Xelea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Xelea de mazá

Xelea[1] (galicismo, de gelée 'xelatina', que remite en última instancia ao verbo latino gelare 'xear')[2] é unha substancia transparente comestíbel e de consistencia xelatinosa que se obtén de cocer froita con azucre. Máis concretamente, e para diferenciar das marmeladas, confeituras e rapsodias, é unha mestura coa consistencia xelificada apropiada de azucres e zume ou extractos acuosos dunha ou varias especies de froitas, en xeral nunha proporción superior ao 35%[3].

Pode ser doce ou tamén salgada, e normalmente engádeselle xelatina ou pectina (pela de froitas). Adoitan ter consistencia mesta mais son transparentes. Para extraer o zume, nin se pelan as froitas nin se elimina o carozo e as carabuñas. Só se lavan e trocean cando resulte necesario. Feito isto, cócense, con ou sen auga, para as amolecer e facilitar a extracción do zume. Despois esmáganse e cóanse.

Cando este produto se elabora con zume ou extractos acuosos de froitas nunha proporción superior ao 45% recibe a denominación xelea extra.

O termo xelea tamén pode referirse ao caldo que se obtén da cocción de substancias animais, unha vez callado ao arrefriar.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xelea.
  2. "Xelea". Portal das Palabras. Consultado o 4 de setembro de 2016. 
  3. VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]