Boina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Boina típica do norte da Península Ibérica.
Moncho Valcarce con boina.

Unha boina (do aragonés: boina a partir do latín: abonnis) ou pucha[1] é un chapeu típico de Europa occidental, usado para cubrir a parte superior da cabeza. O seu tamaño é pequeno, cubrindo só a parte superior do cranio sen abranguer as tempas. Está feita de feltro de lá, circular e plana aliñada interiormente cunha coroa de coiro, excepto as militares que a teñen no exterior amosándoa.

Popularizouse a finais do século XIX, entrando na Península Ibérica polos Pireneos, sendo común en Aragón, Navarra, País Vasco, Cantabria, Asturias e Galicia. O seu uso foise abandonado a mediados do século XX conservándose só entre a poboación rural máis vella, ata o século XXI. En Galicia foi moi popular entre os homes de todas as idades, de feltro, sen viseira, e xeralmente de cor negra[2].

Coñécese tamén co nome de béret en francés e txapela en éuscaro.

Historia[editar | editar a fonte]

Paisano con boina.

Descoñécese que comunidade humana inventou este sombreiro, existen dúas hipóteses para sinalar a súa orixe:

  • Béarn: no suroeste de Francia (ao lado de Iparralde) onde no século XVII os pastores levaban este sombreiro contra o frío e a choiva, de cor variable ao longo do tempo segundo as modas, pasando logo aos guías de montaña dos Pireneos.
  • Árabe: coa creación de Al-Ándalus a cultura árabe, entre outras cousas, trouxo un sombreiro, a chéchia, fabricada cos mesmos métodos e cun aspecto similar á boina.

Dende os Pireneos o seu uso estendeuse en todas direccións[3], de xeito que nos países anglosaxóns a boina era vista como parte do clixé sobre os gavachos, converténdose nun sombreiro tipicamente masculino. A través do contacto con baleeiros do golfo de Biscaia a boina pasou a Irlanda, onde deu lugar á gorra Caubeen, en Escocia mudouse o sistema de cosido cun triqueteado que se agocha grazas ao pompón superior e así creouse o Tam O´Shanter (que despois nos anos 20 sería transformado para a moda feminina dando o sombreiro Tam, que semella unha boina do Renacemento).

Foi adoptado polos exércitos imperiais a mediados do século XIX, seguindo o modelo francés da Parlota[4], o seu uso comeza a popularizarse e créanse dous modelos, un con máis tea que se convertirá na típica pucha de pintor francés e sobrevivente na txapela vasca, e a boina de menos tea, axustada á cabeza, que se usou tanto en todo norte de España como en Francia.

Os anos 30 do século XX foron a súa idade dourada, sendo usada por tódalas clases sociais, incluso a muller comezou a usala (a moda era poñela medio ladeada) como se pode ver en moitas fotografías e mesmo en películas ("O testamento do Dr. Mabuse" de Fritz Lang en 1933).

Publicidade das boinas vascas da factoría Elosegui.

O uso da pucha entre a poboación estendeuse ás Américas, converténdose en típica de moitos labregos de América Latina, entre os gauchos, tamén por Hungría, Checoslovaquia e Serbia, onde existiron empresas locais fabricando boinas para a demanda interna.

Durante a Guerra fría a boina foi perdendo sona ante a competencia do chapeu flexible americano, popularizado en ambas as dúas beiras do Atlántico a través dos filmes de Hollywood, especialmente polo cinema negro, onde os mafiosos o vestían sempre ficando relegada ao uso cotiá dos traballadores no campo en Francia e España, aínda que tivo certo uso en minorías esquerdistas nos 70 debido á popularización da imaxe do Che Guevara cunha delas, a boina xunto co xersei de colo alto e perilla converteuse nunha das imaxes clixés dos beatnicks[5].A cidade de Oloron-Sainte-Marie é considerada a capital francesa da boina.[6]

A Boina na Península Ibérica[editar | editar a fonte]

A boina chegou de Francia a mediados do século XIX penetrando a través do País Vasco e Navarra onde se popularizou axiña e xurdiron fábricas como a de Elósegui SA en Tolosa (Guipúscoa) en 1885 para dar abasto á demanda, ao principio todas de tea negra foron facéndose noutras cores para persoas que se podían permitir pagalas.

Deste período son famosas as boinas carlistas, aínda que ao principio todos os voluntarios ían con boinas negras sería a marquesa galega de Ximonde quen deu a idea de que os oficiais as levasen de cor vermella para se diferenciar, tivo moito éxito esta idea e o mesmo xeneral Zumalacárregui comezouna a usar estendendo o seu uso ao Estado Maior, despois debido a que os oficiais comezaron a se queixar de que as tropas isabelinas lles disparaban mellor por mor desa cor volveron ao negro e Zumalacárregui entregou os stocks de puchas vermellas sobrantes á compañía de Guías de Navarra, que colleu tanta fama debido á súa valentía que as boinas vermellas se converteron en obrigatorias para todo o exército carlista. Así na Segunda guerra carlista toda a tropa levaba boinas vermellas, agás os oficiais que a levaban de cor branca.

