Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Benigno López Sanmartín , nado en Vilagarcía de Arousa en 1861 e finado en Pontevedra o 26 de marzo de 1928 , foi un pintor, profesor e músico galego.
Alumno do violinista Eduardo Dorado , en 1890 dirixía un quinteto. Dirixiu tamén a sociedade coral Orfeón Estudiantil, o Coro H (1880), o Orfeón Infantil e a Orquestra do Círculo Católico (1896). Tamén dirixiu a Rondalla-Estudiantina de Sanmartín, na que estaban Álvaro Berasategui , Javier Vieira , Pepe Temes , Constantino Berridy , Fernando Olmedo Reguera , Javier Pintos Fonseca e Ramón Señoráns , e que debutou en 1891 no Teatro Principal de Pontevedra . Como compositor escribiu tres pezas, entre elas a mazurca "La Ausencia" e a muiñeira "Maruxiña".
Como debuxante e pintor, foi alumno de Ramón Vives i Ayné e do francés Robert A. Marquet [ 1] . Completou a súa formación na Escola Especial de Pintura de Madrid como alumno no oficial[ 2] .
Foi profesor de debuxo das escolas da Sociedade Económica de Amigos do País cando estaba presidida por Ernesto Caballero Bellido , nun local cedido por José Riestra López . Entre 1898 e 1903 foi profesor no Instituto de Pontevedra , onde deu clase a Carlos Sobrino Buhigas , Enrique Campo e Manuel e Perfecto Hermida Tilve .
Como pintor usou o óleo e a acuarela. Participou na Exposición Rexional de 1880 de Pontevedra, exposición de Belas Artes de Madrid coa obra "Una exposición inesperada", e na Exposición Rexional de 1896 de Lugo presentou a obra "Un rincón d'a terriña". Fixo retratos de Riestra[ 3] , un gravado de Eugenio Montero Ríos , óleos de Augusto González Besada e Raimundo Fernández Villaverde . A Deputación de Pontevedra , para a que traballaba, encargoulle os retratos dos presidentes Manuel Bárcena Franco , Francisco Javier Mugartegui Parga , José María Guerra Cobián , Sabino González Besada e Antonio López de Neira . Publicou óleos e gravados en La Ilustración Española y Americana , La Pequeña Patria , e debuxos en Extracto de Literatura , Galicia Cómica , Galicia Moderna e Galicia .
En setembro e outubro de 1895 visitou Nova York con Celso García de la Riega .
En 1904 recibiu a medalla de prata da Asemblea Suprema da Cruz Vermella xunto con Isidro Otero Puga , e foi nomeado socio honorario da Sociedade Artística de Pontevedra.
Casou con Generosa Fernández e tiveron catro fillos: Benigno, María (casada en 1924 con Luís Amado Carballo ), Luz e África. Morreu na súa casa da rúa do Arcebispo Malvar, e foi soterrado no cemiterio de Santo Amaro .