual e Información, e máis tarde agregouse Cinematografía.

O último ano estaba destinado á tese de grao. O plan estaba suxeito ás investigacións que se facían en canto ás novas aproximacións ao deseño e que logo eran postas en práctica en cada departamento das especialidades. O plan contiña materias de carácter científico: Análise matemática, análise vectorial, análise de matrices, programación lineal, topología, cibernética, teoría dos algoritmos, antropoloxía, psicoloxía experimental, etc.[2]

Curso básico[editar | editar a fonte]

Estudantes de todas as especialidades compartiron o mesmo curso básico, que durou un ano. Este curso era obrigatorio antes de pasar a unha das catro especialidades que ofrece a institución. Durante a súa existencia, o curso básico experimentou unha evolución non só no seu enfoque pedagóxico, senón tamén na súa contribución aos obxectivos sociais da escola. As ensinanzas pasaron por procesos máis intuitivos nos seus inicios até momentos nos que o enfoque dominante estaba rexido estritamente pola metodoloxía. [4] Os contidos do curso foron os seguintes:

  • Metodoloxía visual: consistía en experimentos en dous e tres dimensións sobre a base das percepcións e ensinos da simetría e a topología.
  • Obradoiros: de madeira, metal, plástico, fotografía, etc.
  • Presentación: debuxo construtivo, escritura, linguaxe, debuxo a man alzada, etc.
  • Metodoloxía: introdución á lóxica, as matemáticas, combinatorias e topología.

Departamento de Deseño de Produto[editar | editar a fonte]

Proxecto Scooter-Furgoneta do segundo ano de Deseño de Produto.
Deseño de carrozaría "autonova-fam" Michael Conrad, Pio Manzù (ambos os egresados da escola HfG de Ulm) e Fritz Busch (crítico de automóbiles).

O departamento de Deseño de Produto foi o que obtivo maiores logros e o que cambiou radicalmente a visión do deseño industrial . O desenvolvemento de novos métodos de produción durante a segunda posguerra fixo que o problema do deseñador deixase de centrarse no punto de vista artístico da profesión. Polo tanto, o ensino puxo máis énfase nas disciplinas científicas e tecnolóxicas, máis acordes co tempo, para operar nos procesos de produción industrial que determinan a calidade final do produto.

  • Instrución na fabricación: deseño de produtos, organización operativa, procedementos de procesos, cálculos.
  • Tecnoloxías: metais férreos, non férreos, madeira, plásticos e tecnoloxías de conformación.
  • Técnicas construtivas.
  • Análise matemática de operacións: teoría de grupos, estatística, normalización.
  • Teorías científicas.
  • Ergonomía: sistemas home-máquina.
  • Mecánica: cinemática, dinámica, estática.
  • Dereitos de autor e varios.

Departamento de Comunicación Visual[editar | editar a fonte]

Ao comezo o departamento denominouse Deseño Visual, pero rapidamente quedou claro que o seu obxectivo era resolver problemas de deseño na área de comunicación de masas, polo que no ano académico 1956/56 o nome cambiou polo de Departamento de Comunicación Visual.

Exercicio de Comunicación visual

No programa estaban o desenvolvemento e aplicación de informes visuais, sistemas de noticias e a súa transmisión. Dedicouse ao campo da planificación e análise dos medios modernos de comunicación, cunha clara distinción das artes ilustrativas. Este departamento traballou estreitamente co Departamento de Información. Aínda que o HfG distanciouse dunha posible afiliación á publicidade, os publicistas foron adestrados para traballar nos medios de comunicación de masas, impresos, radio, televisión e cine.

A HfG traballou primordialmente na área da comunicación non persuasiva, en campos como os sistemas de signos de tráfico, planos para aparellos técnicos, ou a tradución visual dun contido científico.

Didáctica da escola[editar | editar a fonte]

Deseño de animais modulares, 1958

Nos primeiros anos de funcionamento, e coa dirección de Max Bill, a didáctica da escola estaba orientada segundo os principios da Bauhaus, onde o deseñador tiña un perfil máis artista que científico. A partir das discrepancias con outros profesores e os postulados de Tomás Maldonado, a escola desviou a súa ideoloxía cara a un terreo máis metodolóxico e estruturado. Isto trouxo consigo unha precisión do programa lectivo e do Curso Básico e con iso unha introdución consolidada das disciplinas teóricas. A nova concepción deu paso ao así chamado "modelo de ulm", que influíu mundialmente a formación en deseño até a actualidade.

Segundo Gui Bonsiepe, "o proceso de pasar dunha concepción precientífica a unha concepción científica do deseño non foi nada doado, ás veces incluso traumático, tanto para profesores como para estudantes. Lembre que a maioría dos profesores de deseño tiñan unha formación artística. O seu mérito era ter iniciado unha aproximación entre o deseño e a ciencia ". [5] Os profesores que chegaban máis tarde fomentaron a oposición entre ciencia e deseño, mesmo subordinándoa a este último. Mentres tanto, alimentáronse os diferentes conflitos internos que tiveron lugar na escola, que por outra banda foron os que segundo Gui Bonsiepe "puxeron sobre a mesa este problema que axudou a desmitificar o proceso do proxecto e a súa enigmática creatividade".

