Saltar ao contido

Alternativa dos Veciños

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alternativa dos Veciños (AV)
Movemento veciñal asembleario
Dirixentes e organización
LíderÁngel García Seoane
Historia
Fundación1979 como candidatura independente

1983 como agrupación de electores

1991 como partido político
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialismo
Comunismo
Progresismo
Galeguismo
Republicanismo
Antisionismo
Representación
Concelleiros en Oleiros
13 / 21
Concelleiros en Carral
7 / 13
Concelleiros en Fisterra
3 / 11
Concelleiros en Bergondo
3 / 13
Concelleiros en Culleredo
2 / 21
Concelleiros en Cambre
2 / 21
Concelleiros en Arteixo
1 / 21
Concelleiros en Cangas
1 / 21
Deputados provinciais na Coruña
1 / 31
Outros datos
Na rede
alternativadosvecinos.org

Alternativa dos Veciños é un partido político que actuou ao longo da súa historia no concello de Oleiros. A partir das eleccións de 2015 iniciou un proceso de ampliación coa presentación de candidaturas nos concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo o que lle permitu entrar na Deputación da Coruña. Nos anos seguintes o partido aumentou as agrupacións locais, e así tras as eleccións de 2019 fíxose coa alcaldía do concello de Carral e entrou nos gobernos locais de Bergondo e Sada. En 2023 revalidou a alcaldía de Carral con maioría absoluta e sumou tamén a de Fisterra, manténdose ademais no goberno de Bergondo.

Ten a súa orixe na creación dunha candidatura independente para as eleccións municipais de 1979 que representase ás distintas asociacións de veciños do concello co nome de Candidatura dos Veciños. Xosé Luís Martínez, o candidato á alcaldía, resultou elixido alcalde por unha ampla maioría absoluta. A formación logrou unha acta na Deputación da Coruña, a cal foi ocupada por Ángel García Seoane.

Nas eleccións de 1983 presentouse xa como Alternativa dos Veciños, dirixida por Ángel García Seoane. Malia inicialmente non lograr a alcaldía, en maio de 1985 asumiuna trala dimisión do entón alcalde José María del Monte González, co cal cogobernaran ata ese momento. Dende 1991 AV está rexistrada como partido político, presidido por Ángel García Seoane.

Organización

[editar | editar a fonte]

Alternativa ten unha vida interna na que participan habitualmente unhas 2.000 persoas, representadas pola Comisión de Seguimento e o Comité Executivo, órganos de elección asemblearia nas distintas parroquias do Concello. Alternativa concorre aos procesos electorais despois de procesos abertos entre os que se seleccionan candidatos, elixidos en primeira instancia por asembleas parroquiais. Os 30 elixidos (3 por cada parroquia) sométense ás eleccións abertas, unhas primarias nas que adoitan participar unhas 5.000 persoas e que serven para confeccionar as listas electorais ao concello.

As persoas que saen elixidas como concelleiros son controlados polo Comité Executivo e este pola comisión de seguimento. Este sistema de implicación cidadá na xestión municipal ten o seu reflexo nos orzamentos participativos do concello, no que toman parte as entidades veciñais de cada parroquia.

Os resultados da acción política da Alternativa en Oleiros son os maiores índices de parques e espazos públicos por habitante de Galicia, o maior índice de investimentos públicos municipais, unha rede de 10 bibliotecas públicas equipadas e activas, unha rede de 15 centros sociais e culturais, tres auditorios públicos e o maior número de vivendas de promoción pública por habitante.

O 16 de novembro do 2004, unha campaña publicitaria do concello denunciando ao entón primeiro ministro de Israel, Ariel Sharon, baixo o lema «Paremos á besta!!! Sharon asasino. Stop aos novos nazis» causou unha breve crise diplomática. Tras unha conversa telefónica co entón embaixador irsraelita Víctor Harel, García Seoane declarou que este "de diplomático ten ben pouco", mentres un cronista israelita afirmou que Harel usara ó alcalde de Oleiros por investir diñeiro público "para o financiamento de contidos antisemitas".[1][2]

Bandera municipal de Oleiros, aprobada no 2005
Estatua do Che Guevara en Oleiros.

