Benxamín de Tudela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Benxamín de Tudela
Benjamin of Tudela.jpg
Nacemento1130
 Tudela
Falecemento1173
 Reino de Castela
NacionalidadeReino de Navarra
EtniaPobo xudeu
RelixiónXudaísmo
Ocupaciónexplorador, historiador e rabino
editar datos en Wikidata ]

Benxamín de Tudela (hebreo: בִּנְיָמִין מִטּוּדֶלָה בִּנְיָמִין מִטּוּדֶלָה, pronunciado /binjaˈmin miˈtudela/), nado en Tudela, Navarra, en 1130, e finado en 1173, foi un viaxeiro e escritor navarro, habitualmente chamado "rabino" polos cronistas non xudeus[1] e coñecido polas crónicas das súas viaxes. Coñecedor de diversas linguas (entre elas o hebreo, o arameo, o grego, o latín e o árabe) e de carácter aventureiro, emprendeu unha viaxe de arredor de catorce anos e compilou as súas vivencias nun libro titulado Séfer Maasaot ("Libro de viaxes").[2]

Biografía[editar | editar a fonte]

Coñécese pouco da súa vida, xa que a única fonte da que se dispón é o seu Libro de Viaxes. Aínda que é frecuente que os escritores non xudeus o titulen como rabino, non existen hoxe probas concluíntes de que o fose. O que si que consta é que era fillo dun rabino chamado Xonás.

Poderíase fixar o inicio das súas viaxes entre 1159 e 1167 (cando reinaba en Navarra Sancho VI "o Sabio"), e o seu regreso entre 1172 e 1173 (ano 4933 do calendario hebreo). Segundo isto, as súas viaxes tiveron unha duración mínima de cinco anos e máxima de catorce. Esta última hipótese semella a máis probable, dado que a súa etapa derradeira -desde que marchou de Exipto ata que volveu á Península Ibérica- durou polo menos un ano.

Tampouco se coñece con certeza a finalidade desas viaxes, aínda que no seu libro consta en máis dunha ocasión que amosou moito interese polo comercio do coral, polo que algúns estudosos consideran que puido ter sido comerciante en pedras preciosas. Na súa viaxe tomou contacto coas comunidades xudías que ía atopando.

En total, visitou cento noventa cidades de Europa e Oriente, e as súas anotacións convertéronse nunha das primeiras fontes da demografía xudía. O seu interese centrouse nos xudeus e a súa situación, describindo personalidades, centros de estudos, a poboación, os modos de vida, as dificultades e os éxitos. Tamén fala na súa obra dos grandes acontecementos políticos e históricos da súa época.

Libro de Viaxes (Séfer Masaot)[editar | editar a fonte]

Mapa da ruta seguida por Benxamín de Tudela na súa viaxe.

O seu Libro de Viaxes (Séfer Masaot) publicouse en hebreo en Constantinopla en 1543 e baséase nas notas e nas impresións recollidas durante o seu longo percorrido[3]. Desde Tudela, ao sur de Navarra, descendeu polo val do Ebro (Zaragoza, Tortosa, Tarragona e Barcelona) e penetrou en Provenza a través de Xirona. Embarcou en Marsella e viaxou a Xénova, Pisa, Lucca e Roma, cidade onde debeu deterse durante un tempo, tendo en conta o detallado relato que ofrece dos seus monumentos.

Logo de deixar Roma encamiñouse cara ao Sur, onde chegou a Salerno. Embarcou novamente en Otranto, pasou pola illa grega de Corfú, no mar Xónico, e por Arta. Atravesou Grecia e detívose en Constantinopla, de onde ofrece unha descrición polo miúdo, de grande importancia para o coñecemento das condicións e da situación socioeconómica dos seus habitantes naquel momento.

Cruzou o mar Exeo (illas Mitilene, Quíos, Samos e Rodas) ata Chipre. Xa en terra firme, pasou por Antioquía, Sidón e Tiro, e entrou en Palestina por Acre, naqueles momentos en mans dos cruzados. Percorreu o país e describiu en detalle a Terra Santa, deixando un documento de especial interese para o coñecemento da Palestina da época, con alusión ás diversas comunidades étnicas e relixiosas da zona, incluídas confesións minoritarias, como os drusos.

De camiño cara ao Norte, pasou por Tiberíades, Damasco, Alepo e Mosul, cun itinerario difícil de precisar. Chegou a Bagdad, cidade que describe con maior extensión que calquera outra. É probable que viaxase ao longo de Mesopotamia e Persia, aínda que nestes relatos abundan os materiais lendarios. É improbable que se aventurase a traspasar estes ámbitos xeográficos, malia esforzarse por reunir noticias sobre as comunidades xudías de lugares aos que non viaxou, como Arabia, Persia, Asia central, India ou Ceilán, e mesmo menciona a existencia da xudaría de Kai Fong, na China.[4]

Xa de volta, fai unha admirable descrición de Exipto e, en especial, da vida dos xudeus no Cairo e en Alexandría, cidade onde embarca para chegar a Sicilia. Dános unha descrición coidadosa e pintoresca de Palermo. De alí, probablemente, regresou á Península Ibérica por mar, aínda que o itinerario finaliza cunha idealizada visión da vida xudía de Alemaña e do norte de Francia, baseada talvez en relatos que chegaron ao seus oídos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Así o caracteriza, por exemplo, a Enciclopedia Británica[Ligazón morta]
  2. Viaje-relato de Benjamín de Tudela. En España Ilustrada.
  3. Benjamin of Tudela. En Jewish Virtual Library.
  4. "Benjamín de Tudela".  En La Enciclopedia biográfica en línea.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Anna Katarzyna Dulska. Diaspora żydowska na Bliskim Wschodzie oczami sefardyjskiego podróżnika Beniamina z Tudeli. Cracovia. Księgarnia Akademicka, 2015. [ISBN 9788376384771] [En polaco]
  • Carmoly, E. e Lelewel, L. Notice Historique sur Benjamin de Tudèle, Bruxelas, 1852. [En francés]
  • Baer, Y. Historia de los judíos en la España cristiana. 2 volumes. Madrid. Altalena, 1981. [En castelán]
  • Sáenz-Badillos, A., Targarona, J. Diccionario de autores judíos (Sefarad. Siglos X-XV). Córdoba: El Almendro, 1990. [En castelán]

Edicións do Libro de viaxes en castelán[editar | editar a fonte]

  • Libro de viajes. Gobierno de Navarra. Fondo de Publicaciones, 1994. [ISBN 9788423512867]. Edición trilingüe, en vasco, castelán e hebreo.
  • Libro de viajes de Benjamín de Tudela. Riopiedras Ediciones, 1982.
  • Libro de viajes. Ediciones y Libros, S.A., 2002