Alvin Langdon Coburn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alvin Langdon Coburn
Autorretrato, 1906
Nacemento11 de xuño de 1882
 Boston, Massachusetts
Falecemento23 de novembro de 1966 (84 anos)
 Rhos-on-Sea, Gales
Áreafotografía
NacionalidadeReino Unido, Estados Unidos de América e Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda
editar datos en Wikidata ]

Alvin Langdon Coburn, nado o 11 de xuño de 1882 en Boston, Massachusetts e finado o 23 de novembro de 1966, foi un fotógrafo de principios do século XX que se converteu nunha figura clave no desenvolvemento do pictorialismo estadounidense. Foi o primeiro gran fotógrafo en salientar o potencial visual de puntos de vista elevados e posteriormente realizou algunhas das primeiras fotografías completamente abstractas.

Biografía[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Coburn naceu o 11 de xuño de 1882 no 134 da East Springfield Street de Boston, Massachusetts, nunha familia de clase media. Seu pai, que fundara a exitosa firma Coburn & Whitman Shirts, morreu cando Alvin tiña sete anos. Despois diso foi criado en solitario pola súa nai, Fannie, que foi a súa principal influencia nos seus primeiros anos de vida, a pesar de que volveu casar cando era adolescente. Na súa autobiografía Coburn escribiu, "Miña nai foi unha muller excepcional cun carácter moi forte que intentou dominar a miña vida... Foi unha batalla real todos os días da nosa vida xuntos".[1]

En 1890 a familia visitou os seus tíos maternos nos Ánxeles, e estes regaláronlle unha cámara Kodak 4 x 5. Alvin namorouse inmediatamente dela, e nuns poucos anos desenvolveu un talento extraordinario tanto en composición visual como en dominio técnico na habitación escura. Canto tiña 16 anos, en 1898, coñeceu ao ser curmán F. Holland Day, que xa era un fotógrafo recoñecido internacionalmente cunha influencia considerable. Day recoñeceu o talento de Coburn e foi o seu mentor e animouno a tomar a fotografía como a súa carreira.

A finais de 1899 a súa nai e mais el mudáronse a Londres, onde se atoparon con Day. Day fora convidado pola Royal Photographic Society a seleccionar impresións dos mellores fotógrafos estadounidenses para unha mostra na cidade. Levou máis dun cento de fotografías con el, incluídas nove de Coburn (que nese momento tiña só 17 anos). Coa axuda do seu curmán a carreira de Coburn deu un primeiro paso xigantesco.

Subida cara a fama[editar | editar a fonte]

"Spider-webs", por Alvin Langdon Coburn, 1908.

As imaxes de Coburn na Royal Photographic Society chamaron a atención doutro importante fotógrafo, Frederick H. Evans, que fora un dos fundadores da Linked Ring, unha asociación de fotógrafos artísticos considerada a máxima autoridade da estética fotográfica. No verán de 1900 Coburn foi convidado a expoñer con el, feito que aumentou a súa categoría entre algúns dos fotógrafos máis elitistas da época.

En 1901 Coburn viviu en París durante uns meses polo que puido estudar cos fotógrafos Edward Steichen e Robert Demachy. Xunto coa súa nai viaxaría por Francia, Suíza e Alemaña o resto do ano.

Cando regresaron aos Estados Unidos en 1902 Coburn comezou a estudar co afamado fotógrafo Gertrude Kasebier en Nova York. Abriu un estudio fotográfico na Quinta Avenida pero pasou moito do seu tempo nese ano estudando con Arthur Wesley Dow na súa escola de arte de Massachusetts. Ao mesmo tempo, a nai continuou promocionando ao seu fillo cando podía. Stieglitz unha vez dixo nunha entrevista, "Fannie Coburn dedicou moita enerxía tentando convencer tanto a Day como a min de que Alvin era mellor fotógrafo que Steichen".[2]

O ano seguinte Coburn foi elixido como asociado da Linked Ring, converténdose nun dos membros máis novos dese grupo e un dos poucos estadounidenses en pertencer a el. En maio tivo a súa primeira exposición individual no Camera Club de Nova York, e en xullo Stieglitz publicou un dos seus fotogravados no número 3 de Camera Work.

En 1904 Coburn regresou a Londres cunha comisión da The Metropolitan Magazine para fotografar aos principais artistas e escritores ingleses, como G.K. Chesterton, George Meredith ou H.G. Wells. Durante esta viaxe visitou o renomeado pictorialista J. Craig Annan en Edimburgo e realizou estudos de motivos fotografados polos pioneiros fotógrafos Hill e Adamson.[3] Seis imaxes máis súas foron publicadas no número 6 de Camera Work (abril de 1904). En 1905 fotografaría ao artista estadounidense Leon Dabo.

