Baltasar Lobo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaBaltasar Lobo

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento22 de febreiro de 1910 Editar o valor em Wikidata
Cerecinos de Campos, España Editar o valor em Wikidata
Morte4 de setembro de 1993 Editar o valor em Wikidata (83 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Montparnasse Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Lugar de traballo París (1939–1993)
Madrid Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónescultor Editar o valor em Wikidata
Xénero artísticoArte abstracta Editar o valor em Wikidata
MovementoArte abstracta Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
IrmánsVisitación Lobo Editar o valor em Wikidata
Premios

Find a Grave: 15887580 Editar o valor em Wikidata
Baltasar Lobo, Madrid, decembro de 2008
Baltasar Lobo, Madrid, decembro de 2008
Maternidade, Cidade Universitaria de Caracas
Monumento ao poeta León Felipe (Zamora, 1984)
Nai e Neno (1980), Zamora

Baltasar Lobo Casquero, nado en Cerecinos de Campos (Zamora) o 22 de febreiro de 1910 e finado en París o 4 de setembro de 1993, foi un debuxante e escultor español, moi coñecido polas súas composicións que representan nais e fillos.[1]

Zamorano de nacemento, exiliouse ao termo da Guerra civil española en 1939 a París, onde a súa escultura tivo influencias de Constantin Brâncuși, Hans Arp e Henri Laurens. A obra de Baltasar Lobo foi exposta na Galerie Vendôme na Rue de la Paix, xunto coa de artistas como Henri Matisse, Fernand Léger, Maurice Utrillo e Pablo Picasso.

En 2007 inaugurouse en Zamora o Museo Baltasar Lobo.[2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Baltasar Lobo naceu no seo dunha familia humilde. Xa desde a infancia, a súa espontánea habilidade para o debuxo e o modelado, así como a súa temperá e decidida vocación artística, dirixiron os seus pasos polo camiño da escultura. Con doce anos entrou como aprendiz no taller do escultor-imaxineiro Ramón Núñez en Valladolid, á vez que se iniciaba como modelador na Escola de Artes e Oficios. Grazas a unha bolsa de estudos, en 1927 puido continuar a súa formación na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid e especializouse na talla directa da madeira e o mármore. Na capital tamén puido asistir ás clases do Círculo de Belas Artes. Durante eses anos descubriu con admiración a obra dos grandes artistas españois do momento: Pablo Picasso, Salvador Dalí, Joan Miró ou Pablo Gargallo, entre outros.[4]

En 1936 a súa esposa Mercè Comaposada i Guillén, Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch y Gascón fundaron a revista Mujeres Libres, o órgano de expresión da organización Mujeres Libres a prol da liberación da muller obreira. A revista, escrita por e para mulleres, vetou a colaboración de homes, coa excepción de Baltasar Lobo, ilustrador e maquetista da publicación.[4][5]

Durante a Guerra Civil apaixonouse polo ideario do anarquismo. Adheriuse á CNT e debuxou para numerosas publicacións ácratas da época.[4]

Ao final da guerra en 1939 exiliouse en Francia coa súa esposa. Movéronse por varias cidades francesas até fixaren a súa residencia definitiva en París. Axiña estabeleceu amizade con Pablo Picasso e co escultor Henri Laurens. Traballou no taller deste último durante algúns anos e del tomou o interese por simplificar as formas e a afección polos volumes curvilíneos, así como o seu concepto de estruturación poscubista da escultura.

Durante a década de 1940 foi perfilando o seu estilo. Comezou cunha figuración moi simplificada en relación coas formas populares e con certo carácter arcaico —como en Ídolo (1941) ou Campesiña (1942)—, para continuar por camiños de crecente abstracción e depuración das formas. O seu desexo por indagar no espido feminino traduciuse nunha iconografía repleta de bañistas e maternidades, e máis adiante nos centauros e as ninfas. Así, a partir dos anos 50 perfilouse un estilo xa maduro, cunha linguaxe propia e inequívoca. Reúne nas súas esculturas a rotundidade de volumes cunha gran perfección no modelado das formas, especialmente elocuente nas pezas realizadas en mármore e bronce puídos. O escultor aproveita a plasticidade táctil e luminosa deses materiais até obter obras radiantes, dotadas dunha belísima e oscilante transparencia interior. Bo exemplo son Levante (1962) e Ao sol (1970).[4]

O sentido monumental da súa obra alcanzou a súa plenitude con dúas esculturas urbanas baseadas en espidos masculinos: Aos españois mortos pola liberdade (1948), monumento en pedra na cidade de Annecy,[6] e Homenaxe ao poeta León Felipe (1983), bronce situado en Zamora.[7]

A diferenza do que sucedeu en España, a obra de Lobo axiña tivo unha importante difusión en Francia. Percorreu tamén galerías e museos de cidades como Praga, Bruxelas, Luxemburgo, Zúric, Caracas ou Toquio. Este feito outorgoulle desde os anos 70 un lugar destacado na escultura contemporánea europea.