Nos anos 30 popularizouse a tódalas camadas da sociedade, incluso as mulleres levábana, promovida polos modistos parisienses; mesmo algunhas estrelas do cinema a comezaron a levar (Greta Garbo, Michèle Morgan, Brigitte Bardot) decaendo o seu uso nos anos 50 ante a competencia do sombreiro flexible de ás, introducido polos emigrantes das Américas que chegou a converterse en sinal de distinción, o chapeu dos caciques, mentres que a maioría da poboación seguiu a levar a pucha negra abandonando aos poucos o seu uso a mediados dos anos 60 do século XX pola mocidade, que abandonou incluso os chapeus; despois nos 70 o cinema popularizou esta peza como sinal de identidade do pailán ou paiolo en moitos filmes como as comedias de Paco Martínez Soria, ficando esta peza só na poboación de máis idade no rural e algún artista, até entrado o século XXI.

Estatua con boina en homenaxe ao libro Memorias dun neno labrego.

Galicia[editar | editar a fonte]

En Galicia a boina ou pucha popularizouse nos anos trinta do século XX (aínda que foi a marquesa galega Xacoba de Cisneros de Castro e de Puga quen lles deu a boina vermella aos carlistas como uniforme[7])desprazando os sombreiros de ás, de palla e algunhas monteiras que sobreviviran até os anos 20, nos anos 60 do mesmo século a xuventude abandonounas, ficando este pucho como símbolo dos máis vellos, de feito moitas persoas que non levaban boina na xuventude comezaron a levala cando maduraron e na vellez, tanto na cidade coma no rural. Nas estampas satíricas de Castelao son os nenos e cativos os que levan boina mentres os maiores levan sombreiro de ás, o personaxe d'O Carrabouxo leva boina negra cinguida de tal forma que semella parte do seu cranio. Nos anos 90 do século XX a terminoloxía política do país levou a diseccionar ao PP en dúas faccións, os do birrete (neocons españolistas) e os da boina (reaccionarios localistas); o sector chamado da "boina" recibe este nome debido a que domina os sectores rurais.

A boina no ámbito militar[editar | editar a fonte]

O Pato Donald con boina militar.

A primeira vez que se usou a boina como sombreiro militar foi no exército carlista (nunha época en que se se usaban no exército sombreiros máis recargados como os morrións, chacó, bicornio, etc); debido á experiencia nestes combates que tiveron en España a lexión estranxeira francesa levou a que en 1880 adoptasen este sombreiro as tropas de combate montañeiras.

Durante a I Guerra Mundial comezou a ser usada de forma masiva entre os soldados, no exército británico os rexementos escoceses levaban a súa Tam O´shanter e os rexementos irlandeses o Caubeen, porén na Irlanda dos anos vinte durante a represión do movemento independentista os paramiliatres Black and Tan levaban a boina escocesa[8]

Na segunda guerra mundial Bernard Law Montgomery adoptou inmediatamente a boina (para desesperación do flemático Churchill ) que ata entón só era usada polos tanquistas e logo adoptada por máis corpos do exército expedicionario inglés en África xa que non proxectaba sombra e os soldados non se convertían en brancos fáciles do inimigo. Tamén se popularizou entre a Resistencia francesa, que a pasou a usar no uniforme de gala que se inventaron para os fastos da vitoria contra o invasor.

Tropas rusas de paracaidistas con boina no ano 2005.

A boina militar difere da boina civil, coas insignias do rexemento grampados na punta, en que moitas veces deixa máis da metade da cabeza ao ar libre, na ausencia frecuente de cabilhou, preparación e unha dobra segundo as regras propias de cada unidade do exército. A boina militar é usada xeralmente levada á dereita, excepto no exército francés (agás comandos mariños) e algunhas excolonias francesas, onde é levada á esquerda, e Suíza, por exemplo. A maioría das boinas militares non teñen terminación no cénit.

A mediados do século XX a boina converteuse nun dos sombreiros militares usados en certas unidades de elite, que comezaron a coñecerse pola cor do sombreiro, a boina verde; esta boina é típica de varios grupos especiais do exército e a policía en todo o mundo.

