Alfredo Blanco Rodríguez
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 7 de agosto de 1944 (80 anos) Pontevedra, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1964 - 1974 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Defensa | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Alfredo Blanco Rodríguez, máis coñecido como Cholo, nado en Pontevedra o 7 de agosto de 1944, é un exfutbolista galego. Xogaba de defensa e desenvolveu a maior parte da súa carreira no Deportivo da Coruña.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Aínda que naceu na Pontevedra criouse dende pequeno na Coruña, onde xogou ao fútbol en equipos infantís como o Galera e o Júpiter, antes de ingresar no Orzán.[1] En 1962 pasou ao Fabril, adestrado por Neira, co que debutou na Terceira División o 30 de decembro contra o Foz no campo Martínez Otero.[2] Militou ata 1966 no equipo fabrilista, compartindo defensa entre outros con Manolete ou José Luis.
Na tempada 1966/67 foi cedido ao Langreo, da Segunda División, xunto aos seus compañeiros fabrilistas Giráldez e Guitián.[3] Debutou na categoría de prata na terceira xornada, contra o Calvo Sotelo en Puertollano, e disputou un total de 29 encontros, tendo como compañeiros na defensa a Jáuregui e Poladura. O equipo acabou por conseguir a permanencia nunha promoción contra a Ponferradina.
De volta na Coruña, pasou a formar parte do primeiro equipo deportivista para a tempada 1967/68, tamén en Segunda, categoría á que acababa de descender. Debutou co equipo de Eguiluz nunha vitoria a domicilio sobre o Rayo Vallecano e disputou un total de oito partidos na tempada, logrando o ascenso como campións de Segunda.
Na tempada 1968/69 xogou 17 partidos na Primeira División, da man do adestrador Cheché Martín, debutando na máxima categoría nunha vitoria por 1-0 sobre o FC Barcelona en Riazor. Cholo foi un habitual do once do Deportivo neses anos, nos que o Deportivo descendía e ascendía case cada ano. Disputou un total de 168 partidos oficiais co club galego, compartindo defensa entre outros con Aurre, Domínguez, Sertucha, Campanal, Bellod, Luis ou Zugazaga, e tendo como adestradores a Roque Olsen e Arsenio Iglesias.
A tempada 1972–73 foi difícil para o Deportivo e para o propio Cholo, relegado á suplencia. O equipo coruñés tivo catro adestradores esa campaña: o chileno Fernando Riera, Carlos Torres, Enrique Orizaola e José Antonio Irulegui, que non puideron evitar o descenso do club a Terceira División por primeira vez na súa historia. Cholo participou en 19 partidos, sendo relegado á suplencia en favor dun emerxente Ramón Piña, de 17 anos.
En agosto de 1974 foi traspasado ao Lugo, que militaba por aquel entón na Terceira División.[4] Foi titular durante case toda a tempada no club lugués, a carón dos defensas Álvarez, Miguel Galán e Fariña, disputando 35 partidos de liga e 5 de Copa.
Trala súa retirada involucrouse no xogo da chave, competindo e presidindo a Federación Galega de Chave dende a súa mesma creación en 1996.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Cholo". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de agosto de 1994. p. 79.
- ↑ "El Foz perdió en su campo contra el Fabril por 4-1". El Progreso (en castelán) (17235). 1 de xaneiro de 1963. p. 4. Consultado o 15 de decembro de 2021.
- ↑ "Giráldez, cedido al Langreo". La Voz de Galicia (en castelán) (A Coruña ed.). 17 de novembro de 1966. p. 7.
- ↑ "Cholo, al Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de agosto de 1974. p. 37.
- ↑ "FEDERACION GALLEGA DE CHAVE" (en castelán). 15 de maio de 2009. Consultado o 15 de decembro de 2021.