Euritión (pastor)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Heracles dá morte a Xerión. No chan, malferido, Euritión (ánfora ática de figuras negras, c. 540 a.C., Louvre)

Na mitoloxía grega, Euritión era o pastor que alindaba os afamados bois vermellos do xigante Xerión. Era fillo de Ares e da hespéride Eritia.

Euritión e o seu monstruoso can de dúas cabezas, Ortro (ou Orto), coidaban o gando de Xerión na illa Eritia [1]. A localización desta illa é discutida: hai autores que a sitúan máis alá da corrente do Océano (no extremo occidental do Mediterráneo, máis alá do mundo coñecido), outros fronte á costa de Lusitania e os máis fronte á cidade de Gades, hoxe Cádiz.

Heracles recibiu a orde, no décimo dos seus doce traballos, de roubar estes bois, especialmente fermosos e aprezados. Tras diversas aventuras chegou a Eritia e foi inmediatamente ventado por Ortro, que se abalanzou contra el. Heracles matouno dun golpe de maza. Nas representacións artísticas deste episodio aparece ás veces asetado polas frechas do heroe.

O pastor, Euritión, chegouse para auxiliar ó can pero morreu do mesmo xeito. Finalmente, Heracles tamén matou o dono do gando, Xerión, e regresou a Micenas co rabaño.

"Cando chegou a Eritía acampou no monte Abante; o can, en canto o sintiu, arremeteu contra el, pero Heracles golpeouno coa maza e deu morte ó boieiro Euritión, que acudira en auxilio do can".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 5, 10)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eritrea, Eritria ou Eriteia, segundo Graves; Eritía, segundo Pseudo-Apolodoro II, 5, 10.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 370.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 538.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 10 [a numeración segue a utilizada neste texto].