Arnoglossus thori

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Arnoglossus thori
Rapapelos, rapapelos punteado, rascón de Thor
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Acanthopterygii
Orde: Pleuronectiformes
Suborde: Pleuronectoidei
Familia: Bothidae
Xénero: Arnoglossus
Especie: A. thori
Nome binomial
Arnoglossus thori
Kyle, 1913 [1]

Arnoglossus thori é unha especie de peixe teleósteo da orde dos pleuronectiformes, suborde dos pleuronectoideos e familia dos bótidos,[1] coñecida en galego como rapapelos,[2] rapapelos punteado ou rascón de Thor.[3]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1913 polo naturalista Kyle.[1]

Ademais de seu nome orixinario, e actualmente válido, ao longo da historia foi coñecido polos seguintes sinónimos:[1]

  • Arnoglossus moltoni Torchio, 1961
  • Arnoglossus moltonii Torchio, 1961
  • Kyleia thori (Kyle, 1913)
  • Pleuronectes grohmanni Bonaparte, 1837

Características[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas desta especie son:[2][4]

  • Corpo ovalado, moi deprimido, de até os 18 cm de lonxitude como máximo, aínda que os que de poden ver nos mercados roldan os 12 cm.
  • Ollos pequenos, situados no lado esquerdo da cabeza, separados por unha crista ósea nos individuos xuvenís, pero que se fai cóncava e estreita nos adultos. O ollo inferior está un pouco adiantado con respecto ao superior.
  • Boca armada con dentes pequenos, subiguais.
  • Liña lateral cunha marcada curva sobre a aleta pectoral.
  • Aleta dorsal con de 81 a 93 raios (brandos), e a anal con de 57 a 69 raios (igualmente brandos).
  • O segundo raio da aleta dorsal é moi alongado, cunha membrana ampla de cor escura, con flocos. Os primeiros 3 ou 4 raios da aleta aleta dorsal xeralmente negros nos adultos, pero só o segundo raio, o alongado, é escuro nos espécimes inmaturos.
  • O pedúnculo caudal é case inexistente, e a aleta caudal é arredondada.
  • Coloración, no lado pigmentado, gris cinza apardazada, con máis ou menos puntos escuros; xeralmente presenta unha mancha escura ao final da curvatura da liñá lateral, e outra ao final da parte recta; normalmente, ten unha serie de puntos escuros ao longo da base da aleta caudal.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Hábitat

É unha especie mariña, bentónica, demersal, que vive a profundidades superiores aos 100 m, sobre fondos areosos e lamacentos da plataforma continental.[2][4]

Distribución

Distribúese polas costas do Atlántico oriental entre os 43° N e os 6° N, e entre os 26° W e os 42° E, desde Irlanda até Serra Leoa e as illas do Cabo Verde, e tamén habita no mar Mediterráneo até o mar Negro.[4]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Nutrición

Aliméntase de pequenos peixes e invertebrados bentónicos.[2][4]

Reprodución

Reprodúcese durante os meses de abril a xullo.[2]

Pesca[editar | editar a fonte]

O rapapelos estreito é un peixe comestíbel, pescándose activamente nas zonas onde vive.[3]

Galicia[editar | editar a fonte]

O primeiro rexistro desta especie en Galicia fíxoo De Buen en 1935, no seu traballo "Fauna ictiológica. Catálogo de los peces ibéricos de la planicie continental, aguas dulces, pelágicos y de los abismos próximos, I parte", Not. y Res. Inst. Esp. Ocean. 82: 89-148, no que o cita como Kyleia thori. Posteriormente foi rexistrado en 1991 por E. González Gurriarán, L. Ferrnández, J. Freire, R. Muiño e M. Rodríguez Solórzano en "Estructura de la comunidad megabentónica (crustáceos decápodos -Brachyura-y peces demersales) de la Ría de Ferrol (NW de España)!, Bol. Inst. Esp. Ocean. 7 (2): 89-100.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Arnoglossus thori Kyle, 1913 no WoRMS.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 Rodríguez Villanueva, X. L.; Xavier Vázquez e Henrique Álvarez Escudero (1995): Peixes do mar de Galicia (III). Peixes óseos (continuación). Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-870-2, pp. 296-297.
  3. 3,0 3,1 Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia / Termigal. ISBN 84-453-2913-8, p. 79.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Froese, R. & D. Pauly, editors (2015): Arnoglossus laterna (Walbaum, 1792) en FishBase.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Aldebert, Y.; M. Desoutter & J.-C. Quéro (1990): "Bothidae". En J. C. Quéro, J. C. Hureau, C. Karrer, A. Post & L. Saldanha, eds. Check-list of the fishes of the eastern tropical Atlantic (CLOFETA). JNICT, Lisboa; SEI, París; e UNESCO, París. Vol. 2. pp. 1027-1036.
  • Fenner, Robert M. (2001): The Conscientious Marine Aquarist. Neptune City, New Jersey, USA: T.F.H. Publications.
  • Moyle, P. & J. Cech (2000): Fishes: An Introduction to Ichthyology, 4ª edición, Upper Saddle River, New Jersey, USA: Prentice-Hall.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. Nova York: John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]