Saltar ao contido

Benito Sánchez Freire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBenito Sánchez Freire
Biografía
Nacemento4 de maio de 1821 Editar o valor en Wikidata
Roade, España Editar o valor en Wikidata
Morte17 de xullo de 1876 Editar o valor en Wikidata (55 anos)
Santiago de Compostela
EducaciónUniversidade de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata


Benito Sánchez Freire, nado en Roade (Sobrado) o 4 de maio de 1821 e falecido en Santiago de Compostela o 17 de xullo de 1876, foi un fidalgo e político galego vencellado ao carlismo, deputado polo distrito de Arzúa entre 1871 e 1872.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Benito Sánchez Freiro foi o fillo máis vello dos fidalgos Benito Sánchez Barallobre e Bentura Freire Pérez. Como primoxénito, herdou a casa familiar, o pazo de Golmar en Santo André de Roade. [1] O seu tio bisavó foi o cóengo ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, mentres que descendía de familia conversa do xudaísmo por parte de nai.[2] O seu irmán Timoteo foi catedrático na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cirurxián e primeiro director do Hospital Psiquiátrico de Conxo.

Benito Sánchez Freire licenciouse en Dereito civil e canónico na Universidade de Santiago de Compostela, e casou, en 1867, con Elisa Varela Langa, vinculeira do Pazo de Furelos en Melide.[3] Grazas a isto, Benito Sánchez tamén pusuía un curtidoiro en Furelos, herdado pola súa dona, que se mantería aberto ata a década de 1960.[4]

Segundo sinala Xosé Ramón Barreiro Fernández, a súa ligazón co carlismo viña tanto pola súa familia como pola de Elisa Varela, polo que militou neste movemento, forte entre a figalguía da comarca de Arzúa e na Terra de Melide.[1] Ocupou varios cargos políticos pois foi alcalde de Sobrado entre 1851 e 1854, deputado provincial na Deputación da Coruña en 1866.[5] En 1870 foi nomeado presidente da Asociación Católico-Monárquica, unha das formas políticas típicas do carlismo desta época, de San Xoán de Furelos e concorreu ás eleccións a Cortes de 1871, baixo a monarquía de Amadeu I. Segundo a propaganda carlista, presentou a súa candidatura polo distrito de Arzúa a só oito días dos comicios, e o outro candidato que participaba no proceso, Benito Hermida Verea, retirouse o día previo ás eleccións.[3] O 8 de marzo foi escollido por 5 780 votos dos 5 782 emitidos. Cómpre indicar que as leis vixentes establecían o sufraxio universal masculino e que o censo do distrito ascendía a 7 712 homes, polo que foi elixido con case o 75% do censo.[6] Nesas eleccións foron elixidos outros cinco deputados polo carlismo galego: Joaquín Hernández Rodríguez polo distrito de Ordes, Luciano Puga Blanco polo de Santiago, Agustín Saco Quiroga polo de Chantada, Ramón Somoza Saavedra polo de Sarria e Fernando Felipe Fernández polo de Ourense. Con todo, Barreiro Fernández, considera que non estaba particularmente interesado en presentarse a deputado e que tampouco participou activamente nas Cortes.[1] A súa estadía como deputado foi curta, pois o presidente do Consello de Ministros, Práxedes Mateo Sagasta, convocou novas eleccións para abril de 1872. No inicio da Restauración borbónica, en xaneiro de 1875, foi designado deputado provincial, en representación de Touro, logo de ser destituída a corporación provincial anterior.[7] Faleceu o 17 de xullo de 1876 en Santiago de Compostela.[8]

  1. 1,0 1,1 1,2 Barreiro Fernández, Xosé Ramón; López Morán, Beatriz; Mínguez Goyanes, Xosé Luís (2003). Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Parlamento de Galicia. Parlamento de Galicia - Real Academia Galega. pp. 645–646. ISBN 84-87987-25-7. 
  2. "Timoteo Sánchez Freire". sefardies.es. Consultado o 2023-09-20. 
  3. 3,0 3,1 Vizconde de la Esperanza (1871). La Bandera Carlista en 1871. Historia del desarrollo y organizacion del partido Carlista desde la revolucion de Setiembre ... y biografias y retratos de los senadores y diputados Carlistas elegidos por el voto de la nacion (en castelán). Imprenta del Pensamiento Español. 
  4. Otero Eiríz, Claudio (2020-10-23). A industria galega dos curtumes: pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro. Laiovento. p. 78. ISBN 978-84-8487-496-6. 
  5. Ferrer, Melchor (1941). Historia del tradicionalismo español (en castelán). Ediciones Trajano. p. 522. 
  6. Comesaña Paz, Alfredo (2016-09-19). Hijos del Trueno: La Tercera Guerra Carlista en Galicia y el Norte de Portugal (en inglés). SCHEDAS. ISBN 978-84-16558-36-0. 
  7. "Ha sido destituída la Diputación provincial y nombrados en su reemplazo los siguientes diputados". El Telegrama. 15-1-1875. Consultado o 20-9-2023. 
  8. "Esquela de Benito Sánchez Freire". El Diario de Santiago. 18-7-1876. Consultado o 20-9-2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Barreiro Fernández, Xosé Ramón; López Morán, Beatriz; Mínguez Goyanes, Xosé Luís (2003). Parlamentarios de Galicia : biografías de deputados e senadores (1810-2003). Parlamento de Galicia - Real Academia Galega. pp. 645–646. ISBN 84-87987-25-7.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]