Alemaña Alemaña[editar | editar a fonte]

  • Boina granate, as tropas aerotransportadas, navegación avanzada e recoñecemento persoal.
  • Boina vermello coral para as tropas NBC, artillería, artillería pesada motorizados, transmisións, transmisións PC, control de tráfico aéreo, enxeñaría mecánica, enxeñaría, demolición, enxeñaría blindada, topógrafos da enxeñaría, loxística mecánica, loxística de aviación, loxística de transporte, de operativos de información e policías militares.
  • Boinas azuis escuras para o corpo de saúde.
  • Boina negra, para as unidades de recoñecemento motorizadas, vehículos blindados, tanques de destrución, destrutores de tanques montaña.
  • Boina Verde, infantaría de montaña, infantaría blindada, o corpo de música, artillaría motorizada e da Garda Republicana ou tropas de choque.

Bélxica Bélxica[editar | editar a fonte]

  • Boinas vermellas viño ou verdes nas unidades de Comando ou do Grupo de Forzas Especiais
  • Boina vermella brillante: policías militares.
  • Unidades de infantaría: boina marrón.
  • Boinas negras para as tropas blindadas e enxeñaría.
  • Unidades de artillaría: boina azul escura
  • As unidades loxísticas usan boinas azul clara.
  • Boina cinsenta para unidades de transmisión.
  • Boina azul cinsenta para técnicos de helicóptero.
  • Boina verde en unidades de mando e os cazadores das Ardenas (estes usan unha boina máis ampla que se asemella á "torta" dos Alpinos franceses ou txapela).
  • Boina azul mariña para os infantes de Mariña.
  • Boina cor caqui para o corpo médico .

Camerún Camerún[editar | editar a fonte]

  • Boina vermella da Garda Presidencial.
  • Boina azul da custodia de mulleres.

Flag of Canada.svg Canadá[editar | editar a fonte]

  • Boina laranxa para os de Busca e Salvamento.
  • Boina de cor viño tinto (marrón) unidades paramilitares.
  • Boina vermella brillante policías militares.
  • Boina verde das forzas de terra (de unidades de infantaría, artillaría, loxística e rexemento de enxeñaría eléctrica e mecánica).
  • Boina negra na Mariña.
  • As forzas especiais usan boina de cor beixe.
  • Boina azul para as unidades do exército do ar.

España España[editar | editar a fonte]

  • Boinas marróns para os Grupos de Operacións Especiais do Exército de Terra Español (GOE).
  • Boinas azul mariño para Unidades de Operacións Especiais da Infantaría de Mariña Española (UOE).
  • Boina azul ceo para a Unidade de operacións especiais do Exército do Ar de España.
  • Boina negra para o Escuadrón de Zapadores Paracaidistas (EZAPAC).
  • Boina verde do Grupo de Acción Rápida (GAR) da Garda Civil.

Estados Unidos de América Estados Unidos[editar | editar a fonte]

  • Boina verde para as forzas especiais.
  • Boina beixe para os Rangers.
  • Boina negra par as bases do Exército estadounidense.
  • Boina de cor viño tinto para unidades de paracaídas.

Flag of France.svg Francia[editar | editar a fonte]

  • Boina azul escuro para as unidades de rexementos de infantaría, os cazadores a pé (agás excepcións específicas), do exército blindado, artillaría, de enxeñaría, tren, comunicacións, equipos, marines, grupo de especialidade do estado maior, estrutura especial, corpo,de oficiais expertos, marines ("á inglesa") e de comandos paracaidistas aérea, comandos aéreos de infantes de mariña. É tamén levada por tódalas unidades da brigada franco-alemá, pero inclinado "ao xeito alemán".
  • Boina vermella (coñecida como caruru) de paracaidistas (rexemento de paracaidistas coloniais até 1958).
  • Boina verde para a lexión estranxeira. Anteriormente usado por batallóns Muong (Guerra da Indochina).
  • Boina verde para os comandos mariños.
  • Boinas verde pineiro; levada polo sétimo rexemento de cazadores africanos.
  • Boina azul cobalto para a aviación lixeira do exército de terra (ALT). Tamén foi usado por paracaidistas Metropolitanos baixo o nome "boina azul rei."
  • Boina alpina, propia das tropas alpinas, usada ​​polos rexementos de infantaría alpinos e polos cazadores alipnos (Blue Devils) e para tódalas unidade que forman a Brigada de Infantaría de Montaña.
  • Boina negra:do 4º, 5º, 16º e 17º batallóns de cazadores, 156º rexemento de infantaría / Reximento de Corea, 1º batallón de choque e tódolos rexementos de tanques de combate.
  • Boina beixe: usado por todos os recrutas durante os anos de 1950-1970, durante a estación cálida.
  • Boina caqui: para as gornicións de fortalezas até 1940.
  • Boina marrón usado brevemente no 2º reximento de Hússares.
  • Boina branca: anteriormente usada por paracaidistas Annamite (Guerra da Indochina).
  • Boina azul clara: Forzas europeas da Gendarmerie (EGF).

