Barbara Hepworth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Barbara Hepworth
Barbara Hepworth (1966) by Erling Mandelmann.jpg
Nacemento10 de xaneiro de 1903
 Wakefield
Falecemento20 de maio de 1975
 St Ives
NacionalidadeReino Unido
Alma máterRoyal College of Art, Leeds Arts University e Wakefield Girls High School
Ocupaciónescultora e pintora
CónxuxeBen Nicholson
Coñecido/a porConversations with Magic Stones, Figure Three, Elegy III e Sea Form
PremiosDama comendadora da Orde do Imperio británico e Commander of the Order of the British Empire
editar datos en Wikidata ]

Dame Jocelyn Barbara Hepworth DBE, nada en Wakefield o 10 de xaneiro de 1930 e finada en St Ives o 20 de maio de 1975 foi unha escultora e artista inglesa. A súa obra é un exemplo do modernismo e particularmente a escultura moderna. Foi unha das poucas artistas femininas da súa xeración que acadou prominencia internacional.[1] Xunto con artistas como Ben Nicholson e Naum Gabo, Hepworth foi unha figura líder da colonia de artistas que residía en St Ives durante a segunda guerra mundial.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Jocelyn Barbara Hepworth naceu en 1903 en Wakefield, West Riding of Yorkshire, como a filla máis vella de Gertrude e Herbert Hepworth.[2] O seu pai era enxeñeiro civil para West Riding County Council, e en 1921 converteuse en County Surveyor.[2] Hepworth asistiu á Wakefield Girls' High School, onde recibiu premios de música aos doce anos, como indica Sophie Bowness en "Rhythm of the Stones: Barbara Hepworth and Music"[3][4] e gañou unha bolsa para estudar en Leeds School of Art a partir de 1920. Foi alí onde coñeceu ao seu compañeiro Henry Moore.[2] Fixéronse amigos e trabaron unha rivalidade amistosa que durou moitos anos. Hepworth foi a primeira que esculpiu as figuras furadas características da obra de ambos. Eles lideraron o camiño ao modernismo en escultura.

A pesar de intentar gañar unha posición nun ambiente dominado polos varóns,[5] Hepworth logrou unha bolsa para asistir á Royal College of Art (RCA) de Londres, onde estudou dende 1921 ata que obtivo o seu diploma en 1924.[6]

Inicio da carreira[editar | editar a fonte]

Tralos seus estudos en RCA, Hepworth viaxou a Florencia en 1921, cunha bolsa de West Riding.[1] Hepworth tamén foi finalista do Prix-de-Rome, que gañou o escultor John Skeaping.[1] Logo de viaxar con el a Siena e Roma, ambos casaron o 13 de maio de 1925 en Florencia.[2] En Italia, Hepworth aprendeu a tallar o mármore con Giovanni Ardini.[2] Hepworth e o seu home volveron a Londres en 1926, exhibindo as súas obras no seu piso.[2] En 1929 naceu en Londres o seu fillo Paul.[1]

Os seus primeiros traballos estaban interesados na abstracción e os movementos artísticos do continente. En 1933, viaxou con Ben Nicholson a Francia, onde visitaron os estudos de Jean Arp, Pablo Picasso e Constantin Brâncuşi.[2] Hepworth involucrouse máis tarde no movemento artístico con base en París, Abstraction-Création.<[7] En 1933, cofundou o movemento Unit One con Nicholson e Paul Nash, o crítico Herbert Read e o arquitecto Wells Coates.[8] O movemento buscaba unificar surrealismo e abstracción na arte británica.[8]

Hepworth tamén axudou a dar a coñecer artistas continentais entre o público británico. En 1937 fixo o deseño de Circle: An International Survey of Constructivist Art, libro de 300 páxinas sobre os artistas construtivistas publicado en Londres e editado por Nicholson, Naum Gabo e Leslie Martin.[9]

Hepworth casou con Nicholson o 17 de novembro de 1938 no rexistro de Hampstead, ao norte de Londres, despois de que este se divorciase da súa esposa Winifred.[10] A parella tivo trixéminos en 1934, Rachel, Sarah e Simon. Rachel e Simon convertéronse tamén en artistas. A parella divorciouse en 1951.[11]

St Ives[editar | editar a fonte]