No 2005, Oleiros aprobou, co voto afirmativo de AV e BNG, a abstención do PSOE e o voto en contra do PP unha bandeira municipal. Esta contaba coa franxa azul da bandeira galega, un triángulo verde e unha estrela vermella de cinco puntas. O alcalde afirmou que os últimos dous eran símbolos internacionais de loita e solidariedade, significando o triángulo o compromiso de Oleiros coa ecoloxía e sendo a estrela o símbolo internacional do socialismo, por ser o municipio "terra de esquerdas".[3]

En xuño de 2006, o fiscal xefe de Galicia presentou unha denuncia por prevaricación contra García Seoane,[4] o que provocou tensións no seo do goberno municipal formado por AV e BNG. En setembro de 2006, unha nova denuncia do fiscal polos intereses urbanísticos do alcalde e as sospeitas de corrupción provocaron a saída do goberno municipal do único concelleiro do BNG. Dende entón AV gobernará en minoría ata as eleccións municipais do 2011.

En xuño de 2008 o concello de Oleiros erixiu unha coñecida estatua de oito metros do Che Guevara.[5]

En abril de 2011, o fiscal solicitou o arquivo da denuncia contra Ángel García Seoane, por entender que os delitos que se lle atribuían non aparecen suficientemente xustificados.[6][7]

Tras chegar ao seu mellor número de votos e concelleiros ata entón nas eleccións municipais dese mesmo ano (8.343 (un 48,35%) e 11 concelleiros; maioría absoluta), AV decide expandirse e presentar candidatura no concello próximo de Culleredo, ademais de en Oleiros. Os resultados destas eleccións de 2015 foron moi positivos para AV, quen logrou incrementar en máis de doce puntos porcentuais e en 3 concelleiros (subindo ata o 60,68% e os 14 concelleiros) o seu resultado en Oleiros e obtivo un 13,94% dos sufraxios en Culleredo, logrando polo tanto 2 concelleiros. Houbo, pola contra, un intento fracasado de obter representación na Coruña (1.54% dos votos).

Nas eleccións municipais do 2019 AV baixou unhas décimas menos de dous puntos e un concelleiro en Oleiros. Pola contra, o proceso de expansión acelérase, logrando representación en Bergondo (19,37% e 2 concelleiros), Sada (9,28% e 2 concelleiros), Cambre (8,75% e 2 concelleiros) e Arteixo (6,5% e 1 concelleiro), porén de disminuir a súa porcentaxe de voto en Culleredo. O maior incremento produciuse en Carral, onde AV obtivo case un 40% dos sufraxios e 5 concelleiros nos seus primeiros comicios no municipio. Malia aumentar o porcentaxe de votos na Coruña ata o 2,33% repetiuse o fracaso e AV permaneceu sen representación no concello. Estes resultados (3,28% a nivel provincial) permitiron a AV acceder á deputación provincial da Coruña con un deputado.

En maio do 2019 a Xunta de Galicia, a raíz dunha denuncia do PP denunciando a bandeira como "castrista", declarou a bandeira como "símbolo prohibido" por mor de "uso indebido dunha bandeira" que non tiña "carácter oficial".[3] Cómpre destacar que a competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos corresponde á Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia.[8]

Na convocatoria electoral de catro anos despois AV disminúe en dous puntos a súa porcentaxe de votos en Oleiros (mais mantén o número de ceoncelleiros), consolidando ademáis unha tendencia baixista en Culleredo (un 0.89% e 1 concelleiro menos) e perdendo a súa representación en Sada (cun 4,89%). Non obstante, no resto de circunscripcións os resultados foron moi positivos: maioría absoluta en Carral (48,14% e 7 concelleiros), subidas en Bergondo (21,07% e 3 concelleiros), Cambre (10,19% e 2 concelleiros) e Arteixo (6,81% e 1 concelleiro). Os novos intentos de expansión foron exitosos, cun sustancial 25,3% (3 concelleiros) en Fisterra e un 5.01% en Cangas (1 concelleiro: marcando ademáis a primeira vez que AV consegue representación fóra da provincia da Coruña), pero repetiuse o fracaso na Coruña (2,2%). Cun leve incremento ó 3,33% dos votos na provincia, mantívose o deputado na deputación da Coruña.

