Saltar ao contido

Camariña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Caramiña»)
Camariña

Bagas da camariña (Corema album)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Ericales
Familia: Ericaceae
Subfamilia: Ericoideae
Tribo: Empetreae
Xénero: Corema
D.Don
Especie: C. album
Nome binomial
Corema album
(L.) D.Don ex Steud. 1840
Subespecies
  • C. album azorica
Sinonimia
  • Empetrum album L.
Flor da camariña

A camariña[1][2] (Corema album) é un arbusto da familia das ericáceas (tribo: empetreae), que florea de febreiro a maio na beiramar. É planta endémica do litoral atlántico da Península Ibérica (dende a costa de Cádiz até Galiza). Tamén recibe os nomes de caramiña e camariñeira[3].

Descrición

[editar | editar a fonte]

A camariña é un arbusto de folla perenne, de floración invernal, polinización anemógama e sistema de reprodución por alogamia. O arbusto da camariña medra formando matogueiras que poden chegar a medir até un metro de altura. A súa floración comeza a finais de marzo, aínda que pode chegar até mediados do mes de abril, cun máximo durante o mes de febreiro. A frutificación comenza normalmente a mediados de abril, pero pode adiantarse nalgúns exemplares a mediados de marzo, rematando a mediados de setembro, aínda que pode alongarse ata finais dese mes.

Os talos talos da camariña poden acadar 1 metro, ten moita póla; as follas son lineares e dispóñense de xeito verticilado, sendo as máis novas glandulosas e as máis vellas glabras e dunha cor verde brillante. Tanto as flores masculinas como as femininas, son de cor vermella. Os ovarios son en estilete e froito, drupáceo e comestíbel, é unha baga esférica, que cando madurece é de cor branca ou rosada. En Portugal e na Aquitania adoitan ser brancas; en Galiza poden ter unha lene cor rosada, lembrando as grosellas.

O seu hábitat natural son as dunas litorais fixas ou semifixas.

Distribución

[editar | editar a fonte]

É unha planta endémica da costa atlántica ibérica, de Cádiz (o seu extremo sur é o Cabo Camarinal xunto á Praia de Bolonia; até Galiza onde ten o límite norte na localidade de Pantín (Valdoviño). Pódese ademais atopar unha subespecie (Corema album azorica ou C. a. azoricum) nas Illas Azores, en concreto na Illa de São Miguel, na Illa Graciosa, na Illa de São Jorge, na Illa do Pico e na Illa do Faial. Ademais está naturalizada na Aquitania, onde, pola contra, é pouco común.

No pasado ocupaba case todo o litoral galego. As súas principais colonias a nivel galego atópanse nos areais das Illas Cíes na provincia de Pontevedra, e nos areais da praia do Trece e da contorna do Cabo Vilán na Costa da Morte, Camariñas na provincia da Coruña. A súa abondosa presenza no pasado refléctese na numerosa toponimia existente ao longo da costa galega, e que fai referencia á planta: Camariñas, A Pobra do Caramiñal etc.

Situación e problemas ecolóxicos

[editar | editar a fonte]

A súa extinción do litoral galego foi debida ás actuacións sobre o hábitat dunar no que viven. Tamén polo uso que se lle deu no pasado para a fabricación de vasoiras e pola súa apaña indiscriminada para a inxestión das súas bagas refrescantes, empregadas polos mariñeiros para calmar a súa sede.

Na actualidade os principais riscos para a súa supervivencia son a sobreexplotación do seu hábitat natural e a ameaza de especies invasoras como a acacia (Acacia melanoxylon) e a surafricana herba do coitelo (Carpobrotus edulis). A nivel mundial está considerada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza como en Perigo Crítico de extinción.

Ademais dos usos xa mencionados para facer vasoiras e coma froito silvestre para calmar a sede, a camariña tense aproveitado doutros xeitos:

As bagas apáñanase (na Aquitania, contra o 15 de agosto) para as comer frescas e para facer xeleas e augardente. Un dos manxares típicos de Figueira da Foz (Portugal) consiste nunha xelea de camariñas con azucre e zume de limón. Ás bagas atribúenselle propiedades febrífugas, e durante a dominación romana foron moi apreciadas por este motivo.

Tamén se emprega coma planta ornamental, mais atópase especialmente brava.

A lenda das camariñas

[editar | editar a fonte]

O rei Dinís I de Portugal, que gustaba moito da cultura e das artes, era un grande amante da fermosura, ademais era trobador, e mullereiro.

Conta a lenda que, sabendo a súa dona, Sabela de Portugal, que o reu acudira a un dos seus encontros amorosos e que se había repetir, mandou ela ao día seguinte que lle enselasen un cabalo e a primeira hora da tarde partiu na súa busca acompañada dalgúns gardas e dúas institutrices de entre as que lle puxeran ao corrente, en parte só coas miradas e acenos da cara, das idas e vindas do seu señor, e desta vez levaríana a onde o podería atopar.

Á tardiña chegaron ao lugar indicado, nun piñeiral cuxas árbores o mesmo rei mandara sementar, e logo a raíña mandou ao séquito que se detivese e ela, soíña, encamiñouse cara a un rochedo que habían entre os piñeiros e o mar, e alí encontrou a parella. O rei, abraiado, abriu os ollos de pavor; pola súa banda, os da raíña deixaron caer unhas bágoas cristalinas que se estenderon por todo o mato do piñeiral, convertidas coma en perlas dun branco tan branco que tornaron aquela foresta nunha marabilla.

Dende ese día, as bágoas da raíña, convertidas en perlas brancas para que poida ver ela as infidelidades do seu home, e agridoces como foron as súas bágoas, saen cada setembro no Piñeiral do Rei, e especialmente na beiramar.

O Piñeiral do Rei, obra dos súbditos de Dinís I, estaba destinado a abeirar do vento os cultivos e a constituír unha reserva de madeira para a construción de carabelas que no seu día poderían servir a Portugal para a súa expansión ultramariña. O Piñeiral do Rei existe e se atopa na súa meirande parte no concello de Marinha Grande, ocupando dous terzos del.

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Corema album foi descrita por (L.) D.Don ex Steud. e publicado en Nomenclator Botanicus ed. 2, 1: 419 2: 63. 1840.[4]

Sinonimia
  • Corema album subsp. azoricum P.Silva
  • Corema azoricum (P.Silva) Rivas Mart. & al.
  • Corema febrifugum Boiss. ex Willk. & Lange
  • Empetrum album L. basónimo
  • Euleucum album Raf.[5]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para camariña.
  2. Nome vulgar da especie en Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009
  3. Nomes vulgares en Vocabulario de ciencias naturais, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991 e Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009
  4. "Camariña". Tropicos.org. Missouri Botanical Garden. Consultado o 4 de xaneiro de 2013. 
  5. Camariña en PlantList