Colaboración coa Braun[editar | editar a fonte]

Tocadiscos Braun SK4 deseñado por Hans Gugelot en colaboración con Dieter Rams.

A mediados dos anos 50, HfG e Braun comezaron unha fase de colaboración. Braun necesitaba destacarse da competición polo que recorreu a Otl Aicher, Hans Gugelot e os seus estudantes para traballar en novos deseños para fabricar pola empresa. Con esta colaboración desenvolveuse o estilo Braun que, segundo Tomás Maldonado, "difería do estilo Olivetti, porque buscaba a unidade na variedade, mentres que o estilo Braun buscaba a unidade no produto e a súa coherencia con outros produtos. E precisamente por este motivo, o estilo Braun constitúe un formidable banco de probas para a concepción da Boa Forma (<i>Gute Form</i>), como alternativa ao Styling. " [6]

Legado[editar | editar a fonte]

Até a fundación da HfG de Ulm, non había ningunha sistematización do deseño. A escola foi pioneira na integración da ciencia e o deseño, e dunha pedagoxía científica do deseño: a reflexión sobre os problemas, os métodos de análises e de sínteses, a elección e fundamentación de alternativas proyectuales, o acento nas disciplinas científicas e técnicas e unha estreita relación coa industria. Moitos dos criterios desenvolvidos en Ulm son aínda válidos, sobre todo na área de deseño tecnolóxico. Outros foron pouco prácticos e foron superados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Introducción a la historia de la HfG de Ulm Copia arquivada en Wayback Machine, consultado o 2 de decembro de 2007.
  2. 2,0 2,1 2,2 Gay, Aquiles y Samar, Lidia (2004), El diseño industrial en la historia, Córdoba: Ediciones TEC. ISBN 987-21597-0-X. páxina 137.
  3. Maldonado, Tomás. "Nuevos desarrollos en la industria en la formación del diseñador de produtos", en: "ulm", 2, outubro de 1958, p. 31
  4. Fernández Campos, Ángel Luis; Benito Roldán, Emilia; Sánchez Moya, María Dolores. "De la intuición a la metodología. Propedéutica del proyectar en el curso básico de la HfG Ulm" (4): 110–117. doi:10.24192/2386-7027(2015)(v4)(07). 
  5. Bonsiepe, Gui (1985). El diseño en la periferia. México, Ediciones Gustavo Gili. páxina 122.
  6. Maldonado, Tomás. El diseño industrial reconsiderado. Barcelona, Ediciones Gustavo Gili. 1977, páxina 77.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gui Bonsiepe, Bernhard Bürdek, Silvia Fernández: Ulmer Modelle, Modelle nach Ulm. Stuttgart 2003. Broschiert, 208 Seiten, ISBN 3-7757-9142-6.
  • Gerhard Curdes: Die Abteilung Bauen an der hfg (Hochschule für Gestaltung) Ulm. Eine Reflexión zur Entwicklung, Lehre und Programmatik, Schriftenreihe club off ulm e.V. Ulm 2000. 60 S.(Bezug: [1])
  • Herbert Lindinger: Hochschule für Gestaltung Ulm. Berlín 1987. 228 Seiten, ISBN 3-433-02272-0.
  • Martin Krampen, Günter Hörmann: Die Hochschule für Gestaltung Ulm - Anfänge eines Projektes der unnachgiebigen Moderne. Berlín 2003. 300 Seiten, ISBN 3-433-01647-X.
  • Marcela Quijano: HfG Ulm, Programm wird Bau. Stuttgart 2002. ISBN 3-7995-8018-2.
  • René Spitz: hfg ulm. der blick hinter dean vordergrund. die politische geschichte der hochschule für gestaltung (1953-1968). Stuttgart/London 2002. 464 Seiten, ISBN 3-932565-16-9.
  • Markus Stegmann und René Zey: Dás Designlexikon, Directmedia Publishing, Berlín 2004
  • Gerhard Curdes (Hrsg.): HFG Ulm : 21 Rückblicke. Bauen - Gemeinschaft - Doktrinen. Schriftenreihe club off ulm e.v., Ulm 2006. 145 S. (Bezug: )
  • Dagmar Rinker (2003): Ensaio "O deseño de produtos non é arte" en Modelos de ulm - modelos post-ulm hochschule für gestaltung ulm 1953-1968.
  • David Oswald, Christiane Wachsmann, Petra Kellner (Hg.): Rückblicke. Die Abteilung Information an der hfg ulm, 2015. ISBN 978-3-93948-695-4.
  • Eugenio Veiga. De Weimar a Ulm. Mito e realidade da Bauhaus. 1919-1972. Experimenta. Madrid, 2019. ISBN 978-84-18049-09-5

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]