Hepworth, Nicholson e os seus tres fillos foron a vivir a Cornualles co inicio da segunda guerra mundial en 1939.[12] Hepworth viviu nos estudios de Trewyn en St Ives dende 1949 ata a súa morte en 1975.[12] Dixo que "descubrir o estudio de Trewyn foi unha espicie de maxia. Aquí había un estudio, un patio e un xardín onde podía traballar ao aire libre e espazo".[12] St Ives convertérase nun refuxio para moitos artistas durante a guerra. O 8 de febreiro de 1949, Hepworth e Nicholson cofundaron a Penwith Society of Arts en Castle Inn; dezanove artistas foron membros fundadores, incluíndo Peter Lanyon e Bernard Leach.[13]

Hepworth foi tamén unha debuxante habilidosa. Despois de que a súa filla Sarah fose hospitalizada en 1944, trabou amizade co cirurxián Norman Capener.[14] Por invitación de Capener, asistiu a procementos cirúrxicos e entre 1947 e 1949 creou preto de oitenta debuxos de salas de operacións en xiz, tinta e lapis.[14][15] Hepworth estaba fascinada polas semellanzas entre cirurxiáns e artitas, afirmando: "Hai, paréceme, unha afinidade próxima entre o traballo e a estratexia dos médicos e os cirurxiáns, e os pintores e escultores".[14]

En 1950, a obra de Hepworth foi exhibida no pavillón británico da XXV Bienal de Venecia[2] xunto con traballos de Matthew Smith e John Constable.[16] A Bienal de 1950 foi a última en que se exhibiron artistas contemporáneos británicos xunto con artistas do pasado.[16] Dous encargos públicos, Contrapunctal Forms e Turning Forms, se expuxeron no Festival of Britain de 1951.

Durante este período, Hepworth cambiou de traballar só en pedra e madeira para traballar tamén con bronce e arxila.[12] Hepworth empregou habitualmente o seu xardín en St Ives, que deseñou co seu amigo o compositor Priaulx Rainier, para ver os bronces de grande escala.[12]

Morte do seu fillo[editar | editar a fonte]

O seu fillo máis vello, Paul, faleceu o 13 de febreiro de 1953 nun accidente de avión mentres servía na Royal Air Force en Tailandia.[17] Na igrexa parroquial de St Ives existe un memorial na súa memoria, Madonna and Child.[18]

Agotada, en parte pola morte do seu fillo, Hepworth viaxou a Grecia coa súa amiga Margaret Gardiner en agosto de 1954.[17] Visitaron Atenas, Delfos e moitas illas do Exeo.[17]

Cando Hepworth volveu a St Ives, descubriu que Gardiner lle enviara un gran cargamento de madeira de guarea nixeriana.[17] A pesar de que só recibiu un tronco, Hepworth viu que a carga dende Nixeria ata os peiraos de Tilbury era de dezasete toneladas.[17] Entre 1954 e 1956 Hepworth esculpiu seis pezas coa madeira de guarea, moitas delas inspiradas pola súa viaxe a Grecia, como "Corinthos" (1954) e "Curved Form (Delphi)" (1955).[17]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

A artista incrementou enormemente o espazo do seu estudio cando adquiriu o Palais de Danse, estudio de cinema e danza ao outro lado da rúa en Trewyn en 1960. Empregou este novo espazo para traballar en encargos a grande escala.[19]

Hepworth tamén experimentou coa litografía ao final da súa carreira. Creou dúas series litográficas coa Curwen Gallery e o seu director Stanley Jones, unha en 1969 e outra en 1971.[20] A primeira titulouse "The Aegean Suite" (1971) e estaba inspirada pola viaxe a Grecia en 1954 con Margaret Gardiner.[21] A artista tamén creou unha serie de litografías titulada "Opposing Forms" (1970) coa Marlborough Fine Art de Londres.[21]

Barbara Hepworth faleceu nun incendio accidental no seu estudio de Trewyn o 20 de maio de 1975 aos 72 anos.[22]

Recoñecemento[editar | editar a fonte]

Hepworth recibiu en 1959 o Grand Prix da Bienal de São Paulo.[1] Tamén recibiu o premio Freedon de St Ives en 1968 como recoñecemento das súas fundamentais contribucións á cidade.[1] Recibiu graos honoríficos de Birmingham (1960), Leeds (1961), Exeter (1966), Oxford (1968), Londres (1970) e Manchester (1971).[10] Foi nomeada CBE en 1958 e DBE en 1965.[10] En 1973 foi elixida membro honoraria da American Academy of Arts and Letters.[23]

