Saltar ao contido

Becacina cabra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Becacina cabra
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Familia: Scolopacidae
Xénero: Gallinago
Especie: G. gallinago
Nome binomial
'Gallinago gallinago'
(Linnaeus, 1758)
Subespecies

G. g. faroeensis
G. g. gallinago

Sinonimia

Capella gallinago

A becacina, becacina cabra, cerreta [2] ou narcexa común, entre outros nomes, Gallinago gallinago (Linnaeus, 1758), é unha ave acuática duns 28 cm de lonxitude, dun peso duns 250 g e dunha apertura alar duns 49 cm. Este paxaro ten o peteiro máis longo de todos os da familia dos escolapácidos (Scolapacidae), e presenta unha plumaxe variada que vai dende cores marróns claras e escuras, raias lonxitudinais claras que percorren o corpo e franxas claras e escuras na zona da cabeza, sendo a parte inferior de cor clara e a cola barreada de cor negra e leonada rematada, como moitas das súas plumas, nunha franxa branca.

Características

[editar | editar a fonte]

Ten unha vida media duns 12 anos, e pódense recoñecer as súas pegadas de tres dedos no chan, sendo o do centro máis longo, e formando cos outros dous un ángulo de 60 graos.

Amosan distintos tipos de muda segundo o momento vital no que se atopan. Así temos unha muda prenupcial que inclúe as cobertoiras, cola, terciarias e plumas corporais. Tamén teñen unha muda postnucial que acontece os últimos meses do ano, e unha muda postxuvenil que inclúe o corpo, cola, as medianas e cobertoiras.

Distribución

[editar | editar a fonte]

A súa distribución é moi ampla, atopándose en case todo o planeta agás Oceanía. A area de aniñamento destas aves vai dende as zonas temperás e frías de Europa, Asia e América, ata zonas tropicais, o sur de África e case toda Suramérica. Na Península Ibérica podémola atopar aniñando en Galicia, Asturias e no Sistema Central, e como migrante ou invernante nas costas Atlánticas, Cantábricas e Mediterráneas en dous fluxos migratorios diferentes, atopándose tamén no resto da península.

Poboación en Galicia

[editar | editar a fonte]

A poboación indíxena en Galicia é escasa. Algunhas estimacións sitúana nunhas 100 parellas. A poboación migrante ou invernante é abondosa aínda que non foi cuantificada ata agora.

A becacina cabra prefire zonas achegadas á auga, en xeral zonas húmidas, xunqueiras, marismas, matogueiras, beiras dos ríos ou zonas encharcadas, incluso ás veces vive en zonas costeiras, aínda que foxe dos lugares con carrizo ou excesivamente cheos de auga.

Constrúe o seu niño nun pequeno burato cuberto de vexetación, normalmente tras unha matogueira que ten a función de ocultar o lugar da vista doutros paxaros depredadores de ovos.

Reprodución

[editar | editar a fonte]
Ovo de Gallinago gallinago

A becacina busca parella cada ano, e as femias que non atopan aparéanse con machos polígamos, que pasarán a defender dous territorios. Os ritos de apareamento son moi particulares e inclúen un vo de celo, facendo un picado e logo voltan a tomar altura de xeito súbito. Mentres fan o picado emiten un son empregando a plumaxe exterior da cola, e repiten o proceso, ás veces por máis de media hora.

A posta consta de 4 ovos duns 39 mm de lonxitude, e incúbanse durante uns 20 a 30 días entre maio e xuño. Ó nacer, os polos aliméntanse grazas aos esforzos dos proxenitores. Son nidífugos e ó redor dos 20 días deixan o niño e fanse independentes.

O peteiro longo sérvelle á becacina para introducilo na lama e movelo ata atopar un verme ou insecto. Pode penetrar ata 6 cm e comer mentres este está no interior da terra. Ademais a súa dieta pode completarse con caracois, pequenos anfibios e restos de plantas.

As ameazas son distintas segundo o tipo de poboación:

  • Para a poboación nidificante a principal ameaza está na destrución dos ecosistemas onde fan os niños e a diminución de espazos onde o ser humano non vai con frecuencia (lagoas, zonas húmidas etc.).
  • As ameazas para a poboación migrante son o incremento da caza incontrolada e a desaparición das zonas onde as aves repostan enerxías durante o transcurso da súa migración (zonas húmidas, lagoas, charcas etc.).

Galería de fotos

[editar | editar a fonte]
  1. BirdLife International (2012). "Gallinago gallinago". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. cerreta Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]