Marcando o 20 aniversario da campaña contra Ariel Sharon, no verán de 2024, "Gelo" comezou unha análoga contra Benjamin Netanyahu e a Guerra de Gaza baixo o lema «Benjamin Netanyahu criminal de guerra, Paremos á bésta».[2]

Eleccións

[editar | editar a fonte]
  • 1983: 1.787 votos (26,38%), 5 concelleiros
  • 1987: 3.296 votos (40,46 %), 8 concelleiros.
  • 1991: 4.362 votos (53,2 %), 10 concelleiros.
  • 1995: 4.913 votos (42,53 %), 9 concelleiros.
  • 1999: 5.583 votos (41,28 %), 9 concelleiros.
  • 2003: 7.286 votos (45,4 %), 10 concelleiros.
  • 2007: 6.249 votos (37,37 %), 9 concelleiros.
  • 2011: 8.343 votos (48,35 %), 11 concelleiros.
  • 2015: 9.830 votos (60,68 %), 14 concelleiros.
  • 2019: 10.498 votos (58,71 %), 13 concelleiros.
  • 2023: 9.274 votos (54,28%), 13 concelleiros.

Candidaturas dende 2015

[editar | editar a fonte]

A Coruña

[editar | editar a fonte]
  • 2015: 1834 votos (1,54%), sen representación
  • 2019: 2916 votos (2,33%), sen representación
  • 2023: 2546 votos (2,2%), sen representación

Culleredo

[editar | editar a fonte]
  • 2015: 1849 votos (13,94%), 3 concelleiros
  • 2019: 1632 votos (11,55%), 3 concelleiros
  • 2023: 1491 votos (10,66%), 2 concelleiros

Candidaturas dende 2019

[editar | editar a fonte]
  • 2019: 918 votos (6.5%), 1 concelleiro
  • 2023: 974 votos (6.81%), 1 concelleiro
  • 2019: 740 votos (19,37%), 2 concelleiros
  • 2023: 828 votos (21,07%), 3 concelleiros
  • 2019: 1.028 votos (8,75%), 2 concelleiros
  • 2023: 1.182 votos (10,19%), 2 concelleiros
  • 2019: 1.503 votos (37,98%), 5 concelleiros
  • 2023: 1.896 votos (48,14%), 7 concelleiros
  • 2019: 788 votos (9,28%), 2 concelleiros
  • 2023: 402 votos (4.89), sen representación

Candidaturas dende 2023

[editar | editar a fonte]
  • 2023: 679 votos (5.01%), 1 concelleiro
  • 2023: 722 votos (25,3%), 3 concelleiros

Deputados provinciais na Coruña

[editar | editar a fonte]
  • 2019: 20.057 votos (3,28%), 1 deputado
  • 2023: 19.315 votos (3,33%), 1 deputado
  1. Hermida, Xosé (2004-11-17). "'Intifada' en Oleiros". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2024-08-22. 
  2. 2,0 2,1 "Netanyahu, una «besta» y un «criminal de guerra» para Oleiros". La Voz de Galicia. Consultado o 22 de agosto de 2024. 
  3. 3,0 3,1 "La Xunta ordena a Oleiros no usar la bandera que adoptó en 2005". La Opinión de La Coruña. Consultado o 2024-09-04. 
  4. " El fiscal jefe de Galicia denuncia al alcalde de Oleiros por prevaricación", artigo en La Opinión, 2 de xuño de 2006 (en castelán).
  5. "La estatua del Che Guevara, en Oleiros: quince años de una glorieta convertida en meme". La Voz de Galicia. Consultado o 2024-09-04. 
  6. Villar, Marta (2011-04-09). "El fiscal solicita archivar la denuncia contra Seoane por acciones urbanísticas". laopinioncoruna.es (en castelán). Consultado o 2024-08-28. 
  7. Silveira, Elena (2011-04-09). "El fiscal exime a García Seoane de un delito de prevaricación". lavozdegalicia.es (en castelán). Consultado o 2024-08-28. 
  8. "Tras la polémica en Oleiros: por mis banderas no me conoceréis". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2024-09-04.