Ernesto Caballero Bellido

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ernesto Caballero, retrato en Vida Gallega, 1910.

Ernesto Caballero Bellido, nado en Salamanca o 5 de agosto de 1858 e finado en Pontevedra o 20 de febreiro de 1935[1], foi un micrógrafo español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Comezou coa práctica fotográfica ós 12 anos. Aos 21 obtivo a cátedra de Física e Química, comezando como catedrático no instituto de Xixón (Asturias). Foi en Xixón onde entrou en contacto con Alfredo Truán y Luard, fabricante de lentes e iniciador do estudo das diatomeas en España. No 1881 ocupa a cátedra no instituto de Pontevedra, onde foi director 22 anos. Nesta vila colaborou coa instalación eléctrica, dirixiu a fábrica da luz, o laboratorio municipal, a estación meteorolóxica etc. No 1892 volveu á micrografía, tendo, debido ás súas moitas ocupacións, unha actividade irregular cos traballos sobre diatomeas, comezados a metade do século.

Foi alcalde de Pontevedra durante de xullo a setembro de 1899. Foi Director do Instituto de Pontevedra de 1900 a 1921. Xubilouse en outubro de 1921 debido a unha xordeira que lle impedía totalmente a audición.

Mantivo relación con Baltasar Merino e López Seoane, que lle proporcionaron exemplares, ocupándose el dos aspectos técnicos (non da clasificación). De xeito parello colaborou coa elite da ciencia en España naquel momento, traballando para as institucións máis sobresaíntes e impartindo cursos de formación nas súas técnicas.

As súas fotos sobre diatomeas fósiles de Morón constituíron un álbum con 331 figuras de 171 especies baixo a denominación de 'Atlas'. Asemade, as súas fotos foron usadas na afamada obra Diatomología española en los comienzos del siglo XX, de Florentino Azpeitia.

Doou parte do seu patrimonio científico ó Museo Nacional de Ciencias Naturales.


Predecesor:
Pedro Martínez Casal
 Escudo de Pontevedra.svg
Alcalde de Pontevedra
 
1899
Sucesor:
Víctor Mendoza Muñoz

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • "La fotomicrografía", na revista La naturaleza (1893). Inclúe a primeira foto de diatomeas publicada en Galiza.
  • "Técnicas de las preparaciones microscópicas sistemáticas", nos Anales de la Sociedad Española de Historia Natural (1925). Inclúe a comunicación dun sistema inventado por el.
  • Artigo sobre unha instalación para fotomicrografiar co microscopio en calquera posición, principalmente inclinada, aparecido en Anales de la Sociedad Española de Física y Química (1925).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Necrolóxica en El País, 21 de febreiro de 1935, p. 1