Carrie Brownstein

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Carrie Brownstein
Fred Armisen, Carrie Brownstein, and Horace Newcomb, May 2012 (2) (cropped).jpg
Nome completoCarrie Rachel Brownstein
Nacemento27 de setembro de 1974 (46 anos)
OrixeSeattle, Washington Flag of the United States.svg
Ocupaciónmúsico, actriz, escritora
Instrumento(s)guitarra, voces
Relacionado conExcuse 17, Sleater-Kinney, Wild Flag, The Spells
Tempo en activo1993 - presente
editar datos en Wikidata ]

Carrie Rachel Brownstein, nada o 27 de setembro de 1974 en Seattle, Washington, é unha músico, actriz, escritora, directora e cómica estadounidense. Deuse a coñecer primeiro como membro da banda Excuse 17 antes de formar o trío de rock Sleater-Kinney. Durante un longo hiato de Sleater-Kinney formou o grupo Wild Flag. Nese período Brownstein escribiu e apareceu nunha serie de sketchs cómicos xunto con Fred Armisen que desenvolveron na serie de televisión satírica Portlandia. A serie gañaría varios premios Emmy e Peabody. Sleater-Kinney finalmente volveu a xuntarse en 2014 e en 2015 Brownstein estivo de xira coa banda e promocionando o seu libro de memorias Hunger Makes Me A Modern Girl.[1]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Brownstein naceu en Seattle, Washington, e medrou en Redmond, Washington.[2] A súa nai era ama de casa e mestra e o seu pai era un avogado corporativo. Os pais divorciáronse cando Carrie tiña 14 anos e foi criada polo pai.[3] Brownstein ten unha irmá máis nova. A súa familia é xudía.[4]

Carrie asistiu ao Lake Washington High School antes de ir ao The Overlake School no seu último ano.[5]

Brownstein comezou a tocar a guitarra con 15 anos e recibiu leccións de Jeremy Enigk (membro de Sunny Day Real Estate e The Fire Theft). Posteriormente dixo: "El vivía na veciñanza do lado, polo que podía ir camiñando coa miña guitarra á súa casa. El ensinoume un par de acordes abertos e eu sinxelamente tomeinos de aí. Pasara por tantas fases de nena cos meus intereses que os meus pais puxéronse firmes coa guitarra. Así que acabou por ser a primeira cousa pola que tiven que aforrar cartos, e tal vez esa foi a razón pola que realmente me quedei con ela".[6]

Despois do instituto Brownstein foi á Western Washington University antes de estudar en The Evergreen State College. En 1997 Brownstein graduouse pola Evergreen cun énfase en sociolingüística.[7] Despois estivo tres anos en Olympia, Washington antes de mudarse a Portland, Oregón.[8]

Carreira musical[editar | editar a fonte]

Excuse 17[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Excuse 17.

Mentres estudaba en Evergreen Brownstein coñeceu ás estudantes Corin Tucker, Kathleen Hanna, Tobi Vail e Becca Albee. Con Albee e CJ Phillips formou a banda Excuse 17, unha das pioneiras do movemento riot grrrl na escena musical de Olympia que xogou un importante papel na terceira onda do feminismo.[9] Excuse 17 xirou acotío coa banda de Tucker Heavens to Betsy. Os dous grupos contribuíron ao recompilatorio Free to Fight. Con Tucker formou Sleater-Kinney como un proxecto paralelo e posteriormente publicaron o sinxelo compartido "Free to Fight" con Cypher in the Snow.

Carrie Brownstein con Sleater-Kinney en 2006

Sleater-Kinney[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Sleater-Kinney.

Tras a separación tanto de Excuse 17 como de Heavens to Betsy, Sleater-Kinney converteuse no principal proxecto de Brownstein e Tucker. A banda gravou o seu primeiro álbum, Sleater-Kinney, a principios de 1994 durante unha viaxe a Australia, onde se atopaban celebrando a graduación de Tucker en Evergreen (a Brownstein aínda lle quedaban tres anos de universidade).[10] O disco foi lanzado na seguinte primavera. Elas gravaron e xiraron con distintos baterías, ata que Janet Weiss uníuse á banda en 1996. Tras a súa estrea editaron seis álbums de estudio máis antes de entrar nun hiato indefinido en 2006. Nunha entrevista en 2012 na revista DIY Brownstein dixo que Sleater-Kinney aínda planeaba tocar no futuro.[11] O 20 de outubro de 2014 Brownstein anunciou a través de Twitter que Sleater-Kinney publicaría un novo álbum, No Cities to Love, o 20 de xaneiro de 2015, e que a banda sairía de xira a principios dese ano. Ao mesmo tempo do anuncio o grupo publicou o vídeo para o primeiro sinxelo do traballo. O sinxelo, "Bury Our Friends", tamén estivo dispoñible como descarga en MP3 gratuíta.[12]

Os críticos Greil Marcus e Robert Christgau consideraron á banda como un dos grupos de rock esenciais de principios dos 2000.[13][14] En 2015 o editor xefe de Stereogum, Tom Breihan, chamounas a mellor banda das últimas dúas décadas.[15]

Outros traballos[editar | editar a fonte]

Brownstein e a antiga guitarrista e vocalista de Helium, Mary Timony, gravaron como The Spells, publicando The Age of Backwards E.P. en 1999.

