Castros de Punta Neixón

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°39′50″N 8°50′33″O / 42.66389, -8.84250

Castros de Punta Neixón
Castro de Neixón, Cespón, Boiro 01-07.jpg
Parroquia Cespón
Concello Boiro
Provincia A Coruña
Comunidade autónoma Galicia
Cronoloxía
Datas de ocupación séc. V a.C.- século V d.C.
Data da descuberta Descoñecida
Períodos de escavación década de 1920
década de 1970
2004-2007
Estado actual En escavación. Visita. Inclúe o Centro de interpretación
Extensión estimada ? ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

Os coñecidos como Castros de Punta Neixón son dous poboados contiguos (Castro Pequeno e Castro Grande) cuxo período de ocupación abrangue desde finais da Idade de Bronce ata época tardorromana. Atópanse na parroquia de Cespón, no concello de Boiro, nun promontorio que sobresae á ría: Punta Neixón.

Descrición[editar | editar a fonte]

O chamado Castro Pequeno está situado no extremo da punta e ten as testemuñas de ocupación máis antigas, mentres que o Castro Grande foi fundado por volta do século V a.C., posiblemente cando o Castro Pequeno estaba xa abandonado ou en proceso de abandono. Polo de agora, o Castro Pequeno é o que fornece restos arquitectónicos máis importantes, representados por varias casas de pedra de planta circular. O Castro Grande, en troques, posúe unhas monumentais defensas, entre as que destaca un foxo de máis de tres metros de profundidade localizado nas últimas campañas de escavación e un parapeto de terra que separa os castros do resto do promontorio marítimo.

Os materiais arqueolóxicos localizados nestes recintos son de grande interese, especialmente polo que se refire aos produtos de importación, que demostran a relevancia dos castros como un lugar de intercambio entre navegantes mediterráneos e poboacións locais. Entre as pezas máis importantes destaca un aryballos (recipiente de vidro) púnico, do século V-IV a.C. descuberto polo arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo (USC) nos anos 70 do pasado século. Nas escavacións máis recentes, dirixidas por Xurxo Ayán Vila (CSIC-IEGPS), tense localizado un novo fragmento de aryballos, alén de numerosas cerámicas púnicas (entre as que se poden salientar ánforas Mañá-Pascual A4, Mañá C2b e diversos modelos de xerriñas), cerámica itálica (campaniense), romana e tardorromana (terra sigillata hispánica e focense). O castro continuou tendo un lugar importante nas redes comerciais ata o século V a.C., cando a súa función habitacional xa desaparecera.

No foxo escavado durante as últimas campañas localizouse un vertedoiro con abundante cerámica púnica, castrexa, unha peza de óso decorada, un ungüentario castrexo e unha fíbula de longo travesaño. A cerámica castrexa está moi ben conservada e ofrece un conxunto único da Fase II da Cultura castrexa das Rías Baixas (s. IV-II a.C.), formado por xerras e olas tipo Toralla e tipo Cíes e pezas singulares tipo Recarea, entre outros.

Os Castros do Neixón foron escavados por Florentino López Cuevillas (na década de 1920), Fernando Acuña Castroviejo (na década de 1970) e Xurxo Ayán Vila (desde 2003 ata 2008).

Na entrada ao lugar instalouse o Centro Arqueolóxico do Barbanza.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Ayán Vila, Xurxo M. (coord.) (2005). Os Castros de Neixón. Serie Keltia. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 84-96259-71-4. 
  • Ayán Vila, Xurxo M. (coord.) (2008). Os Castros de Neixón II. Noia: Editorial Toxosoutos. ISBN 978-8496673-64-9. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]