The Fire Theft

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
The Fire Theft
Jeremy1.jpg
OrixeSeattle, Washington, Flag of the United States.svg
Período2001 - 2004
Xénero(s)rock progresivo, hard rock, art rock
Selo(s) discográfico(s)Rykodisc
MembrosJeremy Enigk
William Goldsmith
Nate Mendel
Artistas relacionadosSunny Day Real Estate, Foo Fighters

The Fire Theft foi unha banda estadounidense de rock procedente de Seattle, Washington. Foi fundada no ano 2001 polo vocalista e guitarrista Jeremy Enigk, o baixista Nate Mendel e o batería William Goldsmith, que tocaran anteriormente en Sunny Day Real Estate. Mendel tamén toca o baixo en Foo Fighters e Goldsmith foi o batería desa banda entre 1995 e 1997. Esta formación de The Fire Theft era tres cuartos de Sunny Day Real estate, sendo o guitarrista Dan Hoerner o único que non se uniría aos seus antigos compañeiros.

Aínda que o grupo entrou en hiato no ano 2004, nunca houbo un anuncio oficial de separación.

Historia[editar | editar a fonte]

The Fire Theft publicaron un álbum autotitulado o 23 de setembro de 2003 a través do selo independente Rykodisc. Só o tema "Chain" foi editado como sinxelo promocional. Tras o lanzamento a banda iniciou unha xira de presentación do traballo. Dende entón a banda está en hiato. Sobre futuros proxectos Jeremy Enigk ten dito que imaxina que "The Fire Theft volverá a toda marcha. Só temos que atopar un novo selo ou crear o noso". Anunciouse tamén un DVD coa banda actuando en Seattle, pero nunca chegou a ser editado. En 2007, Billboard.com informou que a banda estaba discutindo reunirse. No mesmo artigo Nate Mendel dixo: "Non estamos realmente seguros, pero estamos facendo plans para tocar xuntos dunha forma ou doutra -- esperemos que o próximo ano".[1] Jeremy Enigk engadiu noutra entrevista que a banda estivera "falando sobre converterse nunha banda de estudio: só gravar e non xirar". Enigk tamén planea editar o seguinte álbum a través de Lewis Hollow Recordings, o seu propio selo discográfico.

En decembro do ano 2008, Enigk ofreceu unha actualización do proxecto de DVD ao vivo proposto:

Enviámolo a un lugar e mantivemos unha reunión con algúns rapaces sobre reunir todo ese material e editalo. Eu realmente non sei que vai pasar. Iso foi fai un ano e non volvín escoitar nada máis do tema dende entón. Creo que o motivo é porque están facendo iso de xeito profesional. Tamén hai demasiado material, porque xa non é só un DVD en directo. O tipo Maury (Duchamp), que estivo filmando desafortunadamente morreu, pero xirou con nós bastante. E filmou moitos concertos, moitas das nosas entrevistas, e algún material nos camerinos. Pensamos que probablemente debiamos facer algo máis como o que el tiña en mente, máis que un gran documental de toda a historia. Así que acabou converténdose nun proxecto máis grande do que prevíamos. E principalmente para atender ao que Maury quería, na súa memoria. El quería facer un documental completo, pero quería que se prolongase durante moito tempo.[2]

Despois da reunión de Sunny Day Real Estate en 2009 cos catro membros orixinais, a situación da banda é incerta. Enigk admitiu no seu momento que se Sunny Day Real Estate ía a estar xunta non habería moitas razóns para reunir a The Fire Theft.[3]

Discografía[editar | editar a fonte]

Álbums[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
The Fire Theft 2003 Rykodisc

EPs[editar | editar a fonte]

Álbum Ano Selo
Hands on You EP 2004 Rykodisc

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Foo Tour: Two Stages, Big Band, But No Pyro". Billboard. Consultado o 2019-10-30. 
  2. "ICONS Interview with Jeremy Enigk of SUNNY DAY REAL ESTATE & THE FIRE THEFT". web.archive.org. 2010-10-11. Consultado o 2019-10-30. 
  3. "Sunny Day Real Estate". Music. Consultado o 2019-10-30.