Trala súa morte, o seu fogar e estudio en St Ives converteuse no Barbara Hepworth Museum, que dende 1980 está baixo control da Tate.[1]

En 2011 abriu The Hepworth Wakefield no seu fogar de Wakefield. O museo foi deseñado polo arquitecto David Chipperfield.[24]

En xaneiro de 2015 anunciouse que a Tate Britain ía organizar a primeira grande exposición en Londres da obra de Hepworth dende 1968. Traería máis de 70 das súas obras, incluíndo as principais tallas e bronces polas que é célebre. Incluiría tamén fotografías inéditas do arquivo de Hepworth, como un autorretrato en fotograma creado na década de 1930 e collages fotográficos experimentais.[25]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Gale, Matthew "Artist Biography: Barbara Hepworth 1903–75" Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Barbara Hepworth: Biography. Hepworth Estate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014
  3. Barbara Hepworth: Centenary. Tate Publishing. 2003. p. 25. ISBN 1-85437-479-6. 
  4. Hepworth, Barbara (1970). Barbara Hepworth: A Pictorial Autobiography (1.ª ed.). Nova York: Praeger Publishers. LCCN 73-99496. 
  5. Festing, Sally (1995). Barbara Hepworth: A Life of Forms. pp. xviii, 24. 
  6. "Barbara Hepworth". Cornwall County Council. 2007. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2007. Consultado o 1 de febreiro de 2014. 
  7. "Abstraction-Création". Encyclopædia Britannica. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  8. 8,0 8,1 Paul Nash: Modern artist, ancient landscape: Room guide: Unit One: 'A Contemporary Spirit'. Tate Liverpool. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  9. Barbara Hepworth: Single Form 1961. Peggy Guggenheim Collection, Venice. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  10. 10,0 10,1 10,2 Bowness, Alan ([n.d.]). Life and Work. Hepworth Estate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  11. Riggs, Terry "Artist Biography: Ben Nicholson OM 1894–1982" Tate, Consultado o 29 de xaneiro de 2014.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 About Barbara Hepworth Museum and Sculpture Garden. Tate St Ives. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  13. Penwith Society. Cornwall Artists Index. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  14. 14,0 14,1 14,2 "Barbara Hepworth: The Hospital Drawings 27th November 2012". pallant.org.uk. Pallant House Gallery. Consultado o 11 de febreiro de 2016. 
  15. Hepburn, Nathaniel (3 de setembro de 2013). Barbara Hepworth: The Hospital Drawings. Nova York, NY: Tate. ISBN 978-1-84976-165-9. 
  16. 16,0 16,1 "Timeline: 1950 Group show". British Pavilion in Venice. British Council. Arquivado dende o orixinal o 8 de febreiro de 2014. Consultado o 25 de febreiro de 2014. 
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 17,5 Stephens, Chris (1998). Dame Barbara Hepworth: Two Figures (Heroes) 1954. Tate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  18. "Selected sculptures: Madonna and Child". Hepworth Estate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014. 
  19. Bowness, Sophie. St Ives. Hepworth Estate. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  20. Behrman, Pryle. "Fifty Years at the heart of British Printmaking" Arquivado 19 de febreiro de 2014 en Wayback Machine. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  21. 21,0 21,1 "Barbara Hepworth: Graphic works 26 April 2013 – 7 February 2014". hepworthwakefield.org. The Hepworth Wakefield. Arquivado dende o orixinal o 8 de maio de 2013. Consultado o 11 de febreiro de 2016. 
  22. Bowness, Sophie. "Biography". barbarahepworth.org.uk. Sophie Bowness. Consultado o 11 de febreiro de 2016. 
  23. Deceased Members: Deceased Foreign Honorary Members Arquivado 26 de xullo de 2011 en Wayback Machine.. American Academy of Arts and Letters. Consultado o 31 de xaneiro de 2014.
  24. "Our gallery". hepworthwakefield.org. The Hepworth Wakefield. Arquivado dende o orixinal o 28 de xaneiro de 2016. Consultado o 11 de febreiro de 2016. 
  25. Brown, Mark. "Tate Britain brings Barbara Hepworth out of the shadows and back in focus". The Guardian. Consultado o 23 de xaneiro de 2015. 
  26. "Corinthos 1954–5". UK: Tate Gallery. Consultado o 5 de agosto de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]