No verán de 2009 Brownstein e Weiss traballaron xuntas en cancións (producidas por Tucker Martine) para a banda sonora do documental !Women Art Revolution de Lynn Hershman Leeson.[16]

En setembro de 2010 Brownstein revelou que o seu último proxecto era a banda Wild Flag, con Janet Weiss, Mary Timony e Rebecca Cole, anteriormente en The Minders. Segundo Brownstein, un ano antes "comecei a necesitar música outra vez, polo que chamei ás miñas amigas e formamos unha banda. A química non pode fabricarse ou forzarse, polo que Wild Flag non era nada seguro, era un 'quizais', unha 'posibilidade'. Pero despois dun feixe de ensaios, repartidos durante varios meses, creo que todas nos decatamos de que poderíamos ser maiores que a suma das nosas partes".[17] A banda publicou o álbum Wild Flag en setembro de 2011.[18]

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

En 2006 Brownstein foi a única muller en conseguir un posto na lista dos lectores da revista Rolling Stone dos 25 guitarristas máis infravalorados de todos os tempos.[19]

Carreira como escritora[editar | editar a fonte]

Brownstein comezou a súa carreira de escritora antes da separación de Sleater-Kinney. Entrevistou a Eddie Vedder, Mary Lynn Rajskub, Karen O e Cheryl Hines para a revista The Believer.[20] Brownstein tamén escribiu un par de recensións de videoxogos relacionadas coa música para Slate.[21][22]

Dende novembro de 2007 ata maio de 2010 Brownstein escribiu un blog para NPR Music chamado "Monitor Mix";[23] en outubro regresaría para escribir o seu derradeiro mensaxe dando as grazas aos seus lectores e declarando o blog "oficialmente rematado".[24]

En marzo de 2009 Brownstein foi contratada para escribir un libro para "describir a dinámica dramaticamente cambiante entre o seareiro e o intérprete musical, dende o nacemento do iPod e a morte da tenda de discos ata a aparición da cultura 'ti es a estrela' de American Idol e a conseguinte dilución da mística do rock". O libro, chamado The Sound of Where You Are, foi publicado por Ecco/HarperCollins en marzo de 2011.

As memorias de Brownstein, Hunger Makes Me A Modern Girl, foron publicadas o 27 de outubro de 2015.[25] O libro foi editado por Riverhead Books, parte de Penguin Books USA.

Carrie Brownstein e Fred Armisen en 2012

Carreira como actriz[editar | editar a fonte]

Brownstein actuou na curtamentraxe Fan Mail, a longametraxe experimental Group, e na película de Miranda July Getting Stronger Every Day. Brownstein e Fred Armisen publicaron varias escenas de vídeo como parte dun dúo cómico chamado "ThunderAnt".[26] Tamén actuou xunto a James Mercer de The Shins na película independente de 2010 Some Days Are Better Than Others.[27] O filme estreouse no SXSW o 13 de marzo de 2010.[28]

Tras os seus videos de ThunderAnt, Brownstein e Armisen desenvolveron Portlandia, un programa cómico de sketchs que tiña lugar en Portland, para a canle Independent Film Channel.[17][24][29] Os dous protagonizan a serie e escriben para ela xunto con Allison Silverman de The Colbert Report e Jonathan Krisel, un guionista de Saturday Night Live.[30] O programa, no que aparecen algúns dos personaxes de ThunderAnt, estreouse en xaneiro de 2011.[31] A serie foi ben acollida e renovouse ata a súa oitava tempada.[32][33]

En setembro de 2014, Brownstein interpretou o papel de Syd na serie orixinal de Amazon Studios Transparent.[34][35]

En 2015 Brownstein interpretou a Genevieve Cantrell na película de Todd Haynes Carol, baseada na novela de Patricia Highsmith The Price of Salt.[36] Porén, a meirande parte das súas escenas cortáronse debido á duración do filme.[37] A película estreouse no Festival Internacional de Cine de Cannes o día 15 de maio de 2015.[38]