Coburn permanecería en Londres durante 1905 e gran parte de 1906, realizando retratos e paisaxes por toda Inglaterra. Fotografou a Henry James para a revista The Century e regresou a Edimburgo para unhas series que el pensou como visualizacións das Edimburgh: Picturesque Notes de Robert Louis Stevenson.

Período simbolista[editar | editar a fonte]

"Bernard Shaw", por Alvin Langdon Coburn. Publicada no nº 21 de Camera Work, 1908

Os anos 1906-7 foron algúns dos máis prolíficos e importantes para Coburn. Comezou 1906 tendo exposicións individuais na Royal Photographic Society (acompañada por un catálogo cun prefacio de George Bernard Shaw) e na Liverpool Amateur Photographic Association. En xullo foron publicados cinco fotogravados máis no número 15 de Camera Work. Ao mesmo tempo comezou a estudar impresión por fotogravado na London County Council School of Photo-Engraving. Foi durante esta época cando Coburn realizou un dos seus retratos máis famosos, o de George Bernard Shaw posando nu como O pensador de Rodin.

No verán navegou ao redor do Mediterráneo e viaxou a París, Roma e Venecia no outono mentres traballaba en frontispicios para unha edición estadounidense das novelas de Henry James. Mentres estaba en París viu as impresións en cor Autochrome de Steichen e aprendeu o proceso por el mesmo.

Cara 1907 Coburn estaba tan ben establecido na súa carreira que Shaw chamouno "o fotógrafo máis grande do mundo", aínda que tan só tiña 24 anos nese momento.[4] O seu éxito continuou cunha mostra individual na prestixiosa galería de Stieglitz Little Galleries of the Photo-Secession de Nova York, e organizando unha exibición internacional de fotografía na New English Art Galleries de Londres. A petición do coleccionista de arte estadounidense Charles Lang Freer, Coburn regresou brevemente aos Estados Unidos polo que puido fotografar a gran colección de arte oriental de Freer e impresións de Whistler. Coburn quedou cativado polo “exótico” estilo dos artistas orientais, e este comezou a influír tanto na súa forma de pensar como na súa fotografía.

"Rodin", por Alvin Langdon Coburn. Publicada no nº 21 de Camera Work, 1908

En xaneiro de 1908 foron publicadas 2 fotografías máis de Coburn no número 21 de Camera Work. Curiosamente, nesa mesma edición había un artigo anónimo que contiña algunhas palabras duras cara a el:

"Coburn ten sido un neno favorecido ao longo da súa carreira... Ningún outro fotógrafo ten sido tan extensivamente explotado ou tan xeralmente eloxiado. El goza de todo; divírtese coas conflitivas opinóns sobre el e a súa obra, e, ao igual que todos os individuos fortes, é consciente de que sabe mellor o que quere e que o leva cara aí. Estar falando diso é a súa única recreación".[5]

O autor foi probablemente Stieglitz, que ás veces gozaba tanto promocionando como castigando a un fotógrafo, especialmente se sentía que a persoa se estaba volvendo demasiado fachendosa. A crítica non pareceu ter un efecto a longo prazo na súa relación, xa que ámbolos dous continuaron sendo os amigos durante moitos anos.

Na primavera Coburn tivo outra mostra individual, desta vez nas Goupil Galleries de Nova York. Pouco despois escribiu a Stieglitz, "A impresión é agora case toda en grises... penso que é unha reacción ás autocromas..."[3] No verán visitou Dublín, onde realizou retratos de W.B. Yeats e George Moore. Continuou as súas viaxes ese ano con visitas a Bavaria e os Países Baixos.

O ano seguinte Stieglitz deulle a Coburn a súa segunda exposición individual na súa galería, que nese tempo era coñecida só como "291". Outro signo da prominencia de Coburn nesa época foi que Stieglitz só realizara dúas mostras a outro fotógrafo, a Edward Steichen. De volta a Londres, Coburn mercou unha nova casa cunha grande área de estudo onde instalou dúas prensas de impresión. Procedeu a usar as habilidades que aprendera no County Council School para publicar un libro das súas fotografías chamado London.