Até 1960, en que o Museo de Arte Contemporánea de Madrid organizou unha retrospectiva sobre a súa obra, o escultor zamorano non puido reencontrarse co seu público, para o que pasara demasiado tempo desapercibido. Posteriormente a Galería Theo de Madrid seguiu de cerca a traxectoria do artista. Por medio de Benjamín Palencia coñeceu, contra 1970, ao poeta e emprendedor no mármore Francisco Pastor Pérez. Este ofreceulle a Lobo a oportunidade de traballar o mármore vermello de Alacant no seu taller de Novelda, onde pasou longas tempadas durante anos e realizou parte da súa produción.[8]

Baltasar Lobo foi un dos artistas que contribuíron ao proxecto da Cidade Universitaria de Caracas e fixo as ilustracións para a versión inglesa da obra Platero e mais eu de Juan Ramón Jiménez. O seu recoñecemento internacional traduciuse tamén en numerosos premios e distincións, como o Premio André Susse de Escultura (1958), o Premio Jacques Lenchener (1974), o Premio Oficial das Artes e as Letras de Francia (1981), a Orde Andrés Bello do Goberno de Venezuela (1989) e a Medalla de Ouro Susse Fréres Fondeul.

Na década de 1980 estreitáronse os seus lazos coa súa terra natal. En 1984 celebrou a súa primeira exposición en Zamora. En 1986 a VIII Bienal da cidade dedicoulle unha sala en homenaxe á súa traxectoria artística. Os galardóns en España chegaron tamén nesa década. En 1984 recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas de España e, en 1985, o Premio de Castela e León das Artes.[9]

Baltasar Lobo morreu en 1993 e foi enterrado en París no Cemiterio de Montparnasse. Nese momento estaba a preparar, en colaboración con diversas entidades públicas e financeiras, un ambicioso proxecto museográfico para a exhibición e estudo da súa obra na capital zamorana.[9] Grazas ao Padroado Baltasar Lobo púidose gozar dunha exposición permanente de parte da súa obra na igrexa románica de San Esteban, acondicionada de xeito provisional. No entanto, rehabilitouse o Castelo de Zamora, o destino definitivo do Museo Baltasar Lobo, que se inaugurou en 2007.

En 2018 estreouse La soledad del escultor, un documental sobre Baltasar Lobo.[10]

Exposicións[editar | editar a fonte]

En outubro de 2008 realizouse unha exhibición temporal das súas esculturas no Paseo do Prado, Madrid.[9]

O Institut Valencià d'Art Modern (IVAM) presentou unha exposición con máis de cen obras do artista. A mostra tivo lugar en Valencia entre o 15 de marzo e o 1 de maio de 2011.[11]

A Galería Freites de Caracas (Venezuela) acolleu a exposición «Baltasar Lobo íntimo» en marzo de 2022.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mazón Juárez, Jose Ángel; Gómez, Pablo (febreiro de 2015). "Baltasar Lobo Casquero". Escultura Urbana (en castelán). ISSN 1988-5954. Arquivado dende o orixinal o 4 de outubro de 2018. 
  2. "Museo Baltasar Lobo" (en castelán). 
  3. Camazón, Alba (26 de febreiro de 2021). "El museo de un escultor anarquista y republicano de Zamora que acoge un edificio de la Iglesia". elDiario.es (en castelán). Consultado o 19 de decembro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Soler, Milagros. "Baltasar Lobo Casquero: un escultor anarquista en las calles de Andalucía". Cultura en Andalucía (en castelán). 
  5. Rodrigo, Antonina (2002). Una mujer libre. Amparo Poch y Gascón, médica y anarquista. Flor del Viento Ediciones. p. 300. ISBN 84-89644-76-4. 
  6. García Martín, Javier (3 de novembro de 2021). "A los españoles muertos por la libertad". Zamorateca (en castelán). 
  7. García Martín, Javier (23 de marzo de 2021). "Hombre adámico". Zamorateca (en castelán). 
  8. «Lobo pasou longas tempadas en Novelda, até case o final dos seus días. O escultor namorouse do mármore vermello de Alacant e, por medio de Benjamín Palencia, coñeceu a Paco Pastor, quen lle acondicionou un taller na súa fábrica de Novelda, onde faría unha magnífica produción artística». Guillermina Perales, «Paco Pastor, un hombre de la cultura». Información (Alacant, 22 de agosto de 2012).
  9. 9,0 9,1 9,2 "La Cuesta de Moyano y el Paseo del Prado acogen una exposición de Baltasar Lobo". Madridiario (en castelán). 6 de outubro de 2008. Consultado o 19 de decembro de 2023. 
  10. Pérez, Alicia (26 de setembro de 2018). "Un documental descubre a un fascinante Baltasar Lobo a los 25 años de su muerte". El Norte de Castilla (en castelán) (Zamora). Consultado o 19 de decembro de 2023. 
  11. "Antológica de Baltasar Lobo en el IVAM". Hoy es Arte (en castelán). 15 de marzo de 2011. Arquivado dende o orixinal o 16 de marzo de 2011. Consultado o 19 de decembro de 2023. 
  12. García Martín, Javier (7 de marzo de 2022). "«Baltasar Lobo íntimo», exposición en Venezuela". Zamorateca (en castelán). Consultado o 19 de decembro de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]