Bois de Xerión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Heracles atravesa o Mediterráneo na copa de Helios, o Sol, en su décimo trabajo (Kílix ático de figuras vermellas, c. 480 a.C., Museos Vaticanos, Roma).

Os bois de Xerión eran un rabaño de aprezados bois vermellos que posuía o xigante Xerión (fillo de Crisaor e Calírroe) e que Heracles debía roubar como o seu décimo traballo "sen pedilos nin pagalos". Este gando pastaba na illa Eritia [1], no Fin da Terra, no extremo occidental do Mediterráneo, onda agora se levanta Cádiz [2].

O roubo dos bois do xigante Xerión[editar | editar a fonte]

Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [3], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. O décimo traballo foi roubar os bois vermellos que posuía o xigante Xerión, de gran valía e marabillosa beleza.

Para chegar onda Xerión, Heracles pasou a Libia [4] e, para cruzar o Mediterráneo, pediulle a Helios a Copa do Sol, unha copa na que o deus se embarcaba tódalas noites para volver desde a posta do sol no occidente ata o seu palacio no oriente, e comezar unha nova viaxe polo ceo desde o abrente ó poñente. Heracles pediuna a cambio de non disparar as súas frechas ó sol, que o abrasaba no seu paso polo deserto. Helios díxolle que non o asetara e Heracles accedeu a cambio de que le prestase a copa [5]. Durante o tempo en que estaba no mar, Heracles tamén ameazou ó deus Océano porque provocou unhas ondas que axitaron a copa e agoiraban un naufraxio; Océano asustouse e fixo que o mar se calmase [6].

Cando chegou a Eritía, atacouno Ortro, o can de dúas cabezas co que o pastor Euritión alindaba o gando, pero Heracles matouno dun mazazo. Ó pouco chegou o propio Euritión, e tamén o matou. Menetes, o pastor do deus Hades, que tamén pastoreaba alí, correu a avisar a Xerión, de tres cabezas, seis brazos e tres corpos unidos pola cintura [7], que veu defender o seu gando e tamén resultou morto baixo as frechas de Heracles (atravesoulle os tres corpos dunha soa frecha). Hai tradicións que din que Hera veu en axuda de Xerión, pero Heracles feriuna cunha frecha no peito dereito, e a deusa fuxiu.

Heracles ante Xerión, morto, e os seus bois vermellos (Lucas Cranach o Vello, c. 1537)
"Cando chegou a Eritía acampou no monte Abante; o can, en canto o sintiu, arremeteu contra el, pero Heracles golpeouno coa maza e deu morte ó boieiro Euritión, que acudira en auxilio do can. Entón Menetes , que estaba alí pastoreando as vacas de Hermes, comunicou o sucedido a Xerión. Este sorprendeu a Heracles onda o río Antemunte cando se levaba as vacas e, tras plantar combate, pereceu atravesado por unha frecha".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 10)
"Crisaor enxendrou ó tricéfalo Xerión... a este matouno o forte Heracles xunto ós seus bois de áxiles pés en Eritea, bañada por todas partes, o día en que se levou cara a sagrada Tirinte os bois de ancha testa, atravesando o curso do Océano, tras haber matado a Orto e ó boieiro Euritión na súa umbrosa corte, ó outro lado do afamado Océano".
(Hesíodo: Teogonía, 287-294)

Aventuras durante a viaxe de regreso[editar | editar a fonte]

Subiu os bois á copa do Sol e iniciou o regreso, cruzando cara Tartesos, onde devolveu a copa a Helios. Aquí levantou as Columnas de Hércules, entre Xibraltar e Ceuta, como proba do seu paso por estas terras ou para indicar o límite permitido para a navegación [8]. Durante o regreso, xa todo el pola costa europea do Mediterráneo [9], tivo que vencer a numerosos bandidos que intentaron, sen éxito, roubarlle o gando.

Así, en Liguria (ó norte de Italia) foi atacado polos nativos. Heracles conseguiu abater a moitos deles coas súas frechas, pero terminou baleirando a alxaba. Entón, pediu axuda a Zeus e este fixo caer unha chuvia de pedras, que el aproveitou para lanzalas contra os inimigos, que fuxiron [10]. Tamén na Liguria lle atacaron dous fillos de Poseidón, Alebión e Dercino, e tamén os matou.

Baixando pola costa da península italiana chegou a Etruria, e alí foi Caco que o atacou, aproveitando que Heracles dormía á beira do río Albula, hoxe Tíber. Caco era un xigante que vomitaba lume e fume [11] e devoraba á xente que roubaba, para colgar á porta da cova na que vivía, onda a actual Roma, as cabezas das súas vítimas. Conseguiu roubar oito bois [12], que levou á súa cova andando a ceacú para que ninguén puidese seguir as pisadas. Pero cando á mañá seguinte, Heracles xa marchaba co seu rabaño, o gando chamaba polas reses que faltaban e estas bradaron desde a cova, delatando a súa presenza. Heracles entrou na cova, matou a caco e recuperou os seus animais. Evandro, o rei do lugar, axudou a Heracles a levantar un altar e sacrificar un boi a Zeus.