Brownstein tamén ten aparecido como invitada en Saturday Night Live,[39] Curb Your Enthusiasm[40] e Man Seeking Woman,[41] entre outros programas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Sleater-Kinney Return! New Album No Cities to Love! 2015 Tour! "Bury Our Friends" Lyric Video!". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  2. "Interview: Carrie Brownstein on Portlandia". The FADER (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  3. "Carrie Brownstein: the Northwest’s funny girl". The Seattle Times (en inglés). 2012-03-03. Consultado o 2019-10-29. 
  4. "Meet Carrie Brownstein: A Triple Threat | Jewish Women's Archive". jwa.org. Consultado o 2019-10-29. 
  5. "Sports | Eastside spotlight: Overlake School | Seattle Times Newspaper". community.seattletimes.nwsource.com. Consultado o 2019-10-29. 
  6. "Rock of the Decade - The Stranger by Hannah Levin". web.archive.org. 2007-09-28. Consultado o 2019-10-29. 
  7. "Get Up". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  8. "Carrie Brownstein comes home to a changed Seattle". The Seattle Times (en inglés). 2015-11-02. Consultado o 2019-10-29. 
  9. "Riot grrrl grew up on Sleater-Kinney’s Dig Me Out". Music. Consultado o 2019-10-29. 
  10. noogatoday (2017-09-23). "Record Bin: How Sleater-Kinney used punk rock to break social stereotypes on "Dig Me Out"". NOOGAtoday (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  11. "Carrie Brownstein: Sleater-Kinney ‘Will Just Start Playing Music Again’". DIY (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  12. Grow, Kory; Grow, Kory (2014-10-20). "Sleater-Kinney Return With New Album, Tour". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  13. "A conversation with Robert Christgau". Salon (en inglés). 2001-05-09. Consultado o 2019-10-29. 
  14. Frere-Jones, Sasha (2015-01-12). "Sister Saviors" (en inglés). ISSN 0028-792X. Consultado o 2019-10-29. 
  15. "Premature Evaluation: Sleater-Kinney No Cities To Love". Stereogum. 2015-01-11. Consultado o 2019-10-29. 
  16. "Carrie Brownstein Talks Sleater-Kinney, Acting, Writing, and More". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  17. 17,0 17,1 "Carrie Brownstein: 'I Have A New Band'". NPR.org (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  18. "Wild Flag’s debut album in stores, win a trip to New York City!". Merge Records. 2011-09-19. Consultado o 2019-10-29. 
  19. "The Twenty-Five Most Underrated Guitarists | Rolling Stone Music | The Rolling Stone Staff Blog | Music News, Reviews, Interviews and Commentary". web.archive.org. Consultado o 2019-10-29. 
  20. "Carrie Brownstein". Believer Magazine (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  21. Brownstein, Carrie (2007-11-27). "Sleater-Kinney's guitarist tests out Rock Band.". Slate Magazine (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  22. Brownstein, Carrie (2008-11-19). "Sleater-Kinney's guitarist tries out Wii Music.". Slate Magazine (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  23. "Welcome to Monitor Mix". NPR.org (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  24. 24,0 24,1 "A Final Word From Carrie Brownstein". NPR.org (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  25. Kreps, Daniel; Kreps, Daniel (2015-03-14). "Sleater-Kinney's Carrie Brownstein Pens Memoir". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  26. "Thunderant – An archive of Fred Armisen and Carrie Brownstein's first comedy project.". Consultado o 2019-10-29. 
  27. "Exclusive Clip: Watch Carrie Brownstein in “Some Days are Better than Others”". IFC (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2019. Consultado o 2019-10-29. 
  28. Indiewire; Indiewire (2010-03-11). "SXSW ’10 | McCormick’s Sad Valentine “Some Days are Better Than Others”". IndieWire (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  29. "Portlandia (TV Series 2011–2018) - IMDb". Consultado o 2019-10-29. 
  30. "SNL Fans Prepare for 'Portlandia' - IFC Now - Blogs - IFC.com". web.archive.org. 2010-08-16. Consultado o 2019-10-29. 
  31. "Before There Was 'Portlandia', There Was 'Thunderant' - IFC Now - Blogs - IFC.com". web.archive.org. 2010-10-13. Consultado o 2019-10-29. 
  32. "Portlandia" (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  33. Roots, Kimberly; Roots, Kimberly (2015-02-10). "Portlandia Renewed for Seasons 6 & 7". TVLine (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  34. "Carrie Brownstein gives us the scoop on her character Syd in "Transparent"". AfterEllen. 2014-09-26. Consultado o 2019-10-29. 
  35. Syme, Rachel (2015-12-14). "‘Transparent’ Season 2, Episodes 2 and 3: Pool Parties and Provosts". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 2019-10-29. 
  36. "'Portlandia's' Carrie Brownstein Joins Cate Blanchett in 'Carol' (Exclusive)". The Hollywood Reporter (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  37. "Carrie Brownstein: Fill in the Blank". pastemagazine.com (en inglés). 2015-01-06. Consultado o 2019-10-29. 
  38. "The 2015 Official Selection - Festival de Cannes 2015 (International Film Festival)". web.archive.org. 2015-04-18. Consultado o 2019-10-29. 
  39. "Watch Fred Armisen and Carrie Brownstein in SNL’s Southern Rock Supergroup". IFC (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2019. Consultado o 2019-10-29. 
  40. "Carrie Brownstein and Larry David Fight About Constipation in New “Curb Your Enthusiasm” Trailer: Watch". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-10-29. 
  41. "Man Seeking Woman: “Branzino”". TV Club. Consultado o 2019-10-29.