ONU ONU[editar | editar a fonte]

  • Boina azul, para todas as tropas de países que axudan ou por mandato. Aínda que cada unidade teña a súa propia boina todo o exército leva neste caso a boina azul así acontece que nunha misión internacional por mandato da ONU pódense atopar varias unidades de exércitos de varios países coa mesma boina azul, só distinguíndose pola bandeira que levan cosida nun pequeno recadro do brazo dereito.

Portugal Portugal[editar | editar a fonte]

  • Boina verde tropas de elite paracaidistas.
  • Boina vermella nos comandos.
  • Boina verde das tropas de elite das Operacións Especiais (equivalente Rangers).
  • Boina azul escuro na infantaría de mariña.
  • Boina azul claro da Policía Militar da Forza Aérea.

Rusia Rusia[editar | editar a fonte]

  • Boina azul para tropas aerotransportadas
  • Boina vermella Forzas Especiais (Spetsnaz)
  • Boina negra para marines(infantería de mariña) e unidades policiais especiais (OMON)
  • Boina verde nos gardas de fronteira
  • Boina laranxa de unidades do Ministerio de Situacións de Urxencia

Suíza Suíza[editar | editar a fonte]

Garda suíza do Vaticano con boinas.
  • Boina negra paras as tropas blindadas, enxeñaría, rescate, transporte e soporte de comandos, defensa NBQ, a intelixencia militar, Xeneral Plantilla, dispoñibilidade, a xustiza militar, o capelán do Exército e Servizo Territorial.
  • Boina verde para infantaría e música militar.
  • Boina vermella da artillaría.
  • Boina azul escuro da Forza Aérea.
  • Boina azul para as tropas reais e o servizo sanitario da Cruz Vermella.
  • Boina cor viño tinto nas tropas de loxística.
  • Boina gris na seguridade militar.
  • Boina amarela para inclusión baixo o mandato da OSCE e da OTAN.

Tipos de boinas[editar | editar a fonte]

Boina francesa[editar | editar a fonte]

No século XXI é un sombreiro con uso de ambos os dous sexos, aínda que as femininas son máis redondas e de cores vivas, mentres que as masculinas conservan a cor negra, os veteranos da lexión estranxeira e a resistencia séguena portando sobre todo nos desfiles conmemorativos. Converteuse en parte do clixé que os ingleses teñen sobre a imaxe estereotipada dos franceses (xunto á botella de viño e a baguette).

É o tipo de boina máis estendido polo mundo, empregada con asiduidade en Galicia nos últimos cen anos, especialmente a máis cinguida ao cranio, aparece como parte do personaxe nas imaxes do Apalpador e O Carrabouxo.

Boina vasca ou "Txapela"[editar | editar a fonte]

Esta boina forma parte do imaxinario vasco desde o século XX, a súa orixe é o Béarn e popularizouse no País Vasco francés cando Napoleón III ía de vacacións a Biarritz e Baiona[9], de aí pasou aos habitantes da rexión francesa e logo pasou ós Pireneos converténdose no sombreiro máis usado polos paisanos, moitos deles voluntarios nas guerras carlistas abandonaron a cor negra polas boinas vermellas como uniforme típico. Aínda que en cadros naturalistas como os de Ramón Zubiaurre ("O mariñeiro vasco Santhi Andía") Cabanas Oteiza, Ibáñez de Aldecoa y Arano etc amosan á clase traballadora de Euskadi con boinas de pouca tea a "txapela" é unha boina con máis voo e incluso fai viseira, en Francia este tipo de boina chámanlle "torta" e foi usada polas tropas francesas alpinas. Dende finais do século XX a txapela forma parte do uniforme da Ertzaintza sendo empregada pola afección do equipo de fútbol Athletic Club de Bilbao en cor negra co escudo do equipo.

Boina inglesa[editar | editar a fonte]

Trátase dunha boina á que lle engadiron unha viseira e modificaron o padrón para obter unha forma máis plana na parte dianteira e arredondada na caluga, sufrindo modificacións ao longo do tempo desde os anos 20, cando se usaban de tamaño descomunal, pasando polos anos 50 cando só a usaban os labregos e granxeiros tendo unha idade dourada nos anos 90, popularizada entre os disc jockeys que a levaban do revés.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definición en sinónimo en Portal das Palabras da RAG.
  2. Definición de boina no Portal das Palabras
  3. "Le béret un chapeau du Béarn, Guías históricas de Francia" Jean Houlletecq ed 1981
  4. "catálogue militáire du chapeaux aux milicies du Europe lans du XIX siécle" J. Paul jeróme et Eliphas Lévi,ed 1899
  5. "The conquer of the cool" Thomas Frank
  6. "La basque du Oloron-Sainte-Marie" E. Faip
  7. "O carlismo galego" Xosé Ramón Barreiro Fernandez ed Laiovento 2008
  8. McCaffrey, Carmel. In Search of Ireland's Heroes. 2006.p 233
  9. "Le recherche privée dus Napoleóns" Rouad Girault 1992