Heracles mata a Xerión (nótense as tres cabezas). Á esquerda, o episodio da amazona Hipólita; á dereita, o episodio do can Cérbero (nótense as tres cabezas). Detralle do relevo dun sarcófago romano, procedente de Tunisia (s. II-III)

En Calabria (xa fronte a Sicilia), aloxouse na casa de Crotón. Un veciño intentou roubarlle uns bois a Heracles e este matouno, pero sen querer mata tamén a Crotón. Para compensar este acto, ergueulle un gran mausoleo e profetizou o nmacemento alí dunha gran cidade: a actual Crotone. Mentres tanto, un dos touros [13] escapou e cruzou a nado ata a illa. Alí, Érix, o rei do país e fillo de Poseidón, colleu o boi para os seus rabaños, ata que chegou Heracles e o matou nun combate a cinco encontros, recuperando o animal e o reino, que cedeu ós habitantes. Mentres Heracles buscaba este boi, Hefesto gardáballe o resto do armentío.

Por fin, xa na costa de Grecia, no Peloponeso, o rabaño foi atacado por uns tabáns que lle mandou Hera, e xa non puido arrecadar maia que unha parte [14]. Os animais, furiosos polas picadas dos tabáns, deron en fuxir en todas direccións e dispersáronse por Tracia. Heracles reuniu o gando que puido e seguiu camiño a Micenas. Nesta operación viuse dificultado polo río Estrimón, polo que o maldixo e encheu o leito de rochas, facendo que deixara de ser navegable; outras fontes só din que botou as pedras no río para poder cruzalo.

No antigo Epiro (entre o actual noroeste de Grecia e o sur de Albania), houbo na antigüidade unha raza bovina moi sonada que era a de Larinos. Este Larinos era un pastor que conseguiu que Heracles lle regalase unhas parellas ou que logrou roubarlle unhas parellas [15].

Cando chegou ante Euristeo, este sacrificou a Hera os animais que lle entregara Heracles.

Hércules e Caco (Andrea Pisano, Campanile de Florencia, c. 1348)

Existen outras tradicións que describen a viaxe de volta moito máis ó norte, mesmo pasando por Gran Bretaña. Estas variantes, así como as que narran as súas fazañas por Hispania e Italia, se desenvolveron segundo se foron coñecendo novas terras cara occidente.

Iconografía[editar | editar a fonte]

O episodio do roubo dos bois de Xerión é rico en motivos para os artistas. O momento no que cruza o Mediterráneo a bordo da copa do Sol quedou reflictido en moitos exemplos da cerámica grega.

A loita e morte de Xerión aparece con moita frecuencia en tódolos tempos. A representación máis antiga (c. 610 a.C.) deuse nun pectoral en Samos, no que se ve a Heracles cravando a espada a Xerión, con Euritión morto e Ortro asetado no chan. Zurbarán pintou este momento na serie de dez cadros realizada en 1634 para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), hoxe no Museo do Prado [16].

A colocación das "Columnas de Hércules", loxicamente, non aparece ata a Idade Moderna (Zurbarán ou Delacroix).

A escena do ladrón Caco represéntase en medallóns romanos do século II, pero destaca o Hércules vencedor de Caco que esculpe Andrea Pisano no Campanile de Florencia ou o retrato que del fai Annibale Carracci en 1593.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eritrea, Eritria ou Eriteia, segundo Graves.
  2. Hai autores que sitúan a illa máis alá da corrente do Océano, e outros fronte á costa de Lusitania. É máis habitual colocala nun illote fronte á cidade de Gades, hoxe Cádiz.
  3. Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
  4. Onde matou numerosos monstros e feras salvaxes que asolaban a rexión.
  5. Pseudo-Apolodoro di que Heracles o ameazou co seu arco e Helios, admirado polo seu valor, regaloulle unha copa de ouro.
  6. Tamén se di que fixo a travesía nunha urna de bronce, usando como vela a pel do león que sempre levaba enriba del.
  7. O xigante de "corpo constituído por tres homes fundidos nun só de cintura para arriba, pero escindido en tres a partir da cadeira" (Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 10), o "home máis forte do mundo" (Pausanias IV, 36). Tamén se afirma que, realmente, Xerión era un título do rei Crisaor, que reinaba o país, con tres fillos ó mando de cadanseu exército.
  8. Algunhas fontes din que, daquela, África e Europa estaban unidas, e que Heracles abriu un canal entre ambos continentes. Outros din que xa estaban separados, e el estreitou o paso para impedir que pasaran baleas e outros monstros.
  9. Nas costas de Hispania, Galia e Italia construíronse distintos santuarios en honor a Heracles.
  10. Estrabón conta que a chuvia de pedras de Zeus caeu sobre os ladróns, matándoos. Graves conta que existe unha chaira entre Marsella e o Ródano que se chama "Chaira pedregosa", porque está inzada de pedras
  11. Segundo o describe Virxilio na Eneida, ou "horrible e de tres cabezas", segundo Graves, se ben Tito Livio só di que se trataba dun malfeitor.
  12. Ou os dous mellores bois máis catro becerros.
  13. Ou un becerro, do que viría o nome de Italia, do latín vitelus.
  14. As vacas salvaxes que percorrían as chairas de Escitia procedían dese gando que non puido recuperar.
  15. Benavente e Ferro, px. 81.
  16. Hércules vence ó rei Xerión (ficha no Museo do Prado).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • BENAVENTE JAREÑO, P. e FERRO RUIBAL, X.: O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún. Xunta de Galicia, 2010, pp. 1167-1168.
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 370-371.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 537-550.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 30.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 10 [a numeración segue a utilizada neste texto].