Canis rufus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Canis rufus
Rango fósil: Plistoceno–Actualidade
Estado de conservación
Crítico
Crítico[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Canidae
Subfamilia: Caninae
Tribo: Canini
Xénero: Canis
Especie: C. rufus
Nome binomial
Canis rufus
Audubon, Bachman, 1851
Distribución.
Distribución.

Distribución.

O Canis rufus é un cánido de taxonomía historicamente dubidosa que hoxe só se pode atopar nalgunhas zonas do leste dos Estados Unidos, México e, talvez, sueste do Canadá. Clasifícase agora como unha subespecie de lobo (Canis lupus), aínda que podería ser unha poboación híbrida recente entre lobo e coiote (Canis latrans), ou, como anteriormente se consideraba, unha especie independente de ambas, Canis rufus. En calquera caso, é un animal en grave perigo de extinción, razón pola cal é obxecto de programas de cría en catividade.

Se o conflito taxonómico xa era evidente, desde 1999 a complicación é aínda maior. Nesa data, White e Wilson estableceron, tras estudos xenéticos, que as poboacións de lobo do sueste do Canadá eran unha especie diferente que debía nomearse como Canis lycaon (Eastern Canadian Wolf en inglés, sen nome en galego) e que esta especie era próxima a Canis rufus, estando ademais máis emparentada co coiote que co lobo común. Esta afirmación non goza do adecuado consenso dos expertos, pero hai certa tendencia a considerar que Canis rufus e Canis lycaon son a mesma especie, sendo o nome latino correcto Canis lycaon.

Descrición[editar | editar a fonte]

Canis rufus en plena cazaría.

Ten un tamaño intermedio entre o lobo común ou gris e o coiote. Os machos adultos pesan entre 25 e 35 quilos, mentres que as femias son lixeiramente máis pequenas. O pelame está manchado de multitude de cores, entre os que destacan o negro, agrisado, marrón e amarelado; o pelame avermellado que dá nome á especie é máis frecuente nas poboacións orientais, especialmente nas orixinarias de Texas.

Do mesmo xeito que os lobos, os canis rufus son animais sociais, pero as súas mandas son máis pequenas que as dos primeiros, a miúdo compostas unicamente por unha parella e os seus fillos de distintas idades. Poden chegar a ter até tres camadas, de 2 ou 3 cachorros ao ano, que abandonan o grupo familiar cara aos 6 meses de idade.

Aliméntanse preferentemente de mamíferos de tamaño pequeno, como roedores e coellos. En grupo atacan tamén aos mapaches e mesmo a cervos adultos. Tamén consomen ocasionalmente insectos e bagas.

Historia[editar | editar a fonte]

Canis rufus e coiote

Aínda que varios políticos partidarios da súa persecución invocan con frecuencia a súa suposta natureza híbrida debido a que as leis vixentes en Estados Unidos non protexen os cruzamentos, o certo é que nos últimos anos as análises xenéticas e os achados fósiles indicaron claramente que esta especie é auténtica. A liña evolutiva do lobo común separouse do tronco común hai máis dun millón de anos (coincidindo coa súa colonización de Eurasia desde Norteamérica), mentres que o canis rufus e os coiotes o fixeron hai medio millón de anos. Posteriormente, hai uns 300.000 anos, os lobos comúns retornaron a América do Norte e expandíronse por todo o continente.

Como xa se dixo, estudos publicados no ano 1999 afirman que os lobos do sueste do Canadá, son unha especie diferente (Canis lycaon). As opinións posteriores repártense entre: aceptar Canis lycaon como especie exclusiva do sueste do Canadá, considerar que Canis lycaon engloba os canis rufus autóctonos do sueste de Norteamérica (lycaon máis rufus), que se trata de híbridos entre lobo común e canis rufus, ou que, de acordo á visión clásica, é unha subespecie de Canis lupus lycaon.

Sen ter en conta a estes Canis lycaon, pódese dicir que a distribución orixinal do Canis rufus á chegada dos primeiros colonos europeos se estendía desde Pensilvania até Texas. Pero considerando aos Canis lycaon, a súa área chegaría até o sueste canadense. Co tempo, a persecución humana, a destrución do seu hábitat e os cruzamentos de Canis rufus con coiotes e cans despois de que fosen expulsados dos bosques levaron a especie ao bordo da extinción. Das tres subespecies que se documentaron, a de Florida (C. r. floridanus) extinguiuse en 1930 e a do golfo de México (C. r. rufus), difundida polas áreas costeiras desde Texas até Luisiana fíxoo en 1970. A terceira (C. r. gregoryi) extinguiuse en estado salvaxe en 1980, pero por sorte aínda quedaban algúns exemplares en catividade que deron lugar a novas mandas coas que iniciar un proxecto de reintrodución na natureza. O primeiro deles produciuse en Carolina do Norte en 1987, onde se liberaron 100 individuos con éxito. Segundo o censo de 1997, a poboación de Carolina do Norte e Tennessee, cara a onde se estendeu tras a reintrodución, máis os individuos en catividade rolda na actualidade os 550 individuos. Algúns expertos consideran que de confirmarse que Canis lycaon é conespecífico con Canis rufus, os lobos do sueste do Canadá poderían utilizarse nos programas de reintrodución nos Estados Unidos. Ademais, se fose o caso, habería que revisar o estado de conservación da especie, que non sería tan crítico.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mech, L.D., Boitani, L. (IUCN SSC Wolf Specialist Group) (2010). "Canis lupus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2011.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]