Coburn regresou aos Estados Unidos en 1910, exhibindo 26 impresións na Albright-Knox Art Gallery de Buffalo, Nova York. Comezou a viaxar extensamente polo país o ano seguinte, indo a Arizona a fotografar o Gran Canón e a California para tomar fotos no Parque nacional de Yosemite. Regresou a Nova York en 1912 e realizou unha serie de novas fotos que publicou no seu libro New York. Foi durante este período cando fixo algunhas das súas fotografías máis famosas dende puntos de vista elevados, incluída a súa imaxe máis coñecida, Octopus.

Mentres estaba en Nova York coñeceu e casou con Edith Wightman Clement o 11 de outubro de 1912. En novembro Coburn e a súa muller regresaron a Inglaterra, e despois de 33 cruces transatlánticos non regresaría nunca máis aos Estados Unidos.[3]

Exploracións[editar | editar a fonte]

Coburn continuou construíndo a súa fama publicando o que se convertería no seu libro máis famoso, Men of Mark, en 1913. O libro conta con 33 fotogravados de importantes autores, artistas e estadistas europeos e estadounidenses, como Henri Matisse, Henry James, Auguste Rodin, Mark Twain, Theodore Roosevelt e W. B. Yeats. No prefacio do libro di:

"Para realizar fotografías satisfactorias de persoas para min é preciso que me gusten, ou polo menos estar interesado nelas. É bastante curioso e difícil de explicar exactamente, pero se non me gusta o meu suxeito seguro que iso se reflectirá no retrato resultante. Pensei en utilizar 'Men of Genius' como título para este libro, pero Arnold Bennett obxectou seriamente, dicindo, moi modestamente, que el non se consideraba a si mesmo un home de xenio, senón sinxelamente un autor dun traballo, e rexeitou absolutamente unirse á multitude a menos que o cambiase, polo que lle dixen que se me daba un mellor usaríao. 'Men of Mark' foi a súa alternativa."[6]

En 1915 Coburn organizou a exposición "Old Masters of Photography", mostrada na Royal Photographic Society de Londres e na Albright-Knox Art Gallery dos Estados Unidos. A mostra incluía moitas impresións históricas da propia colección de Coburn.

O seguinte ano ocorreron dous acontecementos fundamentais na súa vida. Coñeceu a George Davison, un compañeiro fotógrafo e filántropo que estaba involucrado na teosofía e a masonería. Este iniciouno nun camiño de estudo do misticismo, ideais metafísicos e druidismo. Finalmente dedicaría gran parte da súa vida a estes estudos, renunciando á fotografía como seu interese primario.

Coñeceu a Ezra Pound, que o introduciu no vorticismo un movemento da arte británica de curta vida. Esas novas estéticas visuais intrigaron a Coburn e, provocado pola súa crecente busca espiritual, comezou a reexaminar o seu estilo fotográfico. Respondeu facendo un retrato audaz e distintivo de Pound, mostrando tres imaxes de diferentes tamaños superpostas. Nun breve período de tempo moveuse da súa viaxe semirepresentativa cara a unha serie de imaxes abstractas que están entre as primeiras fotografías completamente non representativas realizadas.

Para facer esas imaxes Coburn inventou un instrumento semellante ao calidoscopio con tres espellos suxeitos xuntos, que cando se axustaban sobre a lente da cámara podían reflectir e fracturar a imaxe. Pound chamou a este instrumento "vortoscopio" e ás fotografías resultantes "vortografías".[7] El fixo só unhas 18 vortografías diferentes, tomadas nun período de aproximadamente un mes, porén, seguen estando entre as imaxes máis impactantes da fotografía de principios do século XX.

En 1917 tivo unha mostra de vortografías no Camera Club de Londres. Recentemente comezara a pintar, no que Ezra Pound chamou estilo postimpresionista, e a combinación de pinturas de 'segunda categoría' xunto coas súas infrecuentes fotografías recibiu recensións variadas. A Stieglitz particularmente non lle gustou o cambio na imaxinería de Coburn, e rexeitou varias impresións para unha mostra que estaba preparando.

Dende 1919 ata 1921 Coburn involucrouse cada vez máis cos masóns, acadando o título de Royal Arch Mason. Tamén se uniu á Societas Rosicruciana e adentrouse aínda máis nos estudos metafísicos.

En 1922 Coburn regresou brevemente ás súas raíces cando publicou More Men of Mark,[8] un segundo libro de retratos que fixera máis de dez anos antes. Este volume incluía fotografías inéditas entre as que había imaxes de Pound, Thomas Hardy, Frank Harris, Joseph Conrad, Israel Zangwill e Edmund Dulac.

Devoción espiritual[editar | editar a fonte]

En 1923 Coburn coñeceu a un home que se convertería nunha grande influencia para el o resto da súa vida. Ese home era o líder da Orde Universal, un grupo relixioso comparativo que xurdiu da Orde da Sabedoría Ancestral, e que baixo o nome Sociedade da Verdade Hermética organizou conferencias públicas e elaborou a revista trimestral The Shrine of Wisdom. A identidade do home, descrito como un ser grande e bo en todos os sentidos, era coñecida por Coburn, pero mantida en segredo para calquera que non estivera na orde debido ás estritas doutrinas de anonimato da sociedade.[4] Había algo nel que tocou a fibra sensible de Coburn, e "a solidez de Coburn como cidadán e o decrecemento de todas as súas ambicións mundanas a partir de entón debeuse á súa influencia directa".[4]

Ao longo dos anos 20 e 30 Coburn comprometeuse completamente coas crenzas da Orde Universal, que eran descritas na revista The Shrine of Wisdom como dedicadas á "filosofía sintética, relixión e misticismo".[9] O seu profundo interese polo misticismo, e especialmente a masonería, ía ocupar a meirande parte do resto da súa vida. Coburn investigou moito a historia da masonería, ademais de aspectos do ocultismo e o misticismo. Presentou numerosas conferencias baseadas nas súas conclusións en tertulias masónicas, viaxando intensamente por toda Inglaterra e Gales. Tamén tivo un interese particular en rituais cerimoniais, e nas súas orixes e simbolismo.[10]

En 1927 foi nomeado Ovate of the Welsh Gorsedd, ou consello de druídas, e tomou o nome galés "Maby-y-Trioedd" (fillo das tríadas).

En 1928 morreu a súa nai. Ela fora unha grande influencia para el gran parte da súa vida, e a súa morte foi un sinal máis da que a súa nova devoción aos intereses relixiosos era o camiño correcto para el.

Vida posterior[editar | editar a fonte]

Placa azul na súa casa de Harlech, Gales do Norte

Cara 1930 Coburn perdera case todo o seu interese pola fotografía. Decidiu que o seu pasado era de pouca utilidade para el nese momento, e cara ao verán destruíu ao redor de 15.000 negativos, case toda a súa obra. Ese mesmo ano doou a súa extensa colección de fotografías contemporáneas e históricas á Royal Photographic Society.

Un ano despois escribiu a súa derradeira carta a Stieglitz, e dende entón só fixo unhas poucas fotografías. Ironicamente, xusto cando rompeu case completamente coa fotografía Coburn foi elixido membro honorario da Royal Photographic Society.

Despois de vivir en Inglaterra durante case vinte anos, Coburn finalmente converteuse en cidadán británico en 1932.

En 1945 trasladouse da súa casa en Harlech, Gales do Norte a Rhos-on-Sea, Colwyn Bay, na costa norte de Gales. Coburn viviría alí o resto da súa vida.

A súa muller Edith morreu o 11 de outubro de 1957, o día do seu 45 aniversario de voda.

Coburn morreu na súa casa en Gales do Norte o 23 de novembro de 1966.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Alvin Langdon Coburn (1966). Alvin Langdon Coburn: Photographer. An Autobiography. Nova York: Praeger. p. 18. 
  2. Margaret Harker (1979). The Linked Ring: The Secession Movement in Photography in Britain 1892-1910. Londres: Heinemann. p. 175. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Weston Naef (1978). The Collection of Alfred Stieglitz: Fifty Pioneers of Modern Photography. Nova York: Metropolitan Museum of Art. pp. 300–301. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Mike Weaver (1986). Alvin Langdon Coburn, Symbolist Photographer. Nova York: Aperture. pp. 6, 20. 
  5. Camera Work, No. 21, xaneiro de 1908. P. 30
  6. Alvin Langdon Coburn (1913). Men of Mark. Londres: Duckworth & Co. p. 4. 
  7. "Alvin Langdon Coburn, Selected Photographs from the Collection of the National Gallery of Art". Arquivado dende o orixinal o 08 de agosto de 2014. Consultado o 21 de novembro de 2014. 
  8. Alvin Langdon Coburn (1922). More Men of Mark. Londres: Duckworth & Co. 
  9. Steven J. Sutcliffe (2003). Children of the New Age: A History of Spiritual Practices. Nova York: Routledge. pp. 39. 
  10. "National Library of Wales: Alvin Langdon Coburn". Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2012. Consultado o